DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Xoves, 09 de xullo de 2009 Páx. 11.931

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

ORDE do 2 de xullo de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para a mobilización, dinamización e sistematización da innovación, e se procede á súa convocatoria para o ano 2009.

A Constitución española, no seu artigo 44.2º, obriga os poderes públicos a promover a ciencia e a investigación científica e técnica en beneficio do interese xeral. Ademais, no artigo 149.1.15 establece que o fomento e a coordinación da investigación científica e técnica son competencia exclusiva do Estado.

O Estatuto de Galicia recolle no seu artigo 27.19º que lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia do fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2º da Constitución.

O Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, determina que estará integrada, entre outros departamentos, pola Consellería de Economía e Industria.

O Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, establece, no seu artigo 4º, que a Consellería de Economía e Industria está estruturada, entre outros órganos superiores, pola Direccción Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación (I+D+i).

O Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria establece que lle corresponde á Dirección Xeral de I+D+i, entre outras funcións, a planificación, coordinación, execución e seguimento das competencias que en materia de investigación ten atribuídas a Comunidade Autónoma de Galicia; a elaboración, xestión, coordinación e control do PGIDIT; a planificación, coordinación, execución e seguimento das competencias e funcións da consellería nas materias de innovación tecnolóxica e innovación na xestión dos sectores produtivos e de infraestruturas tecnolóxicas.

A Lei 12/1993, do 6 de agosto, de fomento da investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, no seu artigo 1º, establece como obxectivo xeral o fomento da investigación científica e a innovación tecnolóxica para promover o desenvolvemento económico, social e produtivo de Galicia. Esta lei, no seu capítulo II, crea o Plan galego de investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica (PGIDIT), como unha ferramenta encamiñada ao logro deste obxectivo. O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 21 de setembro de 2006, aprobou o PGIDIT 2006-2010 (Incite).

O Incite ten como misión impulsar o crecemento económico e social de Galicia mediante a mellora da súa capacidade científico-tecnolóxica facilitando, deste xeito, a participación das empresas no proceso de innovación e a extensión dos beneficios da investigación ao conxunto da sociedade galega. Este plan estrutúrase en tres tipos de programas: os programas horizontais, os programas xerais e os programas sectoriais.

O Incite configúrase como unha actuación estratéxica que busca vertebrar o sistema e desenvolver dunha maneira eficaz e completa o potencial investigador e innovador do noso país, de xeito que repercuta cualitativa e cuantitativamente no desenvolvemento económico e no benestar social. Estrutúrase en programas e actuacións dirixidos aos distintos axentes que conforman o Sistema Galego de Innovación. As empresas, e en particular as Pemes, son un destinatario preferente das actuacións do Incite, que pretende incrementar e potenciar a súa participación na dinámica innovadora. Un instrumento de particular relevancia para acadar este obxectivo son os proxectos de I+D+i; pero para que as Pemes teñan capacidade de xerar un fluxo continuo de proxectos e consigan extraer o máximo partido destes proxectos de I+D+i, cómpre que previamente existan na empresa certas dinámicas de traballo e formas organizativas (cultura innovadora e capacidade de xestión da innovación).

O obxectivo desta orde é sensibilizar sobre a importancia dunha adecuada xestión da innovación e ir creando dinámicas e competencias que permitan tanto o óptimo aproveitamento dos recursos de innovación como o acceso a socios e colaboradores que faciliten os procesos de cambio na empresa.

Nesta misión teñen un papel especialmente importante dous tipos de organizacións diferentes que poden dar apoio e cobertura ás Pemes:

-Os organismos de intermediación e representación empresariais, que aglutinan colectivos sectoriais e/ou xeográficos de empresas, e que ademais dunha función de representación do colectivo, teñen unha importante capacidade de intermediación, ao seren percibidos como unha organización propia que facilita o acceso a servizos de asesoría, sensibilización, difusión e capacitación en asuntos de interese para os seus asociados.

-Os especialistas privados en xestión da innovación, que a través do seu labor de asesoría especializada, capacitación e desenvolvemento, complementan capacidades de xestión de innovación nas Pemes.

Consecuentemente con todo o anterior, o conselleiro de Economía e Industria en exercicio das facultades que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente polas leis 11/1988, do 20 de outubro; 12/1989, do 4 de outubro, e 2/2007, do 28 de maio,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Convocatoria e bases reguladoras.

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das subvencións da Consellería de Economía e Industria para a mobilización, dinamización e sistematización da innovación, que se inclúen como anexo I desta convocatoria.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2009.

Artigo 2º.-Solicitudes.

1. Os formularios de solicitude das subvencións reguladas nesta orde deberaas obter, cubrir, confirmar e imprimir necesariamente o solicitante a través da aplicación informática Axudas virtual (código de procedemento IN828A) establecida na Oficina virtual desta consellería, sita no enderezo da internet http://economiaeindustria.xunta.es/dxidi. Tamén se pode acceder desde o enderezo http://www.xunta.es/presentación-electronica da Xunta de Galicia facendo uso da ligazón dispoñible co citado procedemento.

Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet haberá instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polos solicitantes.

Poderanse cubrir e obter os formularios ata as 24.00 horas do día anterior á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

2. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse ao Servizo Galego de Propiedade Industrial e Innovación Empresarial, a través dos teléfonos 981 95 73 83 e 981 95 73 88, do número de fax 981 95 73 80 ou do enderezo de correo electrónico info.dina@xunta.es, onde se adoptarán as medidas necesarias para facilitar a presentación das solicitudes.

3. A portada dos formularios figura como anexo desta convocatoria e publícase no DOG exclusivamente para efectos informativos; será necesario empregar a aplicación informática indicada para a obtención dos formularios de solicitude.

4. A presentación de solicitudes farase por vía escrita (en soporte papel) ou en formato electrónico ante o rexistro telemático da Xunta de Galicia logo da obtención e formalización dos formularios, de acordo co previsto neste artigo.

5. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

6. As solicitudes en formato papel presentaranse preferentemente na Oficina de Rexistro Único e Información da Xunta de Galicia, no complexo administrativo de San Caetano, en Santiago de Compostela, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso se teña subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en diante LRXAP-PAC.)

7. As solicitudes tamén poderán presentarse en formato electrónico, en vez de en papel, ante o rexistro telemático da Xunta de Galicia, mediante sinatura electrónica do/a representante legal do solicitante ou persoa que o/a representa e cando non sexa preciso achegar ningunha documentación en papel, e teranse que cumprir os seguintes requisitos:

a) O presentador deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 recoñecido pola plataforma de validación e sinatura electrónica @firma. Os prestadores recoñecidos son: DNI electrónico, Camerfirma, izenpe, CATCert (Axencia Catalana de Certificación), ANF AC, SCR (Servizo de Certificación dos Rexistradores), ACA, ACCV (Autoridade de Certificación da Comunidade Valenciana), ANCERT (Axencia Notarial de Certificación), FNMT (Fábrica Nacional de Moeda e Timbre), Firmaprofesional e Banesto CA.

b) Xunto cos formularios de solicitude, deberá anexarse en formato electrónico a documentación a que se fai referencia no artigo 4º.2 das bases reguladoras. Para isto, no proceso de formalización telemática permitirase anexar á solicitude os arquivos informáticos necesarios. No caso de presentación telemática unha vez asinados co certificado dixital do presentador os formularios normalizados, procederase á transferencia telemática da dita documentación ao rexistro telemático da Xunta de Galicia, creado polo Decreto 164/2005, do 16 de xuño. Unha vez completado o proceso de transferencia telemática, efectuarase a anotación correspondente no rexistro de entrada, e nese momento expedirase, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no que quedará constancia do feito da presentación.

Artigo 3º.-Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a nove meses.

Artigo 4º.-Información aos interesados.

1. Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN828A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de I+D+i, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería (http://economiaeindustria.xunta.es), na súa epígrafe de axudas e na oficina virtual.

b) Os teléfonos 981 95 73 83 e 981 95 73 88 da citada dirección xeral.

c) O enderezo electrónico info.dina@xunta.es.

d) Presencialmente.

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012 (desde Galicia) e 902 120 012 (desde o resto do Estado).

3. De acordo co establecido no artigo 14 letra ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos extremos previstos no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase o director xeral de I+D+i para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2009.

Javier Guerra Fernández

Conselleiro de Economía e Industria

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para a mobilización, dinamización e sistematización da innovación

Artigo 1º.-Obxecto e réxime das subvencións.

1. O obxecto das subvencións reguladas é o financiamento de actuacións destinadas a:

-Sensibilizar e mobilizar as empresas, especialmente as Pemes, acerca da importancia da innovación e da necesidade dunha xestión sistemática e profesionalizada destas.

-Ensaiar e implantar procedementos de sistematización dos procesos de innovación nas empresas que redunden nunha maior eficacia delas.

-Desenvolver dinámicas de utilización continuada de servizos externos para a xestión da innovación como unha actividade habitual da empresa.

-Fomentar o desenvolvemento dunha cultura e estrutura empresarial proclives á innovación.

-Fomentar a cooperación entre axentes do sistema de innovación:

-Favorecendo o traballo conxunto de distintos axentes do Sistema Galego de Investigación e Innovación, o seu mutuo coñecemento e o desenvolvemento de actividades en cooperación especialmente coas Pemes ou colectivos de Pemes con axentes xeradores de coñecemento.

-Contribuíndo á xeración de proxectos de I+D+i e en particular de proxectos de colaboración.

-Fomentando a transferencia de coñecemento, resultados de investigación e tecnoloxía.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

3. Este réxime de axudas quedará suxeito ao Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado das axudas de minimis (en diante Regulamento de minimis). De acordo co establecido neste regulamento comunitario, non se poderán conceder as axudas recollidas nesta orde de convocatoria ás empresas en crise, e ás empresas de sectores concretos como os de pesca e acuicultura, produción primaria, produtos agrícolas e o sector do carbón.

4. Naqueles proxectos obxecto de subvención, en que participen empresas e dos que se derive unha axuda directa e cuantificable para as empresas participantes, esta axuda quedará amparada no Regulamento de minimis. Será requisito indispensable, para o aboamento da axuda, que xunto coa conta xustificativa se achegue unha declaración xurada do representante legal de cada empresa participante, relativa ás axudas acollidas ao réxime de minimis, que recibisen durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en que se tivese aprobado a axuda.

5. Para os efectos desta convocatoria, enténdese innovación no seu sentido máis amplo como a busca sistemática de oportunidades para crear novos produtos e servizos, e mellorar procesos, achegándolles valor aos clientes e incrementando a capacidade de creación de riqueza na propia empresa.

6. Consideraranse actuacións subvencionables:

Modalidade A:

Xornadas, seminarios e obradoiros sobre a importancia da innovación e a súa aplicación sistemática e profesionalizada.

A modo de exemplo orientativo, aínda que non limitativo, cítanse algunhas temáticas para as accións de sensibilización:

-Xeración de novos conceptos (produtos, procesos, negocios, mercados …) a través da creatividade, da xestión da información interna e externa, da prospectiva. Trátase, en definitiva, de identificar e xestionar fontes de ideas de cambio na empresa.

-Cultura innovadora; observación sistemática dos cambios como base da planificación empresarial; compromiso coa innovación e tolerancia ao risco; xestión da aprendizaxe organizacional; xestión sistemática da innovación e carteira de proxectos.

-Xestión do coñecemento e das competencias; xestión da tecnoloxía e da propiedade industrial e intelectual.

-Rendibilización dos procesos de cambio: desenvolvemento de produtos e servizos; desenvolvemento de novos mercados, e xestión de investimentos e procesos de innovación.

No caso de xornadas e seminarios de sensibilización valorarase especialmente a capacidade de convocatoria e impacto sobre un elevado número de destinatarios.

No caso de obradoiros de innovación daráselles prioridade a aqueles dirixidos a grupos reducidos de empresas, orientados a desenvolver accións concretas con cada empresa participante.

Modalidade B:

Accións de dinamización da innovación en colectivos empresariais de ámbito xeográfico e/ou sectorial e proxectos piloto de implantación de sistemáticas de innovación en Pemes, en particular:

-Implantación de metodoloxías e sistemas de xestión da innovación.

-Adecuación das estruturas organizativas para facilitar a implantación, dinamización ou sistematización dos procesos de innovación.

-Creación e dinamización de equipos/grupos de traballo de innovación na empresa.

-Estudos de oportunidade, en que se incluirán revisións do estado da arte, análises de situación actual e prospectiva e viabilidade económico-financeira do desenvolvemento dos resultados dun proxecto de I+D+i ata a fase comercial.

-Auditorías tecnolóxicas e de innovación.

7. Terán a consideración de gastos subvencionables:

Modalidade A:

A-1. Pagamentos a conferenciantes que, en todo caso, serán persoas físicas que se deberán identificar ou, cando menos, o seu perfil. Tamén se deberá detallar o número de horas da súa intervención. O aboamento deste concepto poderá facerse por dous sistemas: mediante pagamento directo ao conferenciante ou mediante factura da entidade en que traballa. Neste último caso na factura emitida pola entidade deberá quedar perfectamente constatado que o destinatario dos fondos é a persoa que impartiu a conferencia.

A-2. Gastos de desprazamento, manutención e aloxamento de conferenciantes. Cando se conte con conferenciantes de fóra de Galicia, deberase xustificar a oportunidade destas intervencións e a singularidade do perfil dos relatores. As facturas de gastos por este concepto deberán indicar, cando menos, a persoa que realizou a viaxe e os conceptos incluídos.

A-3. Aluguer de salas e/ou instalacións precisas para o correcto desenvolvemento da actuación proposta. En ningún caso se aceptarán por este concepto facturas da mesma entidade polo uso das súas propias salas e/ou instalacións.

A-4. Dedicación de persoal propio da entidade solicitante. O custo por este concepto non poderá superar o 20% do orzamento total da acción. Dentro deste concepto deberán especificarse que tarefas desenvolverá este persoal no proxecto e xustificar a experiencia e capacitación para o seu desempeño. As taxas horarias de persoal deberán ser acordes co nivel de competencia e retribución na empresa; a intensidade de dedicación ao proxecto deberá ser coherente coa función desempeñada polo persoal na empresa.

A-5. Outros gastos: neste punto poderanse incluír, con carácter exclusivo, os investimentos realizados en difusión e convocatoria das actividades que se van desenvolver (documentación que se entregará nos seminarios, folletos de promoción etc.). Salvo casos excepcionais debidamente xustificados, non se poderá imputar por este concepto máis dun 10% da subvención concedida.

Modalidade B:

B-1. Gastos de persoal propio ou contratado dedicado directamente ás actuacións do proxecto que se presente. En caso de persoal propio deberán especificarse que tarefas desenvolverá este persoal no proxecto e xustificar a experiencia e capacitación para o desempeño destas tarefas. As taxas horarias de persoal deberán ser acordes co nivel de competencia e retribución na empresa; a intensidade de dedicación ao proxecto deberá ser coherente coa función desempeñada polo persoal na empresa.

B-2. Gastos de asesoría, consultoría, titoría ou formación realizados por entidades consultoras externas.

B-3. Outros gastos: neste punto poderanse incluír, con carácter exclusivo, os investimentos realizados en difusión e convocatoria das actividades que se van desenvolver (documentación que se entregará nos seminarios, folletos de promoción etc.). Salvo casos excepcionais debidamente xustificados, non se poderá imputar por este concepto máis dun 10% da subvención concedida.

7. Con caracter xeral non se admitirán gastos en material inventariable. Só en casos excepcionais debidamente xustificados poderíase considerar o financiamento deste tipo de gastos e, en todo caso, só se considerará como subvencionables os custos de amortización correspondentes á duración do proxecto calculado segundo boas prácticas contables.

8. Estas subvencións terán unha única anualidade; polo tanto só se admitirán aqueles gastos e actuacións, dos relacionados no punto anterior, que fosen realizados e pagados dentro do período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2009 e a data de xustificación establecida no artigo 16.1º destas bases.

9. Quedan expresamente excluídas do ámbito de aplicación desta orde as actuacións seguintes:

a) Estudos de viabilidade de proxectos de I+D+i, diagnósticos tecnolóxicos e de innovación para empresas realizados de xeito individualizado, así como preparación de novos proxectos de I+D+i, tal como están formulados na orde de subvencións para o fomento da innovación empresarial.

b) Realización de estudos de innovación de ámbito sectorial ou xeográfico e diagnósticos de tecnoloxías críticas para determinados sectores.

c) Desenvolvemento de páxinas web e ferramentas informáticas para a xestión da innovación.

d) Implantación das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC).

10. Non serán obxecto de subvención as actuacións desenvolvidas dentro da axenda estratéxica de innovación ou outras derivadas do funcionamento das plataformas tecnolóxicas galegas por ser obxecto de subvención noutra convocatoria da Dirección Xeral de I+D+i.

Artigo 2º.-Financiamento e concorrencia.

As subvencións imputaranse ás aplicacións orzamentarias que se indican neste artigo, nas cales existe crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da comunidade autónoma para o ano 2009, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria.

Ver referencia pdf "13300D001P007.PDF"

2. A aplicación marcada cun asterisco está cofinanciada con fondos Feder.

3. A axuda que se vai conceder asume a forma de subvención a fondo perdido e a súa contía será, como máximo, o 100% dos gastos subvencionables, sempre que exista crédito na par»tida correspondente ao tipo de beneficiario.

4. Establécense os seguintes límites de financiamento por modalidades:

-Xornadas, seminarios e obradoiros: máximo 20.000 euros por evento. No entanto poderán aceptarse programas completos con varios eventos que non superen entre todos os 100.000 euros.

-Accións de dinamización da innovación: mínimo 10.000 euros e máximo 100.000 euros.

5. Así mesmo, o importe da subvención non poderá exceder, xunto coas demais axudas amparadas pola cláusula de minimis percibidas polo beneficiario no último período de tres anos fiscais, o límite de 200.000 euros, agás para as empresas que operen no sector do transporte por estrada que será de 100.000 euros. Estes límites aplicaranse independentemente da forma da axuda de minimis ou do obxectivo perseguido e indistintamente de se a axuda concedida está financiada total ou parcialmente mediante recursos de orixe comunitaria.

6. As subvencións reguladas nestas bases serán incompatibles con calquera outra axuda outorgada, para os mesmos gastos, por calquera outra administración, organismo ou ente público ou privado.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases:

-Os organismos de intermediación e representación empresariais con personalidade xurídica propia e sen fin de lucro, que aglutinan colectivos sectoriais e/ou xeográficos de empresas, e que ademais dunha función de representación do colectivo deben prestar de forma habitual servizos de apoio ás empresas e presentar un interese preferente pola innovación. Poderán ser organizacións de ámbito xeográfico autonómico, provincial ou local tanto de carácter xeral como sectoriais ou de especialización tecnolóxica, que dispoñan de sede social ou dalgún centro de traballo en Galicia.

-Empresas consultoras con especialización e experiencia demostrable na xestión da innovación e no fomento de accións de articulación do Sistema de Innovación, que entre as súas actividades oferten servizos de consultoría en innovación e dispoñan de sede social ou dalgún centro de traballo en Galicia. Ademais, as empresas deberán dispor de capacitación e experiencia nalgunha das seguintes áreas: participación na elaboración de plans estratéxicos de innovación; dirección de implementación de sistemas e/ou modelos de xestión da innovación; definición e/ou implementación de proxectos de innovación nos ámbitos de proceso, produto/servizo, mercado de organización; realización de diagnósticos de innovación ou tecnolóxicos; elaboración de plans de innovación ou tecnolóxicos; protección e explotación dos resultados de I+D+i; financiamento e fiscalidade da I+D+i.

Artigo 4º.-Solicitudes.

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das subvencións presentaranse na forma e prazo que se indican na convocatoria.

2. Xunto coas solicitudes deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Copia compulsada do CIF da entidade solicitante.

b) Copia compulsada do documento público acreditativo do poder con que actúa o seu representante.

c) Copia compulsada da escritura de constitución da entidade e modificacións, de ser o caso, debidamente inscrita no rexistro mercantil ou industrial.

d) Para cada un dos gastos de consultoría ou servizos externos que superen os 12.000 euros, ou cando de forma excepcional se considera o financiamento de material inventariable, deberán achegarse:

-Un mínimo de tres ofertas de diferentes provedores, salvo que polas especiais características dos gastos non exista no mercado suficiente número de entidades que fagan esas subministracións ou presten eses servizos, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á presentación da solicitude de subvención. Estas excepcións deberán xustificarse.

-Unha memoria xustificativa cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

3. No caso de presentación telemática da solicitude con certificado dixital, as entidades deberán anexar ao formulario unha copia dos documentos sinalados no punto anterior.

Artigo 5º.-Consentimentos e autorizacións.

1. De conformidade co artigo 20.3º da Lei 9/2007, a presentación da solicitude de concesión da subvención comportará a autorización do solicitante ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia. No entanto, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento. Neste caso, deberán presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

Consonte o establecido no mesmo artigo, se o solicitante indica que certos documentos que se deban usar neste procedemento xa están no poder da administración actuante, a presentación da solicitude implica a autorización ao órgano instrutor para acceder a eles. Neste caso, o solicitante deberá facer constar a data e o órgano en que foron presentados ou, de ser o caso, emitidos, e non poden ter transcorrido máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no dito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos.

3. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

Artigo 6º.-Órganos competentes.

A Dirección Xeral de I+D+i será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención; correspóndelle ao conselleiro de Economía e Industria ditar a resolución de concesión.

Artigo 7º.-Instrución do procedemento.

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da LRXAP-PAC, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria ou nas bases reguladoras requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 6º.1 desta convocatoria resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa comunidade autónoma e coa Seguridade Social.

2. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, poderá requirirse do solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nesta convocatoria, nas bases reguladoras ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non admisión, en que se indicarán as causas desta.

5. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa da desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007.

Artigo 8º.-Comisión de valoración.

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou denegación das subvencións aos interesados.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) O subdirector xeral de Xestión do PGIDIT da Dirección Xeral de I+D+i, ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente.

b) O xefe do Servizo Galego de Propiedade Industrial e Innovación Empresarial, ou persoa en quen delegue.

c) Unha persoa experta en xestión da innovación designada polo director xeral de I+D+i.

d) O xestor do Programa de articulación.

e) Un/ha funcionario/a da Dirección Xeral de I+D+i, que actuará como secretario/a con voz e voto.

3. Na proposta de concesión que formule a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, especificándose a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos no artigo seguinte. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada un deles.

4. O resto das actuacións subvencionables quedará en reserva para ser atendido ben co crédito que quedase libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións. Para estes efectos poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

Artigo 9º.-Criterios de valoración.

1. Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables, e adecuarse aos obxectivos da orde.

2. Na valoración realizada pola comisión de valoración teranse en conta os seguintes criterios (máximo 100 puntos):

Modalidade A. Xornadas, seminarios e obradoiros:

a) A relevancia e a oportunidade dos contidos das actividades programadas para favorecer a sensibilización e mobilización das Pemes cara á innovación, á implantación sistemática destas e á articulación do Sistema Galego de Innovación (25 puntos).

b) Capacidade de representación e mobilización da organización propoñente, así como a experiencia na organización de eventos (16 puntos).

c) Dispoñibilidade e achegamento de instalacións propias e doutros recursos para a realización das actividades (16 puntos).

d) Concordancia entre as accións propostas, o orzamento e o impacto previsible. Valorarase o perfil dos docentes (experiencia e prestixio), o número de horas en que intervirán e o seu lugar de procedencia (21 puntos).

e) Carácter innovador da proposta (5 puntos).

f) Impacto e implicación directa na acción dos destinatarios finais, en particular as Pemes (5 puntos).

g) Coherencia global da proposta (10 puntos).

h) Aplicación do principio de igualdade de xénero (1 punto).

i) Pola utilización da lingua galega na realización de actividades ou condutas para que se solicita a axuda, de conformidade co establecido no artigo 20.2º da Lei 9/2007 (máximo 1 punto).

Modalidade B. Accións de dinamización.

a) A relevancia e a oportunidade dos obxectivos do proxecto para favorecer a implantación sistemática da innovación e a mellora na rendibilización dos procesos de innovación (10 puntos).

b) Descrición e coherencia do plan de traballo (10 puntos).

c) Concordancia entre as accións propostas, o orzamento e o impacto previsible (10 puntos).

d) Caracter innovador da proposta (8 puntos).

e) Achegamento de recursos propios para a realización do proxecto (10 puntos).

f) Capacidade de representación e mobilización da organización propoñente así como experiencia no ámbito da xestión da innovación (no caso de organizacións de intermediación), e experiencia da empresa no ámbito da xestión da innovación e experiencia e capacidade do equipo de traballo proposto (20 puntos).

g) Impacto e implicación directa na acción dos destinatarios finais, en particular as Pemes. Valorarase especialmente a identificación de empresas destinatarias da acción (especificar nome da empresa, persoa de contacto, domicilio,...) así como a existencia dalgún compromiso escrito de participación. A implicación de empresas sen experiencia previa no tipo de acción que se pretenda desenvolver tamén será especialmente valorado (20 puntos).

h) Coherencia global da proposta (10 puntos).

i) Aplicación do principio de igualdade de xénero (1 puntos).

j) Pola utilización da lingua galega na realización de actividades ou condutas para que se solicita a axuda, de conformidade co establecido no artigo 20.2º da Lei 9/2007 (máximo 1 punto).

3. A comisión de valoración poderá determinar o número máximo de proxectos que poden ser obxecto destas subvencións para cada solicitante, así como a puntuación por debaixo da cal non se propón o seu financiamento.

Artigo 10º.-Audiencia.

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 11º.-Resolución e notificación.

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, a comisión de valoración formulará a proposta de resolución, que se elevará, a través do órgano instrutor, ao conselleiro de Economía e Industria, que ten a competencia para resolver estas axudas, sen prexuízo da súa posible delegación noutros órganos da Consellería de Economía e Industria. Esta resolución deberá publicarse no Diario Oficial de Galicia.

2. Á vista da proposta formulada pola comisión de valoración a través do órgano instrutor e segundo o que dispón o artigo 21.4º da Lei 9/2007, ao non ser tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados, o conselleiro de Economía e Industria ditará as correspondentes resolucións definitivas de concesión ou denegación que serán motivadas de acordo cos criterios de valoración establecidos.

3. As resolucións expresarán, cando menos:

a) As entidades beneficiarias da axuda.

b) O importe global da axuda para cada entidade.

c) A relación priorizada de posibles suplentes.

d) A desestimación expresa do resto das solicitudes.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ao interesado será de nove meses contados a partir do seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

5. Segundo dispón o artigo 24 da Lei 9/2007, todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido no artigo 58 da LRXAP-PAC. No entanto, e de conformidade co establecido no artigo 59.6º b) da dita lei, poderase substituír a notificación individual de concesión de axuda pola publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Economía e Industria, con indicación neste caso da data da convocatoria, do beneficiario, da cantidade concedida e da finalidade da subvención outorgada. As solicitudes desestimadas notificaranse individualmente, con indicación das causas da desestimación.

Artigo 12º.-Réxime de recursos.

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 13º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Poderase acordar a modificación da resolución de concesión por instancia do beneficiario, sempre que este presente a solicitude de modificación con anterioridade á data de finalización do prazo de xustificación do investimento obxecto de subvención e se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención.

3. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo conselleiro de Economía e Industria logo da instrución do correspondente expediente no cal se lle dará audiencia ao interesado nos termos previstos no artigo 10 desta convocatoria.

Artigo 14º.-Aceptación e renuncia.

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, transcorridos quince días naturais desde a notificación ou publicación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario. A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo VI, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da LRXAP-PAC.

2. No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, o conselleiro ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1º da mesma lei.

Artigo 15º.-Obrigas dos beneficiarios.

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, así como daqueloutras específicas que se indiquen nos anexos desta convocatoria, os beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigados a:

a) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

b) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponde á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e, se é o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

d) Non superar as porcentaxes máximas de acumulación de axudas establecidas na normativa comunitaria europea.

e) Solicitarlle á Dirección Xeral de I+D+i, previamente á súa realización, e, en todo caso, antes de que remate o prazo de xustificación da subvención, autorización para realizar calquera modificación no desenvolvemento dos proxectos aprobados. Terase en conta que a realización de modificacións non autorizadas no orzamento financiable suporá a devolución das cantidades desviadas.

Artigo 16º.-Xustificación da subvención.

1. Para cobrar a totalidade da subvención concedida, o beneficiario deberá presentar nos lugares sinalados no artigo 3 desta convocatoria, e na data límite do 15 de novembro de 2009, un exemplar da seguinte documentación:

a) Un resumo da execución do investimento en que conste o concepto subvencionable, o provedor, o importe (IVE excluído) e a data de cada un dos xustificantes presentados agrupados por conceptos de gastos.

b) Xustificación do investimento: copia compulsada das facturas en relación cos gastos subvencionados, emitidas dentro do período comprendido entre a data de inicio e a data límite de xustificación da anualidade correspondente.

c) Xustificación do pagamento: transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento. En ningún caso se admitirán xustificantes de pagamento con data posterior ao 30 de novembro de 2009. Nestes documentos deberán estar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, a satisfacción do importe total da factura e o concepto a que corresponden.

d) No caso dos custos de persoal, tanto propio como adicional contratado, destinado ao proxecto, deberá achegarse:

-Certificación emitida polo responsable de persoal, co visto e prace do xerente ou director da empresa, consistente nunha relación detallada por meses do persoal dedicado ao proxecto que deberá incluír os seguintes datos: sinatura do traballador, DNI, nome, apelidos, posto na empresa, labor desenvolvido no proxecto, retribución bruta mensual, data de pagamento das retribucións, importe da Seguridade Social con cargo á empresa, data de pagamento da Seguridade Social e custo total imputado ao proxecto (Retribucións + Seguridade Social). A esta certificación xuntarase fotocopia compulsada das nóminas e dos TC2 dos traballadores imputados ao proxecto, xunto cos xustificantes de pagamento destes documentos.

e) No caso de gastos de viaxes deberá achegarse:

-Certificación emitida polo responsable do proxecto, co visto e prace do xerente ou director da empresa, consistente nunha relación das viaxes realizadas polo persoal asignado ao proxecto que deberá incluír os seguintes datos: DNI, nome, apelidos e posto na empresa das persoas desprazadas, xustificación da necesidade da viaxe, lugar de destino, data de ida, data de volta, e conceptos e custos imputados.

-Xustificantes da realización e pagamento dos gastos imputados para cada unha das viaxes relacionadas nesta certificación.

f) Certificación expedida pola entidade bancaria de titularidade da conta onde se debe efectuar o pagamento da subvención, en que conste a razón social e o CIF/NIF do titular, así como o código de banco, código de sucursal, díxito de control e código de conta corrente.

g) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas como concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades.

h) Unha memoria do desenvolvemento da actividade en que se recolla o grao de cumprimento dos obxectivos da actuación subvencionada, así como os datos e incidencias máis significativos que houbo na súa execución. Excepcionalmente, no caso de que a actuación non estea completamente realizada con anterioridade á data de xustificación, a dita memoria será remitida á Dirección Xeral de I+D+I na data límite do 15 de decembro de 2009. Neste caso o pagamento final quedará condicionado á presentación da citada memoria.

