DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Mércores, 19 de agosto de 2009 Páx. 13.771

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

SERVIZO GALEGO DE PROMOCIÓN DA IGUALDADE DO HOME E DA MULLER

RESOLUCIÓN do 3 de agosto de 2009 pola que se anuncia a convocatoria pública para a selección de 17 empresas para participar no programa de asesoramento e acompañamento individualizado dentro do programa Consolida de información e asesoramento ás mulleres emprendedoras de Galicia.

Ao Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, organismo autónomo de carácter administrativo creado pola Lei 3/1991, do 14 de xaneiro, e adscrito á Presidencia da Xunta de Galicia en virtude do establecido na disposición adicional do Decreto 82/2009, do 21 de abril, correspóndelle, entre outras funcións, elaborar plans de actuación, programas piloto e plans-ponte para fomentar o emprego e facilitar a formación profesional das mulleres (artigo 3.8º).

A Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, establece o compromiso da comunidade autónoma na eliminación da discriminación entre mulleres e homes e na promoción da igualdade no ámbito laboral e formativo.

En execución do Programa Operativo do FSE 2007/2013, Eixe 4, categoría 80, co obxecto de transposición de boas prácticas de proxectos Equal (tendo en conta o proxecto piloto iniciado no marco do Proxecto Calíope, da iniciativa Comunitaria Equal), púxose en marcha o Programa de apoio a mulleres empresarias e, como resultado da experiencia e avaliación durante os últimos catro anos do programa Emega de apoio ao emprendemento feminino, o Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller convén en, xunto co necesario apoio económico ao emprendemento por parte das mulleres e da formación xeral e específica que lles permita acceder ao emprendemento en igualdade de condicións ca os homes, poñer en marcha un servizo específico de información e asesoramento que poña ás emprendedoras galegas en contacto tanto cos recursos xerais coma cos específicos e que teña, pola súa vez, unha especialización nas circunstancias e requirimentos do emprendemento feminino.

Dentro do citado servizo, unha das actuacións que se vai levar a cabo é o desenvolvemento dunha titorización individualizada que leva consigo o asesoramento e acompañamento individualizado de empresas galegas por parte de persoal experto en xestión empresarial e xénero.

En execución da citada actuación, as accións que se enmarcan nesta resolución van dirixidas, entre outras, a mulleres empresarias que necesiten optimizar os resultados do seu negocio, cooperativas e sociedades que precisen unha mellora da capacidade organizativa a través de redes empresariais desde unha perspectiva de igualdade de oportunidades.

Deste xeito, desenvolverase un programa de asesoramento a empresarias consistente nunha titorización directa a 17 empresas seleccionadas previamente a través desta convocatoria.

Por todo iso, no uso das facultades que teño conferidas, resolvo anunciar a convocatoria pública para a selección das empresas que van ser titorizadas, de conformidade coas seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

Esta convocatoria ten por obxecto seleccionar dezasete (17) empresas para participar no programa de titorización que se desenvolverá dentro do programa Consolida de información e asesoramento ás mulleres emprendedoras de Galicia, a partir da publicación da relación definitiva de empresas seleccionadas e durante un período de dez meses, que incluirá asistencia, acompañamento e asesoramento en:

a) Xestión empresarial e comercial.

b) Xestión contable e fiscal.

c) Xestión de recursos humanos.

d) Busca de financiamento.

e) Servizo de secretariado.

f) Técnicas de márketing.

g) Relacións exteriores.

Segunda.-Participantes.

1. Poderán presentar a solicitude as empresarias autónomas e empresas formadas unicamente por mulleres, constituídas baixo calquera tipo de sociedade, incluídas as sociedades unipersoais e as empresas participadas maioritariamente por mulleres.

2. É requisito imprescindible ter iniciado a actividade profesional con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2006.

Terceira.-Solicitudes.

As solicitudes (anexo I) presentaranse no rexistro do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, xunto coa documentación que se relaciona:

a) Se a solicitante é persoa física, copia do DNI; se é persoa xurídica, copia do documento de constitución da sociedade, copia do DNI de todas as socias, ou socios, da documentación acreditativa da representatividade suficiente para actuar en nome da entidade e do CIF da empresa.

b) Informe orixinal de vida laboral, actualizado, emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social, e/ou pola mutualidade profesional, da empresaria autónoma ou de todas as socias ou socios.

c) Copia da alta fiscal da empresa na actividade económica.

d) Memoria de actividade e balance de resultados do exercicio anterior a esta convocatoria relativa ao funcionamento da empresa.

Cuarta.-Causas de non-admisión.

Non se admitirán para participar na selección as empresas nas seguintes situacións:

a) Que iniciasen a súa actividade con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2006.

b) As que fosen beneficiarias dunha titorización individualizada que comporte o asesoramento e acompañamento realizado por parte das administracións públicas

Quinta.-Prazo.

1. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

2. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación achegada conteña erros ou sexa insuficiente, requiriranse as interesadas para que, no prazo de dez días, acheguen os documentos preceptivos ou emenden os erros detectados, con indicación de que, se así non o fixesen, se terán por desistidas da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sexta.-Selección de participantes.

A selección de empresas participantes realizarase por comparación das solicitudes correctamente presentadas establecendo unha prelación entre elas segundo os criterios establecidos na base sétima, e seleccionaranse as que maior valoración obteñan.

Para a avaliación de solicitudes constituirase unha comisión de selección formada pola secretaria do organismo, que a presidirá, e por dous vogais designados pola directora xeral do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, actuando un deles como secretario/a. Se, por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe a directora xeral. Para o estudo das solicitudes a comisión poderá solicitar asesoramento de persoas expertas.

A comisión presentará o resultado da avaliación, que conterá a relación de solicitantes, á directora xeral para a súa aprobación, de ser o caso.

Sétima.-Criterios de valoración.

a) Establecemento na empresa de medidas que fomenten o desenvolvemento sustentable: 10 puntos.

b) Incorporación das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) como apoio aos recursos de conciliación na empresa: 10 puntos.

c) Posto/s de traballo por conta allea con contrato indefinido desempeñados por mulleres que se incorporan ao mercado laboral en situación de violencia de xénero ou con risco de exclusión social ou despois dunha interrupción causada pola dificultade de compaxinar a vida laboral e familiar: 10 puntos.

d) Empresaria autónoma menor de 35 anos ou maior de 55: 10 puntos.

e) Microempresas: 10 puntos.

f) Pequenas empresas: 6 puntos.

g) Localización, en zonas rurais: 10 puntos.

Oitava.-Publicación da relación de seleccionadas.

A relación provisional de seleccionadas, unha vez aprobada a proposta da comisión pola directora xeral do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, publicarase no taboleiro de anuncios do organismo e na páxina web oficial (http://sgi.xunta.es); contra esta resolución poderanse formular alegacións no prazo de dez días naturais. Nos dez días seguintes ao transcurso do prazo anterior publicarase a relación definitiva de empresas seleccionadas.

A resolución definitiva pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto no prazo dun mes desde a súa publicación, de acordo co disposto no artigo 117 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou directamente recurso contencioso-administrativo, ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2009.

P.S. (Resolución 4-5-2009)

Marta González Vázquez

Secretaria xeral da Igualdade

Ver referencia pdf "16200D004P011.PDF"