DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Mércores, 01 de xullo de 2009 Páx. 11.441

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DO MAR

ORDE do 12 de xuño de 2009 pola que se modifica a Orde do 15 de novembro de 1992, pola que se regulan os tamaños mínimos de extracción e comercialización de diversas especies de peixes, moluscos, crustáceos e equinodermos.

A política pesqueira galega ten por finalidade a viabilidade duradeira do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola galego, garantindo a mellora das condicións de vida e traballo das persoas que se dedican a estas actividades mediante a explotación sustentable, equilibrada e responsable dos recursos baseada nun asesoramento científico sólido e tendo en conta os aspectos ambientais, económicos e sociais. Todos estes obxectivos están recollidos na Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, que dispón, no seu artigo 22, que a Xunta de Galicia establecerá as normas para o exercicio da actividade encamiñada á explotación dos recursos mariños nas súas distintas modalidades, entre outras, as relativas ás épocas de veda, os tamaños mínimos autorizados para a extracción dos recursos mariños, así como as cotas ou topes máximos de captura e as relativas ás artes, aos aparellos ou utensilios autorizados para exercer a pesca e o marisqueo e as limitacións do seu número.

Co propósito de asegurar os obxectivos da política pesqueira de Galicia, a consellería competente en materia de pesca adopta, entre outras, as medidas encamiñadas á fixación de tamaños, pesos mínimos ou outras medidas de conservación das especies.

A Comunidade Autónoma de Galicia regulou os tamaños mínimos de extracción e comercialización de diversas especies de peixes, moluscos, crustáceos e equinodermos mediante a Orde do 15 de novembro de 1992 que foi modificada pola Orde do 20 de setembro de 1993 e a Orde do 29 de outubro de 2007.

O Regulamento (CE) 850/1998, do Consello, do 30 de marzo, para a conservación dos recursos pesqueiros a través de medidas técnicas de protección dos xuvenís de organismos mariños así como todas as súas posteriores modificacións, para asegurar a protección dos recursos biolóxicos mariños e a explotación equilibrada dos recursos pesqueiros de interese, tanto dos pescadores como dos consumidores, establece medidas técnicas de conservación que determinan, entre outros aspectos, as mallas e as súas combinacións axeitadas para a captura de determinadas especies e outras características das artes de pesca, os tamaños mínimos dos organismos mariños e as restricións da actividade pesqueira en determinadas zonas e períodos e con determinados aparellos e equipamentos. Este regulamento aplícase á captura e desembarque dos recursos pesqueiros existentes nas augas marítimas baixo soberanía ou xurisdición dos estados membros e que se atopen nalgunhas das rexións indicadas no seu artigo 2. O artigo

17 establece que os organismos non acadan o tamaño mínimo regulamentario cando as súas dimensións sexan inferiores ás dimensións mínimas indicadas no anexo XII para as especies e as zonas xeográficas indicadas.

Igualmente, o Regulamento (CE) 850/1998 establece no seu artigo 46 que os estados membros poden adoptar medidas para a conservación e xestión das poboacións cando se trate de poboacións estritamente locais que só revistan interese para o Estado membro de que se trate; ou en forma de condicións ou disposicións destinadas a limitar as capturas por medio de medidas técnicas que completen as definidas na normativa comunitaria sobre pesca, ou que vaian alén das exixencias mínimas definidas no regulamento. Tales medidas unicamente serán aplicables aos buques de pesca que enarboren o pavillón do Estado membro de que se trate e estean rexistrados na comunidade ou, no caso de actividades pesqueiras que leve a cabo un buque de pesca, a persoas establecidas no Estado membro de que se trate.

A importancia económica da explotación do percebe (Pollicipes pollicipes), sumado ás peculiares características da súa extracción, as diferentes formas de acceso ao recurso, o seu hábitat particular e a propia configuración da tradicional categoría profesional do/a percebeiro/a implicou que toda a súa regulación se aglutinase nunha única norma, a Orde do 6 de marzo de 2000, pola que se regula a explotación do percebe (Pollicipes pollicipes) como recurso específico no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, modificada pola Orde do 13 de novembro de 2008, co claro obxectivo dunha explotación sustentable. O seguimento dos plans de explotación desta especie, a continua mellora da información fornecida neles e os estudos realizados determinan a necesidade de introducir cambios respecto ao tamaño mínimo do percebe, así como da forma de determinalo.

O Decreto 198/2004, do 29 de xullo, polo que se modifica o Decreto 424/1993, do 17 de decembro, que aproba o regulamento da actividade pesqueira e das artes e aparellos de pesca permisibles en Galicia, establece que a consellería competente en materia de pesca poderá, con carácter experimental, aprobar plans de pesca co obxecto de estudar os efectos derivados da utilización de novas artes e aparellos, ou da modificación da regulación dos definidos no Decreto 424/1993, do 17 de decembro, para unha mellor xestión dos recursos pesqueiros. Estes plans teñen como finalidade acadar información científica para a mellor regulación das artes e aparellos, marco en que se está a desenvolver a extracción de rabioso (Glycymeris glycymeris). Os datos do seguimento científico da actividade fornecen, ademais, máis información relativa á bioloxía da especie, o que permite que se poida modificar o tamaño mínimo desta.

Finalmente, e á vista do disposto no Regulamento (CE) 850/1998 respecto do tamaño mínimo fixado para o carneiro (Venus verrucosa), considérase conveniente adaptar e actualizar a norma autonómica no que respecta a esta especie.

Con base en todo o exposto anteriormente,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación da Orde do 15 de novembro de 1992 pola que se regulan os tamaños mínimos de extracción e comercialización de diversas especies de peixes, moluscos, crustáceos e equinodermos.

A Orde do 15 de novembro de 1992, pola que se regulan os tamaños mínimos de extracción e comercialización de diversas especies de peixes, moluscos, crustáceos e equinodermos, queda modificada como segue.

Un. A alínea 1 do número 1 do artigo 2º queda redactada do seguinte modo:

«2.1. Os cirrípedos (percebe) mediranse polo diámetro maior da base do capítulo (DBC). Cando se presenten formando piñas, polo menos o 60% do peso da piña deberá estar constituído por exemplares que alcancen o tamaño mínimo».

Dous. O anexo II-A da Orde do 15 de novembro de 1992, pola que se regulan os tamaños mínimos de extracción e comercialización de diversas especies de peixes, moluscos, crustáceos e equinodermos, no que respecta ao tamaño mínimo do rabioso (Glycymeris glycymeris) e do carneiro (Venus verrucosa), queda redactado do seguinte modo:

Ver referencia pdf "12700D002P009.PDF"

Tres. O anexo III-A da Orde do 15 de novembro de 1992, pola que se regulan os tamaños mínimos de extracción e comercialización de diversas especies de peixes, moluscos, crustáceos e equinodermos, no que respecta ao tamaño mínimo do percebe (Pollicipes pollicipes), queda do siguinte modo:

Ver referencia pdf "12700D002P009.PDF"

Catro. O anexo III-B, no cal se recolle a forma de determinar o tamaño mínimo dos crustáceos, no que se refire á forma de medir o percebe, queda do modo recollido no anexo desta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2009.

Rosa María Quintana Carballo

Conselleira do Mar

Ver referencia pdf "12700D002P009.PDF"