DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Luns, 10 de agosto de 2009 Páx. 13.307

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO

DECRETO 370/2009, do 23 de xullo, polo que se regula a utilización da imaxe corporativa do Xacobeo 2010.

O Camiño de Santiago foi desde sempre a mellor carta de presentación de Galicia no mundo. A peregrinación a Santiago de Compostela adquiriu xa desde a fundación da propia cidade unha gran relevancia internacional, convertendo esta cidade no terceiro centro de peregrinación da cristiandade, despois de Roma e Xerusalén.

A organización do Xacobeo 2010 constitúe, pois, a mellor oportunidade para promocionar a nosa comunidade alén das nosas fronteiras, reforzando a dimensión internacional do Camiño de Santiago para posicionar definitivamente a Galicia como un foco de interese mundial.

A imaxe corporativa do Xacobeo 2010 é o cúmulo e reflexo de todas as actuacións que se van desenvolver durante a celebración do Ano Santo. Así mesmo, é o primeiro contacto que os cidadáns, institucións e entidades teñen con este evento a través da súa comunicación visual.

Para o desenvolvemento e promoción do Ano Santo é imprescindible a correcta aplicación e o respecto á normativa existente para o uso da imaxe corporativa.

O Decreto 337/2009, do 11 de xuño, polo que se desenvolve a estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Turismo, establece no seu artigo 5.Un.e) que lle corresponde á Secretaría Xeral para o Turismo a dirección e coordinación das actuacións da consellería, directamente ou a través da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, relacionadas coa xestión da imaxe corporativa do Xacobeo.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura e Turismo e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e tres de xullo de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Utilización da imaxe corporativa do Xacobeo 2010 pola Administración da comunidade autónoma.

Os departamentos da Xunta de Galicia, os seus organismos autónomos, axencias públicas autonómicas, fundacións do sector público autonómico e sociedades públicas autonómicas, sen prexuízo da observancia do vixente código de identificación corporativa da Xunta de Galicia aprobado polo Decreto 178/2003, do 20 de febreiro, utilizarán como elementos adicionais os símbolos do Xacobeo 2010, reflectidos no correspondente manual básico, que figura como anexo deste decreto, en todas as súas accións de comunicación audiovisuais, escritas ou plásticas.

A Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, nas súas relacións de colaboración con outras administracións, deberá exixir, sempre que o seu obxecto o permita, que se faga constar a imaxe corporativa do Xacobeo 2010.

Artigo 2º.-Utilización da imaxe corporativa do Xacobeo 2010 por outras persoas e entidades.

A utilización da imaxe corporativa do Xacobeo 2010 por persoas físicas ou xurídicas, entidades e institucións non integrantes da Administración da comunidade autónoma requirirá solicitude dirixida á Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, que é a competente para outorgar as correspondentes licenzas e autorizacións.

As licenzas e autorizacións outorgaranse con suxeición á normativa vixente en materia de propiedade intelectual e industrial e condicionadas en todo caso ao respecto das normas de uso contidas no manual de utilización da imaxe corporativa do Xacobeo no Ano Santo 2010.

Artigo 3º.-Fomento do uso da imaxe corporativa do Xacobeo 2010.

A Administración da Comunidade Autónoma de Galicia fomentará o emprego polas entidades locais galegas da imaxe corporativa do Xacobeo 2010, instándoos a solicitar a oportuna licenza ou autorización para o seu uso en todas as súas manifestacións de comunicación pública.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Cultura e Turismo para o desenvolvemento e a execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de xullo de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Roberto Varela Fariña

Conselleiro de Cultura e Turismo

Ver referencia pdf "15500D001P007.PDF"