DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Martes, 11 de agosto de 2009 Páx. 13.370

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 6 de agosto de 2009 pola que se regulan e se convocan as subvencións de apoio á viabilidade das explotacións leiteiras galegas.

A situación actual do sector lácteo galego, sometido á presión de prezos elevados para os alimentos do gando e do abaratamento dos prezos percibidos pola súa produción, provoca unha difícil situación nas explotacións leiteiras.

Particularmente afectadas están as explotacións en proceso de reestruturación, que fixeron un esforzo por redimensionaren a súa capacidade produtiva mediante a realización de investimentos en compra de cota ou na mellora dos seus medios de produción e que, en moitos casos, se viron obrigadas a contraer obrigas con entidades bancarias que teñen dificultade de cumprir pola diminución anormal dos prezos do mercado do leite.

Na liña de posibilitar liquidez para estas explotacións, no 1 de xuño pasado publicouse a Orde do 29 de maio pola que se convocaban axudas á bonificación de custos financeiros dos préstamos formalizados para a disposición por parte dos gandeiros dos importes dos pagamentos de axudas ás explotacións leiteiras galegas. Ademais tamén, e dentro da liña de fornecer liquidez ás explotacións, o pasado 25 de xuño publicouse a resolución do Igape pola que se modifican as bases reguladoras das liñas de apoio ao acceso e adecuación do financiamento das pequenas e medianas empresas, para que poidan acceder a estas axudas, explotacións e SAT e cooperativas leiteiras, en condicións de xuros financiados pola Consellería do Medio Rural.

Aínda así, o apoio non é suficiente para paliar a situación en que se encontra o sector lácteo. Cómpre posibilitar o mantemento da viabilidade das explotacións lácteas incentivando os esforzos investidores daqueles produtores que contribuíron ao dimensionamento das súas explotacións mediante a adquisición de cotas lácteas.

As medidas reguladas nesta orde réxense polo réxime establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aínda que acolléndose expresamente ao procedemento de concesión mediante rateo, conforme o previsto no artigo 19.3º da dita lei.

Pola súa banda, estas axudas outorgaranse ao amparo do disposto no Regulamento (CE) nº 1535/2007, da Comisión, do 20 de decembro de 2007, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector da produción dos produtos agrícolas, quedando condicionadas polo establecido na normativa comunitaria sobre esta materia.

En consecuencia, e en virtude das facultades que me confire o artigo 14º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade.

1. O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e convocar axudas en réxime de concorrencia competitiva polo sistema de rateo, destinadas aos titulares de explotacións de vacún de leite na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As axudas contempladas nesta orde teñen como finalidade apoiar a viabilidade das explotacións leiteiras nunha situación xeral de custos de produción elevados e prezos de leite baixos.

Artigo 2º.-Beneficiarios e requisitos.

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas os titulares de explotacións leiteiras que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que sexan titulares dunha explotación con cantidade de referencia para a produción de leite a 31 de marzo de 2009.

b) Que estean a realizar entregas de leite na campaña actual, 2009/2010.

c) Non ter sido sancionado polo incumprimento da normativa vixente en materia de calidade do leite cru, nos tres anos anteriores ao 2009.

d) Que, estando acollido a un programa de calidade do leite, non se detectaran incumprimentos sobre el nos controis realizados sobre o terreo, dando lugar á exclusión das axudas do pagamento adicional lácteo 2008.

2. Quedan excluídas destas axudas aquelas explotacións con reiterado incumprimento, durante 5 meses, das exixencias establecidas no capítulo I, sección IX do anexo II do Regulamento 853/2004 do Parlamento Europeo e do Consello, de requisitos sanitarios para a produción de leite cru, hixiene das explotacións produtoras de leite e criterios relativos ao leite cru.

3. Cando unha explotación leiteira das previstas no punto anterior pertenza a varias persoas integradas nunha comunidade de bens ou sociedade civil, poderá resultar esta beneficiaria da axuda, coa condición de que cumpra os requisitos exixidos para iso, así como as exixencias previstas para estas agrupacións no artigo 8.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo que deberán facer constar expresamente, segundo o modelo do anexo III desta orde, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. Deberán nomear un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiario lle correspondan á agrupación e non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos do artigo 35 da citada Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 3º.-Tipo de axuda.

1. As axudas establecidas nesta orde consistirán nunha subvención aos titulares de explotacións leiteiras que cumpran os requisitos establecidos no artigo 2.1º desta orde. Para a determinación do importe unitario, que poderá chegar ata 1 céntimo por quilo, procederase ao rateo do importe global da dispoñibilidade orzamentaria prevista nesta orde entre os quilos de cota dispoñible, a 31 de marzo de 2009, polos solicitantes. O importe unitario resultante por quilo de cota repartirase entre os beneficiarios en función dos quilos de cota dispoñible polo solicitante a 31 de marzo de 2009, cun importe máximo de 7.500 euros.

2. A concesión das axudas realizarase polo procedemento de rateo, conforme o previsto no artigo 19.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Estas axudas outorgaranse ao amparo do disposto no Regulamento (CE) nº 1535/2007, da Comisión, do 20 de decembro de 2007, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector da produción dos produtos agrícolas, quedando condicionadas polo establecido na normativa comunitaria sobre esta materia.

Artigo 4º.-Contía da axuda.

A Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, analizadas as solicitudes recibidas, establecerá o importe unitario de axuda por quilo de cota dispoñible no 31 de marzo de 2009 conforme o método establecido no punto 1 do artigo 3, e calculará a axuda que corresponda a cada beneficiario.

Para o cálculo da subvención utilizarase a información dispoñible na Consellería do Medio Rural.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

1. A solicitude de axuda presentarase de acordo co modelo do anexo I e dirixirase ao conselleiro do Medio Rural. Presentaranse preferentemente na Oficial Agraria Comarcal da zona da explotación ou do modo previsto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A presentación da solicitude comporta o compromiso de facilitar a documentación complementaria que se poida requirir, así como de permitir as comprobacións e inspeccións que para o efecto esta Administración considere oportunas. Así mesmo, leva consigo a autorización ao órgano xestor da axuda de solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o disposto no artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ten a posibilidade de denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón as certificacións nos termos previstos no número 3, alínea c) deste artigo.

3. A solicitude irá acompañada da seguinte documentación:

a) Certificado da entidade bancaria acreditativo da conta para a domiciliación dos pagamentos, no caso de ser distinta da impresa na presolicitude.

b) No caso de persoas xurídicas, copia do documento de constitución da sociedade e dos estatutos e certificado expedido polo órgano xestor da sociedade en que conste o acordo de solicitar a axuda e a identidade da persoa autorizada para solicitala.

c) No caso de denegar o consentimento a que se refire o número 2 deste artigo, deberá presentar, ademais, a xustificación de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias e o certificado acreditativo de estar ao día das obrigas tributarias coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

d) Declaración de cumprimento de requisitos para obter a condición de beneficiario do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións, de Galicia, e declaración do conxunto de todas as axudas de minimis por calquera concepto concedidas ao solicitante polas distintas administracións públicas competentes, durante o período dos 2 exercicios fiscais anteriores á data de presentación desta solicitude e no exercicio fiscal en curso, segundo o modelo que figura no anexo II.

e) No caso de comunidades de bens e sociedades civís, declaración de porcentaxe de execución de compromisos e de subvención, segundo o modelo que figura no anexo III.

4. De acordo co disposto no artigo 35 f) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, non será necesario presentar a documentación que xa se encontre en poder da consellería, sempre que se manteña vixente e se identifique o procedemento administrativo para que foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación, ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirir ao solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

5. Se a solicitude non estiver debidamente cuberta ou non se achegar a documentación exixida, o órgano administrativo encargado da tramitación do expediente, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirá o interesado para que, nun prazo máximo e improrrogable de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará desistido da súa petición, logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

Artigo 6º.-Prazo de presentación de solicitudes.

As solicitudes de axuda presentaranse no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 7º.-Tramitación e resolución.

1. O órgano encargado da tramitación dos expedientes é a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria. Unha vez comprobados os requisitos do solicitante pola Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, de acordo co previsto no artigo 3º desta orde, elevará a proposta de resolución ao conselleiro en canto que o órgano encargado da resolución das axudas.

2. Na resolución de concesión de axuda farase constar a contía da axuda concedida e indicarase o seu carácter de minimis, de conformidade co Regulamento (CE) nº 1535/2007.

Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

A resolución notificaráselles aos interesados no prazo de dez días a partir da data en que se dite.

No suposto previsto no parágrafo segundo do artigo 15º desta orde, ditaranse resolucións complementarias cos incrementos correspondentes.

Artigo 8º.-Notificación, silencio administrativo e recursos.

1. A resolución do conselleiro esgota a vía administrativa. O prazo máximo para notificar a resolución do procedemento será de tres meses a partir da publicación desta orde. Se transcorrese o citado prazo máximo sen ser ditada resolución expresa polo órgano competente, os interesados poderán entender desestimadas as súa solicitudes, de acordo co establecido na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. Contra a resolución poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte á recepción da notificación da resolución. Potestativamente, poderase interpoñer recurso de reposición ante o conselleiro no prazo dun mes a partir do día seguinte á recepción da notificación da resolución, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento común.

Artigo 9º.-Publicación.

1. A resolución publicarase nos termos previstos no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, expresando o beneficiario, a finalidade, a contía e a aplicación orzamentaria, polo que a presentación da solicitude de axuda leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do beneficiario e da súa publicación nos citados medios.

2. De conformidade cos números 3º e 4º do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería do Medio Rural publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas ao abeiro desta orde; e incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios e a referida publicidade.

Artigo 10º.-Xustificación e pagamento da subvención.

Tendo en conta a natureza e fins das axudas reguladas nesta orde, non se precisa de prazo de xustificación da subvención por parte do beneficiario xa que todos os datos necesarios están en poder da administración. O pagamento da subvención realizarase mediante transferencia bancaria á conta indicada polo solicitante na súa solicitude de axuda.

Artigo 11º.-Modificacións.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou á súa revogación, nos termos previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O beneficiario queda obrigado a comunicar á Consellería do Medio Rural calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente a execución dos fins para que foi concedida a axuda. En particular, deberá remitir unha declaración complementaria das axudas de minimis no momento en que sexa comunicada calquera concesión.

Artigo 12º.-Réxime de reintegros, infraccións, sancións e responsabilidades.

O réxime de reintegros, infraccións, sancións e responsabilidades aplicables será o regulado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 13º.-Control.

1. Os beneficiarios da axuda quedan obrigados a someterse ás actuacións de control que efectúe a Consellería do Medio Rural para verificar o cumprimento dos requisitos e finalidades das axudas acollidas a estas bases.

2. O beneficiario queda obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Artigo 14º.-Compatibilidade.

As axudas previstas nesta orde serán compatibles con outras que polos mesmos conceptos poidan conceder outras administracións públicas.

Artigo 15º.-Financiamento.

As axudas reguladas nesta orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 49.02.712B.772.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, por un importe de 12.000.000 euros.

A dita cantidade poderá ser incrementada con fondos adicionais procedentes desta ou outras administracións, tendo en conta o disposto no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional

Única.-Nos aspectos non regulados nesta orde, observarase ao disposto na Lei 9/2007, do 14 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Produción Agropecuaria para ditar as instrucións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2009.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural

Ver referencia pdf "15600D002P006.PDF"