DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Mércores, 05 de agosto de 2009 Páx. 13.112

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 23 de xullo de 2009 pola que se modifica a Orde do 23 de febreiro de 2009, pola que se regulan as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social para investimento, mantemento e promoción de actividades e programas de servizos sociais, e se procede á súa convocatoria.

No Diario Oficial de Galicia nº 44, do 4 de marzo de 2009, publicouse a orde do 23 de febreiro de 2009 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social para investimento, mantemento e promoción de actividades e programas de servizos sociais, e se procede á súa convocatoria.

Coa finalidade de adecuar a citada orde aos cambios producidos na estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, coa aprobación do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia; do Decreto 245/2009, do 30 de abril, polo que se regulan as delegacións territoriais da Xunta de Galicia, e do Decreto 335/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, resulta urxente aboar as modificacións que sexan necesarias na composición das comisións de valoración e nas delegacións de competencias para resolver as diferentes modalidades de subvención recollidas na orde de convocatoria, que aínda non tivesen acadada a fase de resolución, co fin de que conforme os principios de eficacia e celeridade que deben inspirar a actuación e a organización administrativa, poida procederse á resolución das diferentes convocatorias.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3º e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modificación do artigo 11 da Orde do 23 de febreiro de 2009 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social para investimento, mantemento e promoción de actividades e programas de servizos sociais, e se procede á súa convocatoria.

Modifícase o artigo 11 da orde mencionada sobre as comisións de valoración, que queda redactado como segue:

A composición das comisións de valoración será a seguinte:

A. Nos servizos centrais:

A.1 Para a concesión de subvencións de servizos sociais de atención primaria:

-Presidente: o subdirector xeral de Inclusión Social e Cooperación coas Corporacións ou persoa designada para substituílo.

-Vogais: a xefa de servizo de Prestacións e un funcionario do servizo de Prestacións. Actuará como secretario, con voz pero sen voto, un funcionario por proposta da secretaria xeral de Familia e Benestar.

A.2 a) Para a concesión de subvencións de investimento en centros e servizos de atención especializada na área de atención a persoas con discapacidade:

-Presidenta: a directora xeral da Dependencia e Autonomía Persoal ou persoa designada para substituíla.

-Vogais: o subdirector xeral de Promoción da Autonomía Persoal e o xefe de servizo de Promoción da Accesibilidade. Actuará como secretario, con voz pero sen voto, un funcionario por proposta da directora xeral da Dependencia e Autonomía Persoal. Poderase convocar, con voz pero sen voto, un representante da Intervención Delegada.

A.2 b) Para a concesión de subvencións de mantemento e de promoción de actividades de servizos sociais de atención especializada na área de atención a persoas con discapacidade:

-Presidenta: a directora xeral da Dependencia e Autonomía Persoal ou persoa designada para substituíla.

-Vogais: o subdirector xeral de Promoción da Autonomía Persoal e o xefe de servizo de Equipamentos e Servizos para Persoas con Discapacidade. Actuará como secretario, con voz pero sen voto, un funcionario por proposta da directora xeral da Dependencia e Autonomía Persoal.

A.3 Para a concesión de subvencións de servizos sociais de atención especializada na área de atención a persoas maiores:

-Presidenta: a directora xeral da Dependencia e Autonomía Persoal ou persoa designada para substituíla.

-Vogais: o subdirector xeral de Promoción da Autonomía Persoal e o xefe de servizo de Programas de Promoción da Autonomía Persoal. Actuará como secretario, con voz pero sen voto, un funcionario por proposta da directora xeral da Dependencia e Autonomía Persoal.

A.4 Para a concesión de subvencións de servizos sociais de atención especializada na área de atención a menores de protección:

-Presidente: o subdiretor xeral de Familia e Menores ou persoa designada para substituílo.

-Vogais: a xefa de servizo de Defensa do Menor e un funcionario do Servizo de Defensa do Menor. Actuará como secretario, con voz pero sen voto, un funcionario por proposta da secretaria xeral de Familia e Benestar.

B. Nos servizos periféricos:

B.1 Para a concesión de subvencións de servizos sociais de atención primaria:

-Presidente: o xefe de Servizo de Prestacións e Inclusión nos departamentos territoriais da Consellería de Traballo e Benestar ou persoa designada para substituílo.

