DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Martes, 14 de xullo de 2009 Páx. 12.147

II. AUTORIDADES E PERSOAL

NOMEAMENTOS:

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 8 de xullo de 2009 pola que se dispón o cesamento e nomeamento de membros do Consello Galego de Saúde en representación da Administración sanitaria da Xunta de Galicia.

A Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia, dedicaba o seu título VII á participación comunitaria, como expresión do dereito dos cidadáns a participar na actividade dos organismos públicos que afecten a calidade de vida ou o benestar xeral, e na formulación e control da política sanitaria, recollido nos artigos 9.2º e 129.1º da Constitución española, e nos artigos 5 e 53 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade.

A dita lei creou o Consello Galego de Saúde, como principal órgano colexiado de participación comunitaria no sistema sanitario de Galicia, ao cal lle corresponde o asesoramento á Consellería de Sanidade na formulación da política sanitaria e no control da súa execución, segundo determinaba o seu artigo 120.

As previsións lexislativas desenvolvéronse mediante o Decreto 74/2005, do 14 de abril, polo que se determina a composición do Consello Galego de Saúde, adscrito á Consellería de Sanidade.

Tal e como se establece no artigo 2 do Decreto 74/2005, do 14 de abril, o Consello Galego de Saúde estará presidido pola conselleira de Sanidade, ou persoa en quen delegue de entre os seus membros, e ademais haberá seis vogais en representación da Administración sanitaria da Xunta de Galicia, exercendo como vicepresidente/a e secretario/a dous vogais dos seis que lle corresponden á Administración sanitaria.

A vixente Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, establece no seu artigo 24 que o Consello Galego de Saúde estará presidido pola titular da Consellería de Sanidade, e contará con seis vogais en representación da Administración sanitaria da Xunta, designados pola titular da Consellería de Sanidade.

Tendo en conta os cambios normativos producidos, e co obxecto de adecuar a representación da Administración Sanitaria da Xunta no Consello Galego de Saúde ás normas vixentes en materia de estrutura orgánica e á titularidade dos seus órganos, cómpre facer os axustes necesarios para que a composición actual daquel órgano colexiado, no que se refire á representación da Administración sanitaria, sexa conforme coa titularidade dos órganos desta.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confire o artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, en relación cos artigos 2, 3 e 4 do Decreto 74/2005, do 14 de abril, e o artigo 24 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia,

DISPÓN:

Artigo 1º

Cesan como vogais da Administración sanitaria no Consello Galego de Saúde as persoas indicadas no anexo I desta orde.

Artigo 2º

Noméanse as persoas que figuran no anexo II desta orde, como representantes da Administración sanitaria no Consello Galego de Saúde.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2009.

María del Pilar Farjas Abadía

Conselleira de Sanidade

ANEXO I

Vogais cesantes en representación da Administración sanitaria no Consello Galego de Saúde:

a) Pola Consellería de Sanidade:

-Pilar Fernández Romero.

-Ramón Medina González-Redondo.

-Germán González Pazó.

b) Polo Servizo Galego de Saúde:

-Cayetano Rodríguez Escudero.

-Julio Villar Barreiro.

-Cristina Rey Barbosa.

ANEXO II

Vogais nomeados en representación da Administración sanitaria no Consello Galego de Saúde:

a) En representación da Consellería de Sanidade:

-Roberto Pérez López (secretario xeral da Consellería de Sanidade).

-Sagrario Pérez Castellanos (directora xeral de Saúde Pública e Planificación).

-Raquel Vázquez Mourelle (subdirectora xeral de Planificación Sanitaria e Aseguramento).

b) En representación do Servizo Galego de Saúde:

-Rocío Mosquera Álvarez (xerente do Servizo Galego de Saúde).

-Nieves Domínguez González (directora de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde).

-Esperanza Fernández Lago (directora de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde).