DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Luns, 03 de agosto de 2009 Páx. 13.010

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 28 de xullo de 2009 pola que se establecen medidas para facer efectiva a aplicación da sentenza do 2 de febreiro de 2009 da Sala Terceira do Tribunal Supremo sobre a avaliación e promoción en primeiro de bacharelato.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, no seu artigo 36.2º establece que os alumnos promocionarán de 1º a 2º curso do bacharelato cando superen as materias cursadas ou teñan avaliación negativa en dúas materias como máximo. Neste caso, deberanse matricular en 2º curso das materias pendentes de 1º.

O Real decreto 1467/2007, do 2 de novembro, que establece a estrutura do bacharelato e fixa as súas ensinanzas mínimas, no artigo 14.2º, determina que o alumnado que teña avaliación negativa en tres ou catro materias poderá optar por repetir o curso na súa totalidade ou por matricularse das materias de primeiro con avaliación negativa e ampliar a matrícula con dúas ou tres materias de segundo, precepto que foi declarado nulo e sen efecto por sentenza da Sala Terceira do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo do 2 de febreiro de 2009.

O Decreto 126/2008, do 19 de xuño, establece a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 15 recolle o establecido no real decreto no referente á promoción de 1º e 2º curso do bacharelato.

A Orde do 24 de xuño de 2008 pola que se desenvolve a organización e o currículo das ensinanzas de bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, no artigo 10 precisa o recollido no artigo 15 do Decreto 126/2008.

Tendo en conta o anterior, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para facer efectiva a citada sentenza do Tribunal Supremo

DISPÓN:

Artigo 1º

O alumnado que suspenda en 1º de bacharelato máis de dúas materias, cursará de novo o curso completo e será cualificado en todas as materias.

Artigo 2º

2.1. Sen prexuízo do anterior o equipo docente, atendendo ás circunstancias persoais e académicas do alumno ou alumna, poderá decidir que o alumnado con tres ou catro materias con avaliación negativa no primeiro curso de bacharelato manteña a cualificación obtida naquelas materias que xa foron cursadas e superadas.

2.2. O previsto neste artigo non resultará de aplicación cando a nova cualificación obtida na materia cursada sexa superior á outorgada no curso académico anterior.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados os puntos 2º, 3º, 4º e 5º do artigo 10 da Orde do 24 de xuño de 2008 pola que se desenvolve a organización e o currículo das ensinanzas de bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para tomar as medidas precisas para a execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2009.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria