DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Xoves, 16 de xullo de 2009 Páx. 12.245

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 14 de xullo de 2009, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas económicas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres e se procede á súa convocatoria.

O Estatuto de autonomía determina, no seu artigo 4, que lles corresponde aos poderes públicos de Galicia promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas, remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos na vida política, económica, cultural e social.

A Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, reforza o compromiso da comunidade autónoma na eliminación da discriminación entre mulleres e homes e na promoción da igualdade, establecendo como criterio xeral de actuación da Xunta de Galicia neste ámbito a colaboración coas asociacións e grupos de mulleres e a elaboración de estratexias para o empoderamento destas.

A Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero establece no seu artigo 7 que o departamento competente en materia de igualdade establecerá axudas económicas destinadas a que o movemento asociativo desenvolva actividades que promovan a prevención e a erradicación da violencia de xénero.

Mediante o Decreto 79/2009, do 19 de abril, estableceuse a estrutura orgánica da Xunta de Galicia. En virtude do disposto na dita norma, o Decreto 82/2009, do 21 de abril, fixa a Secretaría Xeral da Igualdade como un dos órganos superiores que dependen da Presidencia da Xunta de Galicia.

Polo anteriormente exposto a Secretaría Xeral da Igualdade considera necesario contribuír a estimular e, ao mesmo tempo, a dinamizar a vida interna das asociacións de mulleres, na procura da potenciación dos valores e finalidades destas entidades, para o que pon en marcha axudas económicas dirixidas ás asociacións de mulleres e ás súas federacións.

Esta resolución axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007 e, así mesmo, adáptase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non-discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos, e os demais requisitos exixidos na Lei 16/2008, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, existindo crédito axeitado e suficiente para o financiamento do gasto que se proxecta.

A disposición adicional segunda do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia desconcentra nas secretarías xerais dependentes da Presidencia a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e a resolución das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

Na súa virtude e en uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta resolución ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria, para o ano 2009, de axudas económicas en favor das asociacións de mulleres e federacións constituídas por estas, coa finalidade de fortalecer e consolidar o movemento asociativo e potenciar o empoderamento e a participación social das mulleres galegas a través das seguintes liñas:

a) Liña 1: destinada a compensar gastos correntes que orixinen o mantemento e funcionamento das asociacións de mulleres e as súas federacións.

b) Liña 2: destinada a compensar gastos correntes e/ou de persoal producidos polo desenvolvemento de programas destinados á promoción e á formación de mulleres.

2. A concesión destas subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva segundo os criterios que para cada unha das liñas mencionadas no punto anterior se establecen nesta resolución.

Artigo 2º.-Entidades beneficiarias.

1. As axudas poderán ser solicitadas polas asociacións de mulleres e federacións constituídas por estas domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia, sen ánimo de lucro, legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, na área de actuación da muller.

2. Para os efectos desta resolución é compatible a solicitude de subvención por parte dunha asociación coa pertenza a unha federación que, así mesmo, solicite a subvención.

3. Non se considerarán as solicitudes das entidades que non estean inscritas e coa totalidade dos seus datos actualizados na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

4. Tanto no caso das asociacións como das federacións as mulleres socias representarán, polo menos, o 90% da totalidade das persoas asociadas.

5. Os fins e obxectivos das asociacións e das federacións solicitantes deberán contribuír a:

a) Promover a igualdade entre homes e mulleres.

b) Promover a participación e a presenza das mulleres na vida política, económica, cultural e social.

Estes fins e obxectivos deberán estar recollidos expresamente nos estatutos da asociación ou federación.

6. As entidades solicitantes deberán cumprir, en todo caso, os requisitos para obter a condición de beneficiarias exixidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3º.-Orzamento e contía global das axudas.

A Secretaría Xeral da Igualdade financiará as axudas obxecto desta convocatoria por un importe total máximo de 258.750 euros ou o que resulte da súa actualización, no caso de que se aproben modificacións orzamentarias de conformidade coa lexislación vixente, con cargo ás partidas orzamentarias 40.40.313B.480.0 (190.000 €) e 40.40.313B.481.2 (68.750 €), correspondentes aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, e nas contías globais que se detallan a continuación:

-Liña 1: ata 57.000 euros para contribuír a sufragar os gastos correntes derivados do mantemento e funcionamento das asociacións de mulleres ou das súas federacións.

-Liña 2: ata 201.750 euros para apoiar o desenvolvemento por estas entidades de programas destinados á promoción e á formación de mulleres.

De sobrar crédito nunha das dúas liñas unha vez feita a valoración de todas as solicitudes presentadas, poderase destinar este remanente a subvencionar actuacións da outra liña que, sendo susceptibles de seren subvencionadas, non o fosen por terse esgotado a dotación orzamentaria inicial.

Artigo 4º.-Conceptos subvencionables.

1. Concederanse axudas económicas para compensar os seguintes gastos sempre que fosen realizados entre o 1 de xaneiro e o 15 de novembro de 2009:

1.1. Liña 1: gastos de mantemento ou funcionamento.

O mantemento inclúe o financiamento dos gastos correntes en bens e servizos asociados ao local onde estea a sede social da entidade, obras de conservación e mantemento e pequenas reparacións que non teñan o carácter de inventariables, por non implicar incremento do valor patrimonial do dito inmoble.

A subvención do funcionamento ten como obxectivo facilitar o desenvolvemento das actividades propias e habituais da entidade, incluíndo gastos de subministracións, material funxible de oficina e ofimáticos, correo e outros análogos. Tamén serán subvencionables os gastos de persoal que desenvolva unicamente funcións administrativas.

Todos os gastos serán correntes, polo tanto, as entidades beneficiarias non poderán imputar gastos de investimento para a xustificación da axuda concedida.

1.2. Liña 2: gastos de desenvolvemento de proxectos ou actividades dirixidas a:

a) Formación e sensibilización en materia de prevención e tratamento da violencia de xénero, educación, cultura, deporte, saúde, ambiente, para o emprego e servizos sociais que impulsen a igualdade de oportunidades e de trato entre os sexos.

As actividades de carácter lúdico ou recreativo (artesanía, cociña, manualidades, etc.), para ser susceptibles de seren subvencionadas, deberán incluír un módulo de formación e/ou información sobre a situación social das mulleres dunha duración mínima de dúas horas.

b) Promoción do asociacionismo feminino entre as mulleres novas así como da coordinación do movemento asociativo existente en Galicia.

c) Divulgación dos dereitos das mulleres e fomento do seu exercicio.

Serán subvencionables os gastos correntes e de persoal vinculados directamente ao desenvolvemento das actividades anteriormente mencionadas.

2. Cada asociación ou federación só poderá presentar solicitude de axuda para unha das dúas liñas establecidas e, de tratarse da liña 2, para unha única actuación das recollidas no punto 1.2 deste artigo.

Artigo 5º.-Solicitudes, documentación e prazo.

1. As entidades que desexen solicitar as axudas reguladas nesta resolución deberán dirixir a súa solicitude á Secretaría Xeral da Igualdade, segundo o modelo oficial que figura como anexo I desta resolución.

2. Xunto coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal da entidade.

b) Fotocopia do DNI da persoa representante legal que asina a solicitude.

c) Certificación bancaria orixinal da conta da cal é titular a entidade solicitante e onde se desexa que se faga efectivo o pagamento da subvención.

d) Certificación expedida pola secretaría da entidade, acreditativa da identidade da súa representación legal, conforme o modelo que figura como anexo II desta resolución.

e) Memoria explicativa da entidade segundo anexo III desta resolución, non serán admitidas aquelas memorias que non sexan realizadas segundo o dito anexo.

f) Memoria das actividades realizadas nos últimos tres anos, en que deberá constar, cando menos, o nome da actividade realizada, o ano, o número de horas, o número de persoas participantes, os contidos impartidos e os obxectivos.

g) Declaración de non estar incursa en causas de incompatibilidade ou incapacidade para contratar e percibir axudas ou subvencións da Administración pública (anexo IV).

h) Declaración do conxunto de todas as solicitudes de axudas concedidas e/ou solicitadas para o mesmo proxecto procedentes das distintas administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais (anexo IV).

i) Para o caso das federacións de asociacións de mulleres, achegarase certificación da secretaría da federación en que conste a relación nominal de asociacións que a compoñen, así como o número de asociadas de cada unha das ditas asociacións.

j) Certificación emitida pola secretaria da asociación co visto e prace da presidenta de que tanto no caso das asociacións como das federacións as mulleres socias representan, polo menos, o 90% da totalidade das persoas asociadas (anexo V).

k) Declaración responsable de estar ao día das obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, de acordo co establecido no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Sen prexuízo do disposto na normativa vixente, as entidades solicitantes poderán non achegar os documentos sinalados nas letras a), b) e c) deste artigo cando xa consten en poder da Secretaría Xeral da Igualdade, agás que se producise algunha variación nos ditos datos.

4. Se a entidade solicita a subvención para gastos de mantemento e funcionamento, ademais da documentación relacionada no número dous deste artigo, deberá presentar unha relación dos ditos gastos onde conste a súa natureza e contía (anexo VIII).

5. Se a entidade solicita a subvención para o desenvolvemento de programas ou actividades deberá achegar ademais da documentación relacionada no número dous deste artigo a seguinte:

a) Programa das actividades que se van realizar (anexo VI).

b) Documentación acreditativa da formación ou experiencia profesional en xénero das persoas físicas ou xurídicas encargadas da realización das actividades ou do módulo de formación e/ou información sobre a situación social das mulleres no caso de que a solicitude sexa para actividades de carácter lúdico ou recreativo.

A inscrición da entidade no rexistro de entidades será verificada de oficio por parte da Secretaría Xeral da Igualdade.

6. As solicitudes xunto coa documentación requirida deberán presentarse na oficina de rexistro único e información no complexo administrativo de San Caetano, mediante instancia normalizada debidamente cuberta, ben directamente ou ben a través de calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

7. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.

Artigo 6º.-Tramitación dos expedientes.

1. A Secretaría Xeral da Igualdade comprobará que os expedientes reúnen todos os requisitos exixidos nesta resolución. En caso contrario, conforme o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a entidade solicitante será requirida para que nun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da recepción deste requirimento, emende a falta ou acompañe os documentos preceptivos, con indicación de que, de non facelo, se considerará desistida da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 de dita lei.

Conforme o establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, crearase unha comisión de valoración para estes efectos, a cal estará presidida pola subdirectora xeral de Promoción da Igualdade ou persoa en quen delegue, e da cal formarán parte ademais: a subdirectora xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero, a xefa do Servizo de Análise e Coordinación das Políticas de Igualdade, un/unha funcionario/a da Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade, que actuará como secretario/a, e un/unha funcionario/a da Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero.

2. A comisión de valoración, motivadamente, poderá requirir das entidades solicitantes das subvencións información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

Artigo 7º.-Criterios de avaliación.

Na valoración das solicitudes presentadas polas entidades peticionarias teranse en conta os seguintes criterios e de acordo coas ponderacións sinaladas de seguido:

1. Liña 1: subvención para gastos de mantemento e funcionamento.

* Número e descrición das actividades organizadas pola entidade peticionaria nos últimos 3 anos no ámbito das políticas de igualdade. Ata 40 puntos segundo a seguinte desagregación:

-1 actividade formativa: 10 puntos.

-2 actividades formativas: 20 puntos.

-3 actividades formativas: 30 puntos.

-Máis de 3 actividades formativas: 40 puntos.

Para os efectos da aplicación deste criterio e no caso de que as actividades organizadas sexan de carácter formativo deberán especificarse o número de horas da actividade, os contidos impartidos e o obxectivo da actividade, e serán só valorables aquelas actividades en que quede acreditada a súa vinculación coa formación en materia de igualdade.

* Participación en actividades formativas organizadas polas administracións públicas no ámbito da igualdade nos últimos 3 anos. Ata 35 puntos segundo a seguinte desagregación:

-1 actividade formativa: 10 puntos.

-2 actividades formativas: 20 puntos.

-3 actividades formativas: 30 puntos.

-Máis de 3 actividades formativas: 35 puntos.

2. Liña 2: subvención para o desenvolvemento de programas ou actividades.

*Calidade técnica do programa ou actividade presentados. Ata 40 puntos segundo a seguinte desagregación:

-Xustificación da súa necesidade: 5 puntos.

-Formulación de obxectivos: 5 puntos.

-Metodoloxía: 5 puntos.

-Orzamento: 5 puntos.

-Ámbito xeográfico: 5 puntos.

-Persoas destinatarias: 5 puntos.

-Calendario de execución: 5 puntos.

-Indicadores de avaliación: 5 puntos.

* Número de persoas destinatarias das accións. Ata 10 puntos segundo a seguinte desagregación:

-Ata 50 persoas: 5 puntos.

-Máis de 50 persoas: 10 puntos.

* Ámbito de desenvolvemento das accións. Ata 10 puntos segundo a seguinte desagregación:

-Local ou comarcal: 10 puntos.

-Superior: 5 puntos.

* Achega de fondos propios para a realización das accións. Ata 15 puntos segundo a seguinte desagregación:

-Ata o 25% do orzamento total: 5 puntos.

-Máis do 25% e ata o 50% do orzamento total: 10 puntos.

-Máis do 50% do orzamento total: 15 puntos.

Artigo 8º.-Indicadores de avaliación.

Para avaliar o grao de execución dos obxectivos establecidos nos programas ou actividades subvencionados de acordo coas bases desta convocatoria as entidades beneficiarias empregarán, cando menos, os seguintes indicadores de avaliación: número e tipo de actividades realizadas; número de persoas beneficiarias con indicación dos seguintes datos: sexo, nacionalidade, situación laboral, número de fillas/os, municipio de residencia; entidades públicas ou privadas implicadas na execución do programa ou actividade.

Artigo 9º.-Resolución.

1. Avaliadas as solicitudes segundo os criterios establecidos no artigo 7, a comisión de valoración elevará unha proposta de resolución á secretaria xeral da Igualdade, quen resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias.

2. As resolucións definitivas publicaranse no Diario Oficial de Galicia e serán notificadas ás entidades propostas como beneficiarias.

3. O prazo máximo para resolver será de tres meses, computados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido este prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada de acordo co artigo 23.5º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 10º.-Réxime de recursos.

As resolucións expresas ou presuntas dos expedientes tramitados ao abeiro do disposto nesta resolución esgotarán a vía administrativa e contra elas caberá interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se é expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do citado recurso contencioso-administrativo, poderase interpor recurso de reposición perante o mesmo órgano que ditou o acto administrativo, na forma e prazos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, sen prexuízo da interposición de calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses das entidades solicitantes e outros posibles interesados.

Artigo 11º.-Aceptación da axuda.

Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, as entidades interesadas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para comunicar a súa renuncia expresa á subvención. Transcorrido este prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

Artigo 12º.-Obrigas das entidades beneficiarias.

As entidades beneficiarias das axudas obríganse a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e especificamente ao seguinte:

1. Cumprir o obxectivo e executar as accións que fundamentan a concesión das subvencións.

2. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención.

3. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente así como a calquera outra actuación, que sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

4. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

5. Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados co fin de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

6. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

7. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 13º.-Forma de pagamento.

1. As entidades destinatarias das axudas, unha vez aceptada esta, quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos á finalidade concreta para a cal foron concedidos. A Secretaría Xeral da Igualdade poderá comprobar, cando o considere conveniente, o cumprimento da finalidade da axuda.

2. Para o cobramento da axuda as entidades presentarán con carácter xeral a seguinte documentación:

a) Unha relación dos gastos realizados, onde conste a natureza e o importe de cada un deles, coa identificación do acredor e do documento, data de emisión e data de pagamento, expedida pola secretaría da entidade co visto e prace da súa presidencia.

b) As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente dos gastos correspondentes. Estes documentos deberán estar emitidos conforme a normativa aplicable e auntaranse os xustificantes bancarios de pagamento e, de ser o caso, os xustificantes de ter aboado as cotas, taxas ou impostos correspondentes. No caso de que os orixinais dos documentos xustificativos non queden en poder da Administración, estes deberán ser selados pola Secretaría Xeral da Igualdade.

c) No caso de gastos de persoal achegarase como xustificante tanto as nóminas acreditativas do pagamento como os documentos xustificativos de ingreso dos seguros sociais.

d) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas, como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

e) Declaración responsable de estar ao día das obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, de acordo co establecido no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. En caso de solicitar a subvención para a realización de programas destinados á promoción e á formación de mulleres (liña 2), deberase achegar ademais unha memoria de actuación, con indicación das actividades realizadas, lugar e data de realización, número de persoas asistentes e obxectivos conseguidos (anexo VII).

4. Nos supostos en que o custo total definitivo do proxecto ou actividade sufra unha minoración respecto do que se tomou en consideración para calcular a subvención, ou cando a cantidade xustificada mediante documentos acreditativos do gasto (facturas, recibos, etc.) fose inferior á da axuda concedida, efectuarase a correspondente e proporcional diminución no montante da subvención.

5. O prazo de remisión da documentación xustificativa remata o 15 de novembro de 2009.

6. A Secretaría Xeral da Igualdade, de atopar conforme a documentación xustificativa, proporá o libramento de fondos.

7. En ningún caso o importe das subvencións concedidas ao abeiro desta resolución poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total da actividade que vaia desenvolver a entidade beneficiaria.

8. A entidade beneficiaria ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

9. Transcorrido o prazo establecido neste artigo sen ter presentada a correspondente xustificación requirirase a entidade para que no prazo improrrogable de 10 días a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo anteriormente sinalado comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención.

Artigo 14º.-Gastos subvencionables.

Terán a consideración de subvencionables, entre outros, os seguintes gastos correntes en bens e servizos:

1.Liña 1: gastos correntes derivados do mantemento e funcionamento das asociacións de mulleres ou das súas federacións:

a) Gastos correspondentes ao aluguer do local onde estea a sede social da asociación ou federación.

b) Gastos de Administración xeral e material funxible de oficina e ofimático, gastos de correo e outros análogos.

c) Gastos de persoal administrativo contratado pola asociación ou federación.

d) Obras de conservación e mantemento e pequenas reparacións que non teñan o carácter de inventariables, por non implicar incremento do valor patrimonial da sede social.

e) Asesoramento xurídico, fiscal e contable da asociación ou federación.

f) Gastos derivados das subministracións de auga, electricidade e similares relativos ao local da sede social, así como gastos da liña telefónica.

g) Instalación de liñas ADSL, mantemento de equipos informáticos e creación ou mantemento da páxina web da asociación ou federación.

2. Liña 2: gastos derivados do desenvolvemento de programas e actividades destinados á promoción e á formación de mulleres:

a) Gastos de profesorado/relatoras: honorarios, aloxamento, transporte.

b) Gastos en material funxible: folios, carpetas, bolígrafos, cadernos, material didáctico (libros, audiovisuais...), aluguer de materiais, etc.

c) Gastos de publicidade: carteis, folletos, anuncios en prensa e radio, etc.

d) Aluguer de locais para as actividades.

e) Soldos e salarios no suposto de que as persoas receptoras deles se dediquen exclusivamente ao desenvolvemento do programa ou actividade subvencionado.

Os gastos anteriores deberán estar vinculados directamente ao desenvolvemento das actividades ou programas recollidos no artigo 4.1º.2 e figurar debidamente recollidos no orzamento presentado coa solicitude.

Artigo 15º.-Modificación das resolucións de concesión das axudas.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da subvención, tal e como se establece no artigo 17.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16º.-Reintegro da axuda ou subvención.

Procederá o reintegro total ou parcial da subvención e dos xuros de mora xerados, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos seguintes casos:

a) Obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade ou do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentan a concesión da subvención.

c) Incumprimento da obriga de xustificación ou a xustificación insuficiente, nos termos establecidos nesta resolución.

d) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

e) Adopción, en virtude do establecido nos artigos 87 a 89 do Tratado da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.

O procedemento de reintegro tramitarase de acordo co establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As cantidades que deban reintegrarse terán a consideración de ingresos de dereito público e resultará de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 ao 23 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 17º.-Fiscalización e control.

1. A concesión das subvencións reguladas nesta resolución estará sometida ao exercicio da función interventora e do control financeiro por parte da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

2. A Secretaría Xeral da Igualdade poderá inspeccionar en calquera momento as actuacións realizadas.

Artigo 18º.-Publicidade.

Segundo o artigo 15.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Secretaría Xeral da Igualdade publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con expresión da convocatoria, o programa e o crédito orzamentario a que se imputen, o/a beneficiario/a, a cantidade concedida e a finalidade ou finalidades da subvención. Así mesmo, segundo o artigo 15.3º da Lei 9/2007, as entidades beneficiarias deberán dar a publicidade adecuada do carácter público do financiamento das actuacións que sexan obxecto de subvención, nos termos regulamentariamente establecidos.

Por outra banda, e de conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Secretaría Xeral da Igualdade publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e os importes das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude comporta de forma expresa a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a súa publicación na citada páxina web.

Finalmente, as entidades beneficiarias, coa presentación das solicitudes, autorizan a Secretaría Xeral da Igualdade a incluír e facer público, nos rexistros de axudas, subvencións e de convenios e de sancións, regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos á axuda recibida así como ás sancións impostas.

Disposición adicional

As entidades beneficiarias atópanse suxeitas ao réxime de infraccións e sancións que en materia de subvencións establece o título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-En todo o non recollido nesta resolución aplicarase o disposto para esta materia na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e demais normativa de aplicación.

Segunda.-Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2009.

Marta González Vázquez

Secretaria xeral da Igualdade

Ver referencia pdf "13800D001P005.PDF"