DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Martes, 21 de xullo de 2009 Páx. 12.423

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 356/2009, do 9 de xullo, polo que se declara a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Pontevedra, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de intersección da EP 9701 Baión-András coa PO-301.

A Deputación Provincial de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o día vinte e tres de xullo de dous mil oito, aprobou o proxecto de intersección da EP. 9701 Baión-András coa PO-301 e, na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

Que o dito expediente tivo entrada na Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

Que o expediente se tratou na Comisión de Secretarios Xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

Que o expediente contén a documentación a que se refire o artigo 1º da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia, considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinala a deputación, debido á intersección das dúas vías, existe perigo, acrecentado polo aumento da intensidade de tráfico xerado polas actuacións que está a levar a cabo na estrada PO-301 a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, ademais de que redundará nunha mellor e máis eficaz regulación do tráfico coa conseguinte garantía da seguranza viaria e redución de sinistros.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día nove de xullo de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Pontevedra, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de intersección da EP 9701 Baión-András coa PO-301, debendo, de ser o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que fosen necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2009.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza