DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Mércores, 12 de agosto de 2009 Páx. 13.430

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

DECRETO 372/2009, do 30 de xullo, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de urbanización e adaptación ao plan de baixa IMD da PO-415 no municipio das Neves. (Clave PO/08/128.02).

Con data do 3 de xuño de 2009 a directora xeral de Infraestruturas, por delegación do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, resolveu aprobar o proxecto de urbanización e adaptación ao plan de baixa IMD da PO-415 (Clave PO/08/128.02).

Este proxecto PO/08/128.02 propón a adecuación da PO-415 e no mesmo conxúganse dous tipos de actuacións. A primeira afecta aos tres primeiros quilómetros e trátase de adaptar a estrada aos parámetros mínimos que rexen o plan de baixa IMD. A segunda zona, que é a afectada pola actividade expropiatoria, ten un carácter semiurbano, de clara expansión e o seu acondicionamento mellorará substancialmente a seguranza viaria ao construírense beirarrúas e aparcadoiros para resolver as carencias deste tramo, pois carece mesmo de beiravías e os cruzamentos de estradas teñen unha visibilidade mellorable, o que xera riscos para os peóns que son os usuarios de servizos públicos tales como o colexio e a praza de abastos.

A xustificación da urxencia de ocupación dos bens e dereitos precisos para a execución do proxecto de trazado e construción da obra de urbanización e adaptación ao plan de baixa IMD da PO-415 (Clave PO/08/128.02), vén motivada por tanto, pola súa incidencia na seguranza viaria evitando riscos innecesarios para os veciños das Neves que utilizan esta vía para accederen aos servizos públicos mencionados, así como ás súas vivendas.

A competencia para efectuar a declaración de urxente ocupación tena atribuída a Xunta de Galicia en virtude do artigo segundo do Decreto 156/1982, do 15 de decembro, sobre asunción de transferencias en materia de estradas e a súa asignación á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

En virtude de todo o exposto, e en aplicación do artigo 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia, e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, en relación con previsto no artigo 16 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e logo da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día trinta de xullo de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo único.

Declarar a utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios e que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a súa execución, para efectos de expropiación no proxecto de urbanización e adaptación ao plan de baixa IMD da PO-415 (Clave PO/08/128.02).

Santiago de Compostela, trinta de xullo de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras