DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Mércores, 08 de xullo de 2009 Páx. 11.867

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FACENDA

ORDE do 3 de xullo de 2009 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello da Xunta de Galicia do 2 de xullo de 2009, polo que se crea a comisión de estudo das vixentes asistencias técnicas, contratos de servizo, consultorías e encomendas de xestión polas que se prestan servizos aos distintos centros directivos da Xunta de Galicia.

Adoptado acordo polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 2 de xullo de 2009, polo que se crea a comisión de estudo das vixentes asistencias técnicas, contratos de servizo, consultorías e encomendas de xestión polas que se prestan servizos aos distintos centros directivos da Xunta de Galicia.

Para lle dar cumprimento ao disposto na disposición derradeira primeira do acordo, e de conformidade co establecido no artigo 3 do Decreto 307/2009, do 28 de maio, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería de Facenda,

DISPOÑO:

Darlle publicidade a este acordo, que se insire como anexo.

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2009.

Marta Fernández Currás

Conselleira de Facenda

ANEXO

Acordo polo que se crea a Comisión de estudo das vixentes asistencias técnicas, contratos de servizo, consultorías e encomendas de xestión polas que se prestan servizos aos distintos centros directivos da Xunta de Galicia

Primeiro.-Comisión de estudo de asistencias técnicas, contratos de servizo, consultorías e encomendas de xestión.

Créase a comisión de estudo de asistencias técnicas, contratos de servizo, consultorías e encomendas de xestión polas que se prestan servizos aos distintos centros directivos da Administración da Xunta de Galicia, como órgano técnico de asesoramento en materia de persoal.

A comisión de estudo terá a finalidade de analizar as repercusións que se poidan producir no capítulo I dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma -gastos de persoal- a causa das contratacións para a prestación de servizos públicos que non se estean a desenvolver por empregados públicos que ocupen postos das relacións de postos de traballo ou cadros de persoal da comunidade autónoma e dos organismos dela dependentes.

Esta comisión queda adscrita á Consellería de Facenda por ser esta a competente en materia de función pública.

A comisión realizará os seus traballos nas anualidades de 2009, 2010, 2011, 2012 e 2013, sen prexuízo de prórroga acordada polo Consello da Xunta de Galicia.

Segundo.-Composición.

A comisión estará composta por:

a) Presidente/a: titular da Dirección Xeral da Función Pública ou persoa en quen delegue.

b) Vogais:

-A persoa titular da Dirección Xeral da Asesoría Xurídica Xeral ou persoa en quen delegue.

-A persoa titular da Dirección Xeral de Orzamentos ou persoa en quen delegue.

-A persoa titular da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma ou persoa en quen delegue.

-A persoa titular da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa ou persoa en quen delegue.

c) Secretaria/o: un/unha subdirector/a xeral da Dirección Xeral da Función Pública (con voz e sen voto).

Cando a índole dos asuntos que se van tratar así o aconselle, poderán participar nas reunións da comisión, con voz e sen voto, as persoas expertas na materia que designe o/a presidente/a.

Terceiro.-Funcións.

A comisión analizará as posibles repercusións que teñan nos gastos de persoal as distintas modalidades contractuais utilizadas polos centros directivos e organismos da Administración da Xunta de Galicia para a prestación de servizos aos cidadáns ou á propia Administración.

Así mesmo, analizará e proporá as medidas tendentes á limitación e control da externalización dos servizos.

Cuarto.-Funcionamento da comisión e creación das subcomisións.

A comisión elaborará as súas propias normas de funcionamento axustándose ao establecido para os órganos colexiados no capítulo II do título II (artigos 22 a 27) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Por proposta da comisión poderanse constituír todas aquelas subcomisións que sexan necesarias para o estudo das modalidades contractuais obxecto de análise e a súa incidencia nos distintos departamentos e organismos da Xunta de Galicia.

Xunto ao nomeamento dos membros das distintas subcomisións establecerase o prazo máximo de presentación das súas conclusións á comisión. O dito prazo poderá ser prorrogado, ao xuízo da comisión, dentro dos límites que ten esta para poder presentar as súas conclusións anuais.

Quinto.-Grupos de traballo.

Mediante acordo da comisión, poderanse constituír grupos de traballo como órganos técnicos de apoio e asistencia especializada daquela. A composición e as funcións concretas que lles correspondan serán as establecidas en cada caso pola propia comisión, podendo formar parte deles persoas alleas á Administración autonómica en razón dos seus coñecementos, experiencia ou cualificación técnica.

Sexto.-Comunicacións á comisión.

As persoas titulares das secretarías xerais das distintas consellerías da Xunta de Galicia deberán comunicar á comisión as previsións de contratación e de encomendas de xestión que teñan por obxecto o desenvolvemento de funcións de natureza administrativa, que poidan levar a cabo empregados públicos da propia consellería ou organismos dependentes desta, de ter suficiencia orzamentaria no capítulo I da Lei de orzamentos.

Para tal efecto, a comisión de estudo deseñará e enviará ás distintas secretarías xerais un formulario para recadar información normalizada sobre a contratación e encomendas que son obxecto da comisión.

Tamén sinalará as datas para o cumprimento da obriga de lle render a información que precisa para desenvolver as súas funcións.

Sétimo.-Conclusións da comisión.

No mes de setembro de cada ano, a comisión de estudo elevará un informe de conclusións á Consellería de Facenda, incluíndo as regularizacións que se deban facer por mandato xudicial, así como a indicación daquelas contratacións ou encomendas de xestión que, atendendo ao seu obxecto ou circunstancias, sexa necesario deixar sen efecto.

Disposicións transitorias

Única.-Anualidade 2009.

Ademais do informe de conclusións a que se refire o punto sétimo, no mes de setembro de 2009 a comisión de estudo elevará á Consellería de Facenda un informe sobre os traballos desenvolvidos, incluíndo os das subcomisións así como, de ser o caso, as suxestións de actuación no anteproxecto de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2010.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A persoa titular da Consellería de Facenda adoptará cantas disposicións sexan precisas para a aplicación deste acordo.

Segunda.-Este acordo terá efectos desde o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.