DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Mércores, 29 de xullo de 2009 Páx. 12.780

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 21 de xullo de 2009 pola que se aproba o Regulamento da denominación de orixe Rías Baixas e do seu consello regulador.

O actual regulamento da denominación de orixe Rías Baixas e do seu consello regulador foi aprobado pola orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes do 23 de outubro de 1996. A súa última modificación levouse a cabo mediante a orde da entón Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria do 15 de maio de 2000.

Con posterioridade a esas datas producíronse cambios normativos importantes no réxime xurídico das denominacións de orixe e no réxime de funcionamento dos seus consellos reguladores. No ámbito da nosa comunidade autónoma ese cambio tivo lugar coa entrada en vigor da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, e posteriormente coa do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores. Esta lei e o seu decreto de desenvolvemento citado establecen o novo marco legal a que deberán axustarse as denominacións de orixe e os seus consellos reguladores, e é a novidade de máis alcance a configuración destes órganos como corporacións de dereito público con personalidade xurídica propia.

A nova situación complétase, no caso das denominacións de carácter vínico, coa aprobación da Lei estatal 24/2003, do 10 de xullo, da viña e do viño, que introduce, entre outras novidades, a regulación dun novo réxime sancionador que derroga e fai inaplicable o recollido no regulamento desta denominación.

Por outra parte, desde a creación desta denominación de orixe produciuse un espectacular avance da vitivinicultura galega en xeral e da das comarcas desta denominación de orixe moi en particular, de xeito que se podería dicir que se produciu unha auténtica revolución no sector da vide e o viño, posiblemente sen precedentes no resto da actividade agroindustrial galega. Grazas a estes avances, os viños da denominación de orixe acadaron unha grandísima calidade que se traduce nunha xa moi consolidada reputación no mercado, tanto español como internacional. Para seguir avanzando nesta liña de mellora continua da calidade e de adaptación ás demandas do mercado é preciso facer algunha modificación nas especificacións técnicas do actual regulamento, a penas modificado nestes aspectos desde o ano da súa aprobación, para adaptalo aos cambios que se produciron no eido da viticultura e da enoloxía, sen que iso supoña perder a esencia das características tradicionais dos viños Rías Baixas. Por

iso aprovéitase a ocasión da adaptación do regulamento ao marco legal actual para facer tamén algunha modificación destes aspectos relacionados coa produción e a elaboración, para que estes viños poidan seguir gañando un espazo cada vez maior no mercado internacional.

Na súa virtude, tras a proposta do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas e de acordo co establecido na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega e no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade no sector alimentario,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobación do Regulamento da denominación de orixe Rías Baixas e do seu consello regulador.

Apróbase o Regulamento da denominación de orixe Rías Baixas e do seu consello regulador, que figura como anexo desta orde.

Disposición derrogatoria

Única.-Derrogación da Orde do 23 de outubro de 1996.

Queda derrogada a orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, do 23 de outubro de 1996, pola que se aproba o Regulamento da denominación de orixe Rías Baixas e do seu consello regulador.

Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2009.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural

ANEXO

Regulamento da denominación de orixe Rías Baixas e do seu consello regulador

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Base legal da protección.

De conformidade co que se dispón na Lei 24/2003, do viña e do viño, de 10 de xullo, na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, no Decreto 4/2007 polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade e os seus consellos reguladores, así como coa Organización Común do Mercado Vitivinícola, quedan protexidos coa denominación de orixe Rías Baixas os viños que, reunindo as características definidas neste regulamento, cumpran na súa produción, elaboración e comercialización todos os requisitos exixidos nel e na lexislación vixente na materia.

Artigo 2º.-Extensión da protección.

1. A protección outorgada esténdese á mención Rías Baixas e aos nomes das subzonas, comarcas, termos municipais, parroquias e localidades que compoñen as zonas de produción, de acordo co que se dispón no artigo 8 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega.

2. Queda prohibida a utilización, noutros viños non amparados, de nomes, marcas, termos, expresións e signos que, pola súa similitude fonética ou gráfica cos protexidos, poidan inducir a confusión cos que son obxecto desta regulamentación, incluso os que vaian precedidos da terminoloxía «tipo», «estilo», «cepa», «embotellado en...», «con adega en», «uva ou mosto procedente de» e outras análogas.

Artigo 3º.-Órganos competentes.

A defensa da denominación de orixe Rías Baixas, a aplicación do seu regulamento, a vixilancia do seu cumprimento, así como o fomento e control da calidade dos viños amparados, quedan encomendados ao Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas e ao seu Órgano de Control, á Xunta de Galicia, ao Goberno de España e á Comisión Europea, no marco das súas respectivas competencias.

Artigo 4º.-Manual de calidade.

1. A consellería competente en materia de agricultura aprobará, tras a proposta do consello regulador, o Manual de calidade, procedementos operativos e instrucións técnicas, en adiante Manual de calidade, documento en que se recollerán as normas complementarias de aplicación da denominación de orixe e, en particular, as relativas ao proceso de control e certificación. As normas que afecten os dereitos e deberes dos inscritos que se recollen no Manual de calidade serán de xeral coñecemento e estarán á súa disposición.

2. O Manual de calidade recollerá os criterios cualitativos que dean dereito á certificación, ben procedan da lexislación aplicable, ben sexan adoptados polo propio consello regulador de acordo co artigo 26.2º i) da Lei 24/2003, do 10 de xullo, da viña e do viño. Tamén recollerá os criterios técnicos de inspección fixados pola consellería competente en materia de agricultura ou, no seu defecto, polo consello regulador.

Capítulo II

Da produción

Artigo 5º.-Zona de produción

1. A zona de produción dos viños protexidos pola denominación de orixe Rías Baixas está constituída polos terreos que o consello regulador, tras o informe do seu Órgano de Control, considere aptos para a produción de uvas das variedades que se indican no artigo 6º, coa calidade necesaria para obter viños das características específicas dos amparados pola denominación, e que estean nos termos municipais e lugares que compoñen as subzonas seguintes:

a) Subzona Val do Salnés: municipios de Cambados, Meaño, Sanxenxo, Ribadumia, Meis, Vilanova de Arousa, Portas, Caldas de Reis, Vilagarcía de Arousa, Barro, O Grove e A Illa de Arousa.

b) Subzona Condado do Tea: municipios de Salvaterra de Miño, As Neves, Arbo, Crecente, Salceda de Caselas e Ponteareas, así como as parroquias que se citan dos seguintes concellos:

-Municipio da Cañiza: parroquia de Valeixe.

-Municipio de Tui: parroquias de Guillarei, Paramos, Baldráns e Caldelas de Tui.

-Municipio de Mos: parroquia de Louredo.

c) Subzona O Rosal: municipios do Rosal, Tomiño e A Garda, así como as parroquias que se citan dos seguintes concellos:

-Municipio de Tui: parroquias de Pexegueiro, Areas, Malvás, Ribadelouro, Rebordáns, Pazos de Reis, Randufe e Tui.

-Municipio de Gondomar: parroquias de Mañufe e Vilaza.

d) Subzona Soutomaior: municipio de Soutomaior.

e) Subzona Ribeira do Ulla: municipio de Vedra e as parroquias que se citan nos seguintes concellos:

-Municipio de Padrón: parroquias de Rumille, Carcacía, Iria Flavia e Herbón.

-Municipio de Teo: parroquias de Oza, Teo, Lampai, Bamonde, Rarís, Vilariño e Reis.

-Municipio de Boqueixón: parroquias de Codeso, Pousada, Oural, Ledesma, Donas e Sucira.

-Municipio de Touro: parroquia de Bendaña.

-Municipio da Estrada: parroquias de Arnois, Couso, Cora, Oca, Santeles, Paradela, Berres, San Miguel de Castro, San Xurxo de Vea, Ribeira, Riobó, Santa Cristina de Vea, Baloira e Santa Mariña de Barcala.

-Municipio de Silleda: parroquia de Cira.

-Municipio de Vila de Cruces: parroquias de Camanzo, Gres e Añobre.

2. A cualificación dos terreos, para os efectos da súa inclusión na zona de produción, realizaraa o consello regulador, tras o informe do seu Órgano de Control, que deberán quedar delimitados na correspondente documentación cartográfica e acreditarse a súa inscrición previa no Rexistro Vitícola de Galicia.

3. O consello regulador poderá acordar a ampliación da zona de produción para incluír aqueles terreos pertencentes a outros termos municipais e parroquias de similares características edafolóxicas, climáticas e vitícolas que tradicionalmente puidesen estar vinculados á denominación de orixe. Tal ampliación trasladarase, logo de informe do Órgano de Control e por acordo do Pleno do consello regulador, á consellería competente en materia de agricultura, a cal tramitará o oportuno expediente para a modificación do contido do número 1 deste artigo, de acordo co procedemento establecido na lexislación vixente na materia.

Artigo 6º.-Variedades.

A elaboración dos viños protexidos realizarase exclusivamente con uvas das variedades seguintes:

a) Preferentes:

-Brancas: Albariña, Loureira branca ou Marqués, Treixadura e Caíña branca.

-Tintas: Caíña tinta, Espadeiro, Loureira tinta e Sousón.

b) Autorizadas:

-Brancas: Torrontés e Godello.

-Tintas: Mencía, Brancellao e Pedral.

Artigo 7º.-Prácticas culturais.

1. As prácticas de cultivo serán as tradicionais na zona delimitada anteriormente e que, en xeral, tendan a optimizar a calidade das producións.

2. O consello regulador fixará no seu Manual de calidade as modalidades de rega autorizadas dentro do marco legal nacional e comunitario e, en todo caso, garantindo que estas prácticas tendan a manter o equilibrio do potencial vexetativo da planta co ecosistema clima-solo, co fin de obter produtos de alta calidade.

3. A densidade de plantación estará comprendida obrigatoriamente entre 600 cepas por hectárea como mínimo e 4.500 como máximo.

4. Os sistemas de condución seguirán o sistema de espaldeira e as súas variantes e emparrado tradicional. Terase en conta sempre que, de acordo coa densidade do viñedo, o número máximo de xemas fértiles por hectárea será de setenta mil para as variedades Albariña, Caíña branca e Godello e cincuenta e cinco mil para as demais variedades.

5. Non obstante o anterior, a consellería competente en materia de agricultura da Xunta de Galicia poderá autorizar, por proposta do Pleno do consello regulador e tras o informe do Órgano de Control, a aplicación de novas prácticas de cultivo, tratamentos ou labores que, constituíndo un avance nas técnicas vitícolas e sen contravir a lexislación vixente, se comprobe que non afectan desfavorablemente a calidade da uva ou do viño producido. Para iso tramitarase a oportuna modificación do contido deste artigo de acordo co procedemento establecido na lexislación vixente.

Artigo 8º.-Vendima.

1. A vendima realizarase co maior esmero, dedicándose para a elaboración dos viños protexidos a uva sa e co grao de madurez necesario. A recolleita e transporte das uvas realizarase en caixas de vendima ou nos recipientes destinados para o efecto por cada operador e cuxa utilización sexa expresamente autorizada polo consello regulador e recollida no Manual de calidade.

2. A graduación alcohólica natural probable mínima das partidas de uva será de 11,0° para a uva albariña, de 10,0° para as demais brancas e de 9,5° para as uvas tintas.

3. O consello regulador, tras o informe do Órgano de Control, poderá determinar a data de inicio da vendima e realizar recomendacións sobre o ritmo de recolleita e o transporte da uva, co fin de que esta se efectúe sen deterioración da calidade do produto.

4. Para cada campaña, o consello regulador poderá aprobar normas concretas tendentes a conseguir unha calidade óptima da colleita.

Artigo 9º.-Producións máximas.

1. A produción máxima admitida por hectárea será:

a) 12.000 quilogramos para a variedade Albariña.

b) 10.000 quilogramos para as variedades tintas.

c) 12.500 quilogramos para as demais variedades.

2. Os límites de produción sinalados no número 1 deste artigo poderán ser modificados en determinadas campañas polo consello regulador, ben por iniciativa propia ou ben por petición, en tempo e forma, de viticultores interesados na medida, efectuada con anterioridade á vendima. Esta decisión deberá ser tomada co acordo favorable da maioría absoluta do Pleno validamente constituído, logo dos asesoramentos e comprobacións que se precisen e o informe favorable do Órgano de Control. No caso de que tal modificación se produza, esta non poderá superar o 25% dos límites citados.

3. A uva procedente de parcelas cuxos rendementos sexan superiores ao límite establecido non poderá ser utilizada para a elaboración de viños protexidos por esta denominación de orixe, e deberá adoptar o consello regulador as medidas de control necesarias para asegurar o cumprimento deste precepto.

Artigo 10º.-Plantacións.

1. Non se admitirá a inscrición no Rexistro de Viñas do consello regulador daquelas plantacións que conteñan algunha variedade distinta das recollidas no artigo 6º deste regulamento.

2. As uvas procedentes de parcelas en que existan varias variedades das recollidas no artigo 6º deste regulamento só poderán destinarse á elaboración de viños brancos monovarietais que vaian ser protexidos pola denominación de orixe sempre que a absoluta separación de variedades sexa posible na vendima.

Capítulo III

Da elaboración e o embotellamento

Artigo 11º.-Zona de elaboración e embotellamento.

A elaboración e o embotellado dos viños amparados pola denominación de orixe Rías Baixas deberán realizarse exclusivamente en adegas situadas dentro das zonas de produción e que estean inscritas no correspondente rexistro de adegas do consello regulador.

Artigo 12º.-Técnicas de elaboración.

1. As técnicas empregadas na manipulación da uva, do mosto e do viño, no control de fermentación e no proceso de conservación, tenderán a obter produtos de máxima calidade, mantendo os caracteres tradicionais dos tipos de viños amparados pola denominación de orixe Rías Baixas.

2. Na produción de mosto seguiranse as prácticas tradicionais, aplicadas cunha tecnoloxía orientada cara á mellora da calidade do produto final. Aplicaranse presións axeitadas para a extracción do mosto ou viño e a súa separación dos bagazos, de xeito que o rendemento non sexa superior de setenta litros de viño por cada cen quilos de uva para todas as variedades brancas. No caso das variedades tintas o rendemento non será superior a setenta e dous litros de viño por cada cen quilos de uva.

3. O límite de litros fixados por cada cen quilos de uva poderá ser modificado excepcionalmente en determinadas campañas polo consello regulador, por propia iniciativa ou por proposta dos elaboradores inscritos, logo dos informes preceptivos do Órgano de Control e as comprobacións necesarias, sen superar os límites establecidos na normativa aplicable con carácter xeral.

4. As fraccións de mosto ou viño obtido por presións non axeitadas non poderán, en ningún caso, ser destinadas á elaboración de viños protexidos.

En particular, prohíbese, para a elaboración de viños protexidos pola denominación de orixe Rías Baixas, a utilización de prensas coñecidas como «continuas», nas cales a presión é exercida por un parafuso de Arquímedes no seu avance sobre un contrapeso.

Para a extracción do mosto non poderán utilizarse sistemas que danen ou dislaceren os compoñentes sólidos do acio, e queda prohibido o emprego de máquinas estrulladoras centrífugas de eixe vertical e alta velocidade.

Artigo 13º.-Tipos de viños e características.

1. Os tipos de viños amparados pola denominación de orixe Rías Baixas son:

a) Brancos:

-Rías Baixas Albariño: viño monovarietal elaborado co 100% de uvas da variedade Albariña.

-Rías Baixas Condado do Tea: elaborado na subzona do Condado do Tea con uvas das variedades Albariña e Treixadura nun 70% como mínimo, sendo o resto das demais variedades, todas elas producidas na subzona do Condado do Tea.

-Rías Baixas Rosal: elaborado na subzona do Rosal a partir de uvas das variedades Albariña e Loureira nun 70% como mínimo, sendo o resto das demais variedades, todas elas producidas na subzona do Rosal.

-Rías Baixas Salnés: elaborado na subzona do Salnés a partir de uvas das variedades preferentes nun 70% como mínimo, sendo o resto das demais variedades, todas elas producidas na subzona Val do Salnés.

-Rías Baixas Ribeira do Ulla: elaborado na subzona de Ribeira do Ulla a partir de uvas das variedades preferentes nun 70% como mínimo, sendo o resto das demais variedades, todas elas producidas na subzona Ribeira do Ulla.

-Rías Baixas: elaborado a partir das variedades brancas recoñecidas, producido, elaborado, embotellado e etiquetado en calquera das subzonas citadas no artigo 5º.

-Rías Baixas Barrica: procedente de viños definidos anteriormente que no seu proceso de elaboración permanezan en envases de madeira de carballo dun tamaño non superior a 600 litros indicarase, todo caso o tempo, en meses ou anos, que permaneceron nos citados envases.

b) Tintos.

-Rías Baixas: elaborado a partir das variedades tintas recoñecidas, producidas en calquera das subzonas citadas no artigo 5º, e nas proporcións que se consideren axeitadas.

c) Escumosos.

-Rías Baixas Escumoso: elaborado a partir das variedades recoñecidas, producidas en calquera das subzonas citadas no artigo 5º, cumprindo os límites analíticos estipulados neste regulamento, a normativa nacional e comunitaria referente aos viños escumosos de calidade e os que se establezan no Manual de calidade.

2. As características analíticas dos distintos tipos de viños producidos serán as seguintes:

Ver referencia pdf "14700D004P008.PDF"

No que se refire ao sulfuroso total máximo e á acidez volátil, atenderase á normativa xeral vixente na materia.

3. No que se refire ás características organolépticas, os viños amparados por esta denominación de orixe deben manter en todo momento os seus atributos varietais e tipicidade característica, de acordo coas fichas de cata que, para cada tipo de viño, se recollan no Manual de calidade.

4. O consello regulador, por propia iniciativa ou por proposta dos elaboradores inscritos, logo dos informes técnicos e comprobacións necesarias, poderá amparar e certificar viños que, procedentes das variedades propias da denominación de orixe Rías Baixas, se obteñan por distintos procesos de elaboración e que signifiquen unha diversificación do produto final. Serán distinguidos no mercado cunha precinta especial.

Artigo 14º.-Envases.

O consello regulador poderá determinar, mediante a súa inclusión no Manual de calidade, os tipos e medidas dos envases para a comercialización do viño, de maneira que non prexudiquen a súa calidade e prestixio, facendo obrigatoria a súa utilización para ser protexido. Estes envases serán de vidro, das capacidades autorizadas na normativa vixente ao respecto, con exclusión expresa das botellas dun litro. Excepcionalmente, o consello regulador poderá incluír no Manual de calidade envases doutros materiais que entenda que non prexudican a calidade ou prestixio dos viños protexidos, logo da solicitude motivada dos operadores inscritos.

Capítulo IV

Rexistros

Artigo 15º.-Rexistros do consello regulador.

1. O consello regulador levará os seguintes rexistros.

a) Rexistro de Viñas.

b) Rexistro de Adegas de Elaboración.

c) Rexistro de Adegas de Almacenaxe.

d) Rexistro de Adegas Embotelladoras.

2. Para poder optar a inscribirse nos rexistros mencionados, tanto as viñas coma as adegas deberán estar situadas nas unidades xeográficas relacionadas no artigo 5º deste regulamento.

3. As solicitudes de inscrición dirixiranse ao consello regulador nos impresos que este dispoña, e xuntaranse os datos, documentos e comprobantes que, en cada caso, sexan requiridos polas disposicións e normas vixentes.

Formulada a petición, as parcelas ou as adegas serán inspeccionadas polo órgano de control do consello regulador para verificar se reúnen as condicións exixidas neste regulamento.

4. Denegaranse de forma motivada as inscricións que non se axusten aos preceptos deste regulamento ou do Manual de calidade. A denegación será comunicada ao interesado polo consello regulador.

5. A inscrición nestes rexistros non exime os interesados da obriga de inscribirse naqueloutros que, con carácter xeral, estean establecidos na lexislación vixente, en particular no Rexistro Vitícola de Galicia, no Rexistro de Industrias Agrarias e no Rexistro de Embotelladores e Envasadores, de ser o caso, o que haberá que acreditar previamente á inscrición nos rexistros do consello regulador.

Artigo 16º.-Rexistro de Viñas.

1. No Rexistro de Viñas unicamente poderán inscribirse aquelas situadas na zona de produción e cuxa uva poida ser destinada á elaboración dos viños protexidos.

2. Na inscrición figurará o nome do propietario e, de ser o caso, o do colono, parceiro, arrendatario ou calquera outro titular de dereito real ou persoal que o faculte para a explotación dos viñedos; o nome da viña, lugar, parroquia e termo municipal en que estea situada; referencia catastral de cada parcela; superficie en produción, marco de plantación, idade do viñedo, variedade ou variedades, así como os seus portainxertos; e cantos datos sexan necesarios para a súa correcta clasificación e localización.

3. Coa solicitude de inscrición xuntarase consulta descritiva e/ou certificación catastral, ficha do rexistro vitícola e un plano acoutado e detallado das parcelas obxecto dela, que permita identificar a súa situación, e a autorización de plantación expedida polo órgano competente ou documentación equivalente.

4. O consello regulador entregará, se procede, unha credencial da dita inscrición aos viticultores.

5. A solicitude de inscrición no Rexistro de Viñas é voluntaria, do mesmo xeito que a súa correspondente baixa, e deberanse, neste caso, cumprir as obrigas pendentes co consello regulador. Unha vez producida esta, deberán transcorrer dous anos naturais antes de que o viñedo en cuestión poida volver inscribirse, agás cambio de titularidade debidamente documentado.

Artigo 17º.-Rexistros de adegas.

1. En cada un dos rexistros de adegas inscribiranse todas aquelas que, situadas na zona de produción, realicen algunha das actividades de elaboración, almacenaxe e/ou embotellamento de viños procedentes de viñas inscritas e poidan optar ao uso da denominación de orixe Rías Baixas. Para iso deben cumprir todos os requisitos que estipula este regulamento.

2. Na inscrición figurará: a denominación ou razón social da empresa; o domicilio legal desta; a localidade e municipio onde estean situadas as súas instalacións; características, número e capacidade de envases e maquinaria; sistema de elaboración, sistema de estabilización e de embotellamento, de ser o caso; e cantos datos sexan necesarios para a perfecta identificación e catalogación da adega; ademais da inscrición rexistral, información fiscal e nome do xerente ou responsable, no caso de sociedades.

No caso de que o empresario non sexa o propietario dos locais, farase constar acreditando documentalmente esta circunstancia e o título de uso, así como a identidade do propietario.

3. Coa solicitude de inscrición acompañarase proxecto de obra visado no colexio correspondente onde se reflectirán todos os detalles da construción e instalacións, así como copias dos certificados de inscrición nos diferentes rexistros estipulados pola lexislación vixente.

4. O consello regulador, se procede, entregará ao titular un certificado acreditativo da dita inscrición, en que indicará as actividades para as cales está inscrito e poderá ser clasificada, de acordo coa súa produción, nos subrexistros que o Pleno do consello regulador decida crear en cada momento.

5. A inscrición nos rexistros de adegas é voluntaria, do mesmo xeito que a súa correspondente baixa, e deberanse neste suposto cumprir as obrigas pendentes co consello regulador. Unha vez producida esta, non poderá ser inscrita a adega afectada ata pasados dous anos naturais, agás os casos de cambio de titularidade.

Artigo 18º.-Vixencia e renovación das inscricións.

1. Para a vixencia das inscricións nos correspondentes rexistros será indispensable cumprir, en todo momento, os requisitos que impón este regulamento e o Manual de calidade.

Cumprirá comunicar ao consello regulador calquera variación que afecte os datos achegados na inscrición cando esta se produza. En consecuencia, o consello regulador poderá suspender ou revogar as inscricións cando os titulares destas non se axusten ás citadas prescricións.

2. O consello regulador, a través do seu órgano de control, efectuará inspeccións periódicas para comprobar a efectividade do que se dispón neste capítulo, queda facultado para adoptar as medidas necesarias.

3. Procederase a dar de baixa no Rexistro de Viñedos do Consello Regulador por inactividade ou abandono durante cinco anos consecutivos das parcelas das cales sexa titular o inscrito, agás causa de forza maior debidamente xustificada.

4. Se unha entidade inscrita nos rexistros de adegas do consello regulador carece de actividade ou nos últimos dous anos non elaborou ou cualificou produtos amparados pola denominación de orixe Rías Baixas, poderá ser suspendida provisionalmente a súa inscrición ou ser dada de baixa nos ditos rexistros, de acordo coas normas que se establezan no Manual de calidade, agás causas de forza maior debidamente xustificadas ante o consello regulador.

5. A suspensión na inscrición ou a baixa definitiva no rexistro farase tras a incoación e resolución do correspondente expediente.

6. Todas as inscricións nos diferentes rexistros serán voluntarias e renovaranse no prazo e forma que determine o consello regulador no Manual de calidade.

Capítulo V

Dereitos e obrigas

Artigo 19º.-Dereito ao uso da denominación de orixe.

1. Só as persoas físicas ou xurídicas que teñan inscritos nos rexistros indicados no artigo 15º os seus viñedos ou instalacións, poderán producir uva con destino á elaboración de viños protexidos, ou elaborar, almacenar e embotellar viños que vaian ser amparados pola denominación de orixe Rías Baixas.

2. Soamente pode aplicarse a denominación de orixe Rías Baixas aos viños procedentes de adegas inscritas nos rexistros correspondentes, producidos e elaborados conforme as normas exixidas por este regulamento e o Manual de calidade e que reúnan as condicións analíticas e organolépticas que deban caracterizalos.

3. O dereito ao uso da denominación de orixe Rías Baixas e os seus símbolos, anagramas ou logotipo, en propaganda, publicidade, documentación, precintos ou etiquetas é exclusivo das empresas inscritas nos rexistros do consello regulador.

Artigo 20º.-Obrigas xerais.

1. Toda persoa física ou xurídica que teña viñas ou adegas inscritas nos correspondentes rexistros desta denominación de orixe queda obrigada ao cumprimento das disposicións deste regulamento e do Manual de calidade. Tamén estarán sometidos aos acordos que, dentro das súas competencias, adopten a consellería competente en materia de agricultura e os órganos de goberno do consello regulador.

2. Para o exercicio de calquera dereito que lles poida corresponder ou para poder beneficiarse dos servizos que preste o consello regulador, as persoas inscritas deberán estar ao día no pagamento das súas obrigas e ter actualizadas as inscricións.

3. As persoas físicas e quen represente as persoas xurídicas inscritas nos rexistros do consello regulador, están obrigadas a colaborar na realización dos procesos electorais para a renovación dos seus órganos de goberno, participando como membros das mesas ou outros órganos electorais nas ocasións en que fosen nomeados.

4. O incumprimento do indicado nos números 1 ao 3 anteriores poderá comportar a suspensión por un período de ata dous anos nos dereitos do inscrito ou a súa baixa no rexistro correspondente, tras a decisión do Pleno do consello regulador, logo da instrución do correspondente expediente. Poderase recorrer contra a resolución de suspensión ou baixa ante a consellería competente en materia de agricultura.

Artigo 21º.-Obrigas específicas en relación coa produción e a elaboración.

1. Nas adegas inscritas nos rexistros da denominación de orixe Rías Baixas non poderá realizarse a elaboración, almacenaxe ou manipulación de uvas, mostos ou viños obtidos de uvas procedentes de superficies vitícolas situadas fóra da zona de produción desta denominación de orixe.

2. Porén, nas ditas adegas inscritas autorízase a recepción de uvas, elaboración e almacenaxe de viños non pertencentes á denominación de orixe Rías Baixas que procedan da zona de produción, aínda cando non proveñan de viñedos inscritos, sempre que estas operacións, así como a manipulación e almacenaxe dos produtos obtidos, se realicen noutras salas e de forma separada das correspondentes aos produtos que opten a ser amparados pola denominación de orixe, coa debida identificación dos envases, e segundo as normas que estableza o consello regulador no seu Manual de calidade.

3. As persoas físicas ou xurídicas que teñan inscritas viñas ou adegas soamente poderán ter almacenadas as súas uvas, mostos ou viños en terreos ou locais declarados nos rexistros do consello, e perderán no caso contrario o dereito á cualificación.

Artigo 22º.-Uso de marcas, nomes comerciais e razóns sociais.

1. As marcas, nomes comerciais ou razóns sociais que fagan referencia aos nomes xeográficos protexidos pola denominación de orixe Rías Baixas unicamente se poderán empregar en viños con dereito a protección, sen prexuízo do establecido na normativa comunitaria nesta materia.

2. As marcas comerciais que se empreguen na comercialización de viños da denominación de orixe Rías Baixas non se poderán empregar na comercialización doutros viños.

Artigo 23º.-Etiquetaxe.

1. Nas etiquetas de viños embotellados figurará sempre a mención Rías Baixas ademais dos datos que, con carácter xeral, se determinan na lexislación aplicable.

Nos viños protexidos pola denominación de orixe Rías Baixas será obrigatorio a indicación do ano da súa colleita.

2. Para que os viños amparados poidan levar na etiquetaxe o nome dunha das subzonas definidas neste regulamento, será condición necesaria que a materia prima proceda integramente dela e que a elaboración se realice no seu interior, e deberanse cumprir, en todo caso, os requisitos que se citan no artigo 13º.

3. Antes da posta en circulación de etiquetas ou de calquera outro elemento identificador da botella, estas deberán ser autorizadas polo consello regulador, que comprobará os aspectos relativos ás normas da denominación de orixe. Ademais, deberá achegarse, previamente á autorización, a certificación rexistral da marca que figure na citada etiqueta.

4. Non se poderán autorizar etiquetas incorrectas ou aquelas que por calquera causa poidan inducir a erro ao consumidor. Tamén poderá ser revogada a autorización dunha xa concedida anteriormente, cando varíen as circunstancias da súa firma propietaria, instruíndose o oportuno expediente conforme as normas recollidas no Manual de calidade. En todo caso respectaranse as competencias que correspondan a outras institucións en materia de supervisión do cumprimento das normas xerais de etiquetaxe.

5. Calquera modificación das etiquetas posterior á súa aprobación polo consello regulador requirirá novamente a súa aprobación por este.

Artigo 24º.-Logotipo da denominación de orixe.

1. O consello regulador adoptará como logotipo da denominación de orixe Rías Baixas o que figura como anexo deste regulamento.

2. O consello regulador poderá facer obrigatorio que no exterior das adegas inscritas, e en lugar destacado, figure unha placa que reproduza o logotipo da denominación de orixe.

Capítulo VI

Do consello regulador

Artigo 25º.-Natureza e ámbito competencial.

1. O consello regulador da denominación de orixe Rías Baixas é unha corporación de dereito público dotada de personalidade xurídica propia e de plena capacidade de obrar, á cal se lle atribúe a xestión da denominación de orixe Rías Baixas e o resto de funcións recollidas na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega; o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, no que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores e a Lei 24/2003, do 10 de xullo, da viña e do viño.

É misión principal do consello regulador a de aplicar os preceptos deste regulamento e velar polo seu cumprimento, para o cal exercerá as funcións que se lle encomendan nel e no ordenamento xurídico vixente.

2. As competencias do consello regulador están limitadas aos produtos protexidos pola denominación de orixe en calquera das súas fases de produción, acondicionamento, almacenaxe, embotellamento, circulación e comercialización, e ás persoas inscritas nos seus rexistros.

3. O consello regulador actuará en réxime de dereito privado exercendo toda clase de actos de administración e xestión, agás nas actuacións que impliquen o exercicio de potestades ou funcións públicas en que deberá suxeitarse ao dereito administrativo. Para estes efectos, de acordo co artigo 32.5º do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, enténdese que están suxeitas a dereito administrativo as actuacións do consello regulador en materia de xestión de rexistros, de xestión e réxime de cotas, a aprobación de etiquetas e a autorización de marcas, o réxime electoral e o réxime disciplinario, así como a responsabilidade patrimonial que derive das súas actuacións suxeitas a dereito administrativo, ademais dos recursos presentados polos interesados polo incumprimento das normas de funcionamento do Órgano de Control.

4. A tutela administrativa sobre o consello regulador exerceraa a consellería competente en materia de agricultura. De acordo co anterior, a actividade do consello regulador está sometida ás exixencias, requisitos e controis que se recollen nos artigos 18 a 21 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, e nos artigos 30 ao 33 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

Artigo 26º.-Órganos de goberno.

Os órganos de goberno do consello regulador son a Presidencia, a Vicepresidencia e o Pleno.

Artigo 27º.-O Pleno. Composición.

1. O Pleno do consello regulador é o órgano superior de goberno, elixido por un período de catro anos.

2. O Pleno do consello regulador da denominación de orixe Rías Baixas estará constituído por:

a) Nove vogais, en representación do sector vitícola, elixidos democraticamente por e entre os titulares de viñedos inscritos no Rexistro de Viñas do consello regulador, con excepción daqueles que sexan socios de cooperativas que sexan titulares, directa ou indirectamente, de adegas da denominación, a través das cales transformen a uva e comercialicen o viño. En calquera caso deberá existir unha axeitada representación das subzonas.

b) Nove vogais en representación do sector vinícola, elixidos democraticamente por e entre os titulares de adegas inscritas nos rexistros do consello regulador, con excepción daquelas cuxo titular sexa, directa ou indirectamente, unha sociedade cooperativa. En calquera caso deberá existir unha axeitada representación das subzonas.

c) Catro vogais en representación do sector cooperativo, constituído polos titulares de viñedos inscritos no Rexistro de Viñas do consello regulador que sexan socios dalgunha cooperativa que sexa, pola súa parte, titular, directa ou indirectamente, dalgunha adega inscrita na denominación de orixe, a través da cal transformen a uva e comercialicen o viño; así como polos titulares das ditas adegas de base cooperativa. As cooperativas, adegas de base cooperativa ou as súas agrupacións poderán presentar candidaturas só a este censo específico e os vogais elixidos terán a consideración de representantes do sector cooperativo con suxeición ao que se dispón no Decreto 4/2007 e en especial á súa disposición adicional quinta.

3. O Pleno actuará baixo a dirección da persoa que exerza a Presidencia, que tamén formará parte del, e contará coa asistencia, con voz pero sen voto, da persoa que exerza a Secretaría Xeral do consello regulador.

4. A Consellería competente en materia de agricultura poderá designar ata dous delegados ou delegadas que asistirán ás reunións do Pleno con voz pero sen voto.

Artigo 28º.-Os vogais.

1. As persoas físicas ou xurídicas que ocupen o cargo de vogal deberán estar inscritas no rexistro correspondente. Cando o vogal sexa persoa xurídica, estará representado no Pleno do consello regulador pola persoa física que os seus órganos de goberno designen en cada momento. Porén, unha mesma persoa física ou xurídica inscrita en varios rexistros dun consello regulador non poderá ter neste dobre representación, nin directamente nin a través de empresas filiais ou socios dela.

2. Os cargos de vogais do consello regulador serán renovados cada catro anos, e poderán ser reelixidos.

3. O prazo para a toma de posesión dos vogais será, como máximo, dun mes, contado desde a data da súa proclamación.

Artigo 29º.-Dereitos e deberes dos membros do Pleno.

1. A condición de membro do Pleno non ten carácter retribuído.

2. Os membros do Pleno teñen o dereito e a obriga de asistir, con voz e voto, ás sesións que este realice.

3. Ademais, os membros do Pleno teñen dereito a recibir a información necesaria para o correcto exercicio das súas funcións.

4. Os membros do Pleno están obrigados a observar a máis absoluta confidencialidade respecto ás informacións e datos recollidos ou coñecidos no exercicio das súas funcións.

5. Non se admitirán as delegacións de voto.

Artigo 30º.-Perda da condición de vogal.

1. Ademais de pola terminación do mandato, a condición de vogal perderase por algunha das seguintes causas:

a) Cando desapareza calquera dos requisitos de elexibilidade que concorreron na súa elección.

b) Por resolución administrativa ou xudicial firme, que anule a súa elección ou proclamación como candidato.

c) Por ausencia inxustificada a dúas sesións consecutivas ou a tres alternas no período dun ano, logo de incoación de expediente. Contra a resolución deste expediente poderase recorrer en vía administrativa.

d) Por ser sancionado, con resolución firme en vía administrativa, por infracción grave ou moi grave contra as disposicións normativas relacionadas coa denominación de orixe. A persoa física ou xurídica en que se dese esta circunstancia non poderá ter a condición de elixible nunha posterior convocatoria electoral, ata que transcorran dous anos desde que adquiriu firmeza a sanción, no caso de que esta fose grave, e cinco no caso das moi graves.

e) Por causar baixa nos rexistros do consello regulador ou por perder a vinculación co sector que o elixiu.

f) Por dimisión, renuncia ou calquera causa que o incapacite para o desempeño do cargo.

g) Por falecemento dos que teñan a consideración de persoas físicas ou pola extinción da personalidade xurídica no caso dos membros do Pleno con forma societaria.

2. No caso de cesamento dun vogal por calquera das causas recollidas no parágrafo anterior, a súa vacante será cuberta polo seu substituto legal, designado segundo o establecido no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro. O mandato do novo vogal só durará ata que se produza a seguinte renovación do Pleno do consello regulador.

Artigo 31º.-Funcións do Pleno.

Corresponde ao Pleno do consello regulador:

a) Aplicar as disposicións normativas da denominación de orixe, así como velar polo seu cumprimento e, en xeral, xestionala.

b) Aprobar os orzamentos de cada exercicio, a memoria de actividades e a liquidación orzamentaria do exercicio anterior, así como a súa remisión á consellería competente en materia de agricultura.

c) Autorizar os gastos por un importe superior a 3.000 euros ou ao 2% do orzamento anual, segundo cal sexa a cifra máis elevada.

d) Aprobar as cotas do consello regulador e determinar os recursos da corporación, conforme os criterios establecidos neste regulamento e no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro.

e) Elaborar as propostas de modificación deste regulamento para a súa aprobación pola consellería competente en materia de agricultura.

f) Elaborar o Manual de calidade para a súa aprobación pola consellería competente en materia de agricultura.

g) Aprobar os cadros de persoal propio e as bases de contratación, sen prexuízo do que se establece na Lei 2/2005 e o Decreto 4/2007 para o persoal adscrito ao Órgano de Control.

h) O control e fiscalización dos departamentos e órganos do consello regulador, coas particularidades establecidas para o Órgano de Control.

i) A aprobación dos convenios de colaboración e cooperación coas administracións públicas e con calquera outra entidade.

j) A adopción de acordos relativos á creación ou participación do consello regulador en asociacións, fundacións e sociedades civís ou mercantís, así como os acordos para a súa supresión ou finalización da participación.

k) O nomeamento e cesamento do secretario ou secretaria xeral e persoal de dirección.

l) A aprobación dos informes que deban remitirse ás administracións públicas e relativos a materias da súa competencia.

m) A adopción de acordos sobre o exercicio de accións e a interposición de recursos ante calquera xurisdición.

n) O alleamento do patrimonio e a concertación de operacións de crédito.

o) A aprobación dos plans anuais de actuación e xestión do consello regulador.

p) A constitución no seu seo de comisións específicas.

q) O nomeamento de representantes noutras entidades

r) Cantas outras funcións se lle atribúan no Decreto 4/2007 e aqueloutras propias do consello regulador non atribuídas especificamente á Presidencia.

Artigo 32º.-A Presidencia.

1. A Presidencia do consello regulador será exercida pola persoa que elixa o Pleno, co voto favorable da maioría dos membros, sen que necesariamente teña a condición de vogal, e por un mandato de catro anos. O seu nomeamento farase mediante orde do titular da consellería competente en materia de agricultura.

2. A Presidencia do consello regulador non poderá desempeñarse durante máis de dous mandatos consecutivos, agás nos casos en que a ausencia de candidatos alternativos o xustifique.

3. Non poderá desempeñar a Presidencia quen ocupe calquera cargo electivo dos regulados na Lei Orgánica 5/1985, do 19 de xuño, de réxime electoral xeral, e na lexislación autonómica sobre a materia.

Artigo 33º.-Funcións da Presidencia.

1. Á Presidencia correspóndelle:

a) Representar legalmente o consello regulador e dirixir o seu goberno e administración.

b) Cumprir e facer cumprir as disposicións legais e regulamentarias.

c) Indicar a orde do día, convocar, presidir, suspender e levantar as sesións do Pleno e dirixir as deliberacións, decidindo nos empates con voto de calidade.

d) Dirixir e inspeccionar os servizos, administrar os ingresos e fondos do consello, ordenar os pagamentos e render contas, de acordo coas decisións tomadas polo Pleno e sen prexuízo das funcións atribuídas a este no artigo 31. Esta competencia poderá ser delegada na Secretaría Xeral, logo de aprobación polo Pleno.

e) Organizar o réxime interior do consello regulador.

f) Propor ao consello regulador a contratación, suspensión ou renovación do persoal, sen prexuízo do que se establece na Lei 2/2005, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega e no Decreto 4/2007, para o persoal integrado no Órgano de Control.

g) Informar á consellería competente en materia de agricultura das incidencias que ocorran na produción, elaboración, transformación e mercado.

h) Remitirlle á consellería competente en materia de agricultura aqueles acordos que adopte o consello regulador que deban ser coñecidos por esta, conforme o que se dispón no Decreto 4/2007 e demais normativa aplicable; así como aqueloutros que, pola súa importancia, considere que deben ser coñecidos pola Administración.

i) Executar os acordos adoptados polo Pleno.

j) Presidir os organismos e institucións que dependan ou poidan depender de agora en adiante do consello regulador.

k) Asinar a correspondencia oficial do consello regulador.

l) Visar as actas e as certificacións que deban expedirse dos acordos.

m) Lexitimar coa súa sinatura os libros de contabilidade e calquera de natureza oficial, sen prexuízo das legalizacións establecidas pola lei.

n) Adoptar as medidas disciplinarias que procedan.

o) Representar o consello regulador en todos os actos xurídicos e exercer os dereitos e accións que a ela correspondan.

p) Sen prexuízo das funcións atribuídas ao Pleno, ditar cantas resolucións considere necesarias ou vantaxosas para a boa marcha do consello regulador e respecto dos asuntos non sometidos a estudo das comisións específicas que cree o Pleno, así como nos de extrema urxencia, informando ao Pleno na primeira sesión que este realice.

q) Dispor a repartición de asuntos, temas ou cuestións ás comisións específicas que cree o Pleno cando, ao seu xuízo, deban ser obxecto de estudo ou exame previo á consideración do Pleno.

r) Exercer as demais funcións que se establezan na normativa vixente, así como aquelas que o Pleno acorde ou que lle confíe a consellería competente en materia de agricultura.

2. A Presidencia poderá delegar o exercicio das súas atribucións na Vicepresidencia. Tamén poderá delegar a favor de calquera membro do Pleno, incluída a Secretaría Xeral, a dirección e xestión de asuntos determinados.

Artigo 34º.-Cesamento do presidente ou presidenta.

1. O presidente ou presidenta cesará, ademais de cando finalice o mandato do Pleno que o elixiu, e sen prexuízo do que se establece no artigo 33 do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, nos casos seguintes:

a) Polo seu falecemento.

b) Por petición propia, unha vez aceptada polo Pleno a súa dimisión.

c) Logo da aprobación por maioría absoluta do Pleno dunha moción de censura, que deberá ser proposta, polo menos, por un terzo dos seus membros, en sesión realizada para o efecto, e que incluirá necesariamente a proposta dun candidato á Presidencia do consello regulador.

d) Logo de sentenza firme que implique inhabilitación para o cargo.

e) Polas demais causas recoñecidas no ordenamento xurídico.

2. No caso de dimisión, cesamento, abandono ou falecemento de quen desempeñe a Presidencia, os vogais do consello regulador elixirán á persoa que a substitúa no prazo dun mes, agás a situación recollida na letra c) do parágrafo anterior, o que será comunicado á consellería competente en materia de agricultura para o seu nomeamento. O mandato do novo presidente ou presidenta será só polo tempo que lle restase ao anterior. Cando concorra calquera destes supostos, e mentres non se designe unha nova persoa para exercer a Presidencia, este cargo será desempeñado por quen ocupe a Vicepresidencia.

Artigo 35º.-A Vicepresidencia.

1. O consello regulador contará cunha Vicepresidencia que será exercida pola persoa elixida por e entre os vogais electos. O nomeamento non lle fará perder a condición de vogal.

2. Quen ocupe a Vicepresidencia substituirá á persoa titular da Presidencia nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante.

3. A Vicepresidencia exercerá, ademais, aquelas funcións que lle sexan delegadas pola Presidencia.

Artigo 36º.-Réxime de convocatorias.

1. O Pleno do consello regulador reunirase cando o convoque a Presidencia, ben por iniciativa propia ou ben a petición da metade dos vogais, e será obrigatorio realizar sesión, polo menos, unha vez cada trimestre.

2. As sesións convocaranse por comunicación persoal aos membros deste, mediante calquera medio válido en dereito que deixe constancia da súa recepción, e polo menos con oito días de antelación.

A citación deberá ir acompañada da orde do día da reunión, na cal non se poderán tratar máis asuntos que os previamente sinalados, agás que estean presentes todos os membros do Pleno e sexa declarada a urxencia do asunto co voto favorable da maioría.

3. Para a inclusión na orde do día dun asunto determinado non incorporado pola Presidencia, cumprirá que o solicite polo menos a terceira parte dos seus membros, con catro días de antelación como mínimo.

4. No caso de necesidade, cando así o requira a urxencia do asunto, a xuízo da Presidencia, citaranse os vogais polos medios axeitados, con vinte e catro horas de antelación como mínimo.

5. Na falta de convocatoria e con carácter excepcional, o Pleno do consello regulador quedará validamente constituído cando estean presentes a totalidade dos seus membros e así o acorden por unanimidade.

6. Cando un membro non poida asistir a unha sesión notificarao de forma fidedigna ao consello regulador, expresando a causa da ausencia.

Artigo 37º.-Réxime de acordos.

1. Os acordos do Pleno do consello regulador adoptaranse por maioría dos seus membros presentes e para que sexan válidos cumprirá que concorran, en primeira convocatoria, máis da metade dos seus membros, sendo en segunda convocatoria suficiente con que concorra máis dun terzo. Todo o anterior, sen prexuízo dos casos recollidos neste regulamento, nos cales a toma de decisións requirirá unha maioría cualificada. A Presidencia terá voto de calidade.

2. Os acordos do consello regulador que non teñan carácter particular e afecten a unha pluralidade de suxeitos notificaranse mediante o envío de circulares aos inscritos e serán expostas nas oficinas do consello regulador.

3. Contra os acordos e resolucións que adopte o consello regulador exclusivamente no exercicio de funcións públicas de acordo co que se establece no artigo 25º.3 poderase interpor recurso ante a consellería competente en materia de agricultura, dentro do prazo dun mes contado desde a comunicación daqueles, tal como prevén os artigos 114 e concordantes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 38º.-Comisións do Pleno.

1. Para resolver cuestións de trámite ou naqueles casos en que se considere necesario, o Pleno do consello regulador poderá establecer comisións para tratar ou resolver asuntos concretos.

2. Todas as resolucións que tomen as comisións serán comunicadas ao Pleno do consello regulador na primeira reunión que este realice.

Artigo 39º.-O persoal do consello regulador.

1. Para o cumprimento dos seus fins, o consello regulador poderá contar co persoal necesario, contratado en réxime laboral, de conformidade co cadro de persoal aprobado polo Pleno de acordo coa súa capacidade orzamentaria.

2. Na contratación de persoal, o consello regulador axustará a súa actuación á Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas en que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, en materia de persoal e contratación.

3. Para a contratación e cesamento do persoal do Órgano de Control propio seguirase, ademais, o que se dispón na Lei 2/2005, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, e o Decreto 4/2007 polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

Artigo 40º.-A Secretaría Xeral.

1. O consello regulador terá un secretario ou secretaria xeral, designado polo Pleno, do cal directamente dependerá, e que terá como misións específicas as seguintes:

a) Preparar os traballos do consello e tramitar a execución dos seus acordos.

b) Asistir ás sesións do Pleno con voz pero sen voto, cursar as convocatorias, levantar as actas e custodiar os libros e documentos do consello regulador.

c) Os asuntos relativos ao réxime interior do consello regulador, tanto de persoal como administrativos, exercendo a xefatura inmediata sobre o persoal.

d) Recibir os actos de comunicación dos vogais do consello regulador e, polo tanto, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos dos que deba ter coñecemento.

e) Expedir certificacións de consulta, dictames e acordos aprobados, co visto e prace da Presidencia.

f) As demais funcións que lle encomende a Presidencia, relacionadas coa preparación e instrumentación dos asuntos da competencia do consello regulador.

Capítulo VII

Réxime económico

Artigo 41º.-Recursos económicos.

1. Para o cumprimento dos seus fins, o consello regulador poderá contar cos recursos establecidos na Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega e o Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

2. De acordo co recollido no número anterior, establécense as cotas seguintes que aboarán os inscritos:

a) Unha cota de inscrición e outra de renovación rexistral que será aplicable a todos os inscritos nos diferentes rexistros da denominación de orixe. Estas cotas axustaranse aos límites fixados no Decreto 4/2007, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, e establecese o importe polo Pleno do consello regulador de forma anual.

b) Unha cota variable en función da actividade do inscrito no seo da denominación que será proporcional ao valor da súa produción. Esta cota será como máximo do 2% do valor do produto calculado en función do prezo medio da unidade de produto estimado por acordo do Pleno do consello regulador.

3. Ademais, o Consello Regulador contará tamén:

a) Coas subvencións que poidan establecerse anualmente nos orzamentos xerais das administracións públicas.

b) Coas rendas e produtos do seu patrimonio.

c) Coas doazóns, legados e demais axudas que poidan percibir.

d) Cos rendementos pola prestación de servizos, incluídos os relativos ao control e a certificación do produto, de acordo coas tarifas que estableza o Pleno do consello regulador.

e) Calquera outro que lle corresponda percibir.

4. O Pleno do consello regulador fixará o prazo para o pagamento de cada unha das cotas. No caso de que no dito prazo non se realizase o pagamento, a persoa inscrita poderá ser suspendida nos seus dereitos na denominación ata que liquide a débeda co consello regulador. Se no prazo dun ano a persoa inscrita non liquidase a débeda, poderá ser dada de baixa definitivamente, tras a instrución do correspondente expediente, sen prexuízo da obrigatoriedade do seu pagamento. Todo o anterior debe ser entendido sen prexuízo da comunicación da falta de pagamento á consellería competente en materia de agricultura, para os efectos da incoación, se procede, do correspondente expediente sancionador, dada a consideración deste feito como infracción grave, de acordo co artigo 39.2º letra e) da Lei 24/2003, do 10 de xullo, da viña e do viño.

Artigo 42º.-Orzamento e memoria de actividades.

1. O consello regulador elaborará e aprobará, dentro do último trimestre de cada exercicio, o orzamento do exercicio seguinte. Se finalizado o devandito trimestre non se chega a aprobar o orzamento, entenderase prorrogado, por períodos mensuais, o do exercicio económico anterior, ata a aprobación do novo orzamento.

2. Ademais, o consello regulador elaborará anualmente, dentro do primeiro trimestre do ano seguinte, unha memoria de actividades realizadas durante o ano inmediatamente anterior e a liquidación orzamentaria do exercicio pasado.

3. Os documentos mencionados no parágrafo anterior serán remitidos á consellería competente en materia de agricultura no prazo dun mes, contado desde a data da súa aprobación polo Pleno, co fin de que sexan ratificados de conformidade coa súa adecuación ás disposicións normativas de aplicación.

Capítulo VIII

Réxime electoral

Artigo 43º.-Réxime electoral.

O réxime electoral do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas será o contido no capítulo VI do Decreto 4/2007, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores.

Capítulo IX

Control e certificación

Artigo 44º.-Órgano de Control.

1. Para o ámbito competencial da denominación de orixe Rías Baixas constitúese no seo do seu consello regulador un Órgano de Control que terá como función esencial verificar o cumprimento dos requisitos que son exixibles aos viños acollidos á denominación de orixe Rías Baixas.

2. O Órgano de Control cumpre os requisitos sinalados no artigo 15.1º b) da Lei 2/2005, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega así como no artigo 65 do Decreto 4/2007, de desenvolvemento da citada lei en materia de denominacións de calidade e dos seus consellos reguladores. De acordo con isto, as súas actuacións realizaranse sen dependencia xerárquica respecto dos órganos de dirección do consello regulador, actuando baixo a tutela da consellería competente en materia de agricultura.

3. O Órgano de Control participa da mesma natureza xurídica que a do Consello Regulador e no seu funcionamento servirase da estrutura administrativa e profesional deste.

4. O Órgano de Control financiarase integramente coa dotación económica que lle sexa asignada e xestionada polo consello regulador, sen prexuízo da asistencia administrativa que facilite este.

5. A actuación do Órgano de Control poderá ser de oficio ou por instancia dos órganos de goberno do consello regulador, para realizar labores de inspección e control do cumprimento da normativa da denominación de orixe; ou por instancia do operador, en petición cursada a través do consello regulador, cando a súa actividade se refira ao control mínimo necesario, previamente fixado polo consello regulador no Manual de calidade, para a obtención da certificación de produto ou ao control do cumprimento dos requisitos necesarios para a regular inscrición nos rexistros do consello regulador.

6. O Órgano de Control exercerá aqueloutras funcións técnicas que lle sexan expresamente encomendadas por acordo do Pleno do consello regulador, sempre que non sexan incompatibles ou menoscaben a súa independencia no exercicio das funcións de control.

Artigo 45º.-Persoal do Órgano de Control.

1. Os membros que compoñan o Órgano de Control serán propostos polo Pleno do consello regulador e serán habilitados pola consellería competente en materia de agricultura.

2. No Órgano de Control integrarase un corpo de inspectores ou «veedores», que designará o Pleno do consello regulador entre os que sexan especialistas en vitivinicultura e fosen seleccionados mediante convocatoria do consello regulador que garanta suficiente publicidade, cumprindo os requisitos da Lei 2/2005 e do Decreto 4/2007.

3. O director do Órgano de Control será o responsable último das actuacións deste, terá o máximo nivel xerárquico das funcións de control e emitirá un informe en cada caso que será vinculante para o consello regulador.

Artigo 46º.-Proceso de cualificación.

1. Todos os viños elaborados en adegas inscritas, para poder facer uso da denominación de orixe Rías Baixas, deberán superar un proceso de cualificación de acordo co que se dispón neste regulamento e no Manual de calidade, así como co que se establece na normativa xeral de aplicación nesta materia.

2. O proceso de cualificación efectuarase por cada partida ou lote homoxéneo e deberá ser supervisado polo Órgano de Control integrado no consello regulador e ineludiblemente constará dun exame analítico e un exame organoléptico, que dará lugar á cualificación, localización ou descualificación da partida. O exame organoléptico será realizado polo Comité de Cualificación e, de ser o caso, polo Comité de Apelación, aos cales se refire o artigo 47º.

3. O Órgano de Control, á vista dos informes técnicos preceptivos do Comité de Cualificación ou, de ser o caso, do Comité de Apelación, así como dos resultados das análises físico/químicas e demais datos sobre o produto, emitirá un informe en que acorde a cualificación, loalización ou descualificación do viño. Este informe, que será vinculante, será trasladado ao consello regulador para que este emita resolución en que acorde a certificación ou non certificación do produto e a expedición, no primeiro caso, das correspondentes precintas.

4. Contra a resolución do consello regulador non se poderá recorrer en vía administrativa agás no caso en que o recurso se fundamente no incumprimento das normas que lle son aplicables ao funcionamento do Órgano de Control.

5. Os viños cualificados deberán manter as calidades organolépticas características destes, especialmente no que se refire á cor, aroma e sabor. No caso de que se constate algunha alteración nestas características en detrimento da calidade, ou que na súa elaboración e conservación se incumpran os preceptos deste regulamento ou os sinalados na lexislación vixente, o viño será descualificado, o que implicará a perda do dereito ao uso da denominación de orixe para el.

Así mesmo, considerarase como descualificado calquera viño obtido por mestura con outro previamente descualificado.

6. A descualificación dos viños poderá ser realizada en calquera fase da súa elaboración e no interior da zona de produción.

A partir da iniciación do expediente de descualificación, o viño deberá permanecer en envases perfectamente identificados e rotulados, baixo a supervisión do Órgano de Control. Para realizar calquera movemento do viño cumprirá poñelo en coñecemento do Órgano de Control, con antelación suficiente para que poida tomar as medidas de control que considere precisas.

7. O consello regulador recollerá no seu Manual de calidade as normas necesarias para levar un seguimento e control dos viños cualificados ata a súa fase de comercialización.

8. Todas as adegas inscritas terán por parte do Órgano de Control do consello regulador, polo menos, un control anual dos seus viños, que se someterán a exame analítico e organoléptico.

Artigo 47º.-Comité de Cualificación e Comité de Apelación.

1. O Órgano de Control establecerá un Comité de Cualificación dos viños, formado por cinco expertos como mínimo, escollidos entre o Panel de Cata aprobado polo Pleno do consello regulador, logo de informe técnico. O Comité de Cualificación terá como misión emitir informe de calidade dos viños que opten a ser amparados pola denominación de orixe Rías Baixas, de acordo co que se establece no artigo 46º deste regulamento. O dito comité poderá contar cos asesoramentos técnicos que considere necesarios.

Este proceso será supervisado polo Órgano de Control, de acordo coas prescricións que figuren no Manual de calidade no referido ao proceso de cualificación.

2. Para a revisión das decisións do Comité de Cualificación crearase un Comité de Apelación formado tamén por expertos do Panel de Cata, cuxo ditame non poderá ser obxecto de revisión.

3. No relativo á constitución e funcionamento do Comité de Cualificación e do Comité de Apelación terase en conta o que se dispoña no Manual de calidade e na normativa xeral vixente nesta materia.

Artigo 48º.-Control da produción vitícola.

O consello regulador facilitaralles ás persoas físicas ou entidades inscritas no Rexistro de Viñas un documento, tarxeta ou cartilla de viticultor, no cal se exprese a superficie de viñedo inscrita, con desagregación de variedades, así como a produción máxima admisible para cada campaña, e poderanse establecerse outros datos que se consideren necesarios, co obxecto dunha mellor identificación ou control.

Artigo 49º.-Control dos volumes de produción.

1. O Órgano de Control do consello regulador verificará, en cada campaña, as cantidades de viños amparados pola denominación de orixe que poderán ser expedidos por cada empresa inscrita nos rexistros de adegas, de acordo coa produción de uva propia ou adquirida, entradas de mostos ou viños doutras adegas inscritas e existencias de campañas anteriores.

2. Por requirimento das adegas inscritas, o consello regulador emitirá un certificado de orixe no modelo oficial que avale a expedición de viños amparados.

Artigo 50º.-Declaracións para o control.

1. Co obxecto de poder controlar a produción, elaboración e existencias, así como as calidades, tipos e canto cumpra para poder acreditar a orixe e calidade dos viños, as persoas físicas ou xurídicas titulares de adegas estarán obrigadas a presentar, ante o consello regulador, nos modelos correspondentes, as seguintes declaracións:

a) Todas as empresas inscritas no Rexistro de Adegas de Elaboración deberán declarar, antes do 30 de novembro de cada ano, a cantidade de mosto e viño obtido, especificando os diversos tipos que elaboren. Será obrigatorio consignar a procedencia da uva e o destino dos produtos que se expidan, indicándose destinatario e cantidade sempre segundo o procedemento establecido no Manual de calidade.

b) Todas as empresas inscritas nos rexistros de adegas de almacenaxe e de adegas embotelladoras presentarán, dentro dos dez primeiros días de cada mes, unha declaración de entradas e saídas de produtos amparados durante o mes anterior, indicando a procedencia dos viños adquiridos. En todo caso, distinguiranse os diferentes tipos de viños.

2. As obrigas fixadas no punto anterior non eximen os interesados do cumprimento de efectuar as declaracións de existencias, produción e elaboración que se establecen na lexislación vixente.

Artigo 51º.-Circulación de produtos.

1. Toda expedición de uva, mosto, viño ou calquera outro produto ou subproduto da vinificación que teña lugar entre operadores inscritos, aínda pertencentes á mesma razón social, deberá ir acompañada pola documentación establecida na lexislación vixente en cada momento e remitirase copia do documento ao consello regulador.

2. O expedidor comunicará previamente ao consello regulador toda expedición, para que este faga constar obrigatoriamente a certificación de orixe no documento de acompañamento.

3. O que se establece nos puntos anteriores será exixible tamén no caso de expedición de uva, mosto, viño ou calquera outro produto da uva ou subproduto da vinificación que teña lugar dunha empresa inscrita a outra non inscrita.

Artigo 52º.-Precintas de garantía e contraetiquetas.

Calquera que sexa o tipo de envases en que se expidan os viños para o consumo, irán provistos de precintas de garantía ou contraetiquetas numeradas, expedidas polo consello regulador, que deberán ser colocadas na propia adega de acordo coas normas que se establezan no Manual de calidade e de xeito que non se permita unha segunda utilización.

Capítulo X

Infraccións, sancións e procedemento

Artigo 53º.-Base legal.

1. O réxime sancionador da denominación de orixe Rías Baixas é o establecido no capítulo II do título III da Lei 24/2003, do 10 de xullo, da viña e do viño.

2. Complementan a disposición legal mencionada o Real decreto 1945/1983, do 22 de xuño, que regula as infraccións e sancións en materia de defensa do consumidor e da produción agroalimentaria, polo que se refire á toma de mostras e análise; a Lei 2/2005, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, no relativo á inspección e medidas preventivas; a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, aprobado polo Real decreto 1398/1993; e cantas disposicións xerais estean vixentes en cada momento sobre a materia.

Artigo 54º.-Actividade dos inspectores do Órgano de Control.

1. De acordo co que se establece no artigo 54 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, no exercicio das súas funcións, o persoal do Órgano de Control que realice actuacións de inspección e que estea habilitado pola consellería competente en materia de agricultura, terá a consideración de axente da autoridade e poderá solicitar a colaboración de calquera Administración pública, das organizacións profesionais e das organizacións de consumidores. Así mesmo, poderá solicitar a axuda que precise das forzas e corpos de seguridade.

2. Cando, no exercicio das súas funcións, o persoal inspector do Órgano de Control, debidamente habilitado pola consellería competente en materia de agricultura, detecte irregularidades que poidan ser constitutivas de infracción, os feitos serán postos en coñecemento da dita consellería para o inicio, se procede, do correspondente procedemento sancionador.

Anexo ao regulamento da denominación de orixe rías baixas e do seu consello regulador.

Ver referencia pdf "14700D005P022.PDF"