DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Martes, 21 de xullo de 2009 Páx. 12.460

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

SERVIZO GALEGO DE PROMOCIÓN DA IGUALDADE DO HOME E DA MULLER

RESOLUCIÓN do 14 de xullo de 2009 pola que establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas e subvencións dirixidas a entidades de iniciativa social para o desenvolvemento de programas a través de centros e recursos especializados para mulleres en situación de especial discriminación ou desigualdade e se procede á súa convocatoria.

O Estatuto de autonomía, no seu artigo 4, determina que lles corresponde aos poderes públicos de Galicia promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos nos que se integra sexan reais e efectivas, remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos na vida política, económica, cultural e social.

A Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, establece o compromiso da comunidade autónoma na eliminación da discriminación entre mulleres e homes e na promoción da igualdade definindo os mecanismos para fomentar o protagonismo das mulleres como parte activa do desenvolvemento da nosa sociedade.

A Lei 3/1991, do 14 de xaneiro, de creación do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, establece no seu artigo 3 como funcións deste organismo colaborar coas entidades que polos seus fins contribúan á consecución dos obxectivos establecidos, así como incentivar a participación das mulleres na vida política, económica, cultural e educativa.

A Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, establece no seu artigo 1 que o departamento competente en materia de igualdade establecerá anualmente un plan de axudas económicas destinadas ás asociacións de mulleres con sede en Galicia para o desenvolvemento de actividades que promovan a prevención, protección, asistencia e acompañamento ás mulleres que sofren violencia de xénero; tamén indica que establecerá axudas destinadas a que o movemento asociativo en Galicia desenvolva actividades que promovan a prevención e a erradicación da violencia de xénero.

Os distintos programas que se prevé desenvolver coa achega das subvencións previstas abranguen diversas actuacións definidas nos eixes xenéricos da promoción da muller que van desde o apoio aos centros de atención especializada ata a realización de programas específicos para mulleres vítimas de violencia de xénero e previndo tamén o fomento para a realización de programas de recursos integrados para mulleres en situación de exclusión especial, para superar situacións de discriminación ou desigualdade.

As subvencións reguladas nesta resolución concederanse en réxime de concorrencia competitiva tendo en conta, en todo caso, os principios básicos de publicidade, transparencia e obxectividade; ao longo de todo o procedemento observarase o disposto na normativa autonómica e na estatal e comunitaria de aplicación, con especial atención aos regulamentos comunitarios que regulan a xestión de fondos estruturais posto que as partidas orzamentarias dedicadas aos distintos programas están cofinanciadas ao 80% polo Fondo Social Europeo.

Por todo o exposto, e no exercicio das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Capítulo I

Finalidade e réxime das axudas

Artigo 1º.-Obxecto.

1. O obxecto desta resolución é fixar as bases reguladoras e a convocatoria pública para o ano 2009 das subvencións do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller establecidas para apoiar o mantemento de centros de atención especializada e para o desenvolvemento de programas de recursos dirixidos a mulleres que se atopan en situación de exclusión especial, de prevención e tratamento integral da violencia de xénero e para superar situacións de discriminación ou desigualdade. As accións subvencionables son as seguintes:

Programa 1: centros de atención especializada.

Programa 2: recursos especializados.

2. As bases específicas de cada programa regúlanse no capítulo III desta resolución.

3. A concesión destas subvencións realizarase mediante o réxime de concorrencia competitiva segundo os criterios que para os distintos programas se establecen nesta resolución e resolverase dentro das dispoñibilidades orzamentarias definidas no artigo 2º.

Artigo 2º.-Financiamento.

Para a concesión das axudas convocadas nos distintos programas desta resolución destínase a cantidade total de 825.000 euros que se financia con cargo ás partidas orzamentarias 05.80.313B.481.0 (200.000 €) e 05.80.313B.481.2 (625.000 €) que figuran na Lei de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2009. O crédito consignado está cofinanciado ao 80% polo Fondo Social Europeo. As referidas contías poderán incrementarse de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias nos supostos previstos no artigo 31.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen que iso supoña a modificación do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 3º.-Normativa aplicable.

As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas e subvencións axustaranse ao disposto no Regulamento (CE) 1083/2006, do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei anual de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2009; na Lei 4/2006, do 30 se xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, nesta resolución e demais normativa de aplicación.

En canto á información e publicidade das accións que se realicen ao abeiro desta resolución rexerá o disposto no Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, que fixa normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, e o Regulamento (CE) 1080/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e demais normativa de aplicación.

Capítulo II

Normas comúns: competencia e procedemento

Artigo 4º.-Competencia.

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas e subvencións previstas nesta resolución correspóndelle á directora xeral do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

Artigo 5º.-Destinatarias.

Poderán solicitar as axudas as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que cumpran as obrigas e requisitos exixidos nesta resolución que deberán estar inscritas, o último día de presentación de solicitudes, na área de muller do Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais. Quedarán excluídas aquelas que con anterioridade recibisen algunha outra axuda deste organismo e non xustificasen o seu investimento.

Non poderán obter esta condición aquelas entidades nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non inclusión nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración asinada pola/o representante da entidade.

Artigo 6º.-Solicitudes e prazo.

1. As solicitudes cubriranse nos formularios normalizados que se publican como anexos desta resolución, dirixiranse á directora xeral do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller e presentaranse preferentemente nos rexistros da Xunta de Galicia, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se subscribise o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

3. As solicitudes deberán ir acompañadas da documentación xeral exixida no artigo 7º e da documentación específica que se establece para cada programa ou tipo de axuda.

Artigo 7º.-Documentación xeral.

1. Segundo dispón o artigo anterior, ademais da documentación específica exixida para cada programa, as solicitudes presentaranse xunto cos seguintes documentos:

a) Fotocopia do DNI da persoa física que asina a solicitude e certificación orixinal que acredite poder suficiente para actuar en nome da entidade.

b) Certificación do secretario/a ou representante legal da entidade sobre o acordo de solicitar a subvención e de financiar o importe do orzamento que non resulte subvencionado ao abeiro desta convocatoria ata o importe total da execución prevista segundo a documentación achegada coa solicitude.

c) Declaración orixinal asinada pola/o representante legal da entidade en que se exprese a non concorrencia dalgunha das circunstancias a que se refire o artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal.

e) Declaración orixinal asinada pola/o representante legal da entidade de todas as axudas, solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas ou organismos delas dependentes, entes ou sociedades, ou, se é o caso, declaración de que non se solicitaron nin percibiron outras axudas ou subvencións.

f) Certificación orixinal expedida pola entidade bancaria da titularidade da conta na que conste: código de banco, código de sucursal, díxito de control e código de conta corrente.

g) Orzamento do exercicio corrente e balance de situación da entidade.

h) Cando se trate dunha federación ou confederación, presentarase certificación orixinal da/o secretaria/o, co visto e prace da/o presidenta/e, ou órganos similares, acreditativa das asociacións ou federacións integradas, especificando o nome, CIF, número asignado no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais na área específica da muller e número de socias de cada unha delas.

i) Declaración orixinal asinada pola/o titular ou pola/o representante legal da entidade en que se exprese o acordo coas actuacións de control e supervisión do Fondo Social Europeo, da unidade administradora do Fondo Social Europeo do Ministerio de Traballo e Inmigración e do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

j) Outra documentación de interese para a valoración da solicitude.

2. Sen prexuízo do disposto na normativa vixente, as entidades solicitantes non achegarán os documentos sinalados nas letras a), d) e f) deste artigo, agás que se producise algunha variación ao respecto dos datos que constan en poder do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

3. A presentación da solicitude comporta a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións á Axencia Estatal de Administración Tributaria, á Consellería de Economía e Facenda e Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

Artigo 8º.-Información aos/ás interesados/as.

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código SI427A poderase obter documentación normalizada ou información adicional no Servizo Galego de Igualdade, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial do organismo:

http://sgi.xunta.es/.

b) Os teléfonos 981 54 53 69, 981 54 53 66.

c) O enderezo electrónico:

cooperacion.sgi@xunta.es.

d) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral do SGI que é o 981 54 53 51

Artigo 9.-Consentimentos e autorizacións.

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras e comporta a autorización da entidade solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos. Cando da actuación de oficio resultase que a entidade solicitante ou beneficiaria non se atopa ao día de pagamento das súas obrigas tributarias e sociais co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social, requirirase para que regularice a situación e presente por si mesma o correspondente certificado.

De conformidade co artigo 20.3º da Lei 9/2007, se a/o solicitante indica que certa documentación que se deba usar neste procedemento xa figura no poder da Administración, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a ela. Para estes efectos, a documentación débese manter vixente e identificarase no formulario de solicitude o procedemento administrativo para o que foi presentada.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, este organismo publicará na súa páxina web oficial a relación de entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos/as beneficiarios/as e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

4. O Servizo Galego de Igualdade velará polos datos de carácter persoal que serán obxecto de tratamento, e para eses efectos procederase á súa incorporación a un ficheiro que cumprirá as exixencias da Lei 15/1999, de protección de datos, adoptándose tanto as medidas de seguridade técnicas como organizativas.

A finalidade da recolla e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente e as que deriven da aplicación da Lei 4/2006, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Os datos non serán obxecto de cesión a terceiros; no entanto, o Servizo Galego de Igualdade revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso. Decláranse recoñecidos e poderán exercerse os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición por escrito e achegando identificación suficiente ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que poderá atopar na Guía do Cidadán da páxina web da Xunta.

Artigo 10º.-Emenda da solicitude.

Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non achegase a documentación exixida, as unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente requirirán a entidade solicitante para que, no prazo de dez días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que se así non o fixese se terá por desistida a petición, logo da resolución, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6º b), 60 e 61 da indicada Lei 30/1992, os requirimentos citados de emenda poderanse facer mediante publicación no Diario Oficial de Galicia, e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada. Esta publicación tamén se realizará no taboleiro de anuncios da páxina web do SGI ao cal se remitirá desde o texto publicado no Diario Oficial de Galicia. Se a instrución do procedemento o aconsellase, o órgano competente poderá substituír esta publicación no Diario Oficial de Galicia e na web pola notificación individualizada, de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

Artigo 11º.-Valoración de solicitudes.

1. A directora xeral do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller designará unha comisión de valoración para o estudo e avaliación das solicitudes recibidas e debidamente cubertas, que estará composta, polo menos, por tres membros, o/a presidente/ a e dous/dúas vogais, actuando un/unha deles/as como secretario/a.

2. Se por calquera causa, no momento no que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algún dos seus membros non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe a directora xeral.

3. A comisión de valoración avaliará as solicitudes segundo os criterios establecidos para cada programa e presentará as propostas de concesión tendo en conta os créditos consignados no artigo 2º desta resolución.

Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán, de xeito individualizado, as entidades solicitantes propostas para obter a subvención, especificándose a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos no artigo seguinte, a contía do orzamento elixible determinado a partir do orzamento presentado e a porcentaxe que lle corresponde aplicar ao dito orzamento de xeito proporcional á puntuación obtida para determinar a contía da subvención, ata esgotar o crédito dispoñible.

O resto das actuacións subvencionables quedará en reserva para seren atendidas ben co crédito que quedase libre de producirse algunha renuncia ou por modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento do crédito orzamentario destinado a esta subvención. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

Artigo 12º.-Resolución e recursos.

1. As resolucións dos expedientes de axudas, logo de fiscalización da proposta da comisión de valoración pola intervención correspondente, correspóndelle á directora do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

2. O prazo para resolver será de catro meses, que se computarán a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude de acordo co establecido nos artigos 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As resolucións ditadas poñen fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto no prazo dun mes desde a súa notificación, de acordo co disposto no artigo 117 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

4. As subvencións concedidas publicaranse segundo dispón a normativa vixente. Na páxina web oficial do organismo e nos cinco días seguintes á notificación da concesión publicarase a relación de concesións con expresión da entidade beneficiaria, a contía e a finalidade, segundo indica o artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

5. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6º b) da indicada lei, no caso das subvencións concedidas poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do SGI. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada. Coa publicación no Diario Oficial de Galicia poderá remitirse ás beneficiarias para que consulten información detallada da resolución nun taboleiro da citada web.

As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación. Non obstante, poderase substituír esta notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia, coa indicación de que as entidades non beneficiarias consulten a información detallada da súa resolución nun taboleiro da citada web.

Artigo 13º.-Aceptación e renuncia.

Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, transcorridos dez (10) días hábiles desde a notificación ou publicación desta sen que a entidade interesada comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiaria.

A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, a directora do Servizo Galego de Igualdade ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1º da mesma lei.

Artigo 14º.-Incompatibilidades e concorrencia.

En ningún caso o importe das subvencións ou axudas concedidas ao abeiro desta resolución poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total do programa obxecto de axuda.

As entidades solicitantes deberán presentar, xunto coa solicitude, unha declaración comprensiva de todas as axudas e subvencións solicitadas ou concedidas para un mesmo programa, segundo o establecido na letra e) do artigo 7º. Na fase de xustificación do pagamento deberán achegar unha declaración complementaria e actualizada co mesmo contido que a exixida coa solicitude.

Artigo 15º.-Obrigas das entidades beneficiarias das subvencións.

1. As entidades beneficiarias das axudas establecidas nesta resolución están obrigadas a:

a) Non alterar o destino da subvención.

b) Efectuar a xustificación do gasto conforme ao establecido para cada programa.

c) Someterse ás actuacións de supervisión e control dos órganos da Administración do Estado e da comunidade autónoma, do Fondo Social Europeo, da Unidade Administradora do Fondo Social Europeo do Ministerio de Traballo e Inmigración e do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller para realizar as comprobacións e verificacións que se consideren precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidas polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou ente público nacional ou internacional.

e) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

f) Presentar, antes do 10 de xaneiro de 2010 a memoria final anual dos programas desenvolvidos pola entidade na área da muller en 2009.

2. O incumprimento das obrigas establecidas nesta resolución e na normativa aplicable será causa determinante de revogación da subvención, así como do reintegro, se é caso, dos importes percibidos e dos xuros de demora correspondentes.

Artigo 16º.-Publicidade das accións.

1. No lugar onde se realicen os distintos programas de centros e recursos especializados e de forma visible, deberá figurar un cartel informativo que indique que a acción ten financiamento do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, organismo autónomo dependente da Presidencia da Xunta de Galicia, e do Fondo Social Europeo e no que figuren os anagramas correspondentes. Na páxina web oficial do organismo informarase das características do dito cartel e dos logotipos e lendas de obrigada inclusión.

2. Toda a documentación elaborada especificamente para o desenvolvemento das accións deberá incluír os logotipos das entidades e organismos mencionados neste artigo.

Artigo 17º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión e, eventualmente, á súa revogación.

Artigo 18º.-Revogación e reintegro.

Procederá a revogación das concesións das subvencións, así como a apertura de expediente para o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora, nos termos previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Art. 19º.-Subcontratación.

Queda excluída a subcontratación das accións subvencionadas ao abeiro desta convocatoria, non obstante, en aplicación do disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non se inclúe nesta prohibición a contratación daqueles gastos en que a entidade beneficiaria teña que incorrer para a realización por si mesma da actividade subvencionada.

Capítulo III

Normas específicas: tipos de programas

Sección primeira

Programa 1: centros de atención especializada

Artigo 20º.-Obxecto.

Este programa ten por obxecto sufragar parcialmente os gastos correntes e de persoal de centros especializados na atención a mulleres en situación de exclusión especial.

Artigo 21º.-Beneficiarias.

Poderán solicitar as subvencións as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro titulares de centros de atención especializada a mulleres, a excepción das casas de acollida e vivendas tuteladas que teñan outro sistema de financiamento, que cumpran o requisito establecido no artigo 5º desta resolución e, de ser o caso, que dispoñan das autorizacións correspondentes.

Artigo 22º.-Gastos subvencionables e contías.

1. Poderán subvencionarse con cargo a este programa os gastos correntes e de persoal realizados no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2009 e o 30 de novembro de 2009 directamente vinculados ao mantemento e funcionamento dos centros e que figuren debidamente reflectidos no orzamento presentado coa solicitude.

2. O importe das subvencións concedidas para este programa poderá acadar o 90% do gasto realizado e establecerase respectando os límites específicos resultantes da valoración de cada solicitude, co tope máximo de 40.000 € euros por centro.

3. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada e sexan efectivamente realizados no ano 2009. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o/a beneficiario/a deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores/as, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega das subministracións, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que subministren ou presten os servizos, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

Para os efectos da xustificación desta subvención non se considera subvencionable ningún tipo de taxa, tributo ou imposto, agás o imposto sobre o valor engadido non susceptible de recuperación ou compensación.

Artigo 23º.-Solicitudes e documentación específica.

As solicitudes dirixiranse á dirección do organismo e presentaranse, xunto coa seguinte documentación, de acordo co establecido no artigo 6º:

a) Anexo I-1 debidamente cuberto e asinado.

b) Documentos correspondentes que establece o artigo 7º.

c) Proxecto de execución do programa para o que se solicita a axuda onde figurarán, necesariamente, os obxectivos, a poboación a quen vai dirixido, o ámbito xeográfico, os medios materiais e humanos e o réxime de funcionamento.

d) Orzamento pormenorizado que reflicta separadamente cada tipo de gasto e o seu custo concreto con desagregación de impostos, ademais de indicar os medios materiais e humanos dos que dispón a entidade para a súa realización.

Artigo 24º.-Criterios de valoración.

A comisión de valoración estudará e avaliará as solicitudes debidamente cubertas con base nos seguintes criterios:

a) Centros existentes en anos anteriores con financiamento deste organismo e rendemento estimado segundo o cumprimento de obxectivos e a súa xustificación: ata 5 puntos.

b) Singularidade referida ao tipo de prestacións do centro respecto doutros existentes na mesma provincia: ata 5 puntos.

c) Atención a mulleres embarazadas ou con fillas e fillos sen recursos: ata 4 puntos.

d) Achega de recursos propios ou doutras administracións ou entidades: ata 3 puntos.

e) Actividades complementarias dirixidas ás usuarias: ata 3 puntos.

Artigo 25º.-Pagamentos parciais e liquidación final.

1. Poderán acordarse pagamentos parciais ata o máximo do 80% do importe da concesión, a conta da liquidación e xustificación final, a medida que a entidade xustifique ter realizado un gasto equivalente ao pagamento parcial sempre que presente os seguintes documentos:

a) Certificación orixinal de gasto subscrita pola/o secretaria/o co visto e prace da/o presidenta/e da entidade, ou órganos similares, que acredite que gastos foron realizados e o seu importe.

b) Declaración complementaria de axudas segundo o establecido no artigo 14º.

c) Relación de xustificantes de gasto en que consten: identificación do acredor, número e data da factura ou documento equivalente, concepto, importe total e importe imputado ao programa e data de pagamento.

d) Orixinal e copia das facturas, ou documentos equivalentes, dos gastos correspondentes á xustificación parcial.

Estes documentos estarán emitidos conforme a normativa aplicable e acompañaranse dos xustificantes bancarios de pagamento e, de ser o caso, dos xustificantes de ter aboado as cotas, taxas ou impostos correspondentes. As entidades presentarán os orixinais para seren selados pola unidade tramitadora correspondente, unha vez completa esta dilixencia e sempre que o soliciten expresamente, seranlles devoltos coa maior brevidade. Con carácter excepcional, admitiranse como xustificantes de pagamento os recibos, nos termos establecidos no artigo 42.3º do Regulamento de subvencións de Galicia, polas achegas directas ás usuarias dos centros para gastos persoais de primeira necesidade que aos efectos desta subvención teñen a consideración doutros gastos correntes do programa.

2. Procederá a liquidación final unha vez que as entidades beneficiarias xustifiquen debidamente a execución do programa, para isto o importe xustificado deberá coincidir co establecido na resolución de concesión, se o gasto xustificado fose menor e sempre que se manteñan os fins para os que se concedeu a subvención, esta reducirase proporcionalmente ao importe xustificado.

2.1. A data límite de presentación da xustificación da subvención é o 10 de decembro de 2009 e comprende a seguinte documentación:

a) Certificación orixinal da/o secretaria/o co visto e prace da/o presidenta/e da entidade, ou órganos similares, acreditativa do importe e dos gastos correspondentes ao custo da realización do programa e que este foi destinado para o fin para o que se concedeu, esta certificación conterá a relación e custo individualizado das actividades realizadas e indicará o número de participantes directas.

b) Declaración complementaria de axudas segundo o establecido no artigo 14º.

c) Balance de ingresos e gastos, referido ao programa solicitado conforme o anexo II.

d) Relación de xustificantes de gasto en que consten: identificación do acredor, número e data da factura ou documento equivalente, concepto, importe total e importe imputado ao programa e data de pagamento.

e) Orixinal e copia das facturas, ou documentos equivalentes, dos gastos correspondentes á liquidación final. Estes documentos presentaranse segundo o disposto na letra d) do punto 1 deste artigo. Así mesmo incluiranse, cando proceda, os tres orzamentos segundo o previsto no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2.2. Antes de proceder ao pagamento da liquidación final ou, de ser o caso, dos pagamentos parciais, de acordo co artigo 9º.1 desta resolución polo órgano xestor incorporarase ao expediente a acreditación de que as entidades beneficiarias están ao día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración da comunidade autónoma.

2.3. No caso de que a xustificación fose incorrecta e/ou incompleta requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, advertíndolle que, de non facelo, se procederá, logo de resolución, á revogación da subvención e, de ser o caso, á tramitación do expediente de reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de demora.

Sección segunda

Programa 2: recursos especializados

Artigo 26º.-Obxecto.

Este programa ten por obxecto colaborar no financiamento da prestación de recursos especializados para mulleres agás os servizos de asesoramento xurídico e psicolóxico que este organismo cofinancia a través de convocatoria pública específica para centros acreditados.

Artigo 27º.-Beneficiarias.

Poderán solicitar as subvencións as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que desenvolvan programas definidos no artigo anterior e cumpran o requisito establecido no artigo 5º.

Artigo 28º.-Tipos de axuda.

Os programas de recursos especializados, para os efectos desta resolución, clasifícanse do seguinte xeito:

a) Programa de recursos para mulleres en situación de risco ou en proceso de exclusión social:

-Dirixido a mulleres reclusas e ex reclusas.

-Dirixido a mulleres drogodependentes.

b) Programa de recursos de apoio dirixido a:

-Mulleres anciás soas.

-Mulleres con discapacidade.

-Mulleres inmigrantes.

-Mulleres pertencentes a minorías étnicas.

c) Programas de recursos específicos para mulleres vítimas de violencia de xénero:

-De acompañamento.

-De busca activa ou mellora de emprego

-Programas dirixidos a mulleres que exercen a prostitución

d) Outros programas de recursos adecuados aos obxectivos do organismo e susceptibles de inclusión no ámbito desta convocatoria.

Artigo 29º.-Gastos subvencionables.

1. Poderán subvencionarse con cargo a este programa os gastos correntes e de persoal realizados no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2009 e o 30 de novembro de 2009 directamente vinculados ao desenvolvemento dos programas indicados e que figuren debidamente reflectidos no orzamento presentado coa solicitude.

2. O importe das subvencións concedidas para este programa poderá acadar o 80% do gasto realizado que resultase elixible segundo a valoración de cada solicitude.

Artigo 30º.-Solicitudes e documentación específica.

As solicitudes dirixiranse á dirección do organismo e presentaranse, xunto coa seguinte documentación, de acordo co establecido no artigo 6º:

a) Anexo I-3 debidamente cuberto e asinado.

b) Documentos correspondentes que establece o artigo 7º.

c) Proxecto de execución do programa para o que se solicita a axuda onde deberán figurar, necesariamente, os obxectivos, a poboación a quen vai dirixido, o ámbito xeográfico, os medios materiais e humanos e o réxime de funcionamento.

d) Orzamento pormenorizado que reflicta separadamente cada tipo de gasto e o seu custo concreto con desagregación de impostos, ademais de indicar os medios materiais e humanos dos que dispón a entidade para a súa realización.

e) Cando o proxecto presentado recolla a realización dun programa con actuacións que afecten a varias epígrafes do artigo 28º, a entidade presentará unha soa solicitude na que incluirá un só orzamento e sinalará a denominación específica do programa no apartado outros do anexo I-2.

Artigo 31º.-Criterios de valoración.

A comisión de valoración estudará e avaliará as solicitudes debidamente cubertas atendendo aos seguintes criterios:

a) Programas existentes en anos anteriores con financiamento deste organismo con rendemento estimado segundo o cumprimento de obxectivos e a súa xustificación: ata 4 puntos.

b) Programas de atención permanente: ata 5 puntos.

c) Ámbito territorial/poboacional de desenvolvemento do programa: ata 4 puntos.

d) Achega de recursos propios ou doutras administracións ou entidades públicas ou privadas: ata 3 puntos.

e) Programas innovadores en atención integral a violencia de xénero: 4 puntos.

Artigo 32º.-Pagamentos parciais e liquidación final.

1. Poderán acordarse pagamentos parciais ata o máximo do 80% do importe da concesión, a conta da liquidación e xustificación final, a medida que a entidade xustifique ter realizado un gasto equivalente ao pagamento parcial sempre que presente os seguintes documentos:

a) Certificación orixinal de gasto subscrita pola/o secretaria/o co visto e prace da/o presidenta/e da entidade, ou órganos similares, que acredite que gastos foron realizados e o seu importe.

b) Declaración complementaria de axudas segundo o establecido no artigo 14º.

c) Relación de xustificantes de gasto en que consten: identificación do acredor, número e data da factura ou documento equivalente, concepto, importe total e importe imputado ao programa e data de pagamento.

d) Orixinal e copia das facturas, ou documentos equivalentes, dos gastos correspondentes á xustificación parcial. Estes documentos estarán emitidos conforme a normativa aplicable e acompañaranse dos xustificantes bancarios de pagamento e, de ser o caso, dos xustificantes de ter aboado as cotas, taxas ou impostos correspondentes.

2. Procederá a liquidación final unha vez que as entidades beneficiarias xustifiquen debidamente a execución do programa. Para isto, o importe xustificado deberá coincidir co establecido na resolución de concesión. Cando o importe da xustificación sexa menor e sempre que se manteñan os fins para os que se concedeu a subvención, esta reducirase proporcionalmente ao importe xustificado.

2.1. A data límite de presentación da xustificación da subvención é o 10 de decembro de 2009 e comprende a seguinte documentación:

a) Certificación orixinal da/o secretaria/o co visto e prace da/o presidenta/e da entidade, ou órganos similares, acreditativa do importe e dos gastos correspondentes ao custo da realización do programa e que este foi destinado para o fin para o que se concedeu, esta certificación conterá a relación e custo individualizado das actividades realizadas e indicará o número de participantes directas.

b) Declaración complementaria de axudas segundo o establecido no artigo 14º.

c) Balance de ingresos e gastos, referido ao programa solicitado conforme o anexo II.

d) Relación de xustificantes de gasto en que consten: identificación do acredor, número e data da factura ou documento equivalente, concepto, importe total e importe imputado ao programa e data de pagamento.

e) Orixinal e copia das facturas, ou documentos equivalentes, dos gastos correspondentes á liquidación final. Estes documentos estarán emitidos conforme a normativa aplicable e acompañaranse dos xustificantes bancarios de pagamento e, de ser o caso, dos xustificantes de ter aboado as cotas, taxas ou impostos correspondentes. Así mesmo, incluiranse, cando proceda, os tres orzamentos segundo o previsto no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2.2. Antes de proceder ao pagamento da liquidación final ou, de ser o caso, dos pagamentos parciais, de acordo co artigo 9º.1 desta resolución o órgano xestor incorporará ao expediente a acreditación de que as entidades beneficiarias están ao día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración da comunidade autónoma.

2.3. No caso de que a xustificación fose incorrecta e/ou incompleta requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, advertíndolle que, de non facelo, se procederá, logo de resolución, á revogación da subvención e, de ser o caso, á tramitación do expediente de reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de demora.

Disposicións adicionais

Primeira.-A directora do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller poderá ditar resolucións de concesión de carácter complementario cando existan fondos procedentes de renuncias expresas de subvencións inicialmente concedidas, fondos de subvencións inicialmente concedidas para programas que por causa xustificada non puidesen realizarse ou ben por incremento dos orzamentos consignados no artigo 2º desta resolución, de acordo co artigo 31.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A comisión de valoración realizará as propostas motivadas de adxudicación correspondentes de acordo co disposto no último parágrafo do artigo 11. Nestes casos, o prazo de xustificación poderá ser prorrogado e na notificación da concesión fixarase a data específica para presentar a dita xustificación.

Segunda.-De conformidade cos puntos 3 e 4 do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, este organismo publicará na súa páxina web oficial as concesións de subvencións segundo se indica no número 4 do artigo 12º desta resolución, e incluirá as referidas axudas e sancións impostas por consecuencia delas nos correspondentes rexistros públicos, polo que coa presentación da solicitude se presta expresamente o consentimento para o tratamento necesario dos datos persoais das persoas e entidades beneficiarias e a referida publicidade.

Terceira.-Ás/aos beneficiarias/os das axudas reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Cuarta.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, o Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller levará a cabo as funcións de control, así como de seguimento e avaliación dos programas.

Quinta.-O Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións e requisitos exixidos nos diferentes programas desta resolución.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A directora do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller ditará as instrucións que sexan necesarias para o axeitado desenvolvemento e cumprimento desta convocatoria.

Segunda.-Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2009.

P.S. (Resolución 4-5-2009)

Marta González Vázquez

Secretaria xeral da Igualdade

Ver referencia pdf "14100D012P044.PDF"