DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Luns, 06 de xullo de 2009 Páx. 11.702

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 29 de xuño de 2009 pola que se crea o Comité Científico do Plan galego de preparación e resposta á pandemia de gripe.

O Plan galego de preparación e resposta á pandemia de gripe (PGPRPG) ten por obxectivos xerais reducir o impacto da pandemia na saúde da poboación de Galicia e manter nela o funcionamento dos servizos esenciais para a sociedade; tomar medidas que reduzan a difusión de virus da gripe pandémica en Galicia, persoa a persoa, e garantir que a resposta e as medidas adoptadas en Galicia se correspondan coas recomendacións da Organización Mundial da Saúde en cada fase de progresión cara á pandemia.

Estes obxectivos xerais do PGPRPG son unha adaptación a Galicia dos obxectivos do plan español coa finalidade de impulsar o desenvolvemento das actividades que lle son propias.

As actividades que recolle o plan español artéllanse en cinco elementos clave:

1. Estrutura organizativa e coordinación;

2. Vixilancia epidemiolóxica e virolóxica;

3. Vacinas e fármacos antivirais;

4. Programas de resposta dos servizos sanitarios;

5. Comunicación.

No marco deste plan, Galicia ten que dotarse dos seus propios elementos organizativos e comunicativos, así como fixar unhas actividades que se adapten á fase de evolución cara á pandemia na cal nos atopemos en cada momento.

Isto supón que o PGPRPG ten un carácter evolutivo e que se modificará á medida que se desenvolven actividades e se mude de fase; feito que obriga, pois, a que se fagan actualizacións periódicas do plan.

O elemento organizativo e coordinador único en Galicia é a Comisión Asesora do Plan galego de preparación e resposta á pandemia de gripe (en diante Comisión), que se creou pola orde da Consellería de Sanidade do 18 de febreiro de 2005.

O pasado 24 de abril de 2009, a OMS informaba que se illará un novo virus da gripe do tipo A, subtipo H1N1, que ten potencialidade pandémica.

Non se coñece cal vai ser o futuro inmediato da infección. Alí onde hai transmisión comunitaria sostida, a infección co novo virus A (H1N1) está amplamente difundida e, xunto con este virus, están a cocircular outros virus da gripe. Coa información de que se dispón, non se pode rexeitar a inminencia dunha nova onda epidémica cunha incidencia moi superior á da gripe estacional, que pode supor unha gran presión sobre o sistema asistencial.

Por iso se acelerou a preparación fronte a unha posible onda de maior magnitude, na cal se viña traballando desde hai anos, pero co foco posto na gripe aviaria; este novo virus obriga a modificar e adaptar os protocolos establecidos á nosa realidade.

Na procura de acadar a máxima adaptación dos protocolos e decisións que se van adoptar, considérase necesario contar cun grupo de traballo que analice os escenarios epidemiolóxicos e formule directrices para a elaborar os protocolos máis efectivos en cada momento.

En consecuencia, conforme as facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, reformada pola Lei 11/1988, do 22 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta orde ten por obxecto a constitución do grupo de traballo que se chamará Comité Científico do Plan galego de preparación e resposta á pandemia de gripe, en diante o comité, segundo o previsto no artigo 5 da Orde do 18 de febreiro de 2005, de creación da Comisión Asesora do Plan galego de preparación e resposta á pandemia de gripe.

2. Este grupo de traballo actuará baixo a coordinación da Dirección Xeral de Saúde Pública e Planificación da Consellería de Sanidade.

Artigo 2º.-Funcións.

O comité terá como funcións:

a) A avaliación do manexo da gripe pandémica.

b) Identificar as actividades prioritarias de control e seguimento da pandemia na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Facer recomendacións de actuacións xenéricas derivadas do coñecemento da situación epidemiolóxica.

d) Avaliar o manexo dos enfermos, en colaboración cos seus profesionais médicos responsables, e emitir as recomendacións terapéuticas pertinentes.

e) Analizar os recursos necesarios para o correcto desenvolvemento das actividades de control da pandemia.

f) Propoñer e facilitar a incorporación de especialistas cuxa participación no comité se considere necesaria.

Artigo 3º.-Composición.

O comité estará composto por entre seis e dez profesionais da comunidade autónoma, con demostrada experiencia en aspectos relacionados coa epidemioloxía, co manexo, diagnóstico, tratamento e seguimento de enfermidades transmisibles producidas por virus.

A composición terá en conta a diversidade de disciplinas que require a análise e a xestión deste tipo de situacións.

Artigo 4º.-Designación dos membros.

Os membros do comité serán nomeados e cesados por acordo da conselleira de Sanidade, por proposta da Dirección Xeral de Saúde Pública e Planificación. O nomeamento farase por un período máximo de tres anos contado desde a súa data.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Saúde Pública e Planificación para tomar as medidas adecuadas en relación coa execución e codesenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2009.

Pilar Farjas Abadía

Conselleira de Sanidade