DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Xoves, 02 de xullo de 2009 Páx. 11.495

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO

DECRETO 342/2009, do 18 de xuño, polo que se crea o Rexistro Administrativo de Librarías de Galicia e se regula a súa organización e funcionamento.

En virtude da competencia que en materia de cultura outorga o Estatuto de autonomía de Galicia, foi aprobada a Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia, que desenvolve a previsión constitucional de promover e tutelar o acceso á cultura de todas as persoas.

Esta lei recoñece ás librarías como puntos esenciais de venda de libros e axentes culturais indispensables, sen esquecer o carácter mercantilista destes establecementos.

Defender e facilitar o achegamento da poboación á cultura, considerando o libro como referente fundamental que garante o desenvolvemento democrático e solidario da sociedade, así como a participación activa, crítica e creadora da cidadanía, son aspectos recollidos no preámbulo da Lei 17/2006, do 27 de decembro, do libro e da lectura de Galicia.

O propio texto valora que o libro, ademais da súa dimensión de ben cultural que cómpre preservar e promover, é tamén un ben económico que debe ser regulamentado e apoiado, debe garantirse que a súa produción, difusión e gozo se realicen consonte á súa condición de dereito cultural de todos os galegos e galegas e as exixencias de pluralismo e diversidade propios dunha sociedade libre.

O artigo 11.5º da devandita lei prevé a creación dun rexistro de librarías, no que deberán inscribirse todas as librarías de Galicia.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Cultura e Turismo, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaoito de xuño de dous mil nove,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Creación e adscrición.

1. Créase o Rexistro Administrativo de Librarías de Galicia, que ten por obxecto a inscrición e anotación dos datos relativos ás librarías e libreiros/as radicados no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Este rexistro está adscrito ao centro directivo competente en materia do libro da consellería competente en materia de cultura.

Artigo 2º.-Natureza.

1. O Rexistro Administrativo de Librarías de Galicia é un rexistro público e único, que produce o efecto da publicidade formal dos datos nel consignados e se levará por medios informáticos, cos límites que neste punto sinala a Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e a normativa que a desenvolve.

2. O rexistro ten carácter obrigatorio, para os efectos meramente administrativos, non constitutivos, para todas as librarías de Galicia, como establecementos abertos ao público en que se venden libros, rexentadas por persoas que cumpran os requisitos administrativos que para o exercicio do comercio se establecen na normativa mercantil.

3. A inscrición é condición previa necesaria para acceder ás axudas e subvencións da consellería competente en materia de cultura.

Artigo 3º.-Conceptos de libraría e libreiro.

1. Enténdese por libraría, para os efectos do disposto neste decreto, aquel establecemento mercantil de libre acceso ao público que se dedica, exclusiva ou parcialmente, á venda de libros.

2. Enténdese por libreiro/a a persoa natural ou xurídica que está á fronte destes establecementos, debidamente autorizada pola normativa que lle resulte de aplicación.

CAPÍTULO II

Procedemento

Artigo 4º.-Solicitude.

1. O/a titular da libraría solicitará a inscrición no rexistro de librarías mediante instancia dirixida ao centro directivo competente en materia do libro, que pode presentarse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Á instancia xuntarase a seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada da alta no IAE.

b) Declaración responsable en que conste:

-Nome comercial da libraría e enderezo.

-Superficie do local.

-Número de empregados/as, incluídos os titulares.

-Se dedica o local da libraría total ou parcialmente a esta actividade.

c) Fotocopia compulsada do DNI do titular da libraría, no caso de persoas físicas; e, no caso de persoas xurídicas, fotocopia compulsada do CIF xunto coa fotocopia compulsada do DNI do representante legal.

d) Documento acreditativo do pagamento da taxa correspondente.

Artigo 5º.-Procedemento.

1. A dirección xeral competente en materia do libro instruirá o procedemento seguindo o previsto na normativa do procedemento administrativo común. Se a solicitude non reúne os requisitos sinalados, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou acompañe os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistido tras resolución ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro. Ademais poderase requirir do solicitante a información ou documentación adicional que teña especial relevancia para a resolución do procedemento, coa finalidade de clarexar os datos recollidos na documentación achegada coa solicitude inicial.

2. O procedemento de inclusión no rexistro finalizará mediante resolución do/da titular do centro directivo competente en materia do libro. A resolución notificaráselle ao/á interesado/a no prazo de seis meses contados a partir da entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase estimada a solicitude de inscrición.

3. Contra as resolucións ditadas neste procedemento poderase interpoñer recurso de alzada, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa notificación, ante o/a titular da consellería competente en materia de cultura.

Artigo 6º.-Funcionamento do rexistro.

1. Asignaráselle a cada libraría un número de inscrición e corresponderalle así mesmo unha única folla de inscrición.

2. Na folla de inscrición deberán constar, como mínimo, os seguintes datos:

-Número de rexistro que se lle asigna.

-Identificación da libraría: nome comercial e domicilio.

-Identificación do/da titular: nome, NIF ou CIF e indicación da súa forma xurídica.

-Número de empregados/as.

-Data da resolución de inscrición inicial, resolucións posteriores, cancelacións e outras anotacións.

3. As inscricións, cancelacións e outras anotacións de todos os feitos e circunstancias que afecten as librarías practicaranse no rexistro de forma sucinta e numeraranse correlativamente.

4. O Rexistro Administrativo de Librarías ten carácter público e levarase por medios informáticos. O acceso aos datos polos cidadáns exercerase nos termos e condicións establecidos pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e está sometido ás previsións que contén a normativa en materia de protección de datos.

A consellería facilitará o acceso por vía telemática ao contido básico actualizado do rexistro que proporcione aos interesados un medio de consulta áxil e eficaz.

Expediranse certificacións do contido do rexistro autorizadas polo/pola funcionario/a encargado da súa xestión.

Disposición adicional

Única.-Respecto de prazos, recursos, comparecencia, representación e demais materias non reguladas expresamente neste decreto, terase en conta o disposto na regulación do procedemento administrativo común e nas demais normas que resulten de aplicación.

Disposición transitoria

Única.-As librarías xa inscritas no momento da entrada en vigor deste decreto deberán notificar, no prazo de seis meses, as modificacións producidas e os requisitos necesarios para adaptar a súa inscrición ao nel disposto.

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas cantas disposicións de inferior ou igual rango se opoñan ao disposto no presente decreto e especialmente o Decreto 417/1986, do 18 de decembro, polo que se crea o Rexistro de Librarías de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a/o titular da Consellería de Cultura e Turismo para ditar as disposicións que sexan precisas para o desenvolvemento e a aplicación deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de xuño de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Roberto Varela Fariña

Conselleiro de Cultura e Turismo