DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Luns, 24 de agosto de 2009 Páx. 13.878

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

SERVIZO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 30 de xullo de 2009, da Dirección de Recursos Económicos, pola que se dispón a publicación do acordo de encomenda de xestión entre a Dirección de Recursos Económicos e a Xerencia Xeral do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, para a encomenda de actuacións para a contratación da subministración sucesiva de vendas, apósitos, esparadrapos e outros para centros hospitalarios da Comunidade Autónoma de Galicia dependentes do Servizo Galego de Saúde.

A Dirección de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde e a Xerencia Xeral do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela subscribiron, con data do 18 de xuño de 2009, un acordo polo que se encomenda á devandita xerencia xeral a xestión material do expediente de contratación, mediante procedemento aberto, da subministración sucesiva de vendas, apósitos, esparadrapos e outros para centros hospitalarios dependentes do Servizo Galego de Saúde.

Para xeral coñecemento, e en cumprimento do disposto no punto 3 do artigo 15 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, disponse a súa publicación como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2009.

Pablo Torres Arrojo

Director de Recursos Económicos

ANEXO

Acordo entre a Dirección de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde e a Xerencia Xeral do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela para a encomenda de xestión a este último da xestión material do expediente de contratación da subministración sucesiva de vendas, apósitos, esparadrapos e outros para os centros hospitalarios do Servizo Galego de Saúde

Dunha parte Pablo Torres Arrojo, director da Dirección de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde.

Doutra parte Rosa Bermejo Pareja, xerente xeral do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.

EXPOÑEN:

O sistema de compras integradas do Servizo Galego de Saúde establece, entre os seus obxectivos, a procura da eficiencia na xestión das contratacións do organismo, a participación dos profesionais e a cooperación dos centros.

Entre as medidas que se van acometer está que un centro asuma a tramitación material dun expediente de contratación que afecte unha pluralidade dos centros do organismo autónomo; con iso trátase de non duplicar os esforzos da contratación e aproveitar os recursos existentes neste ámbito.

Por todo o exposto, ambas as partes deciden subscribir este instrumento de formalización de encomenda de xestión que se rexerá polas seguintes cláusulas:

Primeira.-Obxecto da encomenda de xestión.

A Dirección de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde e a Xerencia Xeral do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, no marco do disposto no artigo 15 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dispón que a citada xerencia leve a cabo, por razóns de eficacia, a xestión material do expediente para a contratación, polo Servizo Galego de Saúde, da subministración sucesiva de vendas, apósitos, esparadrapos e outros para centros hospitalarios da Comunidade Autónoma de Galicia dependentes do Servizo Galego de Saúde, mediante procedemento aberto.

Segunda.-Natureza e alcance da xestión encomendada.

A xestión material que se encomenda, con respecto ao citado no punto anterior, concretarase nas seguintes actividades, co alcance que en cada caso se sinale:

a) Tramitación do expediente de contratación

b) Recepción das ofertas dos licitadores.

c) Preparación e realización das mesas de contratación.

Terceira.-Financiamento.

Esta encomenda de xestión non dará lugar a contraprestacións financeiras entre as partes, as cales asumirán os custos das actuacións que deben realizar segundo o establecido na devandita encomenda.

Cuarta.-Prazo de vixencia.

O prazo de vixencia deste acordo establécese desde a súa sinatura ata o peche definitivo do expediente.

Quinta.-A encomenda de xestión non supón cesión da titularidade das competencias nin dos elementos substantivos do seu exercicio, atribuídas á Dirección de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde.

Sexta.-É responsabilidade da Dirección de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde ditar os actos ou resolucións de carácter xurídico que dean soporte ou nos cales se integre a concreta actividade material obxecto desta encomenda de xestión.

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2009.

Pablo Torres Arrojo Rosa Bermejo Pareja

Director de Recursos Xerente xeral do Complexo

Económicos Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela