DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Luns, 20 de xullo de 2009 Páx. 12.371

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FACENDA

DECRETO 352/2009, do 2 de xullo, polo que se declara medio propio instrumental e servizo técnico da Administración da Xunta de Galicia a sociedade Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A., e se modifican os seus estatutos.

Mediante o Decreto 58/1997, do 20 de febreiro, foi creada a sociedade pública Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A., que asumiu, en virtude do disposto no artigo 2º dos seus estatutos, a xestión de infraestruturas, sistemas e servizos de telecomunicacións da Xunta de Galicia.

A sociedade pública Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A., é unha sociedade pública do artigo 12.1º.a) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

A Lei 11/1998, do 24 de abril, derrogada pola Lei 32/2003, do 3 de novembro, xeral de telecomunicacións, así como as diferentes ordes que a desenvolvían, dispoñía que para poder prestar servizos e establecer e explotar redes de telecomunicacións, requírese a obtención do correspondente título habilitante a través da correspondente licenza individual da Comisión do Mercado das Telecomunicacións. Para tal fin, fíxose preciso modificar os estatutos da sociedade pública Retegal, S.A., modificación que se levou a cabo mediante o Decreto 294/2000, do 9 de novembro.

A Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público, considera, no seu artigo 4.1º n), como negocios e contratos excluídos do seu ámbito de aplicación, aqueles en virtude dos cales se lle encargue a unha entidade que, conforme o sinalado no artigo 24.6º da mesma norma, teñan atribuída a condición de medio propio e servizo técnico deste, a realización dunha determinada prestación.

O referido artigo 24.6º establece que, para os efectos previstos neste artigo e no artigo 4.1º n), os entes, organismos e entidades do sector público poderán ser considerados medios propios e servizos técnicos daqueles poderes adxudicadores para os cales realicen a parte esencial da súa actividade cando estes teñan sobre eles un control análogo ao que poden exercer sobre os seus propios servizos. Se se trata de sociedades, ademais, a totalidade do seu capital terá que ser de titularidade pública.

Esa condición de medio propio e servizo técnico das entidades que cumpran os criterios mencionados neste punto, deberán recoñecerse expresamente pola norma que as cree ou polos seus estatutos, que deberán determinar as entidades respecto das cales teñen esta condición e precisar o réxime das encomendas que se lles poida conferir ou as condicións en que se poden adxudicar contratos, e determinará para elas a imposibilidade de participar en licitacións públicas convocadas polos poderes adxudicadores dos cales sexan medios propios, sen prexuízo de que, cando non concorra ningún licitador, se lles poida encargar a execución da prestación obxecto destas.

Por todo iso, é necesario modificar os estatutos da sociedade anónima Redes de Telecomunicación Galegas.

De conformidade co establecido polo artigo 45º.3 da Lei 3/1985, do 12 de abril, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e o artigo 111 do Decreto 15/1989, do 9 de marzo, polo que aproba o regulamento que a desenvolve, a aprobación dos estatutos das sociedades anónimas farase por decreto do Consello da Xunta.

En virtude do anterior, por proposta da conselleira de Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do dous de xullo de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Declarar medio propio instrumental e servizo técnico da Administración da Xunta de Galicia a sociedade pública Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A. e aprobar a modificación dos seus estatutos.

Artigo 2º

Esta natureza de medio propio e de servizo técnico determinará a imposibilidade de participar en licitacións públicas convocadas pola Administración da Xunta de Galicia e os seus organismos autónomos, sen prexuízo de que, cando non concorra ningún licitador, se poida encargar a execución da prestación obxecto destas.

Artigo 3º

As tarifas que percibirá Retegal en concepto de retribución pola execución das encomendas serán fixadas por unha comisión paritaria en que participarán representantes da Consellería de Facenda a da Secretaría Xeral de Medios da Presidencia da Xunta de Galicia.

En todo caso, a retribución dos traballos que realice establecerase nas encomendas de xestión e deberá cubrir o valor das prestacións encargadas, tendo en conta os custos directos e indirectos, e as marxes razoables acordes co importe das prestacións, de conformidade co establecido no artigo 44 da Lei 16/2008, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2009.

Artigo 4º

Os artigos 1 e 2 dos estatutos da sociedade Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A., aprobados polo Decreto 58/1997, do 20 de febreiro, quedan redactados nos seguintes termos:

«Artigo 1º.-Denominación e natureza xurídica.

1. Baixo a denominación de Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A. (Retegal), constitúese unha sociedade anónima de nacionalidade española e capital social integramente de titularidade pública, para a prestación de servizos de telecomunicacións na Comunidade Autónoma de Galicia, que se rexerá polo disposto nestes estatutos, polo Real decreto lexislativo 1564/1989, do 22 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades anónimas, pola Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e polo resto de disposicións que lle sexan de aplicación.

2. A sociedade terá a consideración de medio propio instrumental e de servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e dos seus organismos autónomos no concernente á realización das actividades propias do seu obxecto social que estes lle encarguen, e está obrigada a realizalas.

As relacións coas anteriores entidades, por conseguinte, non se considerarán de natureza contractual, é para todos os efectos de carácter interno, dependente e subordinado e articúlase a través de encomendas de xestión das previstas no artigo 24.6º da Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público.

En calquera caso, as encomendas de xestión que lle poidan efectuar referiranse sempre a actuacións concretas, requirindo para tales efectos, e logo da resolución do órgano que a efectúe, da preceptiva encomenda, onde se identificarán os termos e condicións en que deberá realizarse a dita encomenda.

Artigo 2º.-Obxecto e fins de Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A.

1. Redes de Telecomunicación Galegas Retegal, S.A. terá por obxecto a realización de actividades dirixidas á prestación de servizos en materia de telecomunicacións na Comunidade Autónoma de Galicia, para as que obterá os títulos habilitantes que sexan necesarios en cada caso.

Así mesmo, terá por obxecto tanto a planificación, instalación, xestión, mantemento e explotación de infraestruturas, sistemas e servizos de telecomunicacións en Galicia, como a elaboración de propostas, análises e estudos relacionados coas telecomunicacións que lle correspondan á Comunidade Autónoma de Galicia.

2. En particular constituirán parte do obxecto social as seguintes actividades:

a) A promoción, planificación, deseño, construción, conservación, mantemento, dotación de equipamento e explotación, por si mesma oumediante terceiros, de toda clase de infraestruturas e servizos de telecomunicacións que sexan promovidas pola Comunidade Autónoma de Galicia ou en que esta participe, vinculadas ao ámbito das telecomunicacións.

b) A prestación de actividades de consultoría en materia de avaliación, planificación, promoción, adquisición, organización, mantemento, formación, xestión, investigación, control de calidade e, en xeral, calquera materia relacionada co sector das telecomunicacións, especialmente no eido da tecnoloxía das telecomunicacións.

3. As actividades abranguidas no obxecto social poderanse realizar, total ou parcialmente, ben mediante a creación de sociedades filiais, ben participando noutrassociedades de obxecto idéntico ou análogo, ou ben mediante calquera outra fórmula admitida en dereito, respectando en todo caso o marco normativo definido no artigo lº.1 destes estatutos».

Artigo 5º

Facúltase á conselleira de Facenda para ditar cantas disposicións sexan necesarias para a execución deste decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dous de xullo de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda

b) NOMEAMENTOS CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA