DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Mércores, 05 de agosto de 2009 Páx. 13.102

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

ORDE do 24 de xullo de 2009 de modificación da orde da Consellería de Innovación e Industria do 31 de decembro de 2008, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións aos/ás titulares de obradoiros artesanais para actuacións de fomento e desenvolvemento do sector artesanal galego, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2009 (código de procedemento IN201G).

Os decretos 79/2009, do 19 de abril, e 83/2009, do día 21 do mesmo mes, estableceron, respectivamente, a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e dos departamentos desta, estruturándoa nas secretarías xerais, direccións xerais ou órganos de igual categoría que son necesarios para o cumprimento dos fins que a nova estrutura comporta e adscribíndolles os organismos autónomos ou entes públicos pertinentes. A entrada en vigor dos citados decretos vai supor, de acordo cos principios de eficacia, austeridade e economía, unha redución da estrutura administrativa ata o de agora existente.

Do mesmo xeito, mediante o Decreto 245/2009, do 30 de abril, polo que se regulan as delegacións territoriais da Xunta de Galicia, creáronse as delegacións territoriais da Xunta de Galicia e suprimíronse as delegacións provinciais actualmente existentes, o que supón unha nova estruturación dos órganos administrativos da administración periférica da Xunta de Galicia.

A Consellería de Innovación e Industria promulgou a Orde do 31 de decembro de 2008, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións aos/ás titulares de obradoiros artesanais para actuacións de fomento e desenvolvemento do sector artesanal galego, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2009 (código de procedemento IN201G). Esta orde de convocatoria non acadou aínda a fase de resolución e atópase na actualidade en tramitación nas distintas provincias.

A composición da comisión de valoración establecida na devandita orde e mais a determinación do órgano competente para resolver as solicitudes de subvención non se adaptan aos requirimentos da nova estrutura orgánica da Xunta de Galicia. Polo tanto, resulta urxente acometer as modificacións que sexan necesarias na composición da comisión de valoración e na determinación do órgano competente para resolver co fin de que, conforme os principios de eficacia e celeridade que deben inspirar a actuación e a organización administrativa, poida procederse á resolución da convocatoria.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3º e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo único.

Modificación da orde da Consellería de Innovación e Industria, do 31 de decembro de 2008, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións aos/ás titulares de obradoiros artesanais para actuacións de fomento e desenvolvemento do sector artesanal galego, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2009 (código de procedemento IN201G).

Os artigos 7º, 9º, número 1, 12º, números 1 e 2, 13º, 14º.4, 15º e 17º da referida orde quedan redactados como segue:

«Artigo 7º.-Órganos competentes.

A Dirección Xeral de Comercio será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, e correspóndelle ao conselleiro de Economía e Industria ditar a resolución de concesión.

Artigo 9º.-Comisión de valoración.

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados.

A composición da comisión de valoración será a seguinte:

Presidencia: a directora xeral de Comercio.

Vogais:

-O/a subdirector/a xeral de Comercio.

-Os/as xefes/as territoriais dos departamentos territoriais da Consellería de Economía e Industria.

-Secretaría: o xefe do Servizo de Promoción Comercial e da Artesanía.

Se, por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puidese asistir, será substituída pola persoa que para o efecto designe o órgano competente para resolver.

(...)

Artigo 12º.-Resolución e notificación.

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, a comisión de valoración formulará a proposta de resolución, que se elevará, a través do órgano instrutor, ao conselleiro de Economía e Industria.

2. O conselleiro de Economía e Industria, á vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía, que para as que teñan carácter plurianual expresará a cantidade outorgada con cargo ao orzamento do exercicio posterior ou, se é o caso, a causa de denegación.

En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que desenvolverá o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.

(...)

Artigo 13º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición perante o órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 14º.-Modificación da resolución.

(…)

4. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo conselleiro de Economía e Industria, logo da instrución do correspondente expediente no cal se lle dará audiencia ao/á interesado/a nos termos previstos no artigo 10º.

Artigo 15º.-Aceptación e renuncia.

Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, transcorridos quince días naturais desde a notificación ou publicación desta sen que o/a interesado/a comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo V, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o conselleiro de Economía e Industria ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1º da mesma lei.

Artigo 17º.-Xustificación da subvención.

1. Para cobrar a subvención, o beneficiario presentará no respectivo departamento territorial competente en materia de artesanía ou nos servizos centrais da Consellería de Economía e Industria, ou a través dalgunha das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a documentación xustificativa da realización do investimento que fose obxecto de subvención, tendo de prazo ata o 31 de outubro de 2009, inclusive.

(...)

2. Transcorrido o prazo indicado sen que o beneficiario presentase a documentación solicitada poderase entender que renuncia á subvención. Neste caso, a xefatura do departamento territorial competente en materia de artesanía, por delegación do conselleiro de Economía e Industria, ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Para estes efectos, deléganse as competencias do conselleiro de Economía e Industria nos departamentos territoriais da consellería, no ámbito das súas respectivas demarcacións, para autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polos beneficiarios».

Disposición adicional

As demais referencias ao conselleiro e á Consellería de Innovación e Industria contidas na convocatoria e nas bases reguladoras establecidas na devandita orde entenderanse realizadas ao conselleiro e á Consellería de Economía e Industria, respectivamente.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2009.

Javier Guerra Fernández

Conselleiro de Economía e Industria