2. Se transcorrido o prazo establecido para a xustificación da subvención, o beneficiario non presenta a documentación pertinente segundo o indicado no punto anterior, a Dirección Xeral de I+D+i requirirá o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente, advertíndolle que a falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito á subvención e á exixencia do reintegro no caso de ter recibido cantidades en concepto de anticipo, e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

3. Malia o disposto no punto anterior, o órgano concedente da subvención poderá outorgar unha ampliación do prazo establecido para a presentación da xustificación, que non exceda a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiro. As condicións e o procedemento para a concesión da ampliación son os establecidos no artigo 49 da LRXAP-PAC.

4. En todo caso, o prazo de xustificación, incluída a ampliación, deberá permitirlle ao órgano concedente a verificación do cumprimento dos requisitos fixados nas bases reguladoras dentro do exercicio orzamentario correspondente.

5. Cando se aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada polo beneficiario, porase no seu coñecemento e concederáselle un prazo de dez días para a súa corrección.

6. No caso de que algunha entidade que recibise un anticipo no momento da resolución, de acordo co establecido no artigo 17º desta orde, non realizase ningunha parte do proxecto subvencionado, procederá ao reintegro da cantidade recibida no prazo establecido para a xustificación das subvencións, polo procedemento que lle indicará a Dirección Xeral de I+D+i.

Artigo 17º.-Pagamento.

1. Con carácter xeral, o aboamento da subvención farase efectivo da seguinte forma:

a) Ata o 80% do total do orzamento de gastos da acción subvencionada, en concepto de anticipo, que será concedido mediante resolución motivada, no momento da concesión, no caso de que a entidade así o fixese constar na solicitude de subvención.

b) O importe restante, unha vez rematadas todas as accións subvencionadas e xustificados os gastos realmente efectuados, de acordo co establecido nesta orde de convocatoria.

c) No caso de pagamentos á conta ou anticipos, exímese, de forma excepcional, da presentación de garantías logo de aprobación ao respecto polo Consello da Xunta.

2. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería, antes de proceder ao pagamento final da subvención, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

Artigo 18º.-Graduación dos incumprimentos, reintegros e sancións.

1. A entidade beneficiaria da subvención deberá cumprir cos obxectivos, proxectos, actividades e comportamentos que fundamenten a concesión da axuda, así como os compromisos asumidos nela. De non ser así, perderá o dereito ao seu cobramento, e/ou, de ser o caso, procederá o reintegro da subvención.

Tamén deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública percibida e os xuros de mora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos recollidos nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007. Para facer efectiva esta devolución tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto na citada lei.

2. O incumprimento total dos fins para os que se concedeu a axuda, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, da realización do investimento financiable ou da obriga de xustificación será causa de perda do dereito ao cobramento ou ao reintegro total da subvención.

3. O incumprimento parcial dos fins para os que se concedeu a axuda, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, da realización do investimento financiable ou da obriga de xustificación dará lugar á perda do dereito ao cobramento da subvención ou ao reintegro parcial da subvención na porcentaxe correspondente ao investimento non efectuado ou non xustificado.

4. A realización de modificacións non autorizadas no orzamento financiable suporá a perda do dereito ao cobramento ou á devolución das cantidades desviadas.

5. Sen prexuízo do anterior, aos beneficiarios das subvencións reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007.

Artigo 19º.-Control.

1. A Consellería de Economía e Industria poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Ademais disto, os xestores do Programa de articulación poderán realizar nas entidades perceptoras de subvencións, en calquera momento, as comprobacións e aclaracións que consideren necesarias para o correcto desenvolvemento da acción subvencionada; se se constatase unha incorrecta utilización dos fondos ou un desvío dos obxectivos, poderán propoñer a suspensión da subvención concedida. Así mesmo, a Dirección Xeral de I+D+i poderá convocar os responsables da entidade beneficiaria da subvención, se o considera necesario, a unha entrevista en relación coa execución das actividades e os resultados obtidos.

3. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 20º.-Publicidade.

No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Artigo 21º.-Remisión normativa.

Para todo o non previsto nestas bases observarase o previsto na Lei 9/2007, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, no Regulamento de minimis e na restante normativa que resulte de aplicación.

Ver referencia pdf "13300D001P007.PDF"