DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Mércores, 19 de agosto de 2009 Páx. 13.765

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 10 de agosto de 2009 pola que se establece unha segunda convocatoria de axudas para o alumnado de formación profesional de centros docentes públicos e centros docentes concertados da Comunidade Autónoma de Galicia que participen en estadías en empresas de ámbito transnacional durante o ano 2009.

Coa finalidade de fomentar a mobilidade transnacional dos alumnos que están cursando ciclos formativos de formación profesional e mellorar as súas competencias profesionais e sociais, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convoca anualmente axudas ao alumnado de centros sostidos con fondos públicos que lles permitan realizar estadías formativas noutros países, ben sexa de ámbito europeo ou internacional.

Neste ano, a través da Orde do 9 de febreiro, Diario Oficial de Galicia do 17, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convocou estas axudas, que tiveron unha resposta de solicitudes que superaron, con moito, as previsións iniciais, polo que non se puido atender toda a demanda.

Para facilitar a mobilidade transnacional de todos aqueles alumnos que desexen realizar a formación en centros de traballo ou institucións en países estranxeiros, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publica unha nova convocatoria de axudas.

Esta segunda convocatoria axústase aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións, así como ao establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En consecuencia co anteriormente exposto, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-Obxecto da convocatoria.

Convócanse axudas, en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas ao alumnado de centros docentes sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia que participen en estadías en empresas doutros países durante o ano 2009 que non resultasen beneficiarios na anterior convocatoria establecida pola Orde do 9 de febreiro de 2009. Estas axudas concederanse con cargo á partida orzamentaria 45.04.422M.480.0 por un importe total máximo de 150.246,51 euros.

Segundo.-Solicitantes.

Poderán solicitar estas axudas os directores ou directoras dos centros públicos e centros concertados que imparten formación profesional, para os alumnos e alumnas que non resultasen beneficiarios na anterior convocatoria establecida pola Orde do 9 de febreiro de 2009.

Terceiro.-Beneficiarios.

Son beneficiarios das axudas os alumnos e alumnas dos centros públicos e centros concertados a que se refire o artigo primeiro que realicen estadías formativas en empresas e centros educativos de formación profesional de países estranxeiros para completar a súa formación práctica e as súas competencias lingüísticas a nivel profesional.

Cuarto.-Requisitos.

1. As estadías formativas de alumnos deberán estar integradas na programación anual do centro.

2. As axudas determinaranse en función dunha contía máxima semanal por alumno en concepto de reintegro de gastos de transporte, mantenza e aloxamento, tendo en conta a distancia entre os centros, o orzamento global da estadía formativa e a calidade e o interese das actividades que se van realizar.

3. As estadías formativas de alumnos en empresas terán unha duración mínima de dúas semanas e máxima de nove, e deberán contar cun titor que supervise o programa formativo que se vai desenvolver. Este deberá estar relacionado coa especialidade que cursen os alumnos. En ningún caso a realización das prácticas suporá relación laboral ou administrativa. A estadía pode formar parte do módulo de formación en centros de traballo (FCT) sempre que se solicite a correspondente autorización expresa da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa con corenta e cinco días naturais, de acordo co establecido na Orde do 24 de maio de 2005 pola que se regula o desenvolvemento de estadías formativas en empresas fóra do Estado español (DOG do 13 de xuño).

Quinto.-Solicitudes.

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

2. As solicitudes tramitaranse de acordo co modelo establecido no anexo I desta orde e irán acompañadas da documentación que se indica a continuación:

-Proxecto pedagóxico da estadía, indicando os obxectivos da viaxe, empresas onde se realizarán as prácticas, sistemas de seguimento e preparación que seguirán os alumnos participantes, incluíndo as clases de reforzo de lingua estranxeira, avaliación e difusión dos resultados.

-Certificación do director do centro ou centros escolares en que conste que a actividade está recollida na programación anual do centro.

-Declaración xurada do director en que se fará constar a contratación dunha póliza de seguros que cubra o desprazamento e responsabilidade civil dos alumnos no estranxeiro. Poderá substituírse por unha certificación no caso de que os alumnos estean en poder do carné xove en vixencia.

-Calendario de actividades.

-Nome do profesor coordinador.

-Listaxes dos alumnos participantes segundo o anexo II.

-Orzamento detallado dos gastos da viaxe ao país que se visita, aloxamento e mantenza. Deberase indicar o custo global por alumno e o custo global por grupo.

-Documento de aceptación do centro receptor.

-Certificación de ter ou non ter subvención ou axuda, para a mesma finalidade, procedente de calquera outra Administración ou ente público.

-Declaración responsable de que os beneficiarios non incorren nos supostos previstos nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. No caso dos centros privados concertados, ademais da correspondente documentación, deberase formalizar un convenio de colaboración en que se nomeen os centros como entidades colaboradoras, de acordo co establecido no artigo 13 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. De conformidade cos artigos 14, 15 e 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de concesión de axuda ou subvención polo interesado comportará a autorización á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, se fose necesario; igualmente, levará implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos básicos dos beneficiarios e da súa publicación na páxina web da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, así como para figurar no rexistro público de axudas, subvencións e convenios. Este rexistro será de acceso público por procedementos informáticos, nos termos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na Lei orgánica

15/1999, do 17 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Sexto.-Condicións de realización.

1. Os alumnos realizarán durante a súa estadía na empresa o horario produtivo que esta teña establecido. Tanto o horario coma o período de realización das actividades de formación axustaranse ao establecido na Resolución do 27 de xuño de 2005 (DOG do 8 de xullo).

2. Durante o período de estadía na empresa ou en institucións os alumnos deberán estar cubertos por un seguro de accidentes e responsabilidade civil contratado polo centro e incluído na bolsa que reciban.

3. Durante o período de estadía formativa en empresas, os alumnos non terán vínculo ou relación laboral coa empresa ou institución de acollida, nin poderán ocupar un posto de traballo dentro do seu cadro de persoal, polo que quedarán excluídos da lexislación laboral.

4. A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa remitiralles ás xefaturas territoriais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria unha relación dos centros educativos que están realizando as estadías formativas nas empresas.

5. O período de realización das actividades establecidas nesta orde será desde o 1 de maio ata o 30 de novembro de 2009.

Sétimo.-Presentación de solicitudes.

1. As solicitudes, asinadas polo director do centro, estarán dirixidas á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa e presentaranse no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, edificio administrativo de San Caetano, 15781 Santiago de Compostela. Tamén poderán utilizarse para a presentación de solicitudes calquera das dependencias previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que optasen por presentar a súa solicitude nunha oficina de correos, farano en sobre aberto para que a instancia sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de ser certificada.

2. De acordo co establecido no artigo 71 da citada Lei 30/1992, do 26 de novembro, naquelas solicitudes en que non se acheguen os requisitos esixidos, requirirase o interesado para que nun prazo de dez días emende as faltas ou presente os documentos preceptivos; de non facelo, considerarase que desistiu da súa petición e arquivarase o expediente.

Oitavo.-Axuda económica.

Os reintegros de gasto en concepto de transporte, mantenza e aloxamento concederanse tendo en conta a duración, a distancia e o nivel de vida dos países aos cales se desprazan os beneficiarios, conforme os seguintes baremos.

Ver referencia pdf "16200D001P005.PDF"

Noveno.-Comisión de selección e criterios de valoración dos proxectos.

1. As solicitudes serán avaliadas por unha comisión de selección integrada polos seguintes membros:

Presidente: o subdirector xeral de Aprendizaxe Permanente e Ensinanzas de Réxime Especial.

Vogais: o xefe do Servizo de Ordenación e Formación Profesional, o xefe do Servizo de Orientación Profesional e Relacións coas Empresas, o xefe do Servizo de Xestión Económica e Educación de Adultos e un inspector educativo.

Secretario/a: un/unha funcionario/a da subdirección xeral.

2. A comisión reunirase para seleccionar os proxectos tendo en conta a calidade do proxecto pedagóxico. A puntuación será dun máximo de 10 puntos, segundo o seguinte baremo:

a) Definición dos obxectivos: ata 2 puntos.

b) Xustificación da pertinencia do proxecto: ata 2 puntos.

c) Descrición do programa de traballo: ata 2 puntos.

d) Avaliación: ata 2 puntos.

e) Difusión dos resultados: ata 2 puntos.

3. A comisión de selección, tendo en conta o crédito máximo determinado no punto primeiro, elaborará a súa proposta de adxudicación de subvencións, que elevará á persoa titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para que resolva o que proceda.

Décimo.-Comunicación.

1. A concesión ou denegación da axuda resolverase por orde da persoa titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web www.edu.xunta.es/ea. Contra a dita resolución os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

2. As solicitudes entenderanse denegadas de non ditarse resolución expresa no prazo de seis meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

Décimo primeiro.-Prazos dos pagamentos.

Para as axudas concedidas que non superen o importe de 6.000 euros e logo da aceptación da subvención, poderá acordarse un anticipo de pagamento de ata un 80%; o 20% restante librarase unha vez finalizada e xustificada a actividade. Nas axudas que superen esta cantidade o pagamento realizarase integramente unha vez rematada e xustificada a actividade.

Décimo segundo.-Xustificación da actividade.

1. Rematada a actividade obxecto da axuda, os beneficiarios destas deberán remitir a través do centro educativo no prazo dun mes, segundo o establecido no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a documentación que a seguir se detalla:

1.1. Para os beneficiarios que cursen estudos en centros públicos achegarase:

a) Relación de gastos e pagamentos efectuados, con datas e modalidade de pagamento, selada e asinada polo director do centro. As facturas orixinais dos referidos gastos arquivaranse no centro docente para a súa custodia e para a posta a disposición, de ser o caso, dos órganos de control que teñan atribuídas as funcións de comprobación e control da aplicación deses fondos.

b) Declaración positiva ou negativa doutras axudas percibidas para a mesma finalidade. O importe da subvención nunca poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da actividade desenvolvida polo beneficiario, tal como dispón o artigo 17.3º da citada Lei 9/2007. No caso de que o custo final sexa inferior á axuda concedida deberase minorar a axuda en proporción á axuda xustificada. Os ditos extremos deberán ser comprobados polo centro.

c) Certificación do director do centro en que se faga constar a empresa ou centro de acollida e as datas exactas de duración da estadía, o nome e número do DNI dos alumnos.

d) Memoria en formato papel ou informático do traballo realizado durante a estadía no país de acollida, que incluirá a programación e avaliación das actividades realizadas na estadía con descricións de procesos produtivos, tecnoloxías utilizadas, posibilidade de realización doutras estadías e aspectos positivos e negativos que hai que considerar.

1.2. Para os beneficiarios que cursen estudos en centros concertados achegarase:

a) Relación de gastos xunto coas facturas correspondentes así como xustificantes dos pagamentos efectuados especificando datas e modalidade. As relacións de gastos e pagamentos entregaranse asinadas polo director do centro e nelas figurará a súa aprobación por parte do consello escolar do centro. Nos centros docentes conservarase unha copia xustificativa dos referidos gastos para a súa custodia, á disposición, de ser o caso, dos órganos de control que teñan atribuídas as funcións de comprobación e control da aplicación deses fondos.

b) Declaración positiva ou negativa doutras axudas percibidas para a mesma finalidade. O importe da subvención nunca poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da actividade desenvolvida polo beneficiario, tal como dispón o artigo 17.3º da citada Lei 9/2007. No caso de que o custo final sexa inferior á axuda concedida deberase minorar a axuda en proporción á axuda xustificada. Os ditos extremos deberán ser comprobados polo centro.

c) Certificación do director do centro en que se faga constar a empresa ou centro de acollida e as datas exactas de duración da estadía, o nome e o número do DNI dos alumnos.

d) Memoria en formato papel ou informático do traballo realizado durante a estadía no país de acollida, que incluirá a programación e avaliación das actividades realizadas na estadía con descricións de procesos produtivos, tecnoloxías utilizadas, posibilidade de realización doutras estadías e aspectos positivos e negativos que hai que considerar.

2. Os proxectos e traballos realizados polos centros seleccionados quedarán en poder da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, que se reserva o dereito de difundir traballos realizados en función da súa orixinalidade e que pasarán a formar parte dos fondos documentais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Décimo terceiro.-Modificación da resolución de concesión das axudas.

De acordo co establecido no artigo 28.10º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a non xustificación da axuda percibida así como calquera outra alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á revogación ou modificación da resolución da concesión, e levará consigo o reintegro total ou parcial, da contía percibida.

Décimo cuarto.-Recoñecemento das actividades realizadas.

De conformidade coa Orde do 1 de marzo de 2007, pola que se regula a convocatoria, recoñecemento, certificación e rexistro das actividades de formación do profesorado e se establecen as equivalencias das actividades de investigación e das titulacións, a participación en programas internacionais poderá ter os efectos correspondentes a actividades de formación permanente; a Dirección Xeral Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa expedirá para tal efecto as certificacións correspondentes, unha vez presentada a memoria e a acta correspondente, que se atopará en www.edu.xunta.es/ea, conforme a seguinte equivalencia:

-Coordinador da organización das estadías dos alumnos: 50 horas de formación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar os actos e medidas necesarias no desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Réxime de recursos.

Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde o día seguinte ao da súa publicación, e potestativamente o recurso previo de reposición ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes.

Terceira.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2009.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "16200D001P005.PDF"

Ver referencia pdf "16200D002P010.PDF"