DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Xoves, 16 de xullo de 2009 Páx. 12.265

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 6 de xullo de 2009 pola que se amplía a autorización para a implantación das modalidades de bacharelato en centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, dispón que é competencia plena da Comunidade Autónoma galega o regulamento e administración da ensinanza en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que, conforme o punto primeiro do seu artigo 81, o desenvolven, e das facultades que lle atribúe ao Estado o artigo 149.1.30º da Constitución.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, no capítulo IV do seu título I, determina a organización do bacharelato en diferentes modalidades e o Real decreto 806/2006, do 3 de xuño, determina os aspectos básicos do currículo do bacharelato que deberán formar parte do aprobado polas administracións educativas para este nivel educativo no seu ámbito territorial.

A Orde do 29 de maio de 2008 autoriza a implantación das modalidades de bacharelato en centros públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Analizadas as necesidades educativas xurdidas e a oferta de modalidades en funcionamento, resulta aconsellable ampliar e modificar as que figuran autorizadas na devandita orde coa finalidade de mellorar a atención ao alumnado de bacharelato.

De conformidade co exposto, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-Autorizar a implantación da modalidade de bacharelato de artes, vía de artes escénicas, música e danza nos centros públicos seguintes:

IES Ramón Mª Aller Ulloa de Lalín Pontevedra. Código 36004137.

CMUS Profesional Manuel Quiroga de Pontevedra. Código 36019700.

Segundo.-Autorizar a implantación do bacharelato de humanidades e ciencias sociais no centro público:

IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra. Código 36006730.

Terceiro.-Deixan de impartirse as ensinanzas do bacharelato de artes, vía artes escénicas, música e danza no IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra. Non obstante, para os efectos administrativos, dependerá deste centro a implantación do bacharelato impartido no CMUS profesional de Pontevedra.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a la Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para tomar as medidas precisas para a execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2009.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria