DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Martes, 21 de xullo de 2009 Páx. 12.426

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 10 de xullo de 2009 pola que se fai pública a resolución do concurso público de axudas a estudantes universitarios para estadías nalgún Estado membro da Unión Europea co obxecto de coñecer a lingua dese país, convocadas pola Orde do 20 de febreiro de 2009.

Mediante Orde do 20 de febreiro de 2009, DOG do 4 de marzo, aprobáronse as bases e procedeuse á convocatoria de axudas a estudantes universitarios para estadías nalgún Estado membro da Unión Europea co obxecto de coñecer a lingua dese país.

De acordo co establecido no artigo 6 das bases da convocatoria, desde o día 7 ao 18 de maio de 2009 expuxéronse as listas provisionais de solicitudes admitidas e excluídas por documentación, e puideron durante ese mesmo prazo os interesados formular AS reclamacións ou emendar erros e falta de documentación.

Transcorrido ese prazo, as solicitudes admitidas foron estudadas pola comisión avaliadora nomeada na propia orde de convocatoria.

En consecuencia, de acordo co establecido no artigo 10º das bases da convocatoria e atendendo ao informe-proposta elevado pola citada comisión avaliadora a través da Secretaría Xeral de Universidades, esta consellería

RESOLVE:

Artigo 1º

Concederlle axudas para estadías nalgún Estado membro da Unión Europea co obxecto de coñecer a lingua dese país ao alumnado universitario que se relaciona na listaxe de concedidas no anexo desta orde e pola contía que en cada caso se sinala.

No suposto de producirse algunha renuncia ou baixa e tendo en conta o remanente de crédito previsto na orde de convocatoria, procederase a adxudicarlle a bolsa a aqueles solicitantes que figuran no mesmo anexo na listaxe de seleccionados como suplentes e pola orde que nela aparecen, sempre que presenten a documentación xustificativa de ter realizado o curso.

Para os efectos de cobramento, os adxudicatarios que figuran na listaxe de concedidos así como os da listaxe de suplentes que realizaron o curso de idiomas deberán presentar na Secretaría Xeral de Universidades, antes do 10 de outubro de 2009, a documentación que se sinala no artigo 11 da orde de convocatoria, é dicir:

a) Orixinal ou copia compulsada do certificado de asistencia ao curso para o cal lle foi concedida a axuda traducido, no caso de estar en lingua estranxeira, a algunha das linguas oficiais desta comunidade autónoma e en que se especifique o lugar e as datas de realización.

b) No caso de terse producido variación nos datos achegados na declaración xurada de axudas presentada coa solicitude, deberá achegar unha nova declaración en que consten os cambios producidos.

Artigo 2º

Denegarlles axudas para estadías nalgún Estado membro da Unión Europea co obxecto de coñecer a lingua dese país ao alumnado universitario que se relaciona no mesmo anexo desta orde como solicitudes denegadas, pola causa que en cada caso se sinala.

Artigo 3º

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2009.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

Ver referencia pdf "14100D004P010.PDF"

Ver referencia pdf "14100D005P018.PDF"