-Vogais: dous funcionarios do servizo de Prestacións e Inclusión. Actuará como secretario un dos vogais. Poderase convocar, con voz pero sen voto, un representante da Intervención Territorial.

B.2 Para a concesión de subvencións de mantemento e de promoción de actividades de servizos sociais de atención especializada na área de atención a persoas con discapacidade:

-Presidente: o xefe de servizo da Dependencia e Autonomía Persoal nos departamentos territoriais da Consellería de Traballo e Benestar ou persoa designada para substituílo.

-Vogais: dous funcionarios do servizo da Dependencia e Autonomía Persoal. Actuará como secretario un dos vogais. Poderase convocar, con voz pero sen voto, un representante da Intervención Territorial.

B.3 Para a concesión de subvencións de mantemento e de promoción de actividades de servizos sociais de atención especializada na área de atención a persoas maiores:

-Presidente: o xefe de servizo da Dependencia e Autonomía Persoal nos departamentos territoriais da Consellería de Traballo e Benestar ou persoa designada para substituílo.

-Vogais: dous funcionarios do servizo da Dependencia e Autonomía Persoal. Actuará como secretario un dos vogais. Poderase convocar, con voz pero sen voto, un representante da Intervención Territorial.

Artigo 2º

Modificación dos puntos 1 e 2 do artigo 13 da Orde do 23 de febreiro de 2009 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social para investimento, mantemento e promoción de actividades e programas de servizos sociais e se procede á súa convocatoria.

Modifícanse os apartados 1 e 2 do artigo 13 da orde mencionada, que quedan redactados como segue:

1. Serán resoltas pola secretaria xeral de Familia e Benestar, por delegación da conselleira de Traballo e Benestar, as seguintes solicitudes de subvención:

-As destinadas a investimento, mantemento e promoción de actividades no nivel de atención primaria, que sexan presentadas por asociacións ou entidades de ámbito supraprovincial.

-As destinadas a mantemento e promoción de actividades no nivel de servizos especializados de atención a persoas con discapacidade, que sexan presentadas por asociacións ou entidades de ámbito supraprovincial.

-As destinadas a mantemento e promoción de actividades no nivel de servizos especializados de atención a persoas maiores, que sexan presentadas por asociacións ou entidades de ámbito supraprovincial, e as presentadas por entidades que conten con máis de mil socios.

-As destinadas a investimento en centros de servizos especializados na área de atención a persoas con discapacidade, maiores e a menores de protección, con independencia do ámbito territorial de actuación da asociación ou entidade solicitante.

2. Nos demais casos non previstos no punto anterior, delégase a competencia para resolver a concesión das subvencións solicitadas ao abeiro da presente orde nos xefes ou xefas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, segundo o seu respectivo ámbito territorial, e de acordo coas correspondentes desconcentracións que se fagan dos créditos da orde unha vez fiscalizadas polas intervencións competentes.

Artigo 3º

Modificación das disposicións adicionais primeira e segunda da Orde do 23 de febreiro de 2009 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social para investimento, mantemento e promoción de actividades e programas de servizos sociais e se procede á súa convocatoria.

Modifícanse as disposicións adicionais primeira e segunda da orde mencionada que quedan redactadas como segue:

Primeira.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Traballo e Benestar na secretaria xeral de Familia e Benestar para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas no artigo 13.1º.

Segunda.-Coas excepcións previstas no punto primeiro do artigo 13, apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Traballo e Benestar nos xefes/as territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, no seu respectivo ámbito territorial, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta dos pagamentos, en relación co disposto no artigo 73a) do Decreto Lexislativo 1/1999, do 7 de outubro polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 4º

Modificación da redacción da disposición derradeira primeira da Orde do 23 de febreiro de 2009 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións a entidades de iniciativa social para investimento, mantemento e promoción de actividades e programas de servizos sociais e se procede á súa convocatoria.

Modifícase a redacción da disposición derradeira da orde mencionada que queda como segue:

Primeira.- Autorízase a secretaria xeral de Familia e Benestar para ditar as normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2009.

Beatriz Mato Otero

Conselleira de Traballo e Benestar