DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Mércores, 24 de xuño de 2009 Páx. 10.894

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 2/2009, do 23 de xuño, de modificación do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo.

Exposición de motivos

A Constitución española establece no seu artigo 3 que o castelán é a lingua española oficial do Estado, e que as demais linguas españolas serán tamén oficiais nas respectivas comunidades autónomas de acordo cos seus estatutos.

De conformidade con isto, o artigo 5 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aproba o Estatuto de autonomía de Galicia, dispón que a lingua propia de Galicia é o galego, e que os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia. Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, recolle no seu artigo 2 que os poderes públicos garantirán o uso normal do galego e do castelán, linguas oficiais da Comunidade Autónoma, e no seu artigo 3 dispón que os poderes públicos de Galicia adoptarán as medidas oportunas para que ninguén sexa discriminado por razón da lingua.

Tal como establecen estes textos legais, na Comunidade Autónoma de Galicia existe a cooficialidade lingüística dos idiomas galego e castelán, polo que os dereitos lingüísticos da cidadanía galega abranguen o dereito ao uso de calquera dos dous idiomas oficiais, sen ningún tipo de discriminación.

A Administración autonómica debe ser garante dos dereitos das administradas e dos administrados en xeral, e deste en particular, xa que, no ámbito administrativo, a lingua supón o vehículo a través do cal se desenvolven as relacións entre a Administración e as administradas e os administrados, e para posibilitar que estas se realicen sen ningún tipo de discriminación é necesario garantir o dereito das administradas e dos administrados a dirixirse a esta en calquera dos dous idiomas oficiais, tanto en galego coma en castelán, para acadar así unha administración de calidade. Así mesmo, hai que posibilitar que a mobilidade das cidadás e dos cidadáns por todo o territorio nacional non se vexa limitada nin menoscabada por barreiras lingüísticas de ningún tipo.

O que debe primar é o absoluto respecto á hora de que as cidadás e os cidadáns elixan con liberdade a lingua na que se queren expresar, sen que esixencias do poder público, en calquera dirección que se realicen, poidan menoscabar o exercicio dese dereito.

Por tanto, a Administración debe garantir os dereitos lingüísticos das administradas e dos administrados, pero tanto respecto do idioma galego como do idioma castelán, para o que a Administración debe arbitrar mecanismos que lle permitan contar para iso con persoal formado e competente co fin de atender as cidadás e os cidadáns, tanto se utilizan o galego coma o castelán.

O acceso á función pública debe respectar os principios de mérito e capacidade, establecidos no artigo 103.3º da Constitución española, principios recollidos así mesmo no artigo 36 do Decreto lexislativo 1/2008.

O artigo 11 da Lei de normalización lingüística sinala que nas probas selectivas que se realicen para o acceso ás prazas das administracións autonómica e local se considerará, entre outros méritos, o grao de coñecemento das linguas oficiais, que se ponderará para cada nivel profesional.

Por outra banda, nas convocatorias de procesos selectivos incluirase o coñecemento de lingua galega, ponderado segundo o grupo de clasificación, co obxecto de garantir o coñecemento da lingua propia de Galicia por parte do persoal que se seleccione para acceder á función pública galega.

Así mesmo, en determinados corpos, escalas e/ou categorías pertencentes ao ámbito sanitario, social ou outros que se establezan, a consellaría competente en materia de función pública poderá modular a necesidade de acreditación do coñecemento da lingua galega, co fin de posibilitarlle unha axeitada prestación dos servizos públicos á cidadanía.

Co obxecto de garantir os dereitos individuais de todas as galegas e de todos os galegos, considérase necesario proceder á modificación do artigo 35 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, de xeito que se garanta a atención nas dúas linguas oficiais da comunidade autónoma e se potencie o patrimonio cultural de Galicia, no que coexisten dúas linguas.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei, a Lei de modificación do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo.

Artigo único.-Modificación do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo.

Modifícase o artigo 35 do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, que queda redactado como segue:

«Artigo 35º

A Administración garantirá os dereitos constitucionais e lingüísticos das cidadás e dos cidadáns galegos, tanto respecto do galego, como lingua propia de Galicia, coma do castelán, lingua oficial en Galicia.

Para lle dar cumprimento á normalización do idioma galego na Administración pública de Galicia e para garantir o dereito das administradas e dos administrados ao uso do galego nas relacións coa Administración pública no ámbito da comunidade autónoma, e a promoción do uso normal do galego por parte dos poderes públicos de Galicia, que determina o artigo 6.3º da Lei de normalización lingüística, nas probas selectivas que se realicen para o acceso ás prazas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades locais de Galicia incluirase un exame de galego, agás para aqueles que acrediten o coñecemento da lingua galega conforme a normativa vixente. As bases das convocatorias dos procesos selectivos establecerán o carácter e a valoración deste exame.

Todo isto sen prexuízo daquelas probas que teñan que realizarse en galego para aquelas prazas que requiran un especial coñecemento da lingua galega».

Disposición transitoria

Única.-A liberdade de elección de lingua galega e de lingua castelá nas probas selectivas seralles aplicable a todos os procesos selectivos da Comunidade Autónoma de Galicia en curso, e que aínda non estean finalizados, respecto daqueles exercicios non realizados.

Disposición derradeira

Única.-Esta modificación entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de xuño de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente