DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Martes, 21 de xullo de 2009 Páx. 12.439

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 13 de xullo de 2009 pola que se convocan bolsas de prórroga para a realización de estudos oficiais nas universidades do sistema universitario de Galicia conducentes ao título de máster universitario.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro, transferiulle á Comunidade Autónoma de Galicia competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola comunidade autónoma e asignadas á Consellería de Educación polo Decreto 62/1988, do 17 de marzo. A Lei 11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do sistema universitario de Galicia, determina a constitución do sistema universitario de Galicia con tres universidades: a Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo.

O Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais. As ensinanzas de máster teñen como finalidade a adquisición polo estudante dunha formación avanzada de carácter especializado ou multidisciplinar orientada á especialización académica ou profesional, ou ben a promover a iniciación en tarefas investigadoras.

O establecemento dos novos títulos oficiais de posgrao constitúe unha das modificacións de máis transcendencia no proceso europeo de cambio estrutural das ensinanzas universitarias e supón un gran reto para as universidades e a Administración educativa, que se ven obrigadas ao desafío de impulsar estudos de posgrao de máxima calidade. En Galicia, a reforma plásmase na aprobación dos decretos 51/2006, do 23 de marzo, 13/2007, do 1 de febreiro, e 53/2008, do 13 de marzo, polos que se autoriza a implantación de estudos oficiais de posgrao nas universidades do sistema universitario de Galicia, con base no establecido no Decreto 66/2007, do 29 de marzo, polo que se establece o procedemento de autorización para a implantación de estudos universitarios oficiais de posgrao conducentes ao título de máster ou de doutor.

As universidades do sistema universitario de Galicia comprométense a remitirlle á Secretaría Xeral de Universidades a documentación necesaria para a resolución desta orde dentro dos prazos que constan nela.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Universidades, contribúe ao financiamento da formación avanzada de carácter especializado ou multidisciplinar favorecendo a posta en marcha do proceso de harmonización do sistema universitario de Galicia ao Espazo Europeo de Educación Superior, convocando estas bolsas para a realización de estudos oficiais nas universidades do sistema universitario de Galicia conducentes ao título de máster universitario.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto e destinatarios.

Estas bolsas están destinadas aos alumnos aos cales por Orde do 27 de novembro de 2008 da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (DOG do 4 de decembro) lles foi concedida unha bolsa para a realización de estudos oficiais de posgrao conducentes ao título de máster universitario, sempre que o título comprenda dous cursos académicos.

Artigo 2º.-Orzamento.

Para a concesión destas bolsas destinarase un total de 637.120 euros con cargo á aplicación orzamentaria 45.02.422C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia dos anos 2009 e 2010 de acordo coa seguinte distribución: 189.280 euros no ano 2009 e 447.840 euros no ano 2010.

Artigo 3º.-Duración e dotación das bolsas.

A duración da bolsa é de 12 meses comprendidos entre outubro de 2009 e setembro de 2010. No caso dos plans de estudo integrados por 90 créditos, considerarase que a bolsa ten unha duración de ano e medio.

De acordo co establecido no artigo 7 j) da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas e da modificación parcial das leis dos impostos sobre sociedades, sobre a renda de non-residentes e sobre o patrimonio, estas bolsas están exentas do imposto sobre a renda das persoas físicas.

A dotación da bolsa será de 600 euros mensuais e unha axuda á matrícula de 500 euros co pagamento da primeira mensualidad da bolsa. Só poderán percibir a axuda á matrícula os/as beneficiarios/as que xustifiquen ter pagado, total ou parcialmente, esta no dito mes. Os/as bolseiros/as gozarán dun sistema de cobertura sanitaria a través da concertación dun seguro privado, sen custo para o alumno, que terá efectividade a partir do 1 de outubro de 2009, unha vez aceptada a bolsa.

Artigo 4º.-Requisitos dos/as solicitantes.

Ter gozado, no curso académico 2008-2009, dunha bolsa de nova adxudicación para realizar estudos oficiais de máster universitario, concedida pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pola Orde do 27 de novembro de 2008 (DOG do 4 de decembro), sempre que xustifiquen ter superados a totalidade dos créditos establecidos na súa matrícula para ese curso e estar matriculados/as no curso académico 2009-2010 no segundo ano do bienio dos estudos oficiais de máster universitario impartidos nas universidades do sistema universitario de Galicia.

Artigo 5º.-Presentación de solicitudes e prazo.

a) As solicitudes, segundo o modelo que se publican como anexo a esta orde, asinadas polos interesados, poderán presentarse:

-No Rexistro Único da Xunta de Galicia, ou ben en calquera dos rexistros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para a presentación de instancias.

-Nos rexistros xerais das universidades pertencentes ao sistema universitario de Galicia, cos efectos establecidos no Convenio de colaboración en materia de rexistros administrativos, subscrito o 25 de xuño de 2007, entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, e publicado no DOG nº 128, do 3 de xullo.

-Nas oficinas de correos, en sobre aberto, para que sexa datada e selada polo/a funcionario/a de correos antes de que proceda á súa certificación postal. Non se admitirán como medio de presentación de solicitudes os servizos privados de mensaxaría. As solicitudes subscritas no estranxeiro deberán cursarse a través das representacións diplomáticas e consulares españolas correspondentes.

b) A presentación das solicitudes comportará a autorización do/a solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado e coa comunidade autónoma, a través de certificados telemáticos, polo que queda liberado o solicitante de achegar a correspondente certificación. A Secretaría Xeral de Universidades requirirá das universidades correspondentes informe dos/as alumnos/as que superasen a totalidade dos créditos establecidos para o primeiro ano dos estudos de máster universitario no curso 2008-2009, polo que os/as alumnos/as non necesitan presentar este documento.

c) O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 6º.-Incompatibilidades, obrigas e cumprimento dos/as bolseiros/as.

a) Estas bolsas son incompatibles con outras bolsas ou axudas financiadas con fondos públicos ou privados, así como soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria do/a bolseiro/a ou calquera tipo de ingresos pola prestación de servizos profesionais ou a realización de traballo remunerado, agás con aquelas bolsas ou axudas destinadas a cubrir algunha das accións formativas que o/a solicitante vai realizar segundo os seus estudos (asistencia a reunións, congresos, seminarios ou cursos de especialización).

b) Os/as bolseiros/as están obrigados/as a realizar as actividades previstas nos programas de formación e cumprir os obxectivos destes con aproveitamento.

c) Comunicarlle á Secretaría Xeral de Universidades a causa que determina a incompatibilidade dentro das 24 horas seguintes ao momento en que teña coñecemento da súa concorrencia e, dentro dos tres días naturais seguintes, deberá notificar por escrito a renuncia á bolsa xunto coa documentación xustificativa das actividades de formación realizadas durante o período anterior á renuncia (vida laboral actualizada e informe do coordinador do máster en relación coas actividades de formación realizadas).

d) As bolsas concédense para o curso completo. No caso de renuncia ou incumprimento das súas obrigas, o/a bolseiro/a deberá proceder ao reintegro das cantidades xa percibidas xunto cos xuros de demora que lle correspondan en cada caso, salvo en casos excepcionais autorizados pola Secretaría Xeral de Universidades.

e) Na produción escrita derivada do traballo realizado como bolseiro/a, deberá constar a expresión: co apoio da Secretaría Xeral de Universidades, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria-Xunta de Galicia.

f) Os/as beneficiarios/as teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control de destino das bolsas, así como as demais que deriven do artigo 45 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) O incumprimento por parte do/a bolseiro/a de calquera das condicións recollidas nesta orde e demais normas aplicables, poderá constituír causa determinante de revogación da axuda e do reintegro total ou parcial polo/a beneficiario/a das cantidades percibidas xunto cos xuros de demora que lle puidesen corresponder en cada caso, en aplicación do disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co procedemento establecido nos artigos 77 a 83, inclusive, do Regulamento da Lei 9/2007, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 7º.-Resolución e publicación.

A concesión das bolsas levarase a cabo nun procedemento único á vista da documentación achegada polo/a solicitante, polo que se prescindirá do trámite de audiencia, de conformidade co disposto no artigo 84.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro. O secretario xeral de Universidades elevará un informe-proposta ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen emitirá resolución.

A resolución de concesión das bolsas publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria: http://www.edu.xunta.es-portal-temáticos-sistema universitario de Galicia-bolsas, axudas e premios, mediante relación nominal dos/as beneficiarios/as pola que se entenderán notificados para todos os efectos.

As solicitudes non incluídas na resolución de concesión entenderanse desestimadas e publicaranse na páxina web mencionada e no taboleiro de anuncios da citada consellería, coa indicación expresa dos motivos de exclusión, polo que se entenderán notificados os/as solicitantes, de conformidade coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os/as interesados/as poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

O prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de seis meses, contados a partir da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. O vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima os/as interesados/as para entender desestimada, por silencio administrativo, a solicitude de concesión da subvención.

Artigo 8º.-Aceptación da bolsa.

O/A bolseiro/a comprométese a cumprir todas as condicións recollidas nesta orde mediante a presentación da seguinte documentación, que deberá remitir á Secretaría Xeral de Universidades no prazo de 5 días contados desde a data de recepción:

-Aceptación ou renuncia da bolsa.

-Documento de estar matriculado/a no curso 2009-2010 no segundo ano dos estudos oficiais de máster universitario nalgunha das universidades do sistema universitario de Galicia. Coa matrícula deberá presentar a xustificación, total ou parcial, do pagamento realizado e o número de créditos en que está matriculado/a.

-Declaración responsable de que non ten concedidas outras bolsas ou axudas financiadas con fondos públicos ou privados, así como soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria do/a bolseiro/a ou calquera tipo de ingresos pola prestación de servizos profesionais ou a realización de traballo remunerado e non ter gozado dalgunha bolsa das concedidas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a realización de estudos de terceiro ciclo ou de posgrao.

Transcorrido este prazo sen que se achegue a citada documentación, considerarase que o/a interesado/a decae no seu dereito.

Artigo 9º.-Pagamentos.

Os pagamentos serán mensuais. O último pagamento farase efectivo despois de que o/a bolseiro/a presente, antes do 30 de setembro de 2010, a seguinte documentación:

-Copia compulsada do título de máster universitario ou documento que o substitúa.

-Vida laboral actualizada expedida pola Tesouraría Xeral da Seguridad Social.

-Declaración responsable do conxunto de bolsas concedidas.

Aqueles alumnos que non presenten a documentación relacionada anteriormente para o pagamento do último mes estarán incumprindo as súas obrigas como bolseiro/a e, polo tanto, deberán proceder á devolución da totalidade da bolsa percibida, xunto cos xuros de demora establecidos, de conformidade co artigo 6 c) desta orde.

Disposicións adicionais

Primeira.-A presentación da solicitude da bolsa comportará a autorización á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para:

a) Facer públicos nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados no artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas así como as sancións impostas, cando proceda.

b) A reserva que o peticionario poida facer no senso de non autorizar a obtención de datos ou a publicidade dos datos nos rexistros, que en todo caso terá que se expresar, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido.

c) De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co disposto no artigo 15.2º c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Segunda.-Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión segundo prevé o artigo 17.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceira.-A concesión das bolsas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para este fin.

Cuarta.-Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o secretario xeral de Universidades para adoptar os actos e medidas necesarios para a aplicación desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2009.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "14100D006P023.PDF"