DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Venres, 07 de agosto de 2009 Páx. 13.254

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 368/2009, do 30 de xullo, polo que se crea e se regula o Consello de Acción Exterior.

Coa integración de España nas comunidades europeas, as comunidades autónomas comezaron a realizar actividades de relevo internacional, habida conta das novas competencias europeas sobre eidos de competencia substantiva autonómica. Este proceso estendeuse coa proxección exterior de competencias que, pola súa propia natureza, precisan ter reflexo fóra dos límites xeográficos autonómicos e das fronteiras españolas, como é o caso do turismo, a cooperación cultural, universitaria e científica, a captación de investimentos ou o fomento das exportacións, entre outras.

No caso da Comunidade Autónoma de Galicia, a súa acción exterior orientouse daquela, de xeito natural, á participación nos asuntos europeos, á cooperación con Portugal, co ánimo de consolidar a Eurorrexión, desde a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, e á derivada dos vencellos con Latinoamérica, por mor dos lazos creados pola emigración.

A acción exterior autonómica aconsella dispor dun gran consenso social, xa non só pola necesidade de programala a longo prazo, alén do marco temporal dunha ou, mesmo, varias lexislaturas, senón tamén pola restrición de medios e recursos para implementala, o que recomenda incrementar a coordinación co resto de axentes e actores galegos que interveñen neste ámbito.

Así, a propia lóxica do proceso e a perspectiva dun mellor aproveitamento das oportunidades e das ferramentas dispoñibles, recomenda a creación dun órgano colexiado, no que estea representada a sociedade civil galega e participen os departamentos e centros directivos con meirande experiencia no ámbito exterior.

Por todo isto, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, logo da deliberación e acordo do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trinta de xullo de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Creación e natureza.

Créase o Consello de Acción Exterior de Galicia, en adiante Caex, como órgano de traballo asesor da Xunta de Galicia en materia de acción exterior que se adscribe á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Artigo 2º.-Misión e funcións.

1. A misión do Caex será asesorar con carácter non vinculante a Xunta de Galicia no deseño das estratexias, plans e programas no eido da acción exterior coa finalidade de aglutinar esforzos, coordinar as actuacións público-privadas, reforzar a imaxe de Galicia no mundo, e consolidar no tempo a acción exterior de Galicia.

2. Para conseguir estes fins o Consello terá as seguintes funcións:

a) Identificar necesidades, obstáculos e oportunidades para a acción exterior de Galicia.

b) Fomentar a interacción, coordinación e colaboración entre o sector público autonómico, a empresa privada e a sociedade civil para o desenvolvemento da acción exterior de Galicia.

c) Xerar ideas para o deseño e desenvolvemento da estratexia, plans e programas de acción exterior de Galicia.

d) Realizar estudos e informes por petición da Presidencia.

Artigo 3º.-Composición.

1. A composición do Caex será a seguinte:

Presidencia de honor: a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

Presidencia: a persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Vicepresidencia: a persoa titular da Direción Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

Secretaría: unha persoa funcionaria da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

Vogais:

A persoa titular da Consellería de Economía e Industria ou autoridade na que delegue.

A persoa titular da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ou autoridade na que delegue.

A persoa titular da Consellería de Cultura e Turismo, ou autoridade na que delegue.

A persoa titular da Consellería do Mar, ou autoridade na que delegue.

A persoa titular da Dirección Xeral do Gabinete da Presidencia.

A persoa titular da Secretaría Xeral de Emigración.

Unha persoa en representación das universidades galegas.

Unha persoa en representación das cámaras de comercio.

Unha persoa en representación da Confederación de Empresarios de Galicia.

Unha persoa en representación das organizacións sindicais.

Unha persoa en representación de entidades galegas de estudos internacionais.

Unha persoa en representación das organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento galegas.

Unha persoa en representación do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular.

Ata tres personalidades galegas de recoñecido prestixio no ámbito internacional.

2. A composición do Consello de Acción Exterior de Galicia tenderá a acadar unha participación equilibrada de mulleres e homes.

3. A duración do mandato dos membros do Caex será por un período de catro anos.

Artigo 4º.-Participación doutros órganos.

Poderán participar nas reunións os/as titulares dos órganos superiores e directivos dos departamentos da Xunta de Galicia que sexan convocados pola persa titular da presidencia do Caex en función dos asuntos que se van tratar, para que expoñan os proxectos e iniciativas correspondentes ao seu ámbito de competencias.

Así mesmo, poderán asistir ás reunións do Caex, ou dos grupos de traballo que o integren, de conformidade co que dispoña o seu regulamento de réxime interior, os técnicos ou expertos nas cuestións que se traten.

Artigo 5º.-Réxime de funcionamento.

O Caex poderá funcionar en pleno ou nas subcomisións ou grupos de traballo que se creen, que se reunirán coa periodicidade que determine o réxime de sesións que se estableza no seu regulamento de funcionamento.

a) O pleno reunirase polo menos unha vez ao ano, e sempre que o requira o exercicio das súas funcións.

b) O Caex aprobará o seu regulamento de réxime interior no que se preverá a posibilidade de crear subcomisións e grupos de traballo, organizados por especialidades. En todo o non previsto no seu regulamento de réxime interior, o réxime de funcionamento do Caex será o establecido para os órganos colexiados no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

c) Os/as vogais do Caex poderán delegar a súa intervención e voto, sempre por causa xustificada, logo de comunicación á secretaría deste.

d) A pertenza ao Caex non outorgará dereito a remuneración ningunha, coa excepción das axudas de custo e indemnizacións que poidan corresponder de acordo coa normativa en vigor.

Artigo 6º.-Memoria de actividades.

O Caex elaborará con carácter periódico unha memoria sobre as actividades desenvolvidas en cumprimento das súas funcións, que poderá ser publicada pola Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Disposición adicional

Única.-Recursos humanos e materiais.

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza facilitará os recursos humanos e materiais necesarios ou de apoio para coadxuvar ao funcionamento do Caex, sen que se xere un incremento do orzamento que ten asignado.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas as seguintes normas:

-O Decreto 170/1997, do 3 de xullo, polo que se crea a Comisión de Acción Exterior da Xunta de Galicia.

-A orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 12 de setembro de 1997, pola que se establece o réxime de funcionamento do comité preparatorio da Comisión de Acción Exterior da Xunta de Galicia.

-A orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 20 de xaneiro de 1998, pola que se modifica a do 12 de setembro de 1997, pola que se establece o réxime de funcionamento do Comité preparatorio da Comisión de Acción Exterior da Xunta de Galicia.

-O acordo do Consello da Xunta de Galicia do 18 de setembro de 1997, polo que se aproban as normas de funcionamento da Comisión de Acción Exterior da Xunta de Galicia.

-O acordo do Consello da Xunta de Galicia do 17 de xullo de 1997, de procedemento de aprobación e depósito de instrumentos convencionais exteriores.

Así mesmo, quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación normativa.

A persoa titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza ditará as disposicións de desenvolvemento necesarias para permitir o idóneo funcionamento do Caex.

Segunda.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de xullo de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza