DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Luns, 24 de agosto de 2009 Páx. 13.877

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 28 de xullo de 2009 pola que se resolve definitivamente a convocatoria de licenzas por estudos para o curso 2009-2010 destinadas a funcionarios docentes non universitarios.

De conformidade co establecido no artigo 11 da orde desta consellería do 27 de maio de 2009 (DOG do 10 de xuño) pola que se convocaban licenzas por estudos para o curso 2009-2010 destinadas a funcionarios docentes non universitarios, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-Adxudicarlles as licenzas por estudos aos profesores que se relacionan no anexo desta orde.

Segundo.-O período improrrogable de duración das licenzas dun curso completo -modalidades 1, 2 e 3- será, como máximo, do 1 de setembro de 2009 ao 31 de agosto de 2010 para o profesorado de educación infantil e de educación primaria, e desde o 15 de setembro de 2009 ao 14 de setembro de 2010 para o profesorado de ensino secundario e de ensinanzas de réxime especial.

Nas licenzas cuadrimestrais das modalidades 4, 5 e 6 a duración dos cuadrimestres establécese do seguinte xeito:

1. Para o profesorado de educación infantil e de educación primaria:

-Primeiro cuadrimestre, do 1 de setembro de 2009 ao 31 de decembro de 2009.

-Segundo cuadrimestre, do 1 de marzo de 2010 ao 30 de xuño de 2010.

2. Para o profesorado que imparte docencia no ensino secundario e nas ensinanzas de réxime especial:

-Primeiro cuadrimestre, do 15 de setembro de 2009 ao 14 de xaneiro de 2010.

-Segundo cuadrimestre, do 1 de marzo de 2010 ao 30 de xuño de 2010.

Por último, nas modalidades 0 -sen retribución- e 7, dentro do período que abrangue o curso académico, os beneficiarios poden escoller o período de desfrute da licenza de acordo coa duración establecida na orde de convocatoria.

Terceiro.-O profesorado a quen se lle concede licenza por estudos queda obrigado ao cumprimento do exposto no artigo 13º da orde da convocatoria, obrigas dos beneficiarios, e a respectar o recollido no artigo 15º, incompatibilidades; non cumprir o anteriormente exposto dará lugar á activación do contido do artigo 16º da orde de convocatoria, responsabilidades por incumprimento.

Cuarto.-Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade coa Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2009.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "16500D001P005.PDF"