DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Martes, 21 de xullo de 2009 Páx. 12.457

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MAR

ORDE do 15 de xullo de 2009 pola que se derroga a Orde do 17 de abril de 2009, pola que se convocan as axudas para a execución dos plans extratéxicos zonais aprobados pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos aos grupos de acción costeira.

A Orde do 17 de abril de 2009 pola que se convocan as axudas para a execución dos plans estratéxicos zonais aprobados pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos aos grupos de acción costeira, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 89, do 8 de maio de 2009, para a súa aplicación, precisa da previa selección e recoñecemento como entidades colaboradoras de grupos de acción costeira, de acordo co regulado na Orde do 17 de xullo de 2008 pola que se convoca concurso de selección de grupos de acción costeira, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 144, do 28 de xullo de 2008.

No día da data diferentes causas, entre as cales se poden sinalar problemas de constitución, ou de recoñecemento como asociacións, impediron a resolución do procedemento iniciado coa Orde do 17 de xullo de 2008, polo que non existe resolución da consellería determinando as asociacións seleccionadas e recoñecidas como grupo de acción costeira.

Neste estado de cousas resulta imposible a tramitación, xestión e resolución do procedemento establecido para estas axudas na Orde do 17 de abril de 2009, por canto os grupos de acción costeira, como entidades colaboradoras, son parte insubstituíble no procedemento, polo que resulta conveniente e axeitada a derrogación da mencionada norma, así como proceder a unha nova convocatoria destas axudas unha vez que se resolva definitivamente o proceso aberto pola Orde do 17 de xullo de 2008.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único.

Derrógase a Orde do 17 de abril de 2009 pola que se convocan as axudas para a execución dos plans estratéxicos zonais aprobados pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos aos grupos de acción costeira, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 89, do 8 de maio de 2009.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2009.

Rosa Quintana Carballo

Conselleira do Mar