DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Martes, 21 de xullo de 2009 Páx. 12.448

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 6 de xullo de 2009 pola que se establecen axudas para o fomento de actuacións destinadas á protección e benestar dos animais domésticos realizadas por asociacións protectoras de animais domésticos.

En Galicia a protección e benestar dos animais domésticos regúlase na Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade, e no Decreto 153/1998, do 2 de abril, polo que se aproba o regulamento que a desenvolve. Esta normativa recolle as atencións mínimas que deben recibir os animais desde o punto de vista hixiénico-sanitario, co fin de garantirlles uns mínimos de bo trato, fixando como principio fundamental de protección o de posesión ou tenza responsable.

Non obstante o anterior, é un feito indiscutible o incremento constante do abandono dos animais, un dos actos máis rexeitables no ámbito da protección animal, que orixina graves problemas de benestar animal, sanidade, seguranza pública, seguranza vial e ambiente.

Os artigos 11 e 12 da Lei 1/1993, do 13 de abril, establecen que a competencia para a recolla dos animais abandonados corresponde aos concellos. Para estes efectos, os concellos poden concertar convenios de cooperación ou colaboración coa Consellería do Medio Rural, con asociacións de protección e defensa dos animais ou con outras entidades autorizadas para este fin. No informe do Estudo de avaliación da situación actual do abandono dos animais de compañía na Comunidade Autónoma galega realizado no ano 2006, conclúese que en Galicia a maior parte dos concellos carecen de infraestruturas e centros de recolla de animais abandonados. Conclúese así mesmo, que o dito servizo público é prestado maioritariamente por asociacións protectoras de animais, que contan con medios e axudas económicas moi escasas para o adecuado mantemento dos animais acollidos baixo o seu coidado.

O artigo 13.1º da Lei 1/1993, do 13 de abril, define as asociacións protectoras de animais como aquelas que se constitúen legalmente, sen fin de lucro, que teñen por obxecto fundamental a defensa e protección dos animais no medio en que viven, sendo consideradas de utilidade pública e benéfico-docentes.

Polo exposto, e a pesar das dificultades e limitacións con que as asociacións protectoras desenvolven as súas actividades, é indubidable que realizan un labor de grande interese social, feito que fundamenta a presente orde de axudas.

O artigo 14 da Lei 1/1993, do 13 de abril, establece que todos as administracións públicas no territorio de Galicia deben cooperar no desenvolvemento das medidas de defensa e protección dos animais.

Segundo o disposto no Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, corresponde á Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, a defensa e protección dos animais de compañía.

O réxime xeral das axudas e subvencións nas administracións públicas establécese nas disposicións básicas da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A nivel regulamentario a norma principal está representada polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño de subvencións de Galicia.

En virtude do anterior, en concordancia co disposto no artigo 27.15º do Estatuto de autonomía e en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e principios.

1. Esta orde ten por obxecto establecer unha liña de axudas destinada a garantir o correcto mantemento sanitario e nutricional dos animais de compañía abandonados e recollidos polas asociacións protectoras de animais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Para os efectos do disposto no apartado anterior, entenderase por animais de compañía os pertencentes ás especies canina e felina, subvencionándose os gastos de atención sanitaria e mantemento nutricional destes.

3. Estas axudas tramitaranse en réxime de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non-discriminación, con eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderanse acoller a estas axudas as asociacións sen ánimo de lucro legalmente constituídas e inscritas no Rexistro Xeral de Asociacións para a Protección e Defensa dos Animais Domésticos e Salvaxes en Catividade de Galicia da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería do Medio Rural con anterioridade á data de publicación desta orde.

2. As asociacións beneficiarias deberán ter como actividade principal a recolla e aloxamento de animais abandonados nun centro ou albergue para tal fin, desenvolvida de xeito continuado desde cando menos o 1 de xaneiro de 2009.

3. Cando unha asociación solicitante xestione máis dun centro de recollida de animais abandonados, deberán presentar unha única solicitude que inclúa os datos de todos estes establecementos.

4. Non poderán obter a condición de beneficiarias das axudas previstas nesta orde as asociacións en que se produza algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou que fosen sancionadas por infraccións á Lei 1/1993, do 13 de abril.

Artigo 3º.-Ámbito temporal.

As axudas a que se refire esta orde comprenden os gastos mencionados no artigo 1.2 º que se realicen no período abranguido entre o 1 de xaneiro e o 15 de novembro de 2009.

Artigo 4º.-Crédito.

1. As axudas que se concedan financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.541B.481.0 correspondente ao ano 2009, ata un importe máximo de setenta e nove mil douscentos euros (79.200 €), e a súa concesión efectuarase en réxime de rateo de crédito.

2. No suposto de que exista un número elevado de solicitudes, e sempre que as dispoñibilidades orzamentarias o permitan, poderá incrementarse o crédito inicialmente previsto na orde, con cargo ás mesmas aplicacións e nas condicións previstas no artigo 31.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 5º.-Gastos subvencionados.

1. A Consellería do Medio Rural poderá subvencionar os gastos relativos á atención sanitaria e mantemento nutricional dos animais de compañía levados a cabo polas entidades beneficiarias sinaladas no artigo 2º ata un importe do 100% do custo dos gastos realizados, e ata un máximo por asociación do 15% do crédito total da orde de axudas, crédito que será concedido en réxime de rateo.

2. O crédito total da orde de axudas destinarase á cobertura de gastos de atención sanitaria e de mantemento destes animais coa finalidade de acadar un estado nutricional óptimo. Terán a consideración de gastos de atención sanitaria os derivados da compra dos medicamentos de uso veterinario utilizados no tratamento dos animais domésticos acollidos no centro ou albergue xestionado pola asociación solicitante, así como a remuneración polos servizos dos facultativos veterinarios prestados a estes animais. Terán a consideración de gastos de mantemento os derivados da compra de alimento comercial seco e/ou húmido específico para cans e gatos.

3. Entenderase exceptuados dos gastos de atención sanitaria subvencionados os derivados da identificación de animais de compañía, da entrega a un xestor autorizado de cadáveres de animais domésticos para a súa recolla e destrución, e do enfeite e lavado destes animais.

Artigo 6º.-Presentación de solicitudes e documentación.

1. As solicitudes deberán formalizarse mediante instancia dirixida ao xefe territorial da Consellería do Medio Rural na provincia correspondente, segundo o modelo formalizado que se recolle no anexo I, acompañadas da seguinte documentación:

a) Copia cotexada do CIF/NIF da asociación solicitante.

b) Copias cotexadas das páxinas correspondentes ao ano 2008 do libro de rexistro do centro ou albergue xestionado pola asociación solicitante co contido mínimo exixido para os centros de recolla de animais abandonados no artigo 43 do Decreto 153/1998, do 2 de abril.

No caso de dispoñer dun rexistro informatizado, poderá presentarse unha listaxe orixinal dos datos exixidos para o libro de rexistro no dito artigo e asinado polo presidente da asociación e polo persoal veterinario responsable dos animais.

c) Ficha de gastos de atención sanitaria e mantemento nutricional dos animais acollidos durante o ano 2008 no modelo que se xunta no anexo II, acompañada dos orixinais ou copias cotexadas das correspondentes facturas xustificativas que estean en poder da asociación.

d) Ficha de previsión de gastos para o ano 2009 de atención sanitaria e mantemento nutricional dos animais acollidos no modelo que se xunta no anexo III.

e) Ficha para a transferencia bancaria no modelo que se xunta no anexo IV a esta orde.

f) Declaración responsable de non incorrer nas causas do artigo 10.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e de estar ao día das obrigas tributarias, coa Seguridade Social e coa Facenda pública da Xunta de Galicia (no caso indicado no número 3 deste artigo de non autorizar a Dirección Xeral de Conservación da Natureza para comprobar o cumprimento) no modelo que se xunta no anexo V.

g) Declaración do total das solicitudes de axudas solicitadas ou concedidas, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas.

2. Ao abeiro do establecido no parágrafo terceiro do artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, a presentación da solicitude polo interesado comportará a autorización á Dirección Xeral de Conservación da Natureza para solicitar as certificacións de non ter débedas coa Administración pública da comunidade autónoma, así como de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social; requisitos que, de ser o caso, deberán comprobarse antes de efectuar a proposta de resolución, así como da tramitación do pagamento.

3. Non obstante o disposto no punto anterior, o solicitante poderá denegar expresamente na solicitude o consentimento para que a Dirección Xeral de Conservación da Natureza solicite aos anteditos órganos a certificación acreditativa de tales requisitos.

Neste caso, na solicitude abondará con presentar unha declaración responsable (anexo V) de que non se teñen débedas coa Administración pública da comunidade autónoma, así como de estar ao día no cumprimento das obrigas fiscais e coa facenda estatal e coa Tesouraría da Seguridade Social; pero antes da proposta de resolución e do pagamento, deberán acreditar os devanditos aspectos a través dos respectivos certificados.

4. O prazo de presentación das solicitudes de axuda será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

5. Presentarase nos rexistros dos departamentos territoriais da Consellería do Medio Rural ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7º.-Criterios de valoración.

1. Os criterios de valoración para o outorgamento das axudas serán os seguintes:

Ver referencia pdf "14100D008P032.PDF"

Artigo 8º.-Baremación e adxudicación das axudas.

1. As axudas solicitadas serán baremadas segundo os criterios xerais de valoración establecidos no artigo 7º.

2. Unha vez aplicados os criterios de valoración, cuantificarase a puntuación total de cada asociación beneficiaria. Posteriormente, calcularase de modo proporcional a estes valores un índice de 0 a 1 para cada asociación que será multiplicado polo crédito total da axuda, obténdose así a cantidade que percibirá cada asociación beneficiaria.

3. O importe da axuda que recibirá cada asociación beneficiaria quedará, por tanto, condicionada, ademais de á dispoñibilidade orzamentaria, ao número de solicitudes admitidas.

4. No caso de que o importe que vaia percibir unha asociación supere o 15% do crédito total da orde de axudas, este verase diminuído ata esta cantidade. A diferenza entre o crédito inicial obtido pola dita asociación e o 15% do total da axuda será repartido na mesma proporción indicada no número 2 deste artigo entre as restantes asociacións+ beneficiarias.

5. Así mesmo, no caso de que o importe que vaia recibir unha asociación beneficiaria sexa superior ao total das previsións de gastos para o ano 2009 presentado no modelo do anexo III Ficha de previsión de gastos para o ano 2009 de atención sanitaria e mantemento nutricional dos animais acollidos, este verase diminuído ata o máximo do gasto previsto. O importe sobrante será repartido do xeito indicado no número anterior entre as restantes asociacións beneficiarias.

Artigo 9º.-Tramitación.

1. Finalizado o prazo de presentación das solicitudes, e recibidas estas nos departamentos territoriais da Consellería do Medio Rural, os Servizos de Conservación da Natureza procederán ao seu exame xunto coa documentación anexa.

2. No caso de que sexan detectados erros ou omisións, requirirase o interesado para que nun prazo de 10 días hábiles emende a falta ou proporcione a documentación preceptiva con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición segundo o artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3. Posteriormente, os servizos provinciais de Conservación da Natureza procederán a avaliar as solicitudes presentadas e cuantificar a información achegada correspondente aos criterios de valoración de acordo co previsto nos artigos 7º e 8º, e remitilas á Dirección Xeral de Conservación da Natureza para que esta continúe coa súa tramitación.

4. Unha vez recibidas as solicitudes na Subdirección Xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, procederase á súa baremación por unha comisión de valoración. A dita comisión estará composta polo subdirector xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade, que a presidirá, e por dous vogais, que serán o xefe do Servizo de Conservación da Biodiversidade e un funcionario nomeado polo director xeral de Conservación da Natureza, que, ademais, fará de secretario.

Cando, por calquera causa, no momento en que a comisión teña que examinar as solicitudes, algún dos seus compoñentes non puider asistir, será substituído polo funcionario que para o efecto designe o director xeral de Conservación da Natureza.

Así mesmo, a comisión de valoración rexerase polo establecido no título II, capítulo II, artigo 22 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, relativo aos órganos colexiados.

Artigo 10º.-Resolución e recursos.

1. O director xeral de Conservación da Natureza, á vista das propostas formuladas e por delegación expresa do conselleiro do Medio Rural, resolverá motivadamente sobre a denegación ou concesión da subvención nun prazo de 15 días desde a data de elevación das propostas.

2. O prazo máximo para resolver será de tres meses desde a presentación da solicitude polo interesado no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o prazo máximo para resolver e notificar sen que o interesado recibise comunicación expresa da resolución, deberanse ter en conta os efectos previstos no artigo 23.5º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo da obriga de resolver expresamente as devanditas solicitudes de conformidade co previsto no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3. A relación das axudas concedidas cando o importe destas, individualmente consideradas, sexa igual ou superior aos 3.000 € será publicada no Diario Oficial de Galicia. Para as de contía inferior, a relación das concedidas e denegadas farase pública a través da páxina web da consellería nos termos establecidos no artigo 13, puntos 3º e 4º, da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e tamén as sancións que se puideren impoñer, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

4. A resolución ditada, segundo o disposto no número 1 deste artigo, poñerá fin á vía administrativa e en contra dela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición diante do conselleiro do Medio Rural, no prazo dun mes se a resolución for expresa, ou de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben impugnala directamente perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses se a resolución for expresa, ou seis meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

5. Así mesmo, as resolucións de concesión da subvención incluiranse no Rexistro Público de Subvencións dependente da Consellería de Facenda co fin da ordenación e coñecemento da actividade subvencional de Galicia. Os datos incorporados a este poderán ser obxecto de rectificación, cancelación e oposición por parte do interesado. No suposto de que a publicación dos datos do beneficiario poida ser contraria ao respecto e salvagarda da honra e á intimidade persoal e familiar das persoas físicas segundo a Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, de protección civil do dereito a honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe, este poderá facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos.

Artigo 11º.-Modificación da resolución.

Toda alteración nas condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión, de acordo co disposto no artigo 17.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 12º.-Xustificación dos gastos.

1. O pagamento da cantidade adxudicada a cada asociación beneficiaria queda condicionado á xustificación dos gastos nos seguintes termos:

a) Os gastos dos servizos dos facultativos veterinarios incluídos no número 2 do artigo 5º de atención sanitaria serán xustificados do seguinte modo:

1. No caso de a asociación solicitante contar con persoal veterinario propio, mediante a presentación de copias cotexadas da/s nóminas do facultativo veterinario para o ano 2009.

2. No caso de contar con servizos veterinarios externos, mediante a presentación de orixinais ou copias cotexadas de factura/s emitidas por estes a cargo da asociación solicitante durante o ano 2009.

a) Os gastos de medicamentos incluídos no número 2 do artigo 5º de atención sanitaria serán xustificados mediante a presentación de orixinais ou copias cotexadas das correspondentes facturas emitidas a cargo da asociación solicitante durante o ano 2009.

b) Os gastos de mantemento nutricional dos animais incluídos na alínea b) do artigo 5º deberán ser xustificados mediante a presentación de orixinais ou copias cotexadas de facturas emitidas a cargo da asociación solicitante pola compra de alimento seco e/ou húmido para animais de compañía durante o ano 2009.

2. Todas as facturas deberán ser presentadas acompañadas de xustificación do pagamento efectivo dos gastos en que incorreu, a través de copia cotexada ou documento orixinal da transferencia bancaria ou do extracto de conta corrente a través da que se realizou o pagamento.

3. Para poder percibir a totalidade da cantidade adxudicada en cada número, a asociación beneficiaria deberá presentar a documentación xustificativa sinalada no número 1 deste artigo por un importe igual ou superior ao adxudicado.

4. A citada documentación deberá ser presentada no período abranguido entre o 16 e o 30 de novembro de 2009 en calquera dos lugares mencionados no artigo 6.5º.

5. No suposto de que os gastos realizados tivesen un custo inferior á cantidade adxudicada, a axuda concedida verase diminuída ata o máximo xustificado no número 2 deste artigo.

Artigo 13º.-Compatibilidade.

As axudas previstas nesta orde serán compatibles con outras subvencións de calquera outra Administración pública para as mesmas finalidades, sempre que a suma de subvencións concedidas non supere o importe total dos gastos, conforme o establecido no artigo 17.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 14º.-Disposicións xerais.

1. O réxime de infraccións e sancións aplicable será o establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o procedemento previsto no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

2. Os beneficiarios están obrigados a someterse ás actuacións de comprobación e control que poidan efectuar os servizos competentes da Consellería do Medio Rural, así como facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como a que lles requira calquera órgano comunitario de inspección ou control, de acordo co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. Así mesmo, o beneficiario deberá incluír necesariamente no momento do pagamento unha declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

4. Procederá a revogación das axudas concedidas, así como o reintegro total ou parcial das contías percibidas e a exixencia dos xuros de demora, de acordo co establecido no artigo 36 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, nos casos e termos previstos no artigo 33 da mesma lei.

Disposición adicional

Única.-Delegación de funcións.

Delégase no director xeral de Conservación da Natureza o exercicio da competencia para conceder ou denegar as axudas obxecto desta orde, contida no seu artigo 10.1º, consonte o disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Disposicións derradeiras

Primeira-Desenvolvemento.

Facúltase o director xeral de Conservación da Natureza para que dite, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento do establecido nesta orde.

Segunda-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2009.

Samuel Jesús Juárez Casado

Conselleiro do Medio Rural

Ver referencia pdf "14100D008P032.PDF"