DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Venres, 31 de xullo de 2009 Páx. 12.930

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 20 de xullo de 2009 pola que se regulan as ensinanzas de bacharelato para persoas adultas pola modalidade presencial na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, dedica o capítulo IX do seu título primeiro á educación das persoas adultas e no seu artigo 69 establece que as administracións educativas promoverán medidas tendentes a ofrecer a todas as persoas a oportunidade de acceder ás ensinanzas de bacharelato ou da formación profesional. Igualmente establece que as administracións educativas adoptarán as medidas oportunas para que as persoas adultas dispoñan dunha oferta específica destes estudos organizada de acordo coas súas características. No seu artigo 67.2º prevé que as ensinanzas para as persoas adultas poderán desenvolverse a través do ensino presencial e tamén mediante a educación a distancia.

A Lei 9/1992, do 24 de xullo, de educación e promoción de adultos da Comunidade Autónoma de Galicia, define no seu artigo 1 a educación e promoción de adultos como un conxunto de accións de carácter educativo, cultural, social e profesional orientado a lles proporcionar a todos os residentes no territorio de Galicia que superaron a idade de escolaridade obrigatoria o acceso, de forma gratuíta e permanente, á súa formación persoal, así como a ámbitos de formación ligados a niveis educativos superiores. No seu artigo 16 establece que a educación e promoción de adultos adoptará as seguintes modalidades: presencial, semipresencial e a distancia.

O Real decreto 1467/2007, do 2 de novembro, polo que se establece a estrutura do bacharelato e se fixan as súas ensinanzas mínimas, establece na súa disposición adicional segunda que, para adaptar a oferta do bacharelato ao principio de flexibilidade que rexe a educación de persoas adultas, na oferta que realicen as administracións educativas para esas persoas adultas non será de aplicación o disposto no artigo 13 dese real decreto, artigo no cal se determinan as condicións de promoción de primeiro a segundo curso de bacharelato.

O Decreto 126/2008, do 19 de xuño, polo que se establece a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, establece na súa disposición adicional cuarta establece as condicións nas cales terá lugar a mobilidade do alumnado entre os réximes de bacharelato ordinario e de persoas adultas.

En consecuencia co anteriormente exposto e para adaptar a oferta formativa de bacharelato para persoas adultas á lexislación derivada da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é a regulación das ensinanzas de bacharelato establecidas no Decreto 126/2008, do 19 de xuño, adaptándoas ás condicións e posibilidades das persoas adultas de xeito que poidan acceder a elas e, en consecuencia, adquirir os coñecementos necesarios para obter o título de bacharelato.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación e autorización de centros.

1. Esta orde será de aplicación nos centros educativos públicos e privados que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria autorice para impartir as ensinanzas presenciais do bacharelato para persoas adultas.

2. A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos autorizará os centros correspondentes por proposta da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

3. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria autorizará estas ensinanzas en centros públicos cando as circunstancias persoais, sociais e laborais dun número suficiente de alumnos o requiran.

A modalidade ou modalidades de bacharelato presencial que un centro público poida impartir estarán comprendidas entre as que, con carácter xeral, teña autorizadas para as ensinanzas de bacharelato de réxime ordinario.

4. Para a súa autorización, os centros privados presentarán instancia do titular do centro perante o departamento territorial correspondente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, segundo prevé a disposición derradeira primeira do Decreto 133/1995, do 10 de maio, sobre a autorización de centros privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias, e a Orde do 20 de setembro de 1995 pola que se desenvolve este decreto.

Na autorización deberán constar as modalidades de bacharelato e o número de grupos que poden establecerse.

Artigo 3º.-Destinatarios.

1. Poderán acceder ás ensinanzas do bacharelato para persoas adultas as persoas que, ademais de calquera dos requisitos académicos establecidos no punto 2 deste artigo, reúnan estes requisitos de idade:

a) Con carácter xeral, ter cumpridos dezaoito anos ou cumprilos no ano natural en que comeza o curso escolar.

b) Excepcionalmente, ter cumpridos dezaseis anos e acreditar a condición de traballador ou de ser deportista de alto rendemento.

