DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Martes, 18 de agosto de 2009 Páx. 13.732

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

SERVIZO GALEGO DE PROMOCIÓN DA IGUALDADE DO HOME E DA MULLER

RESOLUCIÓN do 6 de agosto de 2009 pola que se establece o procedemento de concesión e pagamento da axuda económica establecida no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero.

O Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, creado pola Lei 3/1991, do 14 de xaneiro, é un organismo autónomo adscrito á Presidencia da Xunta de Galicia ao que lle corresponde exercer as competencias en materia de igualdade de xénero, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia e nos termos sinalados na Constitución española.

A Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero establece, no seu artigo 27, o dereito a unha axuda económica para aquelas mulleres vítimas de violencia que se sitúen nun determinado nivel de rendas e sobre as que se presuma que pola súa idade, falta de preparación xeral ou especializada e circunstancias sociais, teñen especiais dificultades para obter un emprego, trátase dun dereito subxectivo mediante o que se pretende facilitar a súa integración social.

En aplicación da disposición derradeira cuarta desta lei, aprobouse o Real decreto 1452/2005, do 2 de decembro, polo que se regula esta axuda, e que se xustifica na necesidade de concretar os factores que inflúen na capacidade de inserción profesional das mulleres vítimas e tamén nas posibilidades de modulación da contía da axuda en atención ás distintas circunstancias nas que se poden encontrar as vítimas. Non obstante, a concesión da axuda, que se financia con cargo aos orzamentos xerais do Estado, correspóndelle ás administracións competentes en materia de servizos sociais.

Así, o dereito a esta axuda vén determinado por unha situación de violencia de xénero que, segundo a lei e o seu desenvolvemento regulamentario, se acredita mediante a orde de protección e, excepcionalmente, co informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia mentres non se dita a orde de protección. Non obstante, no articulado desta resolución establécese como documento acreditativo a sentenza xudicial, isto incorpórase por indicación da Delegación Especial do Goberno contra a Violencia sobre a Muller, unha vez informada esta circunstancia pola Avogacía do Estado no Ministerio de Traballo e Inmigración.

Por outra banda, o artigo 40 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, determina que a Xunta de Galicia, a través do departamento competente en materia de igualdade, regulará as bases da convocatoria e tramitará as axudas de pagamento que se definan na lexislación estatal, segundo o disposto na Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas para a protección integral contra a violencia de xénero.

En consecuencia, e posto que a comunidade autónoma ten a competencia exclusiva en materia de asistencia social, establecida no artigo 27.23º do Estatuto de autonomía, este organismo establece, por medio desta resolución, o procedemento a través de convocatoria pública para a concesión e pagamento destas axudas, que por seren un dereito subxectivo legalmente recoñecido, concederanse a todas as solicitantes que cumpran os requisitos. Serán aboadas nun pagamento único e, segundo establece a normativa reguladora, xestionaranse coa máxima celeridade e simplicidade na tramitación. Os pagamentos, en concepto de anticipo, imputaranse aos orzamentos do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller que para este exercicio ascenden a 175.000 euros na aplicación orzamentaria 05.80.313B.480.2. Nesta partida recollerase os créditos necesarios para atender os dereitos económicos que deban recoñecerse por disposición legal. Os importes dos pagamentos serán reembolsados polo Ministerio

de Traballo e Inmigración na súa integridade.

Por todo o exposto, e en uso das facultades que teño atribuídas

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e beneficiarias.

O obxecto desta resolución é regular o procedemento por concesión directa da axuda económica de pagamento único prevista no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, dirixida ás mulleres vítimas de violencia de xénero que, residindo na Comunidade Autónoma de Galicia, acrediten insuficiencia de recursos e unhas especiais dificultades para obter un emprego.

Artigo 2º.-Documento acreditativo da situación de violencia de xénero.

As situacións de violencia de xénero que dan lugar ao recoñecemento do dereito a esta axuda económica acreditaranse coa orde de protección a favor da vítima. Tamén se considerarán títulos acreditativos desta situación o informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de que a denunciante é vítima de violencia de xénero en tanto non se dite a orde de protección, así como a sentenza condenatoria definitiva, ou definitiva e firme, que conteña medidas de protección que acrediten a actualidade da situación de violencia.

Artigo 3º.-Requisitos das solicitantes.

Ademais dos requisitos xerais exixidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e segundo establece a normativa estatal, para ser beneficiaria do dereito á axuda económica, a muller vítima de violencia de xénero deberá reunir, na data de solicitude da axuda, os seguintes requisitos:

a) Ser muller, maior de idade ou emancipada.

b) Ter medidas de protección vixentes establecidas nunha orde de protección, informe do Ministerio Fiscal ou sentenza xudicial.

c) Ter especiais dificultades para obter un emprego, que se acreditará a través do Informe do Servizo Público de Emprego.

d) Carecer de rendas que, en cómputo mensual, superen o 75 por cento do salario mínimo interprofesional vixente, excluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias.

e) Non ter percibida esta axuda con anterioridade.

Artigo 4º.-Determinación das rendas.

Segundo o disposto no artigo 4 do Real decreto 1452/2005, do 2 de decembro, polo que se regula esta axuda, para os efectos de determinar o requisito de carencia de rendas, unicamente se terán en conta as rendas ou ingresos de que dispoña ou poida dispoñer a solicitante da axuda, sen que se computen para estes efectos as rendas ou ingresos doutros membros da unidade familiar que convivan coa vítima.

Se a solicitante da axuda tivese responsabilidades familiares, entenderase que cumpre o requisito de carencia de rendas cando a renda mensual do conxunto da unidade familiar, dividida polo número de membros que a compoñen, non supere o 75% do salario mínimo interprofesional.

Para os efectos desta resolución non se considera ao agresor membro integrante da unidade familiar da solicitante polo que as súas rendas individuais non se computan como rendas familiares.

Consideraranse rendas ou ingresos computables calquera bens, dereitos ou rendementos de que dispoña a solicitante derivados do traballo, do capital mobiliario ou inmobiliario, incluíndo os incrementos de patrimonio, das actividades económicas e os de natureza prestacional, agás as asignacións económicas da Seguridade Social por fillo/a ou menor acollido a cargo. Tamén se considerarán os rendementos que poidan deducirse do montante económico do patrimonio, aplicando ao seu valor o 50 por cento do tipo do xuro legal do diñeiro vixente, coa excepción da vivenda habitualmente ocupada pola solicitante e dos bens cuxas rendas sexan computadas. As rendas que non procedan do traballo e se perciban con periodicidade superior ao mes, computaranse para estes efectos rateándose mensualmente.

Para a acreditación das rendas o Servizo Galego de Igualdade poderá pedir á solicitante a achega de copia das declaracións tributarias presentadas ante a Axencia Tributaria.

Artigo 5º.-Informe do Servizo Público de Emprego.

O informe do Servizo Público de Emprego, segundo dispón a normativa reguladora da axuda, deberá facer constar que a muller solicitante desta axuda, debido á súa idade, falta de preparación xeral ou especializada e circunstancias sociais, non vai mellorar de forma substancial a súa empregabilidade pola súa participación nos programas de emprego específicos establecidos para a súa inserción profesional.

Para este efecto, na elaboración do itinerario persoal de inserción laboral, valorarase cada un dos factores mencionados no punto anterior e a incidencia conxunta destes na capacidade de inserción profesional da vítima e sobre a mellora da súa empregabilidade. Na apreciación da idade, terase en conta aquelas idades das que o Servizo Público de Emprego, de acordo coa súa experiencia, poida inferir a dificultade para a inserción laboral. Polo que se refire ás circunstancias relativas á preparación xeral ou especializada da vítima, estimaranse, fundamentalmente, aqueles supostos de total falta de escolarización ou, se é o caso, de analfabetismo funcional. Na valoración das circunstancias sociais atenderanse as relacionadas coa situación de violencia sufrida e a súa repercusión na participación ou aproveitamento dos programas de inserción, co grao de discapacidade recoñecido, así como calquera outras que, a xuízo do Servizo Público de Emprego competente, poidan incidir na empregabilidade

da vítima.

Artigo 6º.-Contía da axuda.

A normativa reguladora da axuda establece as contías a que teñen dereito as beneficiarias segundo as circunstancias particulares que acrediten e que se encadran nos supostos seguintes:

1. O importe desta axuda será, con carácter xeral, equivalente ao de seis meses de subsidio por desemprego.

2. O importe desta axuda será equivalente a doce meses de subsidio por desemprego nos seguintes casos:

a) Cando a vítima tivese a cargo un familiar ou menor acollido.

b) Cando a vítima, sen responsabilidades familiares, tivese unha discapacidade igual ou superior ao 33%.

3. O importe desta axuda será equivalente a dezaoito meses de subsidio por desemprego nos seguintes casos:

a) Cando a vítima tivese ao seu cargo dous ou máis familiares ou menores acollidos, ou un familiar e un menor acollido.

b) Cando a vítima tivese ao seu cargo un familiar ou menor acollido e unha discapacidade igual ou superior ao 33% ela ou a persoa dependente.

4. O importe desta axuda será equivalente a vinte e catro meses de subsidio por desemprego nos seguintes casos:

a) Cando a vítima tivese ao seu cargo dous ou máis familiares ou menores acollidos, ou un familiar e un menor acollido e unha discapacidade igual ou superior ao 33% ela ou algunha das persoas dependentes.

b) Cando a vítima de violencia de xénero con responsabilidades familiares ou o familiar ou menor acollido con quen conviva tivese recoñecido oficialmente un grao de discapacidade igual ou superior ao 65 por cento.

Artigo 7º.-Responsabilidades familiares.

Para os efectos do establecido na normativa reguladora da axuda, existirán responsabilidades familiares cando a beneficiaria teña ao seu cargo polo menos, a un familiar, por consanguinidade ou afinidade ata o segundo grao inclusive, co que conviva. Non se considerarán a cargo os familiares con rendas de calquera natureza superiores ao salario mínimo interprofesional, excluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias.

As responsabilidades familiares deberán concorrer no momento da solicitude, excepto no suposto de fillas e fillos que nazan dentro dos trescentos días seguintes. Neste suposto procederá revisar a contía da axuda percibida para adecuala á cantidade que lle correspondía se, na data da solicitude, concorreran esas responsabilidades.

Entenderase que existe convivencia cando esta se atope interrompida por motivos derivados da situación de violencia de xénero.

Non será necesaria a convivencia cando exista obriga de alimentos, en virtude de convenio ou resolución xudicial. Presumirase a convivencia, salvo proba en contrario, cando os familiares teñan recoñecida a condición de beneficiarios/as de asistencia sanitaria da Seguridade Social no documento que apareza estendido a nome da vítima.

Artigo 8º.-Solicitudes e documentación.

1. As axudas poderán solicitarse ata o 31 de decembro de 2009 sempre que se atopen vixentes as medidas de protección ás que se refire o artigo 2º desta resolución e presentaranse preferentemente nos rexistros da Xunta de Galicia, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se subscribise o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A solicitude da axuda dirixirase á directora do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller e presentarase segundo o modelo previsto no anexo I desta resolución, asinada pola solicitante, xunto coa seguinte documentación:

a) Copia compulsada do DNI da solicitante. No caso de solicitantes estranxeiras deberán achegar copia compulsada da tarxeta de identidade de estranxeira (NIE) e do permiso de traballo.

b) Documentación acreditativa da condición de vítima de violencia de xénero nos termos do artigo 2º desta resolución.

c) Certificado actualizado de empadroamento da solicitante que incluirá a relación de todas as persoas residentes no domicilio. Non se admitirán certificados de empadroamento que foran emitidos cunha antelación superior a un mes na data de presentación da solicitude.

d) Copia compulsada do libro de familia ou outro documento que acredite a relación da solicitante cos familiares ao seu cargo ou menores acollidos.

e) No caso de discapacidade da solicitante e/ou dos familiares, certificado de recoñecemento do grao de discapacidade expedido polo órgano competente.

f) Declaración responsable de ingresos mensuais (anexo II) que comprende rendas do traballo, axudas ou subvencións públicas e similares. Para os efectos desta resolución non se considera ao agresor membro integrante da unidade familiar da solicitante polo que as súas rendas individuais non se computan como rendas familiares.

g) Documento acreditativo da conta bancaria da que a solicitante é titular, con expresión de códigos de entidade bancaria e sucursal, número da conta e díxito de control.

h) Declaración do conxunto de axudas solicitadas, concedidas ou percibidas, para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades (anexo III).

Artigo 9º.-Información aos/ás interesados/as.

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código SI434B, poderase obter documentación normalizada ou información adicional no SGI, a través dos seguintes medios: da páxina web oficial do organismo: http://sgi.xunta.es/; no teléfono 981545357; enderezo electrónico: cooperacion.sgi@xunta.es; e presencialmente. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderase facer uso do teléfono de información xeral do SGI que é o 981 54 53 66.

Artigo 10º.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras. De conformidade co artigo 20.3º da Lei 9/2007, se a persoa solicitante indica que certa documentación que se deba usar neste procedemento xa figura no poder da Administración, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a ela. Para estes efectos, a documentación débese manter vixente e identificarase no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o que foi presentada.

2. Así mesmo, comporta a autorización ao órgano instrutor para solicitar o informe de empregabilidade ao Servizo Galego de Colocación, e para obter a información adicional que considere necesaria para a axeitada estimación dos ingresos ou recursos económicos da unidade de convivencia independente e, en xeral, para completar o expediente administrativo dirixíndose aos órganos públicos ou privados competentes, ben sexa a través de acceso directo a bases de datos por medios telemáticos ou a través de solicitude por oficio ordinario.

3. O Servizo Galego de Igualdade velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para estes efectos procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos, adoptándose tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros, non obstante, o Servizo Galego de Igualdade revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida, de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso. Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito, achegando identificación suficiente ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto que poderá atopar na Guía do Cidadán da páxina web da Xunta de Galicia.

Artigo 11º.-Instrución dos procedementos.

1. A dirección do Servizo Galego de Igualdade designará a unidade encargada de instruír o procedemento e de formular as propostas de resolución correspondentes.

2. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non achegase a documentación exixida, requirirase a persoa solicitante para que, no prazo de dez días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que se así non o fixese se terá por desistida a petición, logo da resolución, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarias para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Á solicitude incorporarase o Informe do Servizo Galego de Colocación, solicitado directamente por este organismo, para acreditar que a participación en programas de formación e/ou emprego, non vai incidir de xeito substancial na mellora da empregabilidade da beneficiaria.

5. A través do Punto de Coordinación de Ordes de Protección, que ten a súa sede neste organismo, o órgano xestor comprobará durante toda a tramitación do expediente que as medidas de protección seguen en vigor no momento inmediatamente anterior a ditarse a resolución de concesión da axuda.

Artigo 12º.-Resolución e notificación.

1. A persoa responsable da instrución, unha vez concluída esta fase, formularalle as propostas de resolución á directora do Servizo Galego de Igualdade para a súa aprobación. As resolucións estarán debidamente motivadas e expresarán, cando menos, o número de expediente, os datos de identificación da solicitante, o importe e condicións da axuda e,se é o caso, a desestimación e causa de denegación.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses, que se computarán desde a data en que a solicitude teña entrada no rexistro do SGI. No caso de terse producido emendas ou melloras na solicitude, o prazo contarase desde a data na que a última destas tivera entrada no citado rexistro. Transcorrido este prazo sen que recaese resolución expresa, que en todo caso deberá producirse no exercicio orzamentario vixente, as interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 13º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria poñen fin á vía administrativa e contra elas poderán interpose os seguintes recursos, sen prexuízo de que as interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a directora do Servizo Galego de Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 14º.-Pagamento das axudas.

1. Segundo o disposto no artigo 28.9º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a contía da axuda concedida aboaráselle ás beneficiarias nun pagamento único polo importe que lle corresponda segundo as contías determinadas no artigo 6º desta resolución, unha vez notificada a resolución de concesión. A tramitación do pagamento axustarase ao establecido no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

2. O pagamento da axuda regulada nesta disposición farase unicamente na conta que as solicitantes fixesen constar na solicitude, e debe permanecer activa para estes efectos en tanto non se teña constancia da finalización do expediente, non facéndose responsable a Administración da imposibilidade de efectuar o ingreso por causas directamente imputables ás solicitantes.

Artigo 15º.-Obrigas das beneficiarias. Seguimento e control.

1. As beneficiarias da axuda teñen a obriga de comunicar calquera variación ou modificación que se produza durante a tramitación do procedemento respecto das circunstancias que fundamentan o dereito a percibir esta axuda e de someterse ás actuacións de comprobación que acorde o Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller. Así mesmo, quedan obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

2. O seguimento das axudas será realizado, en cada caso, polo persoal especializado que determine a dirección do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, e consistirá en:

a) Avaliación e control da súa aplicación, exixíndose como mínimo un informe social que se presentará no último trimestre do ano, sobre a situación das beneficiarias.

b) Apoio e orientación ás beneficiarias, que se manterá con posterioridade á obtención da axuda, debido a que son mulleres especialmente vulnerables polo risco de exclusión social en que se atopan dados os escasos recursos económicos de que dispoñen e á imposibilidade, polo menos momentánea, de inserción laboral. Así mesmo, este seguimento permitirá avaliar a eficacia da medida de concesión da axuda.

Artigo 16º.-Compatibilidade, alteración e modificación.

1. A prestación regulada nesta disposición é exclusivamente compatible coas axudas previstas na Lei 35/1995, do 11 de decembro, de axudas e asistencia ás vítimas de delitos violentos e contra a liberdade sexual. En consecuencia, é incompatible coa percepción de calquera outra axuda establecida tanto polas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, como por calquera entidade privada destinadas ao mesmo fin.

2. No suposto de que a solicitante percibira axudas ao abeiro da Lei 35/1995, estas deberán computarse como ingresos coa finalidade de determinar se cumpre o requisito de carencia de rendas establecido no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, e no artigo 3 do Real decreto 1452/2005, do 2 de decembro, que o desenvolve.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente doutras outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión ou, se é o caso, a revogación.

Artigo 17º.-Reintegro.

Segundo o disposto no artigo 9 do Real decreto 1452/2005, do 2 de decembro, procederá a devolución íntegra das cantidades percibidas cando se obtivera a axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión ou se falseasen ou ocultasen feitos ou datos que motivaran a súa concesión. Para a tramitación do expediente declarativo de reintegro haberá que aterse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e na súa normativa de desenvolvemento; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposicións adicionais

Primeira.-O Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller instará a tramitación das modificacións orzamentarias necesarias para recoñecer as obrigas e realizar os pagamentos correspondentes ás axudas aprobadas en cumprimento do disposto no artigo 27 da Lei Orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero.

Segunda.-Con carácter excepcional poderanse acoller a esta convocatoria as vítimas de violencia de xénero que acrediten unha medida de protección ditada no período comprendido entre o 1 de decembro de 2008 e a data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e que cumpran os demais requisitos establecidos para ter dereito a esta axuda. O prazo para a presentación destas solicitudes será dun mes a partir da entrada en vigor desta publicación.

Terceira.-As solicitudes recibidas no prazo establecido na resolución do 3 de abril de 2008, publicada o 10 de abril de 2008, que ao remate do exercicio anterior non acadasen a fase de resolución por non estaren completos os trámites previos, resolveranse con cargo aos créditos desta resolución.

Cuarta.-As beneficiarias estarán sometidas ás responsabilidades e ao réxime sancionador que sobre infraccións nesta materia establece a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia; o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e a súa normativa de desenvolvemento, e a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Quinta.-As concesións destas axudas non será obxecto de publicidade, en aplicación do disposto no artigo 18.3º d) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no artigo 15.2º d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no artigo 13.6º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración galega.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A directora do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller ditará as instrucións necesarias para o axeitado desenvolvemento e cumprimento desta resolución.

Segunda.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2009.

P.S. (Resolución 4-5-2009)

Marta González Vázquez

Secretaria xeral da Igualdade

Ver referencia pdf "16100D002P016.PDF"