DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Xoves, 16 de xullo de 2009 Páx. 12.261

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

DECRETO 349/2009, do 2 de xullo, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de trazado e construción da obra de modificación da AC-451, ramal de acceso á autovía Santiago-Brión (convenio co Concello de Brión), treito AC-451 autovía (AG-56)-Brans de Arriba, clave AC/05/002.03.2.

Con data do 18 de marzo de 2009 o director xeral de Obras Públicas, por delegación da conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, resolveu aprobar o proxecto de trazado e construción da obra de modificación da AC-451, ramal de acceso á autovía Santiago-Brión (convenio co Concello de Brión), treito AC-451 autovía (AG-56)-Brans de Arriba, clave AC/05/002.03.2.

Esta actuación supón evitar que o tráfico pase polo núcleo de Brión, densamente poboado, que ademais é unha vía, na maior parte do seu trazado, moi estreita e anticuada, o que xera complicacións na circulación. Esta nova vía -moderna, segura e eficaz- facilitará fundamentalmente a conexión dos municipios da comarca da Barcala coa autovía AG-56, o que permitirá aos cidadáns residentes neste territorio un rápido enlace con outras vías de alta capacidade e coa costa.

A xustificación da urxencia de ocupación dos bens e dereitos precisos para a execución do proxecto de trazado e construción da obra de modificación da AC-451, ramal de acceso á autovía Santiago-Brión (convenio co Concello de Brión), treito AC-451 autovía (AG-56)-Brans de Arriba, clave AC/05/002.03.2, vén motivada polo feito de as conexións actuais non seren aptas, en ningún caso, para cubrir as necesidades e exixencias en materia de circulación viaria, xa que desde a entrada en servizo da AG-56 se xerou unha maior densidade de tráfico, e as vías actuais, pola súa antigüidade e cun trazado que discorre basicamente por zona urbano, non son capaces de garantir os requisitos mínimos de seguranza exixibles.

Estas circunstancias obrigan a unha inmediata actuación dos poderes públicos para preservar a seguranza tanto das persoas como dos automobilistas, de aí a necesidade de proceder de forma inmediata execución do proxecto de referencia e, consecuentemente, a unha urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para esta actuación, os cales aparecen recollidos e valorados no citado proxecto.

A competencia para efectuar a declaración de urxente ocupación tena atribuída a Xunta de Galicia en virtude do artigo segundo do Decreto 156/1982, do 15 de decembro, sobre asunción de transferencias en materia de estradas, e a súa asignación á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

En virtude de todo o exposto, e en aplicación do artigo 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, en relación co previsto no artigo 16 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e logo da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día dous de xullo de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declarar a utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios e que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a súa execución, para efectos de expropiación no proxecto de trazado e construción da obra de modificación da AC-451, ramal de acceso á autovía Santiago-Brión (convenio co Concello de Brión), treito AC-451 autovía (AG-56)-Brans de Arriba, clave AC/05/002.03.2.

Santiago de Compostela, dous de xullo de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio

e Infraestruturas