2. Requisitos académicos:

a) Título de graduado en educación secundaria obrigatoria.

b) Título de técnico correspondente á formación profesional de grao medio.

c) Título de técnico deportivo obtido tras cursar as ensinanzas deportivas de grao medio.

d)Título de técnico auxiliar de formación profesional de primeiro grao.

e) Ter aprobado o segundo curso do bacharelato unificado e polivalente ou, como máximo, con dúas materias non superadas.

f) Ter superados os cursos comúns dos estudos de artes aplicadas e oficios artísticos.

g) Ter superados os estudos do primeiro ciclo do programa experimental de reforma das ensinanzas medias (REM).

3. Acceso desde os ciclos formativos:

O alumnado que acceda ao bacharelato desde os ciclos formativos de grao medio e desexe validar algunha das materias cursadas, deberalle solicitar á dirección do centro educativo a correspondente validación, quen resolverá á vista da certificación académica dos estudos realizados e do establecido nos reais decretos dos correspondentes títulos.

Artigo 4º.-Organización académica.

1. O bacharelato presencial para persoas adultas baséase na asistencia diaria do alumnado ás sesións lectivas de cada unha das materias do currículo.

2. O bacharelato presencial para persoas adultas impartirase en dous cursos académicos, de acordo coa ordenación establecida con carácter xeral para o réxime ordinario no Decreto 126/2008, do 19 de xuño, polo que se establece a ordenación do currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, e na Orde do 24 de xuño de 2008 pola que se desenvolve a organización e o currículo das ensinanzas de bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5º.-Horarios.

1. Os períodos lectivos de cada materia non poderán ser inferiores a corenta e cinco minutos.

2. As ensinanzas do bacharelato presencial impartiranse, con carácter xeral, entre as dezasete horas e as vinte e dúas horas trinta minutos, de luns a venres.

3. Dentro deste horario máximo, os centros situarán os trinta e dous períodos lectivos asignados semanalmente a estas ensinanzas e un tempo diario de descanso, entre dúas sesións lectivas, que non será inferior aos quince minutos.

4. Para o establecemento do horario teranse en conta as necesidades específicas do alumnado que curse estas ensinanzas.

5. O xefe do departamento territorial correspondente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá autorizar, logo do informe da Inspección educativa, cambios no horario establecido no punto 1 deste artigo cando as circunstancias organizativas do centro ou as necesidades do alumnado o aconsellen.

Artigo 6º.-Prazos de matrícula.

1. O alumnado que desexe cursar as ensinanzas de bacharelato presencial deberá someterse ao procedemento e prazos establecidos con carácter xeral para a admisión do alumnado en bacharelato e deberá formalizar unha única matrícula nun único centro.

2. En calquera caso, abrirase un período extraordinario de matrícula entre o 1 e o 20 de setembro de cada ano.

Artigo 7º.-Matrícula.

1. Na formalización da matrícula cada alumno poderá optar por calquera destas opcións:

-Cursar unha das modalidades do bacharelato por curso completo.

-Cursar unha das modalidades do bacharelato por materias.

2. Coa finalidade de facilitar a adecuación do itinerario formativo de cada alumno ás súas posibilidades de escolarización, durante o primeiro trimestre do curso a dirección do centro, en función das súas posibilidades, poderá autorizar a ampliación ou a anulación da matrícula por materias. A tal fin, o alumnado que desexe cursar materias correspondentes a primeiro e segundo curso deberá matricularse inicialmente só nas materias correspondentes a primeiro. Unha vez coñecidos os horarios, poderá ampliar a matrícula con materias de segundo, sempre que poida asistir a máis do 65 por cento das horas lectivas destas, agás no caso de materias de dúas sesións semanais que será de máis do 49 por cento.

3. En calquera caso, o alumno non se poderá matricular simultaneamente por primeira vez nas ensinanzas de bacharelato en materias coa mesma denominación nos dous cursos ou con contidos progresivos, das enumeradas no artigo 3 da Orde do 24 de xuño de 2008 pola que se desenvolve a organización e o currículo das ensinanzas de bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Cando a matrícula se formalice por materias non se poderá superar a carga lectiva semanal de trinta e dous períodos lectivos previstos para estas ensinanzas por curso completo.

Artigo 8º.-Permanencia do alumnado.

1. O alumnado que curse as ensinanzas de bacharelato presencial para persoas adultas poderá permanecer durante seis anos académicos, consecutivos ou non, cursando estas ensinanzas. Para estes efectos non serán computables os anos de escolarización no réxime ordinario.

2. No caso de que un alumno ou unha alumna esgote os seis anos de permanencia establecidos no punto anterior, poderá continuar os seus estudos no bacharelato a distancia ata rematar estas ensinanzas.

3. Coa finalidade de non esgotar os anos previstos no punto 1 deste artigo, o alumnado poderá solicitar a anulación da matrícula á dirección do centro, antes de rematar o mes de marzo, cando concorran circunstancias de enfermidade prolongada, incorporación a un posto de traballo, obrigas de tipo familiar ou calquera outra circunstancia extraordinaria que impidan a asistencia regular ás clases.

Artigo 9º.-Avaliación.

1. O proceso de avaliación continua destas ensinanzas require a asistencia regular do alumnado ás clases e ás actividades programadas para as distintas materias do currículo. De non cumprirse esta norma, perderase o dereito á avaliación continua.

2. O referente para avaliar as aprendizaxes do alumnado serán os criterios de avaliación establecidos para cada unha das materias no currículo de bacharelato.

3. Os departamentos didácticos darán a coñecer no comezo de curso ao seu alumnado os obxectivos establecidos para cada materia e os criterios para a súa avaliación e cualificación.

4. Para a avaliación das aprendizaxes do alumnado estarase ao disposto no artigo 7 da Orde do 24 de xuño de 2008 pola que se desenvolve a organización e o currículo das ensinanzas de bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

5. As materias en que o alumnado obteña cualificación positiva consideraranse definitivamente superadas.

Artigo 10º.-Documentos de avaliación.

1. Os documentos básicos de avaliación son os establecidos no artigo 8 da Orde do 24 de xuño de 2008 pola que se desenvolve a organización e o currículo das ensinanzas de bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia e na Resolución do 11 de setembro de 2008 da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa pola que se establecen os modelos dos documentos oficiais de avaliación do bacharelato.

2. A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa ditará as normas correspondentes para adaptar os documentos básicos de avaliación ao alumnado do bacharelato para persoas adultas presencial.

Artigo 11º.-Promoción de curso.

1. Para a promoción do primeiro ao segundo curso, no caso do alumnado matriculado por curso completo, será preciso que o alumno supere todas as materias ou que teña dúas avaliadas negativamente como máximo. Neste último caso, esas materias terán a mesma consideración que as materias pendentes do réxime ordinario de bacharelato.

2. No caso de non poder promocionar de curso por ter máis de dúas materias avaliadas negativamente, o alumno poderá realizar a matrícula por materias.

Artigo 12º.-Titulación de bacharelato.

1. De acordo co establecido no artigo 16 do Decreto 126/2008, do 19 de xuño, os alumnos e alumnas que acaden avaliación positiva en todas as materias de primeiro e segundo curso serán propostos para a expedición do título de bacharelato.

2. Para obter o título de bacharelato, os alumnos deberán ter superado as materias comúns, seis materias propias de modalidade, tres de primeiro e tres de segundo, das cales cinco pertencerán á mesma modalidade, e dúas materias optativas, unha de cada curso.

Artigo 13º.-Mobilidade entre os diversos réximes de bacharelato.

As persoas adultas poderán incorporarse desde o bacharelato de réxime ordinario ao bacharelato para persoas adultas, e desde este último ao bacharelato de réxime ordinario. Igualmente, dentro do bacharelato para persoas adultas, poderán incorporarse ao bacharelato a distancia procedentes do presencial e viceversa, de acordo coas seguintes condicións:

1. O alumnado poderá realizar o cambio do bacharelato de réxime ordinario ao de persoas adultas, ou viceversa, e dentro deste, do presencial ao de distancia, ou viceversa, ao comezo do curso escolar. O departamento territorial correspondente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, tras o informe da inspección educativa, poderá autorizar os mencionados cambios ao longo do curso escolar cando existan causas de índole laboral ou persoal que o xustifiquen.

2. O alumnado que se incorpore ao bacharelato para persoas adultas con materias superadas do bacharelato de réxime ordinario conservará a cualificación positiva destas no réxime de persoas adultas.

3. O alumnado procedente do bacharelato a distancia que se incorpore ao bacharelato para persoas adultas presencial ou viceversa conservará as cualificacións das materias superadas.

4. O alumnado que desde as ensinanzas de adultos se incorpore ao réxime ordinario conservará as cualificacións positivas das materias superadas no bacharelato para persoas adultas. En todo caso, tras o primeiro ano escolar cursado no bacharelato de réxime ordinario, seranlle de aplicación os criterios de promoción establecidos na lexislación vixente para ese réxime de bacharelato.

5. No expediente académico e no historial académico do alumno ou da alumna redactarase dilixencia, asinada polo secretario e visada polo director, na cal se faga constar que o alumno efectuou o cambio de réxime ou de modalidade de bacharelato de acordo co previsto nesta orde.

Artigo 14º.-Compatibilidade entre as modalidades de bacharelato para persoas adultas.

1. O departamento territorial que corresponda, tras o informe da Inspección educativa, poderá autorizar, con carácter excepcional, a matrícula simultánea no bacharelato presencial e a distancia para persoas adultas, coa finalidade de facilitarlles ás persoas adultas a permanencia no ensino de bacharelato, nos seguintes casos:

a) Cando un alumno ou unha alumna matriculado no bacharelato presencial non poida asistir a algunha ou algunhas materias, por circunstancias debidamente documentadas.

b) Cando no centro en que curse bacharelato presencial non se imparta algunha materia que o alumno precise cursar para completar os seus estudos de bacharelato.

2. Nos casos previstos no punto anterior, o centro en que o alumno se matricule pola modalidade a distancia enviará ao centro de procedencia a cualificación obtida na materia ou materias en que estea matriculado. O centro de procedencia incorporará esas cualificacións aos documentos de avaliación do alumnado correspondente.

Disposición adicional

A normativa pola que se regula a organización académica do bacharelato de réxime ordinario na Comunidade Autónoma de Galicia ten carácter supletorio e é de aplicación ao bacharelato para persoas adultas presencial en todo aquilo non regulado explicitamente nesta orde.

Disposicións transitorias

Primeira.-O alumnado que no ano académico 2008-2009 ou anteriores cursou as ensinanzas de 2º de bacharelato polo réxime ordinario de acordo co currículo establecido no Decreto 231/2002, do 6 de xuño, polo que se modifica o Decreto 275/1994, do 29 de xullo, polo que se establece o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, e non superou como máximo tres materias poderá incorporarse ao bacharelato de persoas adultas e cursar esas materias durante os cursos 2009-2010 e 2010-2011 de acordo coa estrutura e currículo establecidos no citado decreto.

No caso de que non supere catro ou máis materias, poderá incorporarase ao bacharelato de persoas adultas e cursará esas materias de 2º curso de acordo coa estrutura e currículo establecidos no Decreto 126/2008, do 19 de xuño, e deberá cursar as materias obrigatorias de cada modalidade.

Segunda.-O alumnado que cursou e superou ata o final do curso 2007-2008 e durante o curso 2008-2009 bloques de materias ou materias illadas do bacharelato para persoas adultas segundo o currículo establecido no Decreto 231/2002, do 6 de xuño, polo que se modifica o Decreto 275/1994, do 29 de xullo, polo que se establece o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia poderá rematar durante os cursos 2009-2010 e 2010-2011 os estudos de bacharelato de acordo co establecido nese decreto.

Terceira.-O alumnado a que se refiren as disposicións transitorias anteriores e que ten dereito a continuar os seus estudos de bacharelato de acordo co establecido no Decreto 231/2002, do 6 de xuño, polo que se modifica o Decreto 275/1994, do 29 de xullo, polo que se establece o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, integrarase nos mesmos grupos de alumnos que seguen as ensinanzas de bacharelato reguladas polo Decreto 126/2008, do 19 de xuño, polo que se establece a ordenación e o currículo de bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, e serán avaliados de acordo coas ensinanzas reguladas no Decreto 231/2002, do 6 de xuño.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 14 de abril de 1999 pola que se ordenan e organizan as ensinanzas de bacharelato para adultos na Comunidade Autónoma de Galicia, modificada pola Orde do 5 de xullo de 2006; e todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa e á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos a ditar as instrucións precisas para a aplicación desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2009.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

a) CESAMENTOS CONSELLERÍA DO MAR