DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Mércores, 05 de agosto de 2009 Páx. 13.104

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO

ORDE do 31 de xullo de 2009 pola que se convocan exames para a habilitación de guías de turismo especializados de Galicia.

Ao abeiro do establecido no Decreto 42/2001, do 1 de febreiro, de refundición en materia de axencias de viaxes, guías de turismo e turismo activo, esta consellería, en exercicio das competencias sinaladas no decreto de estrutura orgánica da Consellería de Cultura e Turismo, acorda convocar probas para a obtención da habilitación como guía de turismo especializado de Galicia e

DISPÓN:

Primeiro.-Convocar exames para a obtención da habilitación de guías de turismo especializados/as de Galicia, que se realizarán de acordo coas bases contidas no anexo I desta Orde.

Segundo.-O programa que rexerá nestas probas é o que figura como anexo II desta orde.

Esta disposición entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou poderase impugnar directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, segundo o artigo 8.2º en conexión co artigo 10.1º da Lei 1998, do 13 de xullo.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2009.

Roberto Varela Fariña

Conselleiro de Cultura e Turismo

ANEXO I

Bases da convocatoria

Primeira.-De conformidade co establecido no artigo 36 do Decreto 42/2001, convócase a realización de probas de aptitude para a obtención da habilitación de guía de turismo especializado de Galicia, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tamén poderán participar nas probas os guías de turismo con habilitación en vigor en Galicia que desexen ampliala a outros idiomas ou, se é o caso, ao ámbito da comunidade autónoma.

Así mesmo, poderán tomar parte nestas probas os guías de Estados membros da Unión Europea que teñan habilitación en vigor para o exercicio da profesión de guía turístico nos devanditos estados, de conformidade co exixido no Real decreto 1837/2008 (Directivas 2005/36 e 2006/100).

Segunda.-Requisitos dos/as solicitantes.

2.1. Os aspirantes que pretendan concorrer ás probas para a obtención da habilitación como guía de turismo especializado de Galicia deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 37 do Decreto 42/2001.

a) Ser maior de idade.

b) Ter a nacionalidade dun país membro da Unión Europea, dun país asociado ao acordo sobre o Espazo Económico Europeo ou dun país con convenio de reciprocidade con España neste ámbito.

c) Estar en posesión, como mínimo, dalgún dos seguintes títulos:

Técnico/a superior en información e comercialización turística.

Técnico/a en empresas e actividades turísticas.

Gran diploma do Centro Superior de Hostalaría de Galicia.

Calquera outro título superior universitario, licenciatura ou doutoramento.

No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberá estar en posesión do documento que acredite de modo que faga fe a súa homologación en España pola autoridade competente.

d) Non padecer ningunha enfermidade nin limitación física que poidan ser incompatibles coas funcións de guía de turismo.

e) Acreditar o dominio das linguas cooficiais da Comunidade Autónoma de Galicia, é dicir, galego e castelán, e algunha lingua estranxeira das que se soliciten no anexo III.

Terceira.-Solicitudes.

3.1. Lugar e prazo de presentación de solicitudes.

As persoas que desexen tomar parte nestas probas de habilitación deberán facelo constar mediante instancia dirixida ao conselleiro de Cultura e Turismo, segundo os modelos que correspondan dos que figuran nos anexos III e IV desta disposición, no prazo de 20 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Xunto coa instancia presentarase a seguinte documentación.

a) Fotocopia compulsada dalgún dos títulos exixidos na base segunda punto 2.1 c) desta orde.

b) Xustificante de ter aboados os dereitos de exame, expedido pola entidade bancaria correspondente.

De conformidade co disposto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións da Comunidade Autónoma de Galicia, como requisito necesario para participar nestas probas, deberá presentar o xustificante de ter aboado en concepto de dereitos de exame o importe de 39,02 € en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos da Comunidade Autónoma de Galicia.

