DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Xoves, 16 de xullo de 2009 Páx. 12.261

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

ORDE do 9 de xullo de 2009 sobre delegación de competencias no secretario xeral e noutros órganos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

A actividade administrativa da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas leva consigo unha concentración de funcións arredor do seu titular que aconsella neste momento, dado o seu volume, acudir á delegación de competencias en diversos órganos, sen esquecer o debido respecto aos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1º.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria e redunda en beneficio tanto da Administración como dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

As ordes do 29 de abril e 11 de maio de 2009 recolleron un conxunto de delegacións de competencias por parte do titular da consellería que deben ser necesariamente ampliadas a outros órganos, unha vez que se produciu a aprobación do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

A nova organización desta consellería e a súa complexidade, polo seu amplo ámbito competencial, require efectuar unha nova delegación de competencias que ordene a actuación administrativa co fin de acadar unha maior axilidade e eficacia na xestión administrativa.

Por razóns de técnica normativa, e para unha maior seguridade xurídica, esta orde refunde as anteriores coas modificacións pretendidas.

En consecuencia, en virtude das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común,

DISPOÑO:

Primeiro.-Administración de persoal.

Delégase no secretario xeral da consellería o exercicio das facultades que lle corresponden ao conselleiro en materia de persoal segundo o establecido no artigo 17 do texto refundido da Lei de función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, e demais disposicións en vigor, excepto a provisión de postos de traballo clasificados como de libre designación.

Segundo.-Contratación.

1. Delégase no secretario xeral da consellería o exercicio das seguintes facultades en materia de contratación:

a) As atribuídas á persoa titular da consellería respecto dos contratos menores no ámbito de competencias da secretaría xeral.

b) En relación cos contratos que non teñan a consideración de contratos menores, a aprobación dos expedientes de contratación, a aprobación dos pregos de cláusulas administrativas, a aprobación do gasto correspondente, así como, de ser o caso, dispoñer a súa tramitación urxente ou adoptar as medidas pertinentes no suposto previsto no artigo 97 da Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público.

c) A adxudicación e formalización dos contratos non cualificados como contratos menores; a prerrogativa da súa interpretación e resolver as dúbidas que ofreza o seu cumprimento; a aprobación das súas modificacións por razóns de interese público; acordar a súa resolución e determinar os efectos desta; así como as restantes facultades que, de acordo coa lexislación, lle corresponden ao órgano de contratación, salvo as que se delegan expresamente no número seguinte.

2. Deléganse nos secretarios xerais de Ordenación do Territorio e Urbanismo e de Calidade e Avaliación Ambiental, e nos directores xerais da consellería, no ámbito das súas respectivas competencias, as facultades que se enuncian a continuación.

a) En relación cos contratos que teñan a consideración de menores, o exercicio das facultades que o ordenamento xurídico lle atribúe á persoa titular da consellería.

b) Respecto do resto dos contratos:

-A aprobación dos pregos de prescricións técnicas.

-A aprobación dos proxectos e das súas modificacións.

-A súa dirección, inspección e control, podendo ditar as instrucións oportunas para o fiel cumprimento do convido, e exercer todas aquelas facultades que a lexislación de contratación administrativa lle atribúe ao órgano de contratación en relación coas incidencias que xurdan durante a súa execución, excepto as que supoñan modificacións do contrato e a resolución de incidencias a que se refire o artigo 97 do regulamento da Lei de contratos das administracións públicas.

Terceiro.-Expropiación forzosa.

Deléganse nos secretarios xerais de Ordenación do Territorio e Urbanismo e de Calidade e Avaliación Ambiental, e nos directores xerais da consellería, no ámbito das súas respectivas competencias, o exercicio das facultades que o ordenamento xurídico lle atribúe ao titular da consellería en materia de expropiación forzosa.

Cuarto.-Xestión financeira e orzamentaria.

1. Deléganse no secretario xeral da consellería, ademais das facultades de autorización e disposición dos gastos derivados do exercicio das competencias delegadas en materia de contratación, o exercicio da competencia para autorizar os gastos, autorizar os actos de disposición dos créditos e de recoñecemento de obrigas e propoñerlle á persoa titular da Consellería de Facenda a ordenación dos correspondentes pagamentos relativos a:

a) Os gastos de persoal.

b) Os gastos xerais incluídos no capítulo II dos orzamentos, que afecten a secretaría xeral ou a varias unidades de distintos centros directivos da consellería.

c) Os créditos dos capítulos IV, VI e VII dos orzamentos, salvo os derivados dos contratos menores correspondentes a competencias delegadas nos directores ou secretarios xerais.

2. Deléganse nos secretarios xerais de Ordenación do Territorio e Urbanismo e de Calidade e Avaliación Ambiental, e nos directores xerais da consellería, no ámbito das súas respectivas competencias, as mesmas facultades indicadas anteriormente no número 1 en relación con:

a) Os gastos derivados da execución das competencias delegadas en materia de contratación e de expropiación forzosa, así como os derivados da modificación de servizos afectados pola realización das correspondentes obras.

b) Os créditos correspondentes ao capítulo II dos orzamentos, que correspondan a gastos específicos do seu centro directivo.

3. Deléganse no secretario xeral da consellería, nos secretarios xerais de Ordenación do Territorio e Urbanismo e de Calidade e Avaliación Ambiental, e nos directores xerais da consellería, no ámbito das súas respectivas competencias o exercicio da facultade de aprobación das contas xustificativas daqueles gastos que teñan a consideración de gastos que hai que xustificar, sen prexuízo das competencias dos órganos territoriais competentes respecto daqueles que correspondan a créditos que fosen desconcentrados.

4. En materia de axudas e subvencións públicas en réxime de concorrencia competitiva, será de aplicación o establecido na correspondente orde de convocatoria.

5. As competencias delegadas nos números anteriores inclúen a sinatura dos documentos contables nos cales se reflicten as correspondentes fases dos gastos, correspondéndolle aos directores xerais e secretarios xerais da consellería, no ámbito das súas respectivas competencias, a sinatura daqueles documentos que impliquen a mera actualización na contabilidade de actuacións xa documentadas en exercicios anteriores.

Quinto.-Xestión patrimonial.

Delégase no secretario xeral da consellería o exercicio das facultades que a normativa en materia de patrimonio lle atribúe á persoa titular da consellería.

Sexto.-Procedemento sancionador en materia de axudas e subvencións.

Delégase nos secretarios xerais de Ordenación do Territorio e Urbanismo e de Calidade e Avaliación Ambiental, e nos directores xerais da consellería o exercicio da competencia para resolver o procedemento por infraccións leves e graves en materia de axudas e subvencións.

Sétimo.-Recursos e reclamacións.

1. Delégase no secretario xeral da consellería o exercicio das competencias seguintes:

a) Resolver os recursos administrativos de alzada e de revisión cando a facultade de resolución corresponda á persoa titular da consellería, e de ser o caso suspender a execución dos actos impugnados.

b) Resolver as solicitudes de revisión de oficio, a declaración de lesividade dos actos anulables e a revogación de actos de gravame ou desfavorables, segundo o previsto no capítulo I do título VII da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

c) Resolver as reclamacións previas á vía civil e laboral e aos procedementos de responsabilidade patrimonial a que se refire a Lei 30/1992, incluíndo, se é o caso, as correspondentes reclamacións contra as entidades de dereito público adscritas á consellería.

d) Resolver e formular os requirimentos previos á vía xudicial contencioso-administrativa nos termos previstos no artigo 44 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. Delégase na directora xeral de Infraestruturas o exercicio da competencia para resolver os recursos de alzada interpostos contra as resolucións ditadas en materia de estradas polos órganos territoriais, e de ser o caso suspender a execución dos actos impugnados.

3. Delégase no director xeral de Mobilidade, o exercicio da competencia para resolver os recursos de alzada interpostos contra as resolucións ditadas en materia de transportes polos órganos territoriais e polos/as subdirectores/as xerais daquel centro directivo e, de ser o caso, suspender a execución dos actos impugnados.

Oitavo.-Comisións de servizos con dereito á indemnización.

1. Delégase no secretario xeral da consellería o exercicio da competencia para a designación das comisións de servizo con dereito á indemnización prevista no artigo 4 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, dos/as secretarios/as e directores/as xerais, dos/as xefes/as territoriais e do persoal dependente da secretaría xeral da consellería.

2. Delégase nos secretarios xerais de Ordenación do Territorio e Urbanismo e de Calidade e Avaliación Ambiental, e nos directores xerais da consellería o exercicio da competencia para a designación das comisións de servizo con dereito a indemnización do persoal integrado nas unidades administrativas que estean baixo a súa dependencia directa.

3. Delégase nos/as xefes/as territoriais da consellería o exercicio da competencia para a designación das comisións de servizo con dereito a indemnización do persoal do correspondente departamento territorial.

Noveno.-Delegacións específicas de competencias.

1. Delégase na secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo o exercicio das seguintes facultades:

a) Emitir informes preceptivos sobre todo tipo de plans de ordenación, nos supostos establecidos polos artigos 69.4º, 85.1º, 86.1º d) e 93 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia.

b) Formular e tramitar, incluída a aprobación inicial e provisional, os plans especiais de protección, rehabilitación e mellora do medio rural, as normas subsidiarias e complementarias de planeamento, os instrumentos de planeamento que afecten a varios municipios e os plans de desenvolvemento de iniciativa pública, nos supostos establecidos polos artigos 87, 88 e 91 da Lei 9/2002.

c) Formular os requirimentos de anulación de actos e acordos municipais en materia de planeamento e xestión urbanística, segundo o disposto polo artigo 92.5º da citada lei, e, se é o caso, propoñer a súa impugnación.

d) Aprobar os expedientes de expropiación forzosa que tramite a Administración autonómica polo procedemento de taxación conxunta, no suposto establecido polo artigo 143.6º da Lei 9/2002.

e) Ordenar a execución das obras necesarias en solo rústico ou en solo de núcleo rural, nos supostos establecidos polo artigo 203 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, e pola disposición transitoria primeira da Lei 15/2004, do 29 de decembro.

2. Delégase no secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental a resolución dos expedientes administrativos sancionadores que lle correspondan ao conselleiro en materia de residuos e protección ambiental.

3. Delégase na directora xeral de Infraestruturas o exercicio das seguintes atribucións:

a) A aprobación do expediente de información pública a que se refire o artigo 15 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia.

b) A imposición de sancións e, se é o caso, a orde de reposición do medio físico e de indemnización dos danos e perdas causadas, no suposto de infraccións tipificadas como moi graves en materia de estradas cando leven aparellada multa de ata 30.050,60 euros.

c) As derivadas do desenvolvemento dos contratos de concesión de obra pública atribuídos ao conselleiro.

4. Delégase no director xeral de Sostibilidade e Paisaxe a emisión dos informes previstos no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, respecto dos plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Décimo.-Criterios complementarios na aplicación das delegacións.

Na aplicación das delegacións de competencias contidas nesta orde teranse en conta os seguintes criterios:

a) O exercicio das competencias que se delegan nesta orde axustarase ao disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia.

b) En calquera momento, o conselleiro poderá avocar o exercicio das competencias que se delegan nesta orde.

c) Enténdese comprendida na delegación no secretario xeral da consellería o exercicio da competencia para resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra as resolucións que dite en virtude das facultades que se lle delegan nesta orde.

Por outra parte, delégase no secretario xeral desta consellería o exercicio da competencia para resolver os recursos de reposición interpostos contra as resolucións ditadas polos/as directores/as ou secretarios/as xerais en exercicio das facultades delegadas.

d) Atribúeselle ao secretario xeral desta consellería o exercicio das competencias que, en materia de xestión financeira e orzamentaria, non están expresamente delegadas noutros órganos.

e) As competencias que se delegan por esta presente orde serán exercidas temporalmente, no caso de ausencia vacante ou enfermidade dos titulares das secretarías e direccións xerais da consellería, e mentres persistan aquelas circunstancias, polos titulares das secretarías e direccións xerais seguindo nesta suplencia o establecido no Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Neste sentido a substitución será asumida polo titular do órgano que ocupe o posto seguinte na orde correlativa establecida no decreto, correspondéndolle ao primeiro, se for o caso, substituír o último.

Décimo primeiro.-Resolucións ditadas por delegación.

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

Décimo segundo.-Revogación.

Quedan revogadas as delegacións de competencias conferidas pola Orde do 29 de abril de 2009 sobre delegación de competencias no secretario xeral da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e pola Orde do 11 de maio de 2009 sobre adscrición de órganos e delegación de competencias como consecuencia da entrada en vigor do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia.

Décimo terceiro.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2009.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas