DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 166 Martes, 25 de agosto de 2009 Páx. 13.913

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MAR

ORDE do 14 de agosto de 2009 pola que se fai pública a ampliación do importe existente para a concesión das axudas aos investimentos en transformación e comercialización de produtos procedentes da pesca, do marisqueo e da acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo da Pesca, convocadas pola Orde do 12 de febreiro de 2009.

A Orde do 12 de febreiro de 2009 pola que se modifican as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas aos investimentos en transformación e comercialización de produtos procedentes da pesca, do marisqueo e da acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo da Pesca (DOG nº 36, do 20 de febreiro), establece no seu artigo 3º o importe da contía máxima das axudas que ao abeiro dela poderán ser concedidas aos seus solicitantes.

Unha vez revisados os expedientes presentados ao amparo da devandita orde, comprobouse que o importe total solicitado destas axudas superaba a existencia de crédito, o que faría imposible atender a demanda da totalidade das solicitudes presentadas.

Non obstante, e como consecuencia de que con posterioridade á publicación da orde foi aprobada unha incorporación de crédito, o importe inicialmente dotado pode ser incrementado, o que permitiría facer chegar as axudas a un maior número de beneficiarios.

Tendo en conta o indicado no artigo 3º da Orde do 12 de febreiro de 2009, o crédito inicial poderá ser ampliado en función da dispoñibilidade orzamentaria sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

Considerando todo o dito anteriormente, cómpre ampliar o importe da contía máxima das axudas que poderán ser concedidas ao abeiro da referida Orde do 12 de febreiro de 2009, coa finalidade de facer chegar estas ao maior número de beneficiarios posible.

Por todo o exposto, e no uso das facultades que me foron conferidas

DISPOÑO:

Artigo único.

Primeiro.-Amplíase o importe da contía máxima das axudas que se van conceder ao abeiro da Orde do 12 de febreiro de 2009 (DOG nº 36, do 20 de febreiro) na forma seguinte:

a) Para o exercicio orzamentario 2009 ampliarase o importe na cantidade de 13.000.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 50.02.723A.771.1, que figura dotada nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2009.

b) Para expedientes de gasto que sexan executados en varias anualidades, sempre que exista crédito para a primeira anualidade e que se cumpran os requisitos do artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, para a anualidade no ano 2012 ampliarase o importe na cantidade de 500.000 €. A aplicación orzamentaria correspondente será a 50.02.723A.771.1.

Segundo.-Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2009.

Rosa María Quintana Carballo

Conselleira do Mar