O ingreso da taxa efectuarase no impreso oficial de autoliquidación de taxas. Este impreso facilitaráselles aos/as interesados/as no rexistro único da Xunta de Galicia, no rexistro auxiliar da Secretaría Xeral para o Turismo e nos rexistros dos departamentos territoriais da Xunta de Galicia ou en calquera outro rexistro oficial da Xunta de Galicia, debendo cubrirse cos seguintes códigos:

Consellería de Cultura e Turismo: código 10.

Servizos centrais: código 13.

Secretaría Xeral para o Turismo: código 05.

Taxa: denominación: inscrición participación exames para a habilitación de guías de turismo especializados de Galicia: código 311907.

A presentación do xustificante do ingreso das taxas, no que non figure o selo da entidade bancaria con indicación da data, determinará a exclusión do/da aspirante/a. En ningún caso a presentación deste xustificante suporá a substitución da presentación, en tempo e forma, da solicitude.

Poderase facer efectivo, así mesmo, o pagamento da taxa por internet nas entidades financeiras actualmente autorizadas. Para isto, deberán acceder á oficina tributaria, a través da oficina virtual na páxina web da Consellería de Facenda (www.facenda.org) e premer a ligazón taxas, prezos, multas e sancións no menú da marxe esquerda. Neste caso, unha vez efectuado o pagamento da taxa correspondente, imprimirase o xustificante de ter aboada a taxa, que será o que se achegue coa instancia. En ningún caso, a presentación deste xustificante suporá a substitución da presentación, en tempo e forma, da solicitude.

O importe, aboado en concepto de dereitos de exame devolveráselles, despois dos trámites correspondentes, aos/as aspirantes excluídos/as que o soliciten no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución da Secretaría Xeral para o Turismo pola que se declare tal exclusión.

c) Para os efectos da exención prevista no terceiro exercicio, documento xustificativo (orixinal ou fotocopia debidamente compulsada) de estar en posesión do título Celga 4, curso de perfeccionamento de galego, ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (publicada no DOG nº 146, do 3 de xullo).

3.2. Modo de presentación das solicitudes.

3.2.1. As solicitudes presentaranse no rexistro único da Xunta de Galicia, no rexistro auxiliar da Secretaría Xeral para o Turismo, nos rexistros dos departamentos territoriais da Xunta de Galicia, ou en calquera dos outros rexistros ou organismos a que fai referencia o artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3.2.2. Tamén poderán presentarse en formato electrónico, en vez de en papel, ante o rexistro telemático da Xunta de Galicia, mediante sinatura electrónica do/a representante legal do/a solicitante ou persoa que o/a representa e cando non sexa preciso achegar ningunha documentación en papel, téndose que cumprir o seguintes requisitos:

O/a solicitante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 recoñecido pola plataforma de validación e sinatura electrónica @ firma. Os/as solicitantes recoñecidos/as son: DNI electrónico, Camerfirma, izenpe, CATCert (Axencia Catalá de Certificación), ANF AC, SCR (Servizo de Certificación dos Rexistradores), ACA, ACCV (Autoridade de Certificación da Comunidade Valenciana), Ancert (Axencia Notarial de Certificación), FNMT (Fábrica Nacional de Moeda e Timbre), Firmaprofesional e Banesto CA.

Xunto cos formularios de solicitude, deberá anexarse en formato electrónico a documentación a que se fai referencia na base 3.1. a), b) e c) desta orde. Para isto, no proceso de formalización telemática permitirase anexar á solicitude os arquivos informáticos necesarios. No caso de presentación telemática, unha vez asinados co certificado dixital do/a presentador/a os formularios normalizados, procederase á transferencia telemática da dita documentación ao Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, creado polo Decreto 164/2005, do 16 de xuño. Unha vez completado o proceso de transferencia telemática, efectuarase a anotación correspondente no Rexitro de Entrada, e nese momento expedirase, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación.

Cuarta.-Validación de coñecementos.

4.1. Os/as profesionais xa habilitados/as pola Xunta de Galicia como guías de turismo especializados/as de Galicia para un ámbito territorial inferior ao autonómico que desexen ampliar a habilitación a todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia estarán exentos/as de realizar as probas de galego, castelán e dos idiomas que constasen nas súas habilitacións, así como da avaliación sobre as materias que constan no temario cultural que figura no anexo II da presente orde (temas 1 ao 20 ambos os dous inclusive).

4.2. Así mesmo, os/as profesionais xa habilitados/as pola Xunta de Galicia como guías de turismo especializados/as de Galicia para todo o ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, que desexen ser habilitados para outros idiomas distintos aos da súa habilitación, tan só deberán superar as correspondentes probas de idiomas.

Quinta.-Recoñecemento profesional para o exercicio permanente da profesión de guía de turismo na Comunidade Autónoma de Galicia.

5.1. Os/as nacionais dun país membro da Unión Europea ou dun país asociado ao acordo sobre o espazo económico europeo que posúan un título conxunto de títulos ou habilitación que lles permitan exercer a profesión de guía de turismo especializado/a nos seus países de procedencia que teñan solicitado o recoñecemento profesional ao abeiro do establecido no Decreto 42/2001, do 1 de febreiro, de refundición en materia de axencias de viaxes, guías de turismo e turismo activo, e deban someterse a unha proba de aptitude sobre as materias que nunca cursaron, segundo determine a Secretaría Xeral para o Turismo, poderán participar nestes exames nas mesmas condicións que as previstas no punto 4.1. desta convocatoria, coa excepción da acreditación de coñecementos lingüísticos nos idiomas oficiais da comunidade autónoma, galego e castelán.

5.2. A solicitude de recoñecemento profesional deberase ter efectuada antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes á que se fai referencia na base 3.1.

Sexta.-Idiomas.

6.1. Avaliaranse, en todo caso, os seguintes idiomas estranxeiros: inglés, francés, alemán, italiano, portugués e xaponés.

6.2. Sobre o resto dos idiomas estranxeiros solicitados polos/as interesados/as, a Secretaría Xeral para o Turismo, en función do número de solicitudes presentadas e da valoración da demanda turística dese idioma, reserva para si o dereito a determinar se serán ou non obxecto de avaliación. Esta circunstancia farase constar na lista de admitidos/as e excluídos/as.

6.3. Cando un/ha candidato/a resulte excluído/a por solicitar só un ou varios idiomas que non vaian ser obxecto de exame, o importe que, se é o caso, aboase en concepto de exame, devolveráselles despois dos trámites correspondentes.

Sétima.-Admisión dos/as aspirantes.

7.1. Expirado o prazo de presentación de instancias, o conselleiro de Cultura e turismo ditará resolución pola que se declarará aprobada a lista de admitidos/as e excluídos/as, así como as causas da súa exclusión. Na lista deberá constar, en todo caso, os apelidos, nome e número do documento nacional de identidade ou de calquera outro documento identificativo equivalente.

7.2. A lista de admitidos/as e excluídos/as expoñerase durante 15 días no taboleiro de anuncios del Consellería de Cultura e Turismo, no da Secretaría Xeral para o Turismo, nos dos departamentos territoriais da Xunta de Galicia e na páxina web desta consellería.

7.3. Os/as aspirantes excluídos/as disporán dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da publicación da lista, para poder emendar, se é o caso, o defecto que motivase a exclusión (artigo 71 da Lei 30/1992).

7.4. Para tal efecto, a estimación ou desestimación das ditas peticións de emendas entenderanse implícitas na resolución pola que se publique a lista definitiva.

7.5. Unha vez transcorrido dito prazo, o conselleiro de Cultura e Turismo ditará resolución pola que se declarará definitivamente aprobada a lista de admitidos/as e excluídos/as. Contra esta resolución poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta consellería no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou poderase interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela no prazo de 2 meses contados desde a mesma data, de conformidade co disposto no artigo 8 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, en relación co artigo 14.2º do mesmo texto legal.

7.6. O feito de figurar na relación de admitidos/as non prexulga que se lles recoñeza aos/as interesados/as a posesión dos requisitos exixidos no procedemento que se convoca mediante esta orde. Cando da documentación que debe presentarse, no caso de superar o exame, se desprenda que non posúen algún dos requisitos, os/as interesados/as decaerán en todos os dereitos que se puideran derivar da súa participación neste procedemento.

