DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Martes, 21 de xullo de 2009 Páx. 12.457

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MAR

ORDE do 17 de xuño de 2009 pola que se modifica a Orde do 11 de marzo de 2009, na cal se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas de carácter socioeconómico cofinanciadas co Fondo Europeo de Pesca e se establece a súa convocatoria para o ano 2009, e se fai pública a ampliación do importe existente para a concesión das ditas axudas.

A Orde do 11 de marzo de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas de carácter socioeconómico cofinanciadas co Fondo Europeo de Pesca, e se convocan para o exercicio 2009 (DOG nº 55, do 20 de marzo), establece no seu artigo 4 o importe da contía máxima das axudas que ao abeiro desta poderán ser concedidas.

Ante o contexto da actual situación económica do sector pesqueiro, con problemas non só coxunturais senón tamén de carácter estrutural, as medidas de carácter socioeconómico adquiren unha maior relevancia. Neste contexto, e á vista de que hai uns remanentes destas axudas do ano 2008, levouse a cabo unha incorporación de fondos con estes remanentes non utilizados, incrementando a dotación inicialmente prevista para as axudas de carácter socioeconómico.

Consecuentemente, o importe inicialmente dotado para a Orde de axudas do 11 de marzo de 2009 pode ser incrementado, o que permitirá destinar as axudas a un maior número de beneficiarios.

Tendo en conta o indicado no artigo 4.3º da Orde do 11 de marzo de 2009, o crédito inicial poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

Considerando todo o dito anteriormente, cómpre ampliar o importe da contía máxima das axudas que poderán ser concedidas ao abeiro da referida Orde do 11 de marzo de 2009 coa finalidade de destinar estas ao maior número de beneficiarios posible.

Por outra banda, a Orde do 11 de marzo de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas de carácter socioeconómico cofinanciadas co Fondo Europeo de Pesca e se establece a súa convocatoria para o ano 2009, establece o prazo de presentación de solicitudes correspondentes á prima non renovable e á prima pola saída do sector pesqueiro (xubilación anticipada) ao longo de todo o exercicio orzamentario.

Razóns de índole de xestión, tendo en conta o tempo de tramitación destas axudas, aconsellan establecer como data límite de presentación destes dous tipos de axudas o 15 de agosto de 2009.

Por todo o exposto, e no uso das facultades que me foron conferidas

DISPOÑO:

Artigo 1º

Amplíase o importe da contía máxima das axudas que se van conceder ao abeiro da Orde do 11 de marzo de 2009 (DOG nº 55, do 20 de marzo) en 2.009.653,72 euros, con cargo á aplicación 14.03.723A.780.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009.

Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes, sen prexuízo do indicado no seguinte artigo para as medidas de xubilación anticipada e prima non renovable.

Artigo 2º

O parágrafo primeiro do artigo 12 da Orde do 11 de marzo de 2009 queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 12º.1

1. O prazo de presentación das solicitudes para as axudas previstas na letra B -prima pola saída do sector pesqueiro (xubilación anticipada)- e letra C -prima non renovable- remata o día 15 de agosto de 2009».

Disposición derradeira

Única.-Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2009.

Rosa María Quintana Carballo

Conselleira do Mar