DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Venres, 19 de xuño de 2009 Páx. 10.563

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 326/2009, do 11 de xuño, polo que se modifican o Decreto 270/2003, do 22 de maio, regulador da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, e o Decreto 55/2004, do 4 de marzo, polo que se establecen as retribucións adicionais vinculadas a méritos individuais docentes, investigadores e de xestión do profesorado universitario.

A través da disposición adicional vixésimo sétima da Lei do Parlamento de Galicia 3/2002, do 29 de abril, de medidas de réxime fiscal e administrativo, atribúenselle á Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as competencias para realizar as funcións de avaliación, certificación e acreditación previstas no artigo 31 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades (LOU).

Coa entrada en vigor da Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, pola que se reforma a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, así como coa inmediata chegada do novo Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), aparece un novo contexto no cal os distintos órganos de avaliación, que operan dentro do ámbito da garantía da calidade universitaria en Europa, deberán actuar de acordo con estándares internacionais de calidade, establecendo mecanismos de cooperación e recoñecemento mutuo. Neste sentido, teñen unha especial relevancia os criterios e directrices para a garantía de calidade no Espazo Europeo de Educación Superior establecidos pola European Association for Quality Assurance in Higher Education (ENQA), entre os que destaca a necesidade de garantir a estes órganos de avaliación a independencia no seu funcionamento respecto das institucións de educación superior e dos gobernos. Neste sentido, o Consello de Dirección da ACSUG, na súa xuntanza do 14 de xullo de 2008,

abordou a modificación dos estatutos da axencia, sendo a procura da referida independencia a finalidade primordial desta reforma, e na que cabe destacar a configuración da Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA) como o órgano superior de avaliación da ACSUG.

Con esta reforma dáselle coherencia á regulación preexistente, xa que a CGIACA, como órgano superior de avaliación da ACSUG, será a que deba aprobar os distintos procedementos e protocolos de avaliación, informe, certificación e acreditación que correspondan para o desempeño das funcións que teñan atribuídas, actuando con independencia e adoptando as decisións últimas respecto destas funcións, de acordo co disposto nos estatutos da ACSUG e coa normativa de dereito público que resulte de aplicación.

Neste mesmo sentido, a modificación do Decreto 270/2003, do 22 de maio, regulador da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, deixa sen contido a disposición adicional primeira do Decreto 55/2004, do 4 de marzo, polo que se establecen as retribucións adicionais vinculadas a méritos individuais docentes, investigadores e de xestión do profesorado universitario, de xeito que, en coherencia co establecido nos estatutos da ACUSG, se garante que os procedementos de avaliación rematen na CGIACA.

Na súa conformidade, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, logo de informe do Consello Galego de Universidades, do Consello de Dirección da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa xuntanza do día once de xuño de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo primeiro.-Modificación do Decreto 270/2003, do 22 de maio, regulador da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

Un. O artigo 13 queda sen contido.

Dous. A epígrafe do título III pasa a ser a seguinte:

«Título III Estrutura orgánica da ACSUG».

Tres. O artigo 14 queda redactado do seguinte xeito:

«1. A estrutura orgánica da ACSUG componse de órganos de goberno e dirección, órganos consultivos e órganos de avaliación.

2. Os órganos de goberno e dirección da ACSUG son a presidenta ou o presidente, o Consello de Dirección, e a directora ou director. A Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA), como órgano superior de avaliación, e o Consello Asesor como órgano consultivo, realizarán as funcións que teñan atribuídas de acordo co establecido nos estatutos da ACSUG, e a demais normativa que resulte de aplicación».

Catro. O artigo 15 queda sen contido.

Cinco. O artigo 16 queda sen contido.

Seis. O artigo 17 queda sen contido.

Sete. O artigo 18 queda sen contido.

Oito. A disposición derradeira primeira queda redactada do seguinte xeito:

«A CGIACA, como órgano superior de avaliación da ACSUG, aprobará os distintos procedementos e protocolos de avaliación, informe, certificación e acreditación que correspondan para o desempeño das funcións que teña atribuídas, de acordo co establecido nos estatutos da ACSUG, e a demais normativa que resulte de aplicación».

Artigo segundo.-Modificación do Decreto 55/2004, do 4 de marzo, polo que se establecen as retribucións adicionais vinculadas a méritos individuais docentes, investigadores e de xestión do profesorado universitario.

Un. A disposición adicional primeira queda sen contido.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro ou conselleira competente en materia universitaria para ditar as disposicións necesarias de desenvolvemento ou aplicación deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, once de xuño de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Jesús Vázquez Abad

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

a) CESAMENTOS CONSELLERÍA DE ECONOMÍA

E INDUSTRIA