DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 168 Xoves, 27 de agosto de 2009 Páx. 14.052

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 18 de agosto de 2009 pola que se modifica a Orde do 13 de decembro de 2006 pola que se regula a cédula de rehabilitación de calidade e se determina a finalización do prazo de presentación de solicitudes.

O Decreto 316/2009, do 4 de xuño, atribúe as competencias e funcións en materia de vivenda á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, creada polo Decreto 83/2009, do 29 de abril.

O artigo 3 do Decreto 157/2006, do 7 de setembro, crea a cédula de rehabilitación de calidade e dispón a súa regulación por orde da Consellería de Vivenda e Solo. A súa disposición derradeira primeira faculta a conselleira de Vivenda e Solo para ditar, no exercicio das súas competencias, as disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación do referido decreto.

A Orde do 13 de decembro de 2006 regula a cédula de rehabilitación de calidade. O seu artigo 12º sinala o inicio do prazo de presentación de solicitudes pero non concreta a data de finalización do dito prazo.

No momento presente o número de solicitudes presentadas en relación co volume de recursos previstos para este fin aconsella establecer unha data límite para o prazo de presentación das solicitudes.

Por todo o anterior, e en uso da referida autorización,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o artigo 12º da Orde do 13 de decembro de 2006 ao que se lle engade un segundo parágrafo coa seguinte redacción:

«A data de finalización do prazo de presentación de solicitudes será o día 31 de agosto de 2009».

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2009.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas