DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 168 Xoves, 27 de agosto de 2009 Páx. 14.010

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE conxunta do 7 de agosto de 2009, da Consellería de Sanidade e da Consellería de Traballo e Benestar, pola que se crea o comité de planificación de atención sociosanitaria de Galicia.

A Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia establece, no seu artigo 136, como principios xerais de actuación en materia de atención sociosanitaria, a cooperación e a coordinación entre a Consellería de Sanidade e o Sistema Galego de Servizos Sociais.

Así mesmo, sinala que a atención sociosanitaria deberá atender as diferentes necesidades das persoas baixo criterios de igualdade, equidade, accesibilidade, universalidade e complementariedade na acción das diferentes administracións públicas.

Pola súa banda, o artigo 53 establece que a continuidade da atención sociosanitaria será garantida polos servizos sanitarios e sociais mediante unha coordinación efectiva entre as administracións públicas correspondentes, así como entre os departamentos competentes en materia de sanidade e en materia de servizos sociais da Xunta de Galicia.

Coa finalidade de avanzar nos traballos que vai desenvolver a Comisión Interdepartamental de Coordinación de Atención Sociosanitaria de Galicia, órgano creado pola Lei de saúde para garantir a coordinación institucional, é necesario pór en funcionamento un comité técnico de planificación que defina os obxectivos de actuación e os mecanismos de coordinación necesarios.

Como consecuencia do anteriormente exposto, a Consellería de Sanidade e a de Traballo e Benestar

DISPOÑEN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto a creación dun comité de planificación de atención sociosanitaria, vinculado á Comisión Interdepartamental de Coordinación de Atención Sociosanitaria de Galicia.

Artigo 2º.-Composición do comité.

O comité estará formado polos seguintes membros: tres representantes da Consellería de Sanidade ou, se é o caso, do Servizo Galego de Saúde; tres representantes da Consellería de Traballo e Benestar e dous ou máis expertos de recoñecido prestixio.

Artigo 3º.-Actividades do comité.

O comité deberá realizar as actividades seguintes:

a) Elaboración dun plan de actuacións sociosanitarias, no que se sitúen os usuarios, as prestacións sociosanitarias, os niveis de atención e coordinación entre a iniciativa social, pública e privada, e os diferentes niveis e servizos hospitalarios, de atención primaria e outras institucións, ademais da corresponsabilidade no financiamento da atención sociosanitaria.

b) Unificar os criterios de actuación, mediante a utilización dunha linguaxe e dunha metodoloxía común, definindo os criterios para a orientación ao acceso á atención sociosanitaria de forma bidireccional, elaborando os circuítos, os procedementos de actuación e os procesos entre as distintas institucións e servizos implicados e unificando os métodos e procedementos de avaliación da dependencia, establecendo cando se fai necesaria ou imprescindible a asistencia sanitaria.

c) Elaboración dun mapa de todos os recursos, públicos e privados, existentes en Galicia, definindo as distintas categorías e as carteiras de servizos destes.

d) Definición dos criterios para a optimización dos recursos e os distintos tipos de atención (domiciliaria, centros de día, residencias asistidas, hospitalización, etc.).

e) Redacción dos protocolos e os procedementos de actuación nos que se defina o tipo de atención que deba prestarse, acoutando claramente cando é necesaria a asistencia sanitaria.

f) Evitar a duplicidade innecesaria, se é o caso, de recursos do ámbito social e sanitario.

Artigo 4º.-Presentación dos traballos.

O comité que se crea presentará os traballos, aos que se refire o artigo anterior, á Comisión Interdepartamental de Coordinación Sociosanitaria de Galicia, establecida no artigo 137.1º da Lei 8/2008, de saúde de Galicia.

Artigo 5º.-Supresión do comité.

O comité poderá suprimirse pola realización das tarefas establecidas no artigo 3º desta orde e/ou por acordo das consellerías competentes en materia de benestar social e sanidade.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O establecido nesta orde non suporá incremento do gasto.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2009.

Pilar Farjas Abadía Beatriz Mato Otero

Conselleira de Sanidade Conselleira de Traballo

e Benestar