Oitava.-Realización dos exames.

8.1. Unha vez publicadas as listas definitivas de admitidos e excluídos, fixarase a data de comezo do primeiro exercicio.

8.2. Os exames realizaranse na cidade de Santiago de Compostela, no lugar, datas e horas que se publicarán no taboleiro de anuncios da Consellería de Cultura e Turismo, no da Secretaría Xeral para o Turismo, nos dos departamentos territoriais da Xunta de Galicia e na web desta consellería. O anuncio publicarase con 48 horas, polo menos, de anticipación á sinalada para o seu inicio.

Novena.-Tribunal.

9.1. A composición do tribunal cualificador destas probas será a seguinte:

Titulares:

Presidenta: Mª Carmen Pita Urgoiti-directora xerente de Turgalicia.

Vogais:

-Mª del Carmen Ramallal Molina-xefa do Servizo de Turismo da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Cultura e Turismo.

-Olga Villanueva Novoa-funcionaria de Secretaría Xeral para o Turismo.

-Montserrat Villarino Pérez-profesora de xeografía e do lecer, da facultade de xeografía e historia da Universidade de Santiago de Compostela.

-Andrés Rosende Valdés, profesor de historia da arte da facultade de xeografía e historia da Universidade de Santiago de Compostela.

Secretaria: Felicidad Casas Suárez-xefa do Servizo de Ordenación do Turismo da Secretaría Xeral para o Turismo.

Suplentes:

Presidenta: Mª Luisa Carreira García-funcionaria da Secretaría Xeral para o Turismo.

Vogais:

-Javier Rubal Pastor-xefe de Servizo de Inspección da Secretaría Xeral para o Turismo.

-Olga Nogueira Abuín-funcionaria da Secretaría Xeral para o Turismo.

-Rafael Rodríguez Martínez-Conde-profesor de xeografía e do lecer, da facultade de xeografía e historia da Universidade de Santiago de Compostela.

-Mª Dolores Barral Ribadulla-profesora de historia da arte da facultade de xeografía e historia da Universidade de Santiago de Compostela.

Secretaria: Mª Jesús Gutiérrez Tosar-funcionaria da Secretaría Xeral para o Turismo.

9.2. Para xulgar as probas de idiomas, o tribunal poderá solicitar a presenza de persoas cualificadas que o asistan, con voz pero sen voto, se así o considera conveniente. A designación destas persoas será comunicada ao conselleiro de Cultura e Turismo.

9.3. Os membros do tribunal estarán suxeitos ás causas de abstención e recusación previstas nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

9.4. O/a presidente/a do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que o primeiro e o terceiro exercicio sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos/as aspirantes, utilizando para iso os impresos adecuados.

9.5. O tribunal excluirá a aqueles/as candidatos/as en cuxos exercicios figuren marcas ou sinos que puideran permitir coñecer a identidade do/da aspirante.

9.6. Por cada sesión do tribunal levantarase acta que, lida ao principio da sesión seguinte e feitas, se é o caso, as rectificacións que procedan, aprobarase coa sinatura do/a secretario/a e o visto e prace do/a presidente/a.

9.7. O tribunal que actúe nestas probas terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

9.8. As comunicacións que lle formulen os/as aspirantes ao tribunal dirixiranse á Consellería de Cultura e Turismo, Secretaría Xeral para o Turismo (praza de Mazarelos 15, Santiago de Compostela).

Décima.-Exercicios.

10.1. As probas de habilitación para guía de turismo especializado/a de Galicia consistirán nos bloques seguintes de exercicios, todos eles eliminatorios e realizados na orde que se indica.

10.2. Primeiro exercicio, de carácter eliminatorio.

10.2.1. Consistirá en responder por escrito un cuestionario de sesenta (60) preguntas tipo test con catro (4) respostas alternativas, propostas polo tribunal das cales só unha será a correcta, correspondentes a todo o contido do programa que figura no anexo II desta orde. O tempo máximo para a realización desta proba será de sesenta (60) minutos.

10.2.2. Os/as profesionais xa habilitados/as pola Xunta de Galicia como guías de turismo especializados/as de Galicia comprendidos no punto 4.1 e os profesionais comprendidos no punto 5.1 desta convocatoria, tan só deberán contestar por escrito un cuestionario de corenta (40) preguntas tipo test con catro (4) respostas alternativas propostas polo tribunal das que só unha será a correcta, correspondentes aos temas do 21 ao 52, ambos inclusive, do programa que figura no anexo II desta orde. Neste caso, o tempo máximo para a realización desta proba será de corenta (40) minutos.

Así mesmo, os/as profesionais xa habilitados pola Xunta de Galicia como guías de turismo especializados/as de Galicia para todo ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, que desexen ser habilitados/as para outros idiomas distintos aos da súa habilitación, estarán exentos da realización desta proba.

10.2.3. Esta proba cualificarase con apto/a ou non apto/a e corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecemento exixido para acordar a condición de apto/a. No obstante, para superar esta proba será preciso contestar correctamente, polo menos, á metade das preguntas do cuestionario.

10.2.4. As cualificacións publicaranse unha vez finalizada a corrección da totalidade dos exercicios nos referidos taboleiros de anuncios e na páxina web desta consellería.

10.3. Segundo exercicio de carácter eliminatorio.

10.3.1. Consistirá en manter unha conversa cos membros do tribunal, ou coas persoas que o asistan, nun tempo máximo de quince minutos en cada un dos idiomas solicitados, sobre un tema correspondente ao bloque do programa, itinerarios e recursos turísticos, elixido entre dous propostos polo tribunal.

10.3.2. Este exercicio valorarase como apto/a ou non apto/a, e é necesario para superalo obter o resultado de apto/a, correspondéndolle ao tribunal determinar o nivel de coñecemento exixido para acordar a condición de apto/a.

10.3.3. As cualificacións publicaranse diariamente unha vez finalizadas as exposicións orais, no lugar onde teñan lugar as probas. Unha vez finalizada a corrección da totalidade dos exercicios, publicaranse as cualificacións deste 2º exercicio nos referidos taboleiros de anuncios e na páxina web desta consellería.

10.4. Terceiro exercicio de carácter eliminatorio, constará de dúas probas:

10.4.1. Primeira proba: consistirá na tradución dun texto de castelán para o galego, elixido ao chou de entre dous textos propostos polo tribunal.

10.4.2. Segunda proba: consistirá na tradución dun texto do galego para o castelán, elixido ao chou de entre dous textos propostos polo tribunal.

10.4.3. O tempo máximo para a realización do exercicio será dunha hora.

10.4.4. Este exercicio valorarase como apto/a ou non apto/a, e é necesario para superalo obter o resultado de apto/a, correspondéndolle ao tribunal determinar o nivel de coñecemento exixido para acordar a condición de apto/a.

10.4.5. As cualificacións desta proba publicaranse unha vez finalizada a corrección da totalidade dos exercicios, nos referidos taboleiros de anuncios e na páxina web desta consellería.

10.4.6. Os aspirantes deberán presentarse para a realización de cada exercicio provistos do DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade. Así mesmo, deberán presentarse provistos do correspondente lapis do nº 2 e goma de borrar para a realización dos exercicios tipo test.

Décimo primeira.-Exención.

11.1. Estarán exentos da realización do terceiro exercicio os/as aspirantes que acrediten posuír, no día da finalización do prazo de presentación de solicitudes, o curso de perfeccionamento de galego ou equivalente.

11.2. Os/as profesionais aos que se lles teña recoñecida a habilitación pola Xunta de Galicia como guías de turismo especializados/as de Galicia estarán, así mesmo, exentos/as de realizar esta proba.

Décimo segunda.-Lista de aprobados/as e presentación de documentación.

