DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Mércores, 12 de agosto de 2009 Páx. 13.431

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 31 de xullo de 2009 pola que se declara de interese galego a Fundación Ourensana Hosteser e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Con data do 17 de xuño de 2009 foi publicada no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 18 de maio de 2009, pola que se clasifica como de interese laboral a Fundación Ourensana Hosteser, adscribíndoa á Consellería de Traballo e Benestar, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

A fundación, segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto:

Sensibilizar, promover, difundir e executar toda clase de actividades relacionadas coa formación, así como a súa relación coa contorna ambiental en que se desenvolve.

Investigar sobre as pautas de comportamento dos empresarios para a mellora da cualificación profesional.

Elevar o nivel de profesionalización do sector de hostalaría e outros servizos a través da investigación, innovación, divulgación e implantación de novos sistemas metodolóxicos para a preparación dos profesionais do sector.

Estudar, establecer e definir todas aquelas innovacións encamiñadas a mellorar a calidade dos procedementos en calquera materia dentro dos sectores da hostalaría e outros servizos.

Promoción, fomento e difusión da lingua e cultura galegas e defensa do medio natural de Galicia.

Por todo isto, en virtude das competencias que me confiere o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e á vista do establecido no artigo 47 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego e o artigo 32.3º a) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación Ourensana Hosteser, ao cumpriren os seus estatutos as prescricións que para tal efecto sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo.-Ordenar a inscrición da Fundación Ourensana Hosteser, no rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Traballo e Benestar, para os efectos constitutivos que sinala o artigo 5 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

Terceiro.-A dita fundación queda sometida ao disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial, á obriga de dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, quedando obrigada ante o protectorado a lle render contas anualmente e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presentarlle o proxecto de orzamento con anterioridade ao inicio do exercicio económico para o cal se formula, e debendo solicitar as preceptivas autorizacións cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2009.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar