DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Xoves, 09 de xullo de 2009 Páx. 11.953

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 25 de xuño de 2009 pola que se resolve a convocatoria de axudas para a realización de actividades de alfabetización e formación de adultos na Comunidade Autónoma de Galicia durante o ano 2009.

Por Orde do 27 de febreiro de 2009 (DOG do 9 de marzo) convocáronse axudas para a realización de actividades de alfabetización e formación de adultos durante o ano 2009, organizadas por corporacións locais e institucións privadas sen ánimo de lucro e legalmente constituídas, pertencentes á comunidade autónoma.

Vista a proposta da Comisión de Selección establecida no punto noveno da devandita orde,

RESOLVO:

Primeiro.-Conceder, con cargo aos conceptos orzamentarios 09.03.422H.460.0 e 09.03.422H.481.0 da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, as axudas que se relacionan no anexo I. Nese anexo están tamén incluídas as achegas do Ministerio de Educación a través do Fondo Social Europeo, de 88.880 €, na aplicación 09.03.422H.460.0, e de 24.000 € na aplicación 09.03.422H.481.0

Segundo.-Denegar ou excluír, polas causas que se indican, as solicitudes que se relacionan no anexo II.

Terceiro.-De conformidade co punto décimo primeiro da Orde do 27 de febreiro de 2009, as axudas irán destinadas a sufragar os gastos de persoal que, como mínimo, alcanzarán o 75% do importe total da axuda concedida, e os gastos de funcionamento xerados polo proxecto, que non superarán o 25% do importe total da subvención. Deste 25% permitido para gastos de funcionamento arbitrarase a distribución de gastos de forma que un 20% teña a finalidade de gastos de materiais didácticos (textos e materiais dun só uso e materiais funxibles) e un 5% para outros gastos. No caso de que a actividade se realice na duración prevista e, que por razóns xustificadas, os gastos de persoal resulten menores do 75% da axuda concedida, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá modificar a resolución da concesión da axuda e asignar un novo importe, que será menor do concedido inicialmente e resultado de aplicarlle unha redución nos gastos de funcionamento na mesma porcentaxe que a redución

dos gastos de persoal. As axudas serán aboadas unha vez finalizada a actividade no momento da súa completa xustificación.

Cuarto.-Na difusión das actividades subvencionadas mediante esta orde, nas súas convocatorias públicas, publicidade e propaganda, así como nos lugares en que se realizan as referidas accións, deberá figurar que están financiadas pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e aparecerá o seu anagrama; e ademais nas actividades que se inclúan nas actuacións do programa operativo do Fondo Social Europeo do Ministerio de Educación deberá figurar o logo do Fondo Social Europeo, o logo institucional do Ministerio de Educación e a mención expresa: Programa cofinanciado polo Ministerio de Educación. Ademais, quedará constancia explícita do dito cofinanciamento nos documentos, folletos, certificados e publicacións que se realicen con motivo da realización da actividade formativa.

Quinto.-Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2009.

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

Ver referencia pdf "13300D003P029.PDF"