DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Martes, 28 de xullo de 2009 Páx. 12.730

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FACENDA

ORDE do 16 de xullo de 2009 reguladora do sistema, formatos e especificacións dos medios establecidos para a obtención de datos polo módulo Subvencións, para a formación dos rexistros de axudas, subvencións, convenios e de sancións, e para a remisión de información á base de datos nacional de subvencións.

A Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais para o ano 2006, recolle nos seus artigos 44 e 45 os mandatos de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións administrativas nesta materia, caracterizados por ser de acceso público a través de procedementos informáticos, mandato que tamén se recolle na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no seu artigo 16.

En cumprimento destas previsións, aprobouse o Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións. O artigo 4 estableceu o contido do rexistro, e os artigos 6 e 7 a obriga da comunicación dos datos pertinentes e o seu procedemento de recollida.

Por último, e mediante a orde da Consellería de Economía e Facenda, do 1 de setembro de 2006, establecéronse o sistema, formatos e especificacións dos medios establecidos para a comunicación dos datos aos rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia.

Por outra banda, a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, prevé no seu artigo 20 a obriga dos suxeitos recollidos no artigo 3 de facilitar á Intervención Xeral da Administración do Estado, para os efectos meramente estatísticos e informativos, información sobre as subvencións por eles xestionadas, co obxecto de formar unha base de datos nacional.

En desenvolvemento desta lei ditouse o Real decreto 887/2006, polo que se aproba o regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que regula esta materia na sección 6ª do capítulo III do título preliminar, e establece no artigo 37 o contido da información que os obrigados definidos no seu artigo 36 deben subministrar á base de datos nacional de subvencións, á vez que prevé que o detalle da devandita información se determinará mediante orde do Ministerio de Economía y Hacienda en colaboración coas administracións públicas afectadas.

A Orde EHA/875/2007, do 29 de marzo, que se dita con carácter básico ao abeiro do disposto no artigo 149.1.13ª, 14ª e 18ª da Constitución, establece o contido e estrutura dos ficheiros informáticos para o intercambio de información, así como os procedementos para o devandito intercambio.

Neste sentido, a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no seu artigo 16, así como o artigo 2 do antedito Decreto 132/2006, establecen como unha das funcións dos rexistros a coordinación coas bases de datos establecidas pola Unión Europea, a Administración xeral do Estado ou outras entidades públicas.

É necesario, polo tanto, recoller toda esta información e destinala ao fin a que corresponda, ben sexa a formación dos rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia como a elaboración da información para subministrar á base de datos nacional de subvencións.

A conveniencia de proceder ao procesamento automatizado do considerable número de datos que deberán ser subministrados, así como a necesidade dun tratamento homoxéneo, consolidación e análise aconsellan a remisión por medios informáticos, con formatos e especificacións normalizados.

A subministración de toda esta información implica unha pluralidade de suxeitos, con moi distinta organización, medios informáticos e volume de datos que deben comunicar, o que fai necesario implementar mecanismos alternativos de remisión de datos.

Con este fin habilítase unha aplicación informática que exixe a conexión ao sistema de información contable Xumco no módulo Subvencións, e permite remitir e cubrir en liña os datos exixidos.

Para unha maior transparencia e para evitar duplicidades na información, modifícase o procedemento de recollida dos datos que forman os rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, que se recolle na orde da Consellería de Economía do 1 de setembro de 2006, de forma que estes se nutrirán dos datos recollidos polo procedemento desta orde.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establecer o contido, formato e especificacións dos medios informáticos que empregarán os órganos obrigados:

1. Para a comunicación dos datos establecidos no artigo 4 do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións.

2. Para a comunicación dos datos que se proporcionarán como consecuencia da obriga de remitir información establecida no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 2º.-Ámbito subxectivo.

1. Están obrigados a facilitar información sobre as subvencións que concedan, os convenios que impliquen subvención e os convenios con entidades colaboradoras que celebren:

a) A Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e os seus organismos autónomos.

b) Os organismos públicos e demais entidades de dereito público con personalidade xurídica propia vinculadas ou dependentes da Xunta de Galicia, na medida en que as subvencións que outorguen sexan consecuencia do exercicio de potestades administrativas.

c) Os consorcios, mancomunidades ou outras personificacións públicas creadas por varias administracións públicas e organismos ou entes dependentes delas, na medida en que as subvencións que outorguen sexan consecuencia do exercicio de potestades administrativas.

2. Estarán obrigados a facilitar información polas achegas monetarias sen contraprestación que realicen:

a) Os organismos públicos e demais entidades de dereito público con personalidade xurídica propia vinculadas ou dependentes da Xunta de Galicia que se rexan polo dereito privado.

b) Os consorcios, mancomunidades ou outras personificacións públicas creadas por varias administracións públicas e organismos ou entes dependentes delas, que se rexan polo dereito privado.

c) As fundacións do sector público.

3. A obriga de subministración de información esténdese, así mesmo, aos órganos que diten as resolucións firmes a que fai referencia o artigo 10.2º, alíneas c) e h), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, subvencións de Galicia, comunicando os datos identificativos de quen non poderá obter a condición de beneficiario ou entidade colaboradora, así como o período durante o cal non poderá obter tal condición.

4. Ademais, teñen a obriga de subministrar información os órganos que diten as resolucións administrativas polas cales se impoña algunha sanción en materia de subvencións.

Artigo 3º.-Subministración de información.

1. A información a que se refire o artigo 1º deberá remitirse á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma co contido, formato e especificacións definidos nesta orde.

2. A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma será a encargada da subministración de información a través do sistema de información (TESEOnet) nos termos establecidos pola Intervención Xeral da Administración do Estado.

3. Coa información recollida por este procedemento formaranse os rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia.

Artigo 4º.-Formato e especificacións das comunicacións.

1. Os datos que se deben comunicar son os que figuran nos anexos desta orde.

2. A Consellería de Facenda posibilitará, a través do sistema de información contable no módulo Subvencións, que remitan e cubran en liña os datos correspondentes os órganos e entidades obrigadas e autorizadas, operen contablemente ou non a través do citado sistema. Esta comunicación poderase realizar cubrindo en liña os datos, pola obtención deles da contabilidade ou mediante arquivos de datos xerados co formato e especificacións establecidas nos anexos desta orde.

Artigo 5º.-Procedemento de recollida da información.

1. A información que se debe achegar obterase a partir dos documentos existentes nos expedientes de elaboración das bases reguladoras ou convocatorias, así como nos expedientes individuais de concesión, pagamento, reintegro de subvencións, e de carácter sancionador.

2. Os datos das bases reguladoras recolleranse na aplicación desenvolvida para o efecto, e será requisito previoa cubrilos para poder recoller os datos da convocatoria, sempre que esta se ditase ao abeiro dunha base reguladora.

3. Os datos das convocatorias cubriranse na aplicación con anterioridade á precontablilización no sistema Xumco II dos documentos contables.

En consecuencia, a precontabilización do primeiro documento contable en materia de subvencións comportará a obriga polo órgano xestor de cubrir a pantalla da aplicación relativa á convocatoria.

4. Polo que se refire ás subvencións concedidas por órganos ou entes que operen a través do sistema contable Xumco II, a maioría dos datos das concesións transferiranse directa e automaticamente na aplicación de subvencións desde os correspondentes documentos contables. O resto dos datos deberán ser cubertos con posterioridade; será requisito que se cubran para a precontabilización das fases posteriores de gasto.

Excepcionalmente, poderase proceder á transferencia manual destes datos desde os documentos contables correspondentes cando as circunstancias así o exixan.

Por outra parte, no caso de subvencións concedidas por órganos ou entes que non operen a través do sistema contable Xumco II, os datos deberán ser importados mediante ficheiro coas especificacións que se establezan no anexo desta orde.

5. Os datos relativos aos pagamentos transferiranse directa e automaticamente dos documentos contables correspondentes na aplicación de subvención nos casos de órganos ou entes que operen a través do sistema contable Xumco II.

No caso contrario, estes datos deberán ser facilitados mediante ficheiro coas especificacións que se establezan no anexo desta orde.

6. Os datos relativos a sancións, convenios con entidades colaboradoras, reintegros de subvencións, xustificación das subvencións prepagables, prohibicións para a obtención da condición de beneficiario ou entidade colaboradora de subvencións, deberán subministrarse mediante a captura dos datos na pantalla correspondente da aplicación de subvencións.

7. A información a que se refiren os parágrafos anteriores tamén se pode facilitar mediante arquivo de datos xerado co formato e especificacións establecidas no anexo da orde.

Artigo 6º.-Modificacións das especificacións recollidas no anexo.

Autorízase a Intervención Xeral de Comunidade Autónoma para modificar as especificacións recollidas nos anexos desta orde de acordo coas posibilidades técnicas de cada momento.

Disposición transitoria

Primeira.-Os órganos mencionados no artigo 2º deberán facilitar a información referida desde o 1 de xaneiro de 2009.

Non obstante, é posible que parte desta información xa se encontre recollida na aplicación Rexistro de Subvencións. Para estes efectos procédese á transferencia da información recollida na aplicación Rexistro de Subvencións na nova aplicación Subvencións.

Segunda.-Establécese un período de implantación da aplicación, desde o 1 de agosto de 2009 ao 15 de setembro de 2009, en que a aplicación se implementará en modo informativo, é dicir, non impedirá a tramitación de documentos contables, no cal se deberá proceder á captura da seguinte información:

1. Bases reguladoras de subvencións concedidas ou que se van conceder desde o 1 de xaneiro de 2009.

2. Convocatorias ditadas de subvencións concedidas ou que se van conceder desde o 1 de xaneiro de 2009.

3. Concesións de subvencións desde o 1 de xaneiro de 2009.

No caso de que parte de estes datos xa estivesen capturados a través da aplicación Rexistro de Subvencións, deberase proceder a cubrir os restantes datos na nova aplicación, pero non será necesario dar de alta novas bases reguladoras, convocatorias ou concesións.

Para o caso das concesións, e no suposto de que estas se contabilizasen mediante documentos contables sen desagregación de NIF, será requisito que se proceda a realizar esta desagregación de NIF por algún dos medios establecidos para iso.

Finalizado este período de implantación, e a partir do 16 de setembro de 2009, a aplicación implementarase en modo obrigatorio.

Facúltase a Intervención Xeral para modificar estes prazos por razóns motivadas.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 1 de setembro de 2006, reguladora do sistema, formatos e especificacións dos medios establecidos para a comunicación dos datos aos rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2009.

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda

Ver referencia pdf "14600D001P006.PDF"