DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Mércores, 12 de agosto de 2009 Páx. 13.430

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

DECRETO 371/2009, do 23 de xullo, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de acondicionamento de trazado da obra da autovía Curro-Baión. Treito 1 Curro-enlace da costa. (Clave PO/02/199.01.3.1).

Con data do 13 de abril de 2009 o director xeral de Obras Públicas, por delegación da conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, resolveu aprobar o proxecto de acondicionamento de trazado da obra da autovía Curro-Baión. Treito 1 Curro-enlace de costa (clave PO/02/199.01.3.1).

A xustificación da urxencia de ocupación dos bens e dereitos precisos para a execución do proxecto de acondicionamento de trazado da obra da autovía Curro-Baión. Treito 1 Curro-enlace de costa (clave PO/02/199.01.3.1), vén motivada polo seguinte:

-A Xunta de Galicia pon en servizo o día 16 de xullo de 2009 a variante de Vilagarcía de Arousa, a punto de comezar a obra do enlace da autoestrada A-9, a AG-41, a PO-531 e a futura AG-47.

-O Ministerio de Fomento está a executar as obras de acceso ao porto de Vilagarcía de Arousa, que rematarán previsiblemente no vindeiro ano 2010.

Todas estas obras teñen como nexo de unión esta autovía AG-47 -moderna, segura e eficaz-, proxecto determinante da efectividade da seguranza viaria da zona e que facilitará fundamentalmente a conexión dos municipios da comarca, o que permitirá aos cidadáns residentes neste territorio un rápido enlace con outras vías de alta capacidade e coa costa.

Ademais, o tráfico de todas estas infraestruturas de alta capacidade supón, mentres non se constrúe a AG-47, que sexa a PO-531, estrada xa de por si saturada de tráfico, a que reciba todo o tráfico do resto das vías de alta capacidade, polo que empeorará a súa situación, xerándose unha maior densidade de tráfico, e sen que as vías actuais, pola súa antigüidade e cun trazado que discorre basicamente por zona urbana, sexan capaces de garantir os requisitos mínimos de seguranza exixibles.

Estas circunstancias obrigan a unha inmediata actuación dos poderes públicos para preservar a seguranza tanto das persoas como dos automobilistas, de aí a necesidade de proceder de forma inmediata á execución do proxecto de referencia e, consecuentemente, a unha urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para esta actuación, os cales aparecen recollidos e valorados no citado proxecto.

A competencia para efectuar a declaración de urxente ocupación tena atribuída a Xunta de Galicia en virtude do artigo segundo do Decreto 156/1982, do 15 de decembro, sobre asunción de transferencias en materia de estradas e a súa asignación á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

En virtude de todo o exposto e en aplicación do artigo 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, en relación con previsto no artigo 16 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e logo da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día vinte e tres de xullo de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declarar a utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios e que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a súa execución, para efectos de expropiación no proxecto de acondicionamento de trazado da obra da autovía Curro-Baión. Treito 1 Curro-enlace de costa (clave PO/02/199.01.3.1).

Santiago de Compostela, vinte e tres de xullo de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas