DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Martes, 21 de xullo de 2009 Páx. 12.424

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

RESOLUCIÓN do 3 de xuño de 2009 pola que se aproba a lista provisional de anteproxectos admitidos e excluídos ao abeiro da Orde do 14 de novembro de 2008, pola que se determina o obxectivo de potencia máxima en megawatts para tramitar no período 2008-2012 e se abre o prazo para a presentación de solicitudes de autorización de centrais de biomasa.

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Mediante a Orde do 14 de novembro de 2008 (Diario Oficial de Galicia número 229, do 25 de novembro) abriuse o prazo para a presentación de solicitudes de autorización de centrais de biomasa, consonte o previsto no artigo 7 do Decreto 149/2008, do 26 de xuño, polo que se regula o procedemento de autorización das instalacións de produción de enerxía eléctrica a partir da valorización enerxética da biomasa forestal primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo.-Durante o prazo de tres meses establecido para o efecto presentaron solicitudes as empresas e entidades que se relacionan no anexo I desta resolución.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Consellería de Economía e Industria é a competente para a tramitación deste procedemento consonte o Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia.

Segundo.-O artigo 8.3º do Decreto 149/2008, do 26 de xuño, establece que, unha vez expirado o prazo para a presentación de solicitudes, a consellería competente en materia de enerxía ditará resolución en que se aprobe a lista de anteproxectos admitidos e excluídos, e outorgará un prazo de dez días hábiles para que as promotoras que presentaron solicitudes que non reunisen os requisitos exixidos emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos.

Revisadas as solicitudes indicadas no antecedente de feito segundo, observouse que nalgúns casos a documentación presentada non reúne os requisitos que exixe o artigo 8 do Decreto 149/2008, do 26 de xuño, ou ben que xunto coa solicitude non se presentou toda a documentación requirida pola normativa aplicable, polo cal se deben considerar solicitudes provisionalmente excluídas mentres non se emenden as faltas ou se acheguen os documentos preceptivos.

Terceiro.-A disposición transitoria do decreto determina que se incorporarán automaticamente á primeira convocatoria realizada para a admisión a trámite de solicitudes de instalacións de xeración de enerxía eléctrica a partir da valorización enerxética da biomasa as solicitudes xa presentadas na data de entrada en vigor do decreto. Neste suposto débeselle comunicar a documentación que deben achegar para completar a súa solicitude, de ser o caso.

En cumprimento do previsto pola dita disposición transitoria, relaciónanse no anexo II a esta resolución aquelas solicitudes xa presentadas no momento da entrada en vigor do decreto que se incorporan automaticamente á convocatoria. Analogamente ao disposto no fundamento segundo deben considerarse solicitudes provisionalmente excluídas mentres non emenden as faltas ou se acheguen os documentos preceptivos as que non reúnan os requisitos que exixe o artigo 8 do Decreto 149/2008, do 26 de xuño, ou ben xunto coa solicitude non presentasen toda a documentación requirida pola normativa aplicable

Polo exposto,

RESOLVO:

Primeiro.-Publicar a relación de solicitudes presentadas ao abeiro da Orde do 14 de novembro de 2008 e a relación das solicitudes incorporadas en aplicación do previsto na disposición transitoria do Decreto 149/2008, que figuran como anexos I e II, respectivamente, desta resolución.

Segundo.-Declarar provisionalmente excluídas as solicitudes que se relacionan no anexo III desta resolución.

Terceiro.-A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, como unidade tramitadora deste procedemento, notificará o contido da resolución aos solicitantes incluídos no anexo III, na parte que afecte os seus dereitos e intereses, outorgándolles un prazo de dez días hábiles para que poidan emendar a falta ou achegar os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixesen, se terán por desistidos da súa petición na resolución que se dite unha vez rematado o procedemento de selección dos anteproxectos presentados.

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2009.

P.D. (Orde 30-4-2009, DOG nº 87, do 6 de maio)

José Riesgo Boluda

Secretario xeral da Consellería de Economía

e Industria

Ver referencia pdf "14100D003P008.PDF"

Ver referencia pdf "14100D004P010.PDF"