DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Martes, 21 de xullo de 2009 Páx. 12.443

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 13 de xullo de 2009 pola que se fai pública a resolución do concurso público de axudas a estudantes universitarios para a asistencia a congresos, simposios, seminarios ou similares, convocadas por Orde do 23 de febreiro de 2009.

Por Orde do 23 de febreiro de 2009 (DOG do 4 de marzo), aprobáronse as bases e procedeuse á convocatoria de axudas a estudantes universitarios para a asistencia a congresos, simposios, seminarios ou similares.

De acordo co establecido no artigo 6º das bases da convocatoria, desde o día 7 ao 18 de maio de 2009 expuxéronse as listas provisionais de solicitudes admitidas e excluídas por documentación, podendo durante ese mesmo prazo os interesados formular as reclamacións para emendar erros e faltas de documentación.

Transcorrido ese prazo, as solicitudes admitidas foron estudadas pola comisión avaliadora nomeada na propia orde de convocatoria.

En consecuencia, de acordo co establecido no artigo 10º das bases da convocatoria, e atendendo ao informe-proposta elevado pola citada comisión avaliadora a través da Secretaría Xeral de Universidades, esta consellería,

RESOLVE:

Artigo 1º

Concederlle axudas para a asistencia a congresos, simposios, seminarios ou similares ao alumnado universitario que se relaciona na listaxe de concedidas no anexo desta orde e pola contía que en cada caso se sinala.

No suposto de se producir algunha renuncia ou baixa, e tendo en conta o remanente de crédito previsto na orde de convocatoria, procederase a adxudicarlles a axuda a aqueles solicitantes que figuran no mesmo anexo na listaxe de seleccionados como suplentes e pola orde que na mesma aparecen, sempre que presenten a documentación xustificativa de ter asistido á actividade para a cal solicitaron a axuda.

Para os efectos de cobramento, os adxudicatarios que figuran na listaxe de concedidos así como os da listaxe de suplentes que realizaron a actividade deberán presentar na Secretaría Xeral de Universidades, antes do 10 de outubro de 2009, a documentación que se sinala no artigo 11 da orde de convocatoria, é dicir:

a) Orixinal ou copia compulsada do certificado ou acreditación de asistencia á actividade para a cal lle foi concedida a axuda e, se é o caso, de presentación da comunicación, póster ou similar, traducido, no caso de estar en lingua estranxeira, a algunha das linguas oficiais desta comunidade autónoma e no cal se especifiquen o lugar e as datas de realización.

b) No caso de se ter producido variación nos datos achegados na declaración responsable de axudas presentada coa solicitude, deberá achegar unha nova declaración en que consten os cambios producidos.

Artigo 2º

Denegarlle axudas para a asistencia a congresos, simposios, seminarios ou similares ao alumnado universitario que se relaciona no mesmo anexo desta orde como solicitudes denegadas, pola causa que en cada caso se sinala.

Artigo 3º

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2009.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "14100D007P027.PDF"