DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Mércores, 12 de agosto de 2009 Páx. 13.432

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 6 de agosto de 2009 pola que se modifica a Orde do 24 de abril de 2009 (Diario Oficial de Galicia do 28 de abril), sobre delegación de competencias no secretario xeral.

Polo Decreto 83/2009, do 21 de abril, fixouse a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, atribuíndo á Consellería do Medio Rural as competencias en materia de conservación da natureza, que con anterioridade estaban atribuídas á extinta Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

Determinadas ordes de axudas en materia de conservación da natureza, tanto anteriores ao dito decreto pero vixente a súa execución, como posteriores a el, delegan a competencia para resolver as axudas ao director xeral de Conservación da Natureza.

Porén, a Orde do 24 de abril de 2009 prevé no seu punto quinto, relativo ás subvencións e sancións, a delegación no secretario xeral da competencia para resolver os procedementos de concesión de axudas e subvencións e, se é o caso, acordar o seu reintegro e a incoación de procedementos sancionadores e imposición de sancións tipificadas como leves e graves nos artigos 54 e 55 da Lei 9/2007.

Á vista do anterior, e para que a actuación desta Administración non conculque o principio de información aos interesados, considérase procedente incluír unha epígrafe adicional na Orde do 24 de abril de 2009, sobre delegación de competencias no secretario xeral, para os efectos de establecer un réxime específico en materia de conservación da natureza.

Por iso, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 43.3º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro e normativa concordante, e o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo único.

Modifícase o punto quinto da Orde do 24 de abril de 2009 sobre delegación de competencias no secretario xeral, no sentido de engadir un último parágrafo co texto seguinte:

«No caso de axudas ou subvencións públicas en materia de conservación da natureza, será de aplicación o establecido na correspondente orde de convocatoria».

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2009.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro de Medio Rural