12.1. Unha vez rematados os tres exercicios, o tribunal redactará as listas dos/as candidatos/as declarados/as aptos/as e propoñeralle ao conselleiro de Cultura e Turismo a súa habilitación como guías de turismo especializados/as de Galicia, ou a ampliación da habilitación xa outorgada a todo o territorio da comunidade autónoma ou para determinados idiomas, segundo se trate, sempre que cumpran todos os requisitos exixidos nas bases desta orde. As listas expoñeranse nos taboleiros de anuncios da Consellería de Cultura e Turismo no da Secretaría Xeral para o Turismo, nos dos departamentos territoriais da Consellería de Cultura e Turismo e na páxina web desta consellería.

12.2. Mediante resolución do conselleiro de Cultura e Turismo elevarase a definitiva a proposta do tribunal dos/as aspirantes que superen os exames establecidos e publicarase nos taboleiros de anuncios referidos e na web.

12.3. A partir desta publicación computarase o prazo de vinte días naturais para que os/as aspirantes presenten na Secretaría Xeral para o Turismo os seguintes documentos:

a) Tres fotografías tamaño carné.

b) Certificado médico oficial no que se acrediten os extremos sinalados na base 2ª letra d) desta convocatoria.

12.4. Os/as candidatos/as declarados/as aptos/as que non presenten a documentación exixida no prazo establecido ou a presenten incompleta ou incorrecta, agás casos de forza maior debidamente acreditados, perderán o seu dereito, sen prexuízo de promoveren os recursos que correspondan.

12.5. Completada a referida documentación, aos/as candidatos/as declarados/as aptos/as outorgaráselles, por parte do conselleiro de Cultura e Turismo, a habilitación como guías de turismo especializados/as de Galicia, ou ampliaráselles a que posúan para todo o ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, ou para os idiomas que correspondan segundo se trate, para o cal se lles expedirá un carné en que constará o idioma ou idiomas que acreditasen coñecer, xunto cun distintivo que deberán levar en lugar visible durante o exercicio da súa actividade.

ANEXO II

Temario cultural.

1. Características xeográficas de Galicia: situación, principais trazados físicos. Galicia na Península Ibérica.

2. Estrutura socioeconómica de España. Economía de Galicia: dun país de base agraria á diversificación e modernización produtiva.

3. A poboación e a ocupación do espazo en Galicia. Estancamento demográfico e polarización do crecemento no litoral.

4. A Galicia prerromana. O megalitismo. A idade de bronce. A cultura castrexa. A influencia céltica.

5. A cultura galaico-romana. As vías. Asentamentos rurais e urbanos. A articulación político administrativa da Gallaecia. As explotacións mineiras. Cristianización e conflito priscilianista.

6. Séculos V-X. O reino suevo de Galicia. O proceso de feudalización. As relacións aristocracia-monarquía-igrexa. A presenza normanda.

7. Arte medieval: o prerrománico en Galicia. O esplendor románico. O gótico.

8. Séculos XI-XIII: crecemento demográfico e expansión económica. Xelmírez. Reordenación do espazo político: a independencia de Portugal. A literatura medieval galaico-portuguesa. Os reis de Galicia e León Fernando II e Alfonso IX: o renacemento urbano.

9. Séculos XIV-XV: a Baixa Idade Media e a transición á Idade Moderna. O reino de Galicia na monarquía castelá. Crises económicas. Conflitos sociais e políticos. O comercio marítimo galego. Os Irmandiños.

10. O monacato en Galicia na Idade Media. As ordes militares en Galicia. Oríxenes e desenvolvemento da universidade en Galicia.

11. A Galicia do antigo réxime. Desenvolvemento demográfico. Institucións político-administrativas. Fidalguía, foro e campesiñado. Peculiaridades do mundo urbano. Transformacións agropecuarias.

12. A arte renacentista en Galicia. A arquitectura e escultura barroca en Galicia. Exemplos das súas manifestacións máis importantes.

13. A transición á Idade Contemporánea. A incipiente industrialización. A Ilustración. A emigración. O agrarismo.

14. Modelos e evolución da arquitectura galega no século XIX. Clasicismo e academicismo. Eclecticismo e historicismo.

15. A literatura do Rexurdimento. Rosalía de Castro. Eduardo Pondal. Curros Enríquez.

16. Antecedentes da autonomía galega. O galeguismo. O século XX en Galicia e o proceso de modernización.

17. Arquitectura modernista en Galicia. A xeración Nós. O movemento renovador e de vangarda da arte galega. Tendencias actuais da arte e da literatura de Galicia. Grandes literatos galegos en lingua castelá.

18. Arquitectura popular galega. Materiais, elementos construtivos e tipoloxía da casa vivenda. Hórreos, cruceiros, petos de ánimas, fontes, o muíño.

19. Artesanía e oficios populares. A lingua galega.

20. O folclore: música e traxes típicos. Romarías e festas populares. Feiras. Crenzas. A gastronomía. Os viños. Principais aspectos da cociña e da viticultura de Galicia. Festas gastronómicas.

Temario de itinerarios e recursos turísticos.

21. Xestión, asesoramento e asistencia a grupos turísticos.

22. Recursos turísticos de Galicia. Trazos diferenciais da oferta turística galega. Diversificación e novas ofertas: termalismo, golf, turismo náutico, turismo rural, congresos e convencións. Turismo activo e de natureza.

23. Paisaxe e áreas naturais no litoral: rías, illas e praias, zonas húmidas e areais, acantilados.

24. Paisaxe e áreas naturais de interior: as montañas, os vales fluviais, os bosques e as lagoas.

25. Costa norte e Rías Altas desde Caión a Ribadeo.

26. Desde Fisterra a Caión. Especial significación da Costa da Morte.

27. As Rías Baixas. Desde Fisterra á desembocadura do Miño.

28. A Galicia interior: serras setentrionais. Dorsal galega. Penechaira galega. Depresión de Ourense, A Limia. Val de Monterrei. Val de Arnoia. Terras do Carballiño. Val do Ribeiro. Valdeorras. O chanzo de Santiago. Fosa Padrón-Tui. As bacías do Tambre e o Ulla. Serras meridionais.

29. As serras orientais e o macizo central ourensán.

30. Visita á cidade e provincia da Coruña.

31. Visita á cidade e provincia de Lugo.

32. Visita á cidade e provincia de Ourense.

33. Visita á cidade e provincia de Pontevedra.

34. Visitas ás cidades e vilas de Betanzos, Muros, Noia, Viveiro, Mondoñedo, Ribadavia, Allariz, Baiona e Cambados.

35. Visita á cidade e ría de Vigo. Tui e o Baixo Miño.

36. Visita á cidade de Santiago de Compostela.

37. O Camiño francés e outros tramos galegos dos Camiños de Santiago.

38. A zona de Monforte de Lemos e A Ribeira Sacra.

39. Rede viaria e sistemas de transportes.

40. Oferta de aloxamentos. Localización e características. Balnearios e mananciais de augas medicinais e termais.

41. Museos principais de Galicia.

42. As catedrais.

43. Os mosteiros.

44. Dolmens, petróglifos, castros. Exemplos máis relevantes.

45. Castelos, pazos, edificios civís máis relevantes.

Temario de lexislación.

46. A Constitución española. Principios xerais. O Estatuto de autonomía de Galicia. Características xerais. Competencias da Comunidade Autónoma de Galicia.

47. A Xunta de Galicia: estrutura e funcións das distintas consellerías. A Consellería de Cultura e Turismo: estrutura e competencias.

48. Lei do turismo de Galicia. Lexislación en materia de defensa do consumidor e do usuario.

49. Aspectos fundamentais da normativa reguladora de aloxamentos turísticos: establecementos hoteleiros, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos e campamentos de turismo.

50. Aspectos fundamentais da normativa reguladora dos establecementos de restauración.

51. Aspectos fundamentais da normativa reguladora das axencias de viaxes. Normativa reguladora da profesión de guía de turismo especializado de Galicia.

52. Os parques naturais, os espazos naturais en réxime de protección xeral, os espazos naturais das normas subsidiarias e complementarias de planeamento provincial. A Rede Natura. Nocións xerais das leis de caza, pesca fluvial, patrimonio cultural de Galicia e protección do Camiño de Santiago.

Ver referencia pdf "15200D004P008.PDF"