DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Mércores, 19 de agosto de 2009 Páx. 13.771

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 13 de agosto de 2009 pola que se fai pública a ampliación dos importes existentes para a concesión das axudas previstas na Orde do 29 de decembro de 2008 pola que se establecen as bases que regulan, para o exercicio do ano 2009, as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación, e se procede á súa convocatoria.

A Orde do 29 de decembro de 2008 (DOG nº 7, do 12 de xaneiro de 2009) establece que os créditos que financian as axudas previstas nelas poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que establezan a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

A situación económica actual require do deseño e desenvolvemento de accións urxentes e excepcionais que sexan capaces de mitigar as dificultades económicas polas que a maior parte dos galegos e galegas está a pasar como consecuencia directa dos efectos que a actual crise ten sobre a perda dos seus postos de traballo.

Neste contexto, a Xunta de Galicia puxo en marcha un ambicioso plan de choque contra a crise. Neste plan en que están implicadas diversas consellerías, a Consellería de Traballo e Benestar comprométese a desenvolver as medidas necesarias para facer fronte á actual situación económica reactivando o mercado laboral en Galicia.

En desenvolvemento do dito plan, a Consellería de Traballo e Benestar aposta por prestar especial atención ás traballadoras e traballadores galegos que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego, así como por darlles unha nova oportunidade laboral para que poidan reorientar as súas capacidades laborais e aumentar as súas competencias, e ao mesmo tempo adquirir unha experiencia profesional e obter un medio de subsistencia económica para eles e as súas familias.

En consecuencia, como existen outras dotacións que poden ser utilizadas para os mesmos fins, procedentes de remanentes doutras convocatorias, incorporacións e ampliacións de créditos, cómpre realizar unha segunda ampliación por un importe superior a 20,2 millóns de euros dos créditos destinados ás axudas que poderán ser concedidas ao abeiro da referida Orde do 29 de decembro de 2008, coa finalidade de facer chegar estas ao maior número de beneficiarios posibles.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Amplíase o importe total das axudas que se van conceder ao abeiro da Orde do 29 de decembro de 2008 de acordo coa seguinte desagregación:

a) Capítulo segundo (programas de cooperación con entidades locais-das subvencións para a contratación de traballadores e traballadoras desempregados/as para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social), nas seguintes contías e aplicacións orzamentarias, que figuran dotadas nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009:

48.04.322A.460.3: polo importe de 4.139.718,69 € proxecto 2006 00 481 modalidade 3010.

48.04.322A.460.0: polo importe de 4.989.749 € proxecto 2009 01 013 modalidade 1010.

b) Capítulo terceiro (programas de cooperación con administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro) sección I (das subvencións para a contratación de traballadores e traballadoras desempregados/as para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social), nas seguintes contías e aplicacións orzamentarias, que figuran dotadas nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009:

48.04.322A.481.1: polo importe de 11.100.000 € proxecto 2009 01 012 modalidade 1010.

Artigo 2º

Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2009.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar

SERVICIO GALEGO DE PROMOCIÓN DA IGUALDADE DO HOME

E DA MULLER