DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Martes, 21 de xullo de 2009 Páx. 12.423

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

DECRETO 357/2009, do 9 de xullo, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de acondicionamento da estrada PO-221, treito Caldas de Reis (N640)-Moraña (clave PO/06/154.01).

Con data do 11 de marzo de 2009, o director xeral de Obras Públicas, por delegación da conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, resolveu aprobar o proxecto de trazado da obra de acondicionamento da estrada PO-221, treito Caldas de Reis (N640)-Moraña (clave PO/06/154.01).

A xustificación da urxencia de ocupación dos bens e dereitos precisos para a execución do proxecto de trazado e construción da obra, proxecto de acondicionamento da estrada PO-221, treito Caldas de Reis (N640)-Moraña (clave PO/06/154.01), está motivada pola reciente posta en servizo da nova variante de Caldas de Reis, o que determinou un incremento de tráfico na estrada PO-221 cando esta, pola súa configuración actual, formada por curvas con raios e largo de calzada claramente insuficiente, non é adecuada para soportar a actual densidade de tráfico e a previsible a curto prazo. Así mesmo, a estrada PO-221 non se adecúa aos estándares técnicos mínimos exixibles a unha vía moderna.

Estas circunstancias obrigan a unha inmediata actuación dos poderes públicos para preservar o interese público; de aí a necesidade de proceder de forma inmediata á execución do proxecto de referencia e, consecuentemente, a unha urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para esta actuación, os cales aparecen recollidos e valorados no citado proxecto.

A competencia para efectuar a declaración de urxente ocupación tena atribuída a Xunta de Galicia en virtude do artigo 2 do Decreto 156/1982, do 15 de decembro, sobre asunción de transferencias en materia de estradas, e a súa asignación á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas mediante o Decreto 316/2009, do 4 de xuño, no cal se establece a súa estrutura orgánica.

En virtude de todo o exposto, e en aplicación do artigo 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, en relación con previsto no artigo 16 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e logo da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día nove de xullo de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declarar a utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios e que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a súa execución, para os efectos de expropiación no proxecto de trazado da obra de acondicionamento da estrada PO-221, treito Caldas de Reis (N640)-Moraña (clave PO/06/154.01).

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2009.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas