DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Venres, 19 de xuño de 2009 Páx. 10.542

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 325/2009, do 18 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

O Decreto 82/2009, do 21 de abril, establece os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, fixando os órganos superiores que dependerán da Presidencia, tendo en conta os criterios de eficacia e eficiencia que deben inspirar a actuación e organización administrativa, e as áreas de competencias que, pola súa importancia e natureza, procede que queden adscritas funcionalmente á Presidencia.

Procede desenvolver esta estrutura orgánica superior ata o nivel de xefatura de servizo nun texto único que regule conxuntamente e de forma unitaria a estrutura orgánica e correspondentes funcións dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta, tendo como premisas os criterios de máxima eficacia, austeridade e economía na organización administrativa.

A nova estrutura da Presidencia da Xunta de Galicia recolle os principios aludidos que, neste ámbito, se traducen nunha maior racionalidade e eficacia no desenvolvemento competencial e de xestión das funcións que ten atribuídas.

Por outro lado, este decreto recolle unha modificación do Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia para adaptalo á nova regulación organizativa da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, coa mesma finalidade, recolle unha modificación do Decreto 312/1999, do 11 de novembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de muller.

De conformidade co exposto, en uso das atribucións conferidas polo artigo 34.4º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificado pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, co informe previo da Consellería de Facenda, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de xuño de dous mil nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Estrutura.

1. Dependerán funcionalmente da Presidencia da Xunta de Galicia e organicamente da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza os seguintes órganos superiores:

a) Secretaría Xeral da Presidencia. Ao dito órgano adscríbese a Dirección Xeral do Gabinete de Presidencia.

b) Asesoría Xurídica Xeral, con nivel orgánico de dirección xeral.

c) Secretaría Xeral de Medios. Ao dito órgano adscríbese a Dirección Xeral de Comunicación e a Compañía de Radiotelevisión de Galicia.

d) Secretaría Xeral da Igualdade.

e) Secretaría Xeral da Emigración.

f) Secretaría Xeral para o Deporte.

g) Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

2. A Asesoría Xurídica Xeral rexerase en canto á súa estrutura e funcionamento polo Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia.

3. Adscríbese á Secretaría Xeral da Igualdade o Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, organismo autónomo de carácter administrativo dependente da Presidencia da Xunta de Galicia, e rexerase en canto aos seus obxectivos, funcións, estrutura e funcionamento polo previsto na Lei galega 3/1991, do 14 de xaneiro, da súa creación, e polo Decreto 312/1999, do 11 de novembro, modificado polo Decreto 249/2002, do 18 de xullo, polo que se refunde a normativa existente en materia de muller e demais normas que a desenvolvan.

Artigo 2º.-Secretaría Xeral da Presidencia.

1. A Secretaría Xeral da Presidencia configúrase como órgano superior da Administración autonómica en materia de apoio e asesoramento técnico á Presidencia da Xunta de Galicia, correspondéndolle a realización das seguintes funcións:

a) Prestar asistencia técnica, apoio e asesoramento á persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia en todo o que a requira.

b) As funcións ordinarias de despacho que lle son propias, actuando nos asuntos xerais como órgano de comunicación coas consellerías, entidades e organismos que teñan relación coa Presidencia, así como as que lle sexan delegadas pola persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

c) Exercer a coordinación dos órganos adscritos á Secretaría Xeral da Presidencia, sinalados no artigo único, letra a) punto 1 do Decreto 82/2009, do 21 de abril, polo que se establecen os centros directivos da Presidencia da Xunta de Galicia.

d) A coordinación das actividades do Departamento de Protocolo e Relacións Públicas da Presidencia da Xunta e da Casa de Galicia en Madrid.

e) A elaboración de estudos e informes para a Presidencia da Xunta.

f) A coordinación dos asuntos administrativos xerais da Presidencia da Xunta que así o precisen.

g) A coordinación da elaboración dos orzamentos da Presidencia da Xunta.

h) O control da xestión do persoal da Presidencia da Xunta nos termos establecidos neste decreto.

i) A elevación e defensa dos asuntos da Presidencia da Xunta na Comisión de Secretarios e Secretarias e o apoio á persoa titular da Presidencia no sometemento de aqueles ao Consello da Xunta.

j) Xestión da documentación da Presidencia.

k) As funcións de réxime interior e asuntos xerais da Secretaría Xeral da Presidencia.

l) As funcións recollidas nas disposicións adicionais deste decreto.

2. A Secretaría Xeral da Presidencia poderá reclamar das consellerías, e do resto dos órganos superiores da Xunta de Galicia, cantos informes, datos e documentos considere precisos para o exercicio das funcións que ten encomendadas.

3. Para o cumprimento das súas funcións, a Secretaría Xeral da Presidencia estrutúrase nas seguintes unidades:

3.1 Vicesecretaría Xeral, a que lle corresponden as seguintes funcións:

a) Prestar asistencia técnica e administrativa á persoa titular da Secretaría Xeral.

b) O asesoramento e a realización de estudos e informes de carácter técnico-xurídico que lle sexan encomendados pola persoa titular da Secretaría.

c) A elaboración, por requirimento da persoa titular da Secretaría, de estudos e propostas de actuación sobre aspectos relativos a estruturación, planificación, organización, métodos de traballo e de mellora da xestión dos diferentes procedementos administrativos.

d) A coordinación da elaboración do anteproxecto de gastos da Presidencia da Xunta de Galicia, a elaboración do anteproxecto de orzamentos de gastos da Secretaría Xeral da Presidencia, así como o seguimento e control da súa execución.

e) A xestión económica e habilitación de pagamentos relativos ao capítulo I respecto a todo o persoal adscrito á Presidencia da Xunta de Galicia.

f) Programar as necesidades de persoal, en colaboración coas distintas secretarías xerais da Presidencia, a coordinación e elaboración da relación de postos de traballo, e a xestión do persoal adscrito á Presidencia da Xunta de Galicia.

g) A organización, coordinación e supervisión da xestión administrativa do patrimonio adscrito á Presidencia da Xunta de Galicia, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos.

h) O réxime interior, a asistencia técnica, a coordinación administrativa e outras funcións de contido administrativo que lle atribúa a persoa titular da Secretaría.

i) O estudo, preparación e informe dos asuntos que deban someterse ao Consello da Xunta de Galicia ou as comisións delegadas, así como as disposicións que se deban publicar no Diario Oficial de Galicia ou en calquera outro diario oficial.

j) A coordinación para a súa remisión e correspondente publicación no Diario Oficial de Galicia, das disposicións e actos administrativos ditados polos órganos superiores da Presidencia.

k) A asistencia á persoa titular da Secretaría da Presidencia para o estudo e preparación das reunións da Comisión de Secretarios Xerais.

l) A tramitación das publicacións dos órganos superiores da Presidencia ante a Comisión Permanente de Publicacións da Xunta de Galicia e Consello Galego de Publicacións.

m) A suplencia do/a secretario/a xeral da Presidencia nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade en todas as materias de índole administrativa e orzamentaria que sexan competencia deste.

n) As demais funcións que lle encomende a persoa titular da Secretaría.

Para o exercicio das súas funcións, contará coas seguintes unidades con nivel orgánico de servizo:

3.1.1. Servizo de Persoal e Asesoramento.

Son funcións deste servizo:

a) A xestión e coordinación do persoal da Presidencia.

b) A tramitación dos expedientes administrativos relativos ao persoal da Presidencia e habilitación de pagamentos relativos ao capítulo I.

c) Elaborar a proposta de relacións de postos de traballo das secretarías xerais da Presidencia, en colaboración con estas.

d) O control de asistencia e puntualidade do persoal da Secretaría Xeral da Presidencia.

e) Asesoramento en materia de estruturación, planificación, organización, métodos de traballo e de mellora da xestión.

f) Aqueloutras funcións que no seu ámbito lle sexan asignadas.

3.1.2. Servizo de Apoio Técnico.

Son funcións deste servizo:

a) O estudo e tramitación dos anteproxectos e proxectos de disposicións de carácter xeral que elaboren os órganos superiores da Presidencia.

b) A preparación dos expedientes dos órganos superiores da Presidencia que deban ser obxecto de estudo na Comisión de Secretarios e Secretarias Xerais.

c) A remisión ao Diario Oficial de Galicia e demais diarios ou boletíns oficiais das disposicións ou actos da Secretaría Xeral da Presidencia e a coordinación para a remisión das disposicións ao Diario Oficial de Galicia das disposicións e actos dos órganos superiores da Presidencia.

d) O asesoramento e realización de estudos e informes de carácter técnico-xurídico nas materias que lle sexan encomendadas.

e) Aqueloutras funcións que no seu ámbito lle sexan asignadas.

3.1.3. Servizo de planificación, análise e xestión económica.

Son funcións deste servizo:

a) A elaboración do borrador do anteproxecto do orzamento da Presidencia e o seu seguimento e control.

b) A tramitación dos expedientes de contratación que sexan competencia da Secretaría Xeral da Presidencia, a xestión de investimentos, compras, subministracións e servizos da Secretaría Xeral.

c) O seguimento e a execución da xestión do orzamento de gastos da Secretaría Xeral da Presidencia, efectuando os trámites económicos e administrativos dos expedientes de gastos e as propostas de pagamento, así como a elaboración e tramitación das modificacións orzamentarias e habilitación de pagamentos, agás capítulo I.

d) Asesoramento e elaboración de informes en materia de xestión económica e orzamentaria no ámbito da Presidencia.

e) A coordinación e elaboración de estudos e informes de interese para a Presidencia.

3.2. Departamento de Protocolo.

Desenvolverá, de conformidade cos criterios que lle sexan establecidos pola Secretaría Xeral da Presidencia, e baixo a supervisión da secretaría da persoa titular da Presidencia da Xunta, as actividades e servizos de protocolo, cerimonial e relacións públicas da Presidencia da Xunta, así como as relacións en materia de protocolo, coa Administración xeral do Estado e coas demais administracións públicas.

Correspóndelle, así mesmo, a elaboración e desenvolvemento dos programas das actividades da persoa titular da Presidencia da Xunta, de conformidade coas instruccións desta, e a organización das viaxes e misións oficiais que esta realice tanto dentro de España coma no estranxeiro.

O Departamento de Protocolo proverase con persoal eventual.

3.3. Queda adscrita á Secretaría Xeral da Presidencia a Casa de Galicia en Madrid, sen prexuízo da coordinación cos demais departamentos da Xunta de Galicia na programación das actividades que se poidan desenvolver nela.

3.4. Dependendo organicamente da Secretaría Xeral, con nivel orgánico de subdirección xeral, existirán as seguintes unidades:

3.4.1. Asesoría Xurídica, funcional e xerarquicamente dependente da Dirección Xeral da Asesoría Xurídica, terá respecto dos órganos superiores da Presidencia as funcións que determina o artigo 13.2º do Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia.

3.4.2. Intervención Delegada, que dependerá funcionalmente da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

4. Están adscritos á Secretaría Xeral da Presidencia, con nivel orgánico de dirección xeral, os seguintes órganos:

4.1. Dirección Xeral do Gabinete de Presidencia.

Exercerá as funcións de asesoramento, asistencia e apoio directo á persoa titular da Presidencia, en coordinación funcional coa persoa titular da Secretaría Xeral da Presidencia, e en concreto correspóndelle:

a) Prestarlle asesoramento en todos os asuntos e materias que este dispoña.

b) Preparar os documentos e informes de índole política ou técnica que sexan necesarios para a súa interlocución e toma de decisións.

c) Solicitar e sistematizar información acerca das iniciativas, programas, plans e actividades das consellerías para efectos de facilitarlle a coordinación da acción do goberno.

d) Solicitar das institucións públicas e privadas a información que demande para o exercicio das súas funcións.

e) Prestarlle asistencia para a preparación das súas intervencións no Parlamento de Galicia.

f) Coordinar a elaboración dos seus programas de actividades.

g) Realizar aquelas outras actividades ou funcións que lle encomende.

Artigo 3º.-Secretaría Xeral de Medios.

1. A Secretaría Xeral de Medios é o órgano superior da Administración autonómica encargado de executar a política xeral da Xunta de Galicia en materia de medios de comunicación e audiovisual, correspondéndolle o exercicio das seguintes funcións:

a) Divulgación da acción institucional da Xunta de Galicia e da Presidencia.

b) Coordinación dos gabinetes de comunicación da Xunta de Galicia.

c) A xestión das competencias da Xunta de Galicia en materia de medios de comunicación social, telecomunicación e audiovisual así como o exercicio das recollidas no artigo 34, e no artigo 27 número 31, no que se refire á publicidade, ambos os dous do Estatuto de autonomía de Galicia.

d) Coordinación da política de imaxe e publicidade institucional da Xunta de Galicia, dirixindo e coordinando as actividades que neste sentido leven a cabo en todos os sectores e medios de comunicación social e promocionando unha imaxe igualitaria de mulleres e homes en todos eles.

e) Dotación de infraestruturas no ámbito da comunicación.

f) Proposición e desenvolvemento da normativa referente a comunicación social e a publicidade.

g) A elaboración, coordinación e seguimento relativo ao manual e normas sobre a identificación corporativa da Xunta de Galicia.

h) A implantación de redes propias de telecomunicación para a prestación de servizos que sexan competencia da comunidade autónoma, de acordo co establecido na Lei de ordenación das telecomunicacións.

i) O estudo, preparación e tramitación de cantas actuacións lle correspondan á Xunta de Galicia para o desenvolvemento e efectividade das previsións do artigo 34 do Estatuto de autonomía de Galicia, en relación á radio, televisión e medios de comunicación social.

j) A dirección e coordinación das actuacións en materia de telecomunicacións, audiovisual e multimedia e todos os aspectos que deriven da aplicación destas tecnoloxías no ámbito da comunicación.

k) Promoción e difusión de contidos dos medios audiovisuais e multimedia da nosa comunidade autónoma.

l) A realización de estudos e, se é o caso, a súa coordinación, sobre materias relativas a todos os sectores da información e medios de comunicación en xeral.

m) As funcións recollidas nas disposicións adicionais deste decreto.

2. Para o cumprimento das súas funcións a Secretaría Xeral de Medios estrutúranse nas seguintes unidades:

2.1. A Subdirección Xeral de Réxime Xurídico e Xestión de Medios Audiovisuais.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Elaboración de propostas normativas referentes ao ámbito da radiodifusión, televisión, telecomunicación e audiovisual dentro das competencias da Xunta de Galicia.

b) A elaboración do anteproxecto de orzamento da Secretaría Xeral de Medios e a coordinación destes traballos coas unidades administrativas existentes.

c) A xestión e execución do orzamento e tramitación dos expedientes de contratación en coordinación co resto das unidades administrativas da Secretaría Xeral de Medios.

d) Supervisión da xestión da habilitación de pagamentos, agás capítulo I.

e) A tramitación dos convenios de colaboración con outras administracións públicas, entes de dereito público ou particulares, sempre que non estea expresamente atribuído a outros órganos.

f) Tramitación das axudas e subvencións que xestione a Secretaría Xeral.

g) A tramitación das solicitudes de concesión de servizos públicos de radiodifusión e televisión, e a preparación dos proxectos de regulación das fases dos concursos públicos, para a adxudicación das que sexan competencia da comunidade autónoma.

h) A realización de tarefas de control das emisoras de radiodifusión e televisión.

i) Prestarlle apoio á persoa titular da secretaría xeral en todos os asuntos que lle encomende, no ámbito das competencias que ten asignadas.

j) O control de asistencia e puntualidade do personal da Secretaría Xeral, seguindo indicacións da Secretaría Xeral da Presidencia.

k) A remisión ao Diario Oficial de Galicia, e demais diarios ou boletíns oficiais das disposicións ou actos da Secretaría Xeral da Igualdade.

l) As funcións de réxime interior e asuntos xerais da Secretaría Xeral de Medios.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará coas seguintes unidades administrativas co nivel orgánico de servizo:

2.1.1. Servizo de Xestión de Medios Informativos.

Son funcións deste servizo:

a) Xestión de axudas, subvencións, contratos e convenios administrativos relativos aos medios informativos.

b) A habilitación xeral de pagamentos da Secretaría Xeral, agás capítulo I.

c) Seguimento dos créditos da Xunta de Galicia e dos organismos públicos dependentes dela formalizados a través de acordos e convenios de colaboración cos medios informativos, sen prexuízo do control orzamentario que corresponde a cada consellería ou organismo.

d) Apoio á preparación de normas, tramitación e emisión de informes.

2.1.2. Servizo de Estudos e Análise de Telecomunicación e Audiovisual.

Son funcións deste servizo:

a) A xestión económica e seguimento da execución orzamentaria da Secretaría Xeral, así como a tramitación dos expedientes de modificacións orzamentarias en colaboración co Servizo de Xestión de Medios Informativos.

b) Preparación de normas, tramitación e emisión de informes.

c) Xestión de axudas, contratos e convenios administrativos, en materia de telecomunicación, radiodifusión e televisión.

2.1.3. Servizo de Réxime Xurídico de Televisión e Radiodifusión.

Son funcións deste servizo:

a) Elaboración de normas e emisión de informes administrativos relativos á televisión e radiodifusión.

b) Control e xestión de procedementos de autorizacións e concesións de televisión.

c) Control e xestión de procedementos de autorizacións e concesións de radiodifusión.

d) Xestión do rexistro de concesionarios de televisión e radiodifusión.

e) Control, inspección e tramitación de expedientes sancionadores en materia de medios e contidos audiovisuais.

2.2. A Subdirección Xeral de Enxeñaría e Planificación de Telecomunicación, Radio, Televisión e Multimedia.

a) A xestión técnica de redes propias de telecomunicación para a prestación de servizos que sexan competencia da comunidade autónoma, de acordo co establecido na Lei de ordenación das telecomunicacións.

b) A xestión, planificación, coordinación e asesoramento técnico de todos os servizos, sistemas e infraestruturas de telecomunicacións da Xunta de Galicia, rede oficial de comunicacións (ROC).

c) A xestión compartida coa Consellería de Economía e Industria da rede de ciencia e tecnoloxía de Galicia (Recetga) e a autoestrada galega da información.

d) A xestión da dotación de infraestrutura á Compañía de Radiotelevisión de Galicia e ás súas sociedades, a implantación da rede oficial de comunicacións e a rede de ciencia e tecnoloxía de Galicia, así como a implantación doutros sistemas e servizos soportados polas redes de radiodifusión e televisión, ROC e Recetga e a autoestrada galega da información, con cargo aos orzamentos da Xunta de Galicia.

e) A redacción e supervisión de proxectos técnicos, dirección e control das instalacións, así como a asistencia técnica necesaria en todo o referente ao ámbito das telecomunicacións e multimedia.

f) A xestión e coordinación do Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia.

g) Planificación, programación, coordinación e asesoramento da rede de telecentros de comunicación.

h) Planificación e coordinación das funcións atribuídas a Redes de Telecomunicación Galegas (Retegal, S.A.).

O desenvolvemento destas funcións efectuarase sen prexuízo das competencias que lle corresponden á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica en materia de telecomunicacións e desenvolvemento da sociedade da información.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará coas seguintes unidades administrativas co nivel orgánico de servizo:

2.2.1. Servizo de Planificación.

Son funcións deste servizo:

a) Elaboración de informes técnicos nas materias da súa competencia.

b) Xestión, planificación, coordinación e asesoramento técnico dos servizos e infraestruturas de telecomunicación da Xunta de Galicia.

c) Planificación e xestión da autoestrada galega da información.

2.2.2. Servizo de programación multimedia.

Son funcións deste servizo:

a) Preparación, programación, xestión e coordinación de proxectos multimedia no ámbito de comunicación.

b) Preparación e seguimento dos programas de novas tecnoloxías no ámbito de comunicación.

c) Organización e xestión do Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia.

d) Xestión e coordinación da rede de telecentros de comunicación.

3. Están adscritas a Secretaría Xeral de Medios:

3.1. A Compañía de Radiotelevisión de Galicia.

3.2. O Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia.

4. Dirección Xeral de Comunicación.

Á Dirección Xeral de Comunicación corresponderanlle as seguintes funcións:

a) A relación cos medios informativos en todas as materias de comunicación que afecten a Presidencia da Xunta de Galicia.

b) A coordinación da comunicación interdepartamental da Xunta de Galicia.

Para o exercicio das súas funcións contará cun gabinete de comunicación que se proverá con persoal eventual.

Dependerán da Dirección Xeral de Comunicación os seguintes centros de xestión:

4.1. Gabinete de Estudo dos Recursos de Comunicación, ao que lle corresponderán as funcións de estudo, análise e avaliación, tanto do mercado da comunicación como da súa reciclaxe e os propios contidos dos medios de comunicación en xeral.

O Gabinete de Estudo dos Recursos de Comunicación proverase con persoal eventual.

4.2. Club Internacional de Prensa, ao que lle corresponderán as seguintes funcións:

a) Promover a formación e a reciclaxe do persoal dos medios de comunicación, tanto públicos como privados, mediante cursos, conferencias, mesas redondas e publicacións.

b) Facilitar o contacto de todas as empresas e institucións que o soliciten cos medios de comunicación, mediante a convocatoria de roldas de prensa, tertulias, comparecencias e presentación de iniciativas.

O Club Internacional de Prensa proverase con persoal eventual.

Artigo 4º.-Secretaría Xeral da Igualdade.

1. Á Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano superior da Administración autonómica en materia de igualdade, correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Impulsar a incorporación da perspectiva de xénero en todas as normas, políticas, actuacións, plans e estratexias da Xunta de Galicia.

b) Promover a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e accións no eido da eliminación da violencia de xénero, segundo o disposto na Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, e na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

c) Planificar, deseñar, coordinar e avaliar a xestión das políticas da Xunta de Galicia en materia de xénero, erradicación da discriminación por razón de sexo, igualdade entre mulleres e homes, erradicación da violencia de xénero e promoción da corresponsabilidade entre mulleres e homes no eido persoal, familiar e laboral.

d) Propor medidas, programas e normas dirixidas á promoción do exercicio efectivo dos dereitos das mulleres, a incrementar a súa participación na vida económica, laboral, política, social e cultural e a eliminar as discriminacións existentes entre sexos.

e) Establecer relacións e canles de participación con asociacións, fundacións e outros entes e organismos, que teñan entre os seus fins a consecución da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

f) Analizar a realidade social así como planificar, coordinar e colaborar coas entidades prestadoras de servizos sociais nas anteditas materias, en particular, coas entidades de iniciativa social.

g) As funcións recollidas nas disposicións adicionais deste decreto.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións a Secretaría Xeral da Igualdade contará coas seguintes unidades:

2.1. Servizo de Administración e Xestión.

Son funcións deste servizo:

a) A elaboración do borrador do anteproxecto do orzamento de gastos da Secretaría Xeral da Igualdade, a xestión económica e seguimento da execución orzamentaria, cando non estean expresamente atribuídos a outros órganos, así como a tramitación dos expedientes de modificación orzamentaria.

b) A tramitación dos expedientes de contratación que sexan competencia da Secretaría Xeral da Igualdade.

c) A habilitación xeral de pagamentos da Secretaría Xeral da Igualdade, agás capítulo I.

d) O control de asistencia e puntualidade do personal da Secretaría Xeral, seguindo indicacións da Secretaría Xeral da Presidencia.

e) A remisión ao Diario Oficial de Galicia, e demais diarios ou boletíns oficiais das disposicións ou actos da Secretaría Xeral da Igualdade.

f) As funcións de réxime interior e asuntos xerais da Secretaría Xeral da Igualdade.

g) Aqueloutras actividades relativas á tramitación administrativa que, no seu ámbito de competencia, lle encomende a Secretaría Xeral da Igualdade.

2.2. Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade, á que lle corresponden as seguintes funcións:

a) A xestión, coordinación, seguimento e avaliación dos programas e servizos dirixidos á promoción da igualdade entre mulleres e homes, ben sexan de titularidade propia ou dependentes da iniciativa social ou privada, en aplicación do previsto na Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

b) A elaboración de estudos ou informes nas materias propias da subdirección xeral que permitan, a partir da obtención de información, propoñer axudas ou asignar recursos.

c) A proposta, articulación e deseño de medidas de actuación en materia de igualdade.

d) A asistencia á Secretaría Xeral da Igualdade, respecto das funcións propias da subdirección.

e) A xestión das prestacións e programas nesas mesmas áreas.

f) Cantas outras medidas se determinen no eido da promoción da igualdade.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará coa seguinte unidade administrativa con nivel orgánico de servizo:

2.2.1 Servizo de Análise e Coordinación das Políticas de Igualdade.

Son funcións deste servizo:

a) O establecemento das liñas de estudo e dos programas dirixidos á consecución do obxectivo da igualdade entre mulleres e homes e de eliminación de calquera tipo de discriminación por razón de sexo, segundo o previsto na Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

b) A colaboración, asesoramento ou organización de actividades formativas en materia de igualdade, sen prexuízo das funcións substantivas doutros departamentos ou centros directivos da comunidade autónoma.

c) A preparación dos convenios de colaboración que se subscriban con outras entidades e particulares nas materias da competencia da Subdirección Xeral.

d) A promoción, organización e coordinación de campañas de sensibilización en materia de promoción da igualdade.

e) O desenvolvemento de calquera outra función que, no ámbito da súa competencia, lle sexa encomendada pola Secretaría Xeral da Igualdade.

2.3. Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero, á que lle corresponden as seguintes funcións:

a) A xestión, coordinación, seguimento e avaliación dos programas e servizos dirixidos á erradicación da violencia de xénero, a atención e protección das súas vítimas, ben sexan de titularidade propia ou dependentes da iniciativa social ou privada, en aplicación do previsto na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

b) A elaboración de estudos, informes nas materias propias da Subdirección Xeral que permitan a partir da obtención de información propoñer axudas ou asignar recursos.

c) A proposta, articulación e deseño de medidas de actuación en materia de violencia de xénero.

d) A asistencia á Secretaría Xeral da Igualdade, respecto das funcións propias da subdirección.

e) A xestión das prestacións e programas nesas mesmas áreas.

f) Cantas outras medidas se determinen no eido da erradicación da violencia de xénero.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará coa seguinte unidade administrativa con nivel orgánico de servizo:

2.3.1. Servizo de Prevención e Atención ás Vítimas.

Son funcións deste servizo:

a) O establecemento das liñas de estudo e dos programas dirixidos á defensa dos dereitos de atención e protección das vítimas da violencia de xénero, e a xestión de todos os programas destinados a promover a igualdade de oportunidades para as vítimas da violencia de xénero, segundo o previsto na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

b) A colaboración, asesoramento ou organización de actividades formativas en materia de prevención da violencia de xénero, sen prexuízo das funcións substantivas doutros departamentos ou centros directivos da comunidade autónoma.

c) A preparación dos convenios de colaboración que se subscriban con outras entidades e particulares nas materias da competencia da Subdirección Xeral.

d) A promoción, organización e coordinación de campañas de sensibilización en materia de prevención da violencia de xénero.

e) O desenvolvemento de calquera outra función que, no ámbito da súa competencia, lle sexa encomendada pola Secretaría Xeral da Igualdade.

3. Para o exercicio das súas competencias a Secretaría Xeral da Igualdade conta con catro unidades con nivel de xefatura de servizo nos servizos periféricos da Coruña, Lugo, Ourense e Vigo, coa denominación de Servizo de Igualdade, aos que lles corresponderá a promoción da igualdade e o fomento de actuacións dirixidas á erradicación da violencia de xénero no marco do desenvolvemento das liñas de actuación da Secretaría e do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, no ámbito territorial da provincia correspondente, sen prexuízo das funcións de coordinación do exercicio das competencias que asume cada delegación no seu correspondente ámbito territorial, de acordo co disposto no artigo 2 do Decreto 245/2009, do 30 de abril.

Cando desenvolvan liñas de actuación da Secretaría Xeral, os servizos de igualdade nos servizos periféricos dependerán funcionalmente da Secretaría Xeral e orgánicamente do departamento territorial correspondente da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Cando desenvolvan liñas de actuación do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, observarase o previsto na disposición derradeira segunda deste decreto.

Artigo 5º.-Secretaría Xeral da Emigración.

1. A Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración da Comunidade Autónoma ao que lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, relacións coas comunidades galegas no exterior e políticas migratorias e de retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados coas políticas migratorias que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia. Corresponden tamén á Secretaría Xeral da Emigración as competencias que atribúe ás comunidades autónomas a Lei 40/2006, do 14 de decembro, do Estatuto da cidadanía española no exterior, así como a coordinación e execución, se é o caso, das competencias atribuídas ás comunidades autónomas na Lei órgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa normativa de desenvolvemento e complementaria, sen prexuízo do que, por razón da materia, corresponda a outros

órganos da Xunta de Galicia.

Correspóndenlle, ademais, as funcións recollidas nas disposicións adicionais deste decreto.

2. Para o cumprimento das súas funcións a Secretaría Xeral da Emigración estrutúrase nas seguintes unidades.

2.1. A Subdirección Xeral de Coordinación, Contratación e Xestión Orzamentaria, á que lle corresponden as seguintes funcións:

a) A asistencia técnica e administrativa ao/á secretario/a xeral da Emigración en todos os asuntos que este lle encomende.

b) A elaboración, por requirimento do/a secretario/a xeral da Emigración, de estudos e propostas de actuación sobre aspectos relativos á estruturación, planificación, organización, métodos de traballo e de mellora da xestión dos diferentes procedementos administrativos, así como aqueloutros estudos e informes de carácter técnico nas materias competencia do departamento que lle sexan encomendados polo/a secretario/a xeral da Emigración.

c) A coordinación de todas as unidades administrativas da Secretaría Xeral da Emigración para efectos administrativos e orzamentarios.

d) A elaboración do anteproxecto de orzamento da Secretaría Xeral e a coordinación destes traballos entre os servizos existentes. O seguimento e control do orzamento da Secretaría Xeral da Emigración e a avaliación dos distintos programas de gastos.

e) A organización do rexistro e a coordinación con outros rexistros, sen prexuízo das competencias da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Todos os aspectos relacionados co réxime interno da Secretaría Xeral da Emigración, sen prexuízo das competencias doutros órganos, e a organización do seu arquivo.

f) A contratación administrativa, o seu seguimento e control. A xestión dos investimentos, compras, subministracións e servizos da Secretaría Xeral da Emigración, sen prexuízo das competencias que poidan ter atribuídas outros órganos.

g) A coordinación da formación de estatísticas, estudos e investigacións acerca das competencias da Secretaría Xeral da Emigración, sen prexuízo das que ten asumidas o Instituto Galego de Estatística.

h) O establecemento, seguimento e mantemento dos procesos informáticos da Secretaría Xeral da Emigración, sen prexuízo das competencias que a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica ten atribuídas nesta materia. Así mesmo, correspóndelle o establecemento dos mecanismos necesarios para o mantemento, actualización e dinamización da web e do portal da Secretaría Xeral da Emigración.

i) A tramitación das convocatorias de axudas e subvencións, así como dos convenios e protocolos de colaboración que se subscriban con outras consellerías, entidades, centros galegos, persoas físicas e xurídicas, e o control dos fondos transferidos.

j) A coordinación das publicacións da Secretaría Xeral da Emigración, así como dos envíos de publicacións e demais material que se realicen co fin de dar cumprimento ao disposto na Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, e en desenvolvemento das políticas migratorias e de retorno en Galicia.

k) A suplencia do/a secretario/a xeral da Emigración nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade en todas as materias de tramitación administrativa e orzamentaria da súa competencia.

l) A tramitación dos procedementos de reintegro por proposta das unidades que xestionan as subvencións e a instrución dos procedementos sancionadores.

Para o desempeño das súas funcións contará coas seguintes unidades administrativas con nivel orgánico de servizo:

2.1.1. Servizo de Xestión Orzamentaria.

Son funcións deste servizo:

a) A xestión económica e seguimento da execución orzamentaria da Secretaría Xeral da Emigración.

b) A tramitación dos expedientes de modificacións orzamentarias, agás as relativas ao capítulo I.

c) A habilitación de pagamentos, agás os relativos ao capítulo I.

d) O asesoramento económico e orzamentario a todas as unidades da Secretaría Xeral da Emigración para os efectos da tramitación dos expedientes.

e) O seguimento e control para os efectos económicos de todos os programas que en materia de políticas migratorias desenvolva a Secretaría Xeral da Emigración.

f) A xestión dos asuntos relativos ao rexistro e as tarefas de arquivo e réxime interior, sen prexuízo das competencias que lles correspondan a outros órganos.

2.1.2. Servizo de Apoio Técnico e Contratación.

Son funcións deste servizo:

a) Asistir ás unidades da Secretaría Xeral da Emigración na preparación de todo tipo de documentos administrativos e propostas normativas.

b) Formular os borradores e anteproxectos de iniciativas normativas que lle encomende o/a secretario/a xeral da Emigración en execución das súas atribucións.

c) A tramitación dos expedientes de contratación.

d) O control de asistencia e puntualidade de todo o persoal adscrito á Secretaría Xeral da Emigración, seguindo as indicacións da Secretaría Xeral de Presidencia sen prexuízo das competencias que sobre control horario e asistencia lles correspondan ás distintas unidades da secretaría.

e) A tramitación dos convenios, acordos e protocolos de colaboración que se subscriban con outras consellerías, entidades, centros galegos, persoas físicas e xurídicas.

f) O asesoramento e tramitación das convocatorias de axudas e subvencións nas materias competencia da Secretaría Xeral da Emigración.

g) Aqueloutras actividades relativas á tramitación administrativa que, no seu ámbito de competencia, lle encomende o/a secretario/a xeral da Emigración.

h) A remisión ao Diario Oficial de Galicia, e demais diarios ou boletíns oficiais, dos actos da Secretaría Xeral da Emigración. A remisión de todos os convenios subscritos pola secretaría ao órgano encargado de realizar os trámites necesarios para o seu rexistro.

i) O apoio ás unidades da Secretaría Xeral na tramitación dos requirimentos e peticións formuladas á secretaría polos xulgados, tribunais, o Defensor do Pobo, o Valedor do Pobo e outros órganos e institucións.

j) Apoio ás unidades da Secretaría Xeral na tramitación dos procedementos de reintegro e na instrución dos procedementos sancionadores competencia da Secretaría Xeral da Emigración.

2.2. A Subdirección Xeral de Programas Sociais, á que lle corresponden as seguintes funcións:

a) A asistencia ao/á secretario/a xeral da Emigración en materia de política social a favor da cidadanía galega no exterior incluídos os aspectos formativos.

b) A elaboración de programas sociais que melloren o benestar social e a calidade de vida da cidadanía galega no exterior, corrixindo aquelas desigualdades que poidan existir entre mulleres e homes.

c) A preparación e coordinación dos programas de axudas dirixidas aos galegos e galegas residentes no exterior.

d) Promover xunto coa Administración central a posta en marcha de medidas tendentes á universalización de accións, axudas e prestacións de carácter social para a cidadanía galega no exterior que pola súa idade, sexo, condicións económicas e país de residencia así o demanden.

e) Favorecer a extensión dos dereitos sociosanitarios ao conxunto da cidadanía galega no exterior.

f) A preparación, coordinación e seguimento de programas de colaboración asistencial e social coas residencias da terceira idade situadas no estranxeiro nas que exista presenza deste colectivo.

g) A elaboración de estudos e informes nas materias propias da Subdirección Xeral que permitan, a partir da obtención de información das persoas beneficiarias dos programas, detectar necesidades, propor axudas ou asignar recursos.

h) Colaboración coas delegacións da Xunta de Galicia no exterior e as oficinas de información e asesoramento en materia de programas sociais e asistenciais á cidadanía galega no exterior.

i) Potenciar o coñecemento das manifestacións artísticas de Galicia nos países receptores da emigración galega.

j) O seguimento das actuacións no eido socioasistencial da Fundación Galicia Emigración e daqueloutras fundacións públicas que se nutran con fondos da Secretaría Xeral da Emigración.

k) A elaboración de disposicións normativas e os programas necesarios para a execución da política en relación coa cidadanía galega no exterior, relativas ás materias propias desta subdirección xeral.

Para o desempeño das súas funcións contará coas seguintes unidades administrativas con nivel orgánico de servizo:

2.2.1. Servizo de Acción Social.

Son funcións deste servizo, sen prexuízo das competencias que neste ámbito poidan corresponder a outros departamentos da Xunta de Galicia:

a) A proposta, articulación e deseño das medidas de actuación en materia de asistencia social tendentes á mellora da calidade de vida dos galegos e das galegas residentes fóra de Galicia.

b) A xestión dos programas de axudas de carácter socioasistencial dirixidas aos galegos e galegas residentes no exterior.

c) Establecer os criterios de avaliación socioeconómica necesarios para realizar o diagnóstico sobre os estados de necesidade dos/as nosos/as maiores residentes no exterior solicitantes de axudas.

d) O estudo e tramitación de programas que permitan a mobilidade xeográfica entre os lugares de residencia dos galegos e das galegas do exterior e Galicia.

e) A proposta e seguimento de accións para a promoción social da cidadanía galega no exterior mediante a xestión de bolsas para a realización de estudos universitarios ou de formación profesional en Galicia.

f) Elaborar e incentivar a realización de accións de carácter ocupacional que faciliten o acceso da cidadanía galega no exterior ao mercado laboral.

g) Prestar información xeral e asesoramento á cidadanía galega no exterior sobre calquera cuestión formulada, e en particular sobre as prestacións que poidan afectarlles, así como dos dereitos das persoas que poidan ser beneficiarias.

h) A elaboración de toda clase de estudos e informes relacionados coa situación dos galegos e galegas residentes no exterior, que sexan solicitados.

2.2.2. Servizo de Acción Sociocultural.

Son funcións deste servizo, sen prexuízo das competencias que neste ámbito poidan corresponder a outros departamentos da Xunta de Galicia:

a) A confección e xestión dos programas de formación ou especialización dirixidos ás comunidades galegas residentes no exterior.

b) A elaboración e xestión dos programas para a formación profesional e empresarial dos galegos e galegas no exterior, nos propios países en que residen.

c) A promoción e desenvolvemento das actividades culturais, de acción solidaria e tempo libre dirixidas á mocidade das comunidades galegas do exterior, así como o fomento igualitario da participación desta nos programas e servizos que ao seu favor organiza a Xunta de Galicia.

d) A preparación, xestión e seguimento dos programas que teñan como finalidade potenciar e difundir o coñecemento da lingua, cultura, folclore e historia de Galicia no exterior.

e) Favorecer a formalización de convenios entre a Xunta de Galicia, as universidades galegas dos países en que exista poboación galega co fin de facer chegar a formación superior e a cultura galega á cidadanía galega no exterior e a cantos se interesen polo noso idioma, cultura e historia.

f) Fomentar os programas de bolsas destinados ao alumnado galego e descendentes de galegos e galegas que realicen os seus estudos en colexios galegos e/ou españois no exterior coa finalidade de fomentar o coñecemento da realidade e cultura galegas.

g) A elaboración de estudos, informes e xestión de programas que lle sexan encomendados.

2.3. Subdirección Xeral de Centros e Comunidades Galegas, á que lle corresponden as seguintes funcións:

a) A asistencia á persoa titular da secretaría xeral nos campos das relacións institucionais cos centros e as comunidades galegas no exterior.

b) O ordenamento das comunidades galegas no exterior e o recoñecemento da galeguidade.

c) O asesoramento técnico na elaboración, na xestión e na actualización das bases de datos da subdirección.

d) A preparación e a xestión dos convenios de colaboración coas distintas administracións públicas, os seus organismos e demais institucións, persoas físicas e xurídicas que, en relación cos centros e comunidades galegas no exterior, teñan por obxecto a consecución das actividades nos campos social, educativo, formativo e cultural que procedan.

e) O fomento para a creación, coordinación e mantemento nas principais cidades do exterior en que así o aconselle o número de residentes galegos e galegas, de unidades de atención e asesoramento nos centros galegos.

f) A elaboración de disposicións normativas e os programas necesarios para a execución da política en relación coas comunidades galegas na comunidade autónoma, relativas ás materias propias desta subdirección xeral.

g) A elaboración de estudos, informes e estatísticas sobre o fenómeno do asociacionismo galego no exterior; o seu impulso e a súa difusión, sen prexuízo das competencias do Instituto Galego de Estatística.

Para o desempeño das súas funcións contará coas seguintes unidades administrativas con nivel orgánico de servizo:

2.3.1. Servizo de Promoción dos Centros e Comunidades Galegas.

Son funcións deste servizo, sen prexuízo das competencias que neste ámbito poidan corresponder a outros departamentos da Xunta de Galicia:

a) A xestión administrativa das axudas ou subvencións para programas destinados a entidades galegas que presten determinados servizos asistenciais e residenciais así como para aqueles plans de contido estrutural, funcional e de equipamentos dos centros galegos no exterior.

b) A presentación de iniciativas de participación en todas aquelas actividades de interese para a promoción do coñecemento da realidade galega así como a selección de relatorios e a realización das xestións necesarias para tales fins.

c) A elaboración de programas orientados á conservación e enriquecemento dos fondos patrimoniais, documentais e artísticos e a realización das xestións necesarias para tales fins.

d) A elaboración e xestión de programas dirixidos á dinamización e capacitación da mocidade integrada nas comunidades galegas do exterior.

e) A elaboración de estudos, informes e xestión de programas que lle sexan encomendados pola persoa titular da subdirección xeral así como a promoción da publicación de traballos e investigacións que sexan convenientes para un maior achegamento entre Galicia e as comunidades galegas no exterior e un mellor coñecemento da Galicia emigrante.

2.3.2. Servizo de Tramitación de Axudas aos Centros e Comunidades Galegas.

Son funcións deste servizo as seguintes:

a) A xestión dos programas da Secretaría Xeral da Emigración en forma de axudas e subvencións nas áreas formativas e culturais, e aquelas dedicadas aos mozos e mozas descendentes dos galegos e galegas no exterior que se canalicen a través dos respectivos centros e comunidades galegas.

b) Xestión do rexistro de centros e comunidades galegas no exterior, tramitación das altas, baixas ou modificacións e, así mesmo, tramitación dos expedientes de recoñecemento e perda da galeguidade. Tramitación dos expedientes de recoñecemento de centro colaborador.

c) Planificación e xestión das bases de datos relacionadas correspondentes a programas de actuación da Subdirección Xeral.

d) Preparación de convenios e concertos coas entidades galegas no exterior así como protocolos de colaboración con outros órganos da administración. Elaboración de informes encomendados pola Subdirección Xeral.

e) A coordinación das actividades que presten as unidades de asesoramento nos centros galegos, coa actualización de procedementos e novas tecnoloxías nos termos nos cales se recoñece no artigo 3.1º da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade.

f) Asesoramento, apoio técnico e coordinación do Consello de Comunidades Galegas, Comisión Delegada e outros órganos de consulta e asesoramento das institucións da comunidade autónoma de acordo co previsto no capítulo II da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade.

g) A programación de seminarios, mostras, exposicións, encontros e outras actividades dirixidas á promoción e difusión da cultura galega así como ao coñecemento da realidade actual de Galicia no exterior.

2.4. A Subdirección Xeral do Retorno e da Inmigración, á que lle corresponden as seguintes funcións:

a) A asistencia ao/á secretario/a xeral da Emigración nas materias de retorno e inmigración.

b) A elaboración de disposicións normativas e os programas necesarios para a execución da política de retorno e inmigratoria na comunidade autónoma.

c) A ordenación e planificación dos programas de atención ás persoas retornadas e inmigrantes, propostas e execución de liñas de axuda, subvencións e convenios de colaboración relativos á política do retorno e da inmigración en Galicia. Impulso do asociacionismo do colectivo retornado e inmigrante como instrumento de asistencia, integración, defensa dos seus intereses e participación.

d) Impulsar e xestionar un sistema de acollida e atención integral das persoas emigrantes retornadas e inmigrantes en colaboración coas distintas administracións públicas e entidades públicas e privadas que persigan estes fins. Desenvolvemento de programas e campañas de sensibilización social en defensa da interculturalidade e da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres tendo en conta a participación dos axentes sociais.

e) Proxectar, participar e elaborar plans galegos sobre a emigración de retorno e inmigración. Promover a creación de foros galegos neste ámbito.

f) Promover a implantación de servizos de información sobre o retorno no exterior, así como a creación de oficinas de retorno que faciliten información, orientación e asesoramento por parte de profesionais especializados sobre os temas relacionados con retorno a Galicia do colectivo emigrante galego e coordinar o seu funcionamento.

g) Todas as actuacións derivadas do Consello Galego da Inmigración e da Comisión contra o Racismo e a Xenofobia e demais órganos de participación ou de observación relacionados coa inmigración e retorno.

h) Deseño e planificación de plans e programas destinados a colectivos especialmente vulnerables, o seu seguimento e avaliación. O desenvolvemento de plans de igualdade de oportunidades de colectivos especialmente desfavorecidos, a través de medidas de acción positiva, en coordinación e sen prexuízo das competencias dos departamentos da Xunta de Galicia competentes na materia.

i) O impulso e a elaboración de estudos, investigacións, informes e estatísticas sobre o fenómeno da inmigración e a emigración de retorno en Galicia e a súa difusión, sen prexuízo das competencias do Instituto Galego de Estatística.

j) A planificación de programas destinados ás persoas emigrantes retornadas e inmigrantes nos ámbitos sanitario, educativo, laboral, da vivenda e calquera outro relativo á protección dos seus dereitos, o seu seguimento e avaliación.

k) Planificación e intervención no continxente de traballadores/as galegos/as no exterior e a participación na xestión do continxente nacional de traballadores/as estranxeiros/as, en coordinación coas consellerías con competencias na materia.

l) Promover, participar e colaborar na xestión e coordinación dos programas destinados ás persoas emigrantes retornadas e inmigrantes que se desenvolvan nos diferentes ámbitos como o sanitario, educativo, vivenda, laboral e calquera outro relativo á protección dos seus dereitos.

m) Planificación, proposta e articulación de programas de apoio ás persoas traballadoras emigrantes retornadas e inmigrantes autónomas que pretendan instalar e desenvolver a súa actividade produtiva en Galicia, en cooperación e sen prexuízo das competencias doutros organismos. A planificación de programas de apoio relativos á formación e investimentos destinados ás persoas retornadas e inmigrantes nos seus países de orixe.

n) Impulsar o desenvolvemento de encontros de expertos nas materias de retorno e de inmigración para o estudo das estratexias sobre estes fenómenos relacionados con Galicia.

o) Mantemento e actualización periódica do mapa de recursos migratorios.

p) Promoción da mediación intercultural no ámbito da comunidade autónoma.

Para o desempeño das súas funcións contará coas seguintes unidades administrativas con nivel orgánico de servizo:

2.4.1. Servizo de Planificación e Formación.

Son funcións deste servizo as seguintes:

a) Actuacións de apoio ao emprego dos galegos e das galegas e os seus descendentes no exterior con obxecto de favorecer o seu retorno e participación na elaboración e seguimento do continxente nacional de traballadores/as estranxeiros/as, achegando información socioeconómica en orixe do colectivo, sen prexuízo das competencias da Consellería de Traballo e Benestar.

b) A xestión administrativa de programas de formación de retornados e retornadas nos seus países de orixe.

c) A tramitación administrativa relativa á acción de formación do colectivo inmigrante, axuda á súa reinserción e orientación do seu aforro cara a investimentos produtivos nos países de orixe daqueles, de acordo co previsto nos programas de regulación e coordinación da estranxeiría e inmigración en España.

d) Prestar soporte material e técnico en relación co funcionamento do Consello Galego da Inmigración e da Comisión contra o Racismo e Xenofobia e demais órganos de participación ou de observación relacionados coa inmigración e o retorno, para o desenvolvemento das actuacións derivadas do seu funcionamento.

e) A coordinación e colaboración co Foro de Integración Social dos e das Inmigrantes.

f) A elaboración de estudos, informes e propostas de actuación derivados da participación da Secretaría Xeral da Emigración nos órganos e, en particular, nos foros relacionados co retorno e a inmigración.

g) Elaboración de plans de carácter transversal que dean resposta ás necesidades do colectivo de emigrantes retornados/as e inmigrantes en Galicia dunha forma global.

h) Promoción e impulso na Comunidade Autónoma de Galicia da mediación intercultural, nos diferentes ámbitos de actuación. Elaboración de programas formativos de mediación intercultural nos diferentes ámbitos de intervención e orientación ás distintas entidades locais e dos sectores da iniciativa social nesta materia.

2.4.2. Servizo de Información e Tramitación de Subvencións.

Son funcións deste servizo:

a) A articulación e xestión das estruturas e programas de información e orientación promovidos desde a Secretaría Xeral da Emigración a favor do colectivo retornado e inmigrante.

b) Información xeral e asesoramento sobre as posibles prestacións que puidesen afectar as persoas emigrantes retornadas e inmigrantes, así como daqueles que poidan ser potenciais beneficiarios/as.

c) Coordinación dos puntos de información ás persoas emigrantes retornadas e inmigrantes das diferentes administracións e entidades colaboradoras.

d) Preparación, tramitación e execución de convenios de colaboración con entidades públicas e privadas destinados á realización de actuacións a favor das persoas retornadas e inmigrantes.

e) A xestión administrativa das subvencións e iniciativas derivadas de plans de accións comunitarias.

f) A xestión administrativa das axudas que en favor das persoas emigrantes retornadas ou inmigrantes se establezan pola Secretaría Xeral da Emigración, ou colaboración na xestión doutras axudas a favor destes colectivos que se establezan por outros departamentos administrativos.

g) A promoción e participación na xestión de programas de formación de profesionais da Secretaría Xeral da Emigración, así como das distintas administracións públicas e das entidades colaboradoras no ámbito da ordenación e atención ás persoas retornadas e á inmigración.

h) A xestión de programas de sensibilización en favor do retorno e da inmigración.

i) A xestión de programas de interculturalidade.

2.4.3. Servizo de Programas e Atención Integral.

Son funcións deste servizo:

a) A promoción e xestión do sistema e programas de acollida e integración das persoas emigrantes retornadas e inmigrantes a través de actividades de fomento con entidades públicas ou privadas.

b) A xestión, control e seguimento das accións de entidades colaboradoras da Secretaría Xeral da Emigración como consecuencia do plan de acción anual elaborado para a integración migratoria.

c) Establecer sistemas de coordinación e colaboración coas entidades dos distintos ámbitos que participen, directa ou indirectamente nos programas promovidos desde a Secretaría Xeral da Emigración no ámbito das funcións da subdirección.

d) Xestión, tramitación e seguimento dos instrumentos necesarios para a implementación na comunidade autónoma do fondo de apoio á acollida e integración das persoas inmigrantes así como o reforzo educativo deles.

e) Articular medidas para sistemas de urxencia con carácter temporal e transitorio, que lles facilite ás persoas retornadas e inmigrantes en situación de vulnerabilidade a cobertura das súas necesidades básicas.

f) Tramitación administrativa dos programas transversais desenvolvidos na Subdirección Xeral.

g) Tramitación de axudas e accións que fomenten o asociacionismo das persoas emigrantes retornadas e inmigrantes na Comunidade Autónoma de Galicia

h) A xestión dos rexistros que se asignen á Subdirección Xeral por razón da materia.

i) A xestión dos plans e accións de intervención urxente para situacións de carácter excepcional, que se determinen pola Secretaría Xeral da Emigración ou en colaboración con outras administracións públicas e entidades públicas e privadas.

j) A xestión de programas de apoio á escolarización, sen prexuízo das competencias da consellería competente en materia de educación e ordenación universitaria e en colaboración e coordinación con ela.

Artigo 6º.-Secretaría Xeral para o Deporte.

1. A Secretaría Xeral para o Deporte é o órgano superior da Administración da comunidade autónoma ao que lle corresponde a elaboración, proposta e execución da política do Goberno galego en materia de deportes, sen prexuízo das demais competencias que teña legal ou regulamentariamente atribuídas.

En particular, correspóndenlle á Secretaría Xeral para o Deporte:

a) O deseño, programación, desenvolvemento e execución da política deportiva de Galicia.

b) A promoción e difusión da cultura física e do deporte, con especial atención á promoción da igualdade entre homes e mulleres, actuando, se é o caso, en colaboración con outras administracións e entidades públicas e privadas.

c) O apoio e promoción das asociacións deportivas, sempre que o seu ámbito de actuación non exceda o propio da comunidade autónoma.

d) A realización do inventario das instalacións deportivas de uso público existentes no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, así como o estudo e planificación das liñas de actuación no ámbito das infraestruturas deportivas.

e) A elaboración e execución dos plans de construción de instalacións deportivas propias. Promover a execución de infraestruturas de titularidade municipal mediante convenios de colaboración coas administracións locais. Colaboración coas administracións locais e coas entidades deportivas a través de axudas e subvencións para construción de infraestruturas e adquisición de equipamentos.

f) En relación cos centros, tanto propios como dependentes doutras entidades, corresponderalle coordinar e supervisar o seu funcionamento e prestarlles a asistencia técnica necesaria para o correcto desenvolvemento da súa actividade.

g) A xestión das prestacións e programas en materias propias da Secretaría Xeral, así como a realización de todas aquelas accións encamiñadas á mellora da actividade físico-deportiva e da infraestrutura deportiva galega.

h) O fomento da presenza do deporte galego ao máis alto nivel nacional e internacional.

i) As funcións recollidas nas disposicións adicionais deste decreto.

2. Para o desenvolvemento das anteditas funcións, esta Secretaría Xeral estruturarase nas seguintes unidades administrativas:

2.1. Servizo de Contratación e Xestión Económica, dependente directamente da Secretaría Xeral para o Deporte.

Corresponderanlle as seguintes funcións:

a) A elaboración e coordinación do anteproxecto de orzamentos da Secretaría, así como o control e seguimento da execución orzamentaria.

b) A xestión económica e habilitación de pagamentos, agás o capítulo I.

c) A tramitación e execución dos expedientes de contratación administrativa.

d) A tramitación e execución de convenios que permitan a execución das liñas de actuación da Secretaría Xeral en materia de infraestruturas deportivas.

e) A tramitación, concesión e xestión de axudas e subvencións a entidades públicas ou privadas para a construción ou reparación de infraestruturas deportivas.

f) A coordinación e asistencia técnica dos centros e instalacións deportivas para o correcto desenvolvemento da súa actividade.

g) O control de asistencia e puntualidade de todo o persoal adscrito á Secretaría Xeral para o Deporte, seguindo as indicacións da Secretaría Xeral da Presidencia.

h) A remisión ao Diario Oficial de Galicia e demais diarios ou boletíns oficiais das disposicións ou actos da Secretaría Xeral para o Deporte.

2.2. Servizo de Supervisión de Proxectos e Seguimento de Obras, dependente directamente da Secretaría Xeral para o Deporte.

Corresponderanlle as seguintes funcións:

a) Desenvolver as funcións das oficinas de supervisión de proxectos a que fai referencia a normativa vixente respecto das obras que teña ao seu cargo a Secretaría Xeral.

b) O seguimento das obras realizadas en instalacións propias así como das correspondentes a convenios de colaboración que se subscriban coas corporacións locais ou outros entes.

c) A realización e mantenemento do inventario das instalacións deportivas de uso público existentes no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2.3. Subdirección Xeral de Deporte, á que lle corresponden as seguintes funcións:

a) A elaboración e execución de plans de tecnificación deportiva e realización de estudos sobre competicións de deportistas federados.

b) A xestión deportiva dos centros de tecnificación deportiva da Xunta de Galicia e a súa coordinación coas federacións deportivas e outras entidades para a súa utilización.

c) A coordinación da actividade deportiva cos plans, programas e actuacións docentes do INEF de Galicia.

d) O rexistro de entidades deportivas.

e) O fomento e promoción do deporte, deporte extraescolar e de tempo libre.

f) As demais funcións que lle encomende a persoa titular da Secretaría.

Para o desenvolvemento das súas funcións contará coa seguinte unidade administrativa con nivel orgánico de servizo:

2.3.1. Servizo de Coordinación Deportiva.

Son funcións deste servizo:

a) A dirección dos plans e programas das competicións deportivas.

b) A xestión administrativa da actividade de fomento e promoción deportiva.

c) A coordinación dos plans de formación realizados desde a Escola Galega do Deporte.

3. Para o exercicio das súas competencias a Secretaría Xeral para o Deporte conta con catro unidades con nivel de xefatura de servizo nos servizos periféricos da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, coa denominación de Servizo de Deporte, aos que lles corresponderá o fomento do deporte e o desenvolvemento das liñas de actuación da Secretaría no ámbito territorial da provincia correspondente, sen prexuízo das funcións de coordinación do exercicio das competencias que asume cada delegación territorial no seu correspondente ámbito territorial, de acordo co disposto no artigo 2 do Decreto 245/2009, do 30 de abril.

Os Servizos de Deporte nos servizos periféricos dependerán funcionalmente da Secretaría Xeral e orgánicamente do Departamento Territorial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

4. Adscríbese á Secretaría Xeral para o Deporte o Comité Galego de Xustiza Deportiva creado pola Lei 11/1997, do 22 de agosto, xeral do deporte de Galicia, co carácter, cometido e funcións establecidas na súa norma reguladora.

Artigo 7º.-Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

1. A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica configúrase como órgano superior da Administración autonómica, con ámbito de actuación sobre todas as consellerías, organismos delas dependentes, centros, servizos e unidades, así como sobre os entes e empresas públicas da Administración da comunidade autónoma, ao que lle corresponde o impulso, asesoramento técnico e apoio en materia de tecnoloxías da información e as comunicacións e a súa aplicación para a modernización, innovación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia.

2. Dependerán funcionalmente desta secretaría xeral as unidades responsables das tecnoloxías da información e a comunicación de cada consellería, así como os seus organismos dependentes.

A Consellería de Facenda en coordinación coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica aprobará os plans de actuacións do CIXTEC. Así mesmo, o CIXTEC levará a cabo as súas actuacións de acordo coas política e directrices tecnolóxicas xerais da Xunta de Galicia

3. Adscríbense á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica os seguintes órganos colexiados:

3.1. A Comisión de Informática da Xunta de Galicia, regulada polo Decreto 290/1992, do 8 de outubro.

3.2. A Comisión Interdepartamental da Sociedade da Información, creada polo Decreto 11/2004, do 8 de xaneiro.

4. A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica exercerá as competencias e funcións que se detallan a continuación:

a) Dirección e xestión de todas as actuacións da Xunta en materia de tecnoloxías da información e as comunicacións.

b) Asesoramento á Presidencia e ao Consello da Xunta en todo o referente ao ámbito das tecnoloxías da información e as comunicacións.

c) Elaboración, actualización permanente e execución da estratexia tecnolóxica global da Xunta.

d) Establecemento de directrices tecnolóxicas que deben seguir todos os órganos da Xunta de Galicia.

e) Apoio a todas as consellerías e organismos dependentes da Xunta no deseño e execución dos proxectos de sistemas e tecnoloxías da información que dan soporte á súa operativa. Impulso, xestión e coordinación da Administración electrónica, como elemento indispensable para a modernización da Administración pública.

f) Dirección e xestión das infraestruturas de telecomunicacións da Xunta de Galicia.

g) Liderado das iniciativas en materia da sociedade da información e coordinación coas restantes consellerías e organismos para o desenvolvemento das actuacións nesta materia no ámbito das súas competencias.

h) Planificación e proposta da normativa relativa ao exercicio das competencias en materia da sociedade da información e das telecomunicacións.

i) Planificación e ordenación do mapa de infraestruturas de telecomunicacións de Galicia.

j) Fomento da innovación no ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación en colaboración cos organismos e institucións competentes na materia.

k) Colaboración coa Consellería de Economía e Industria na coordinación e xestión da rede de ciencia e tecnoloxía de Galicia (Recetga) e a autoestrada galega da información.

l) Planificación e coordinación, en colaboración coa Secretaría Xeral de Medios, das funcións atribuídas a Redes de Telecomunicacións de Galicia (Retegal, S.A.)

m) Xestión e coordinación da Comisión Interdepartamental da Sociedade da Información.

n) Xestión e coordinación da Comisión de Informática da Xunta de Galicia.

o) As funcións recollidas nas disposicións adicionais deste decreto.

5. Para o exercicio destas funcións a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica contará coas seguintes unidades administrativas:

5.1. Servizo de Xestión Económica e Contratación.

Son funcións deste servizo:

a) A elaboración do borrador do anteproxecto de orzamentos da Secretaría Xeral, o seu seguimento e control.

b) A execución da xestión orzamentaria efectuando os trámites económico-administrativos dos expedientes de gastos e as propostas de pagamento.

c) O asesoramento económico e orzamentario a todas as unidades da Secretaría Xeral.

d) A proposta, tramitación e xestión ordinaria dos expedientes de contratación administrativa que sexan competencia da Secretaría Xeral.

e) A habilitación xeral de pagamentos da Secretaría Xeral, agás o capítulo I.

f) A xestión de convenios de colaboración e cooperación e convocatoria de axudas en materia de fomento da Sociedade da Información e as Telecomunicacións.

g) A tramitación de convenios de colaboración cos diferentes axentes sociais, económicos e tecnolóxicos, así como con empresas públicas ou privadas cuxas actuacións contribúan a satisfacer as demandas en materia do desenvolvemento da sociedade da información.

5.2. Servizo de Coordinación e Apoio Institucional.

Son funcións deste servizo:

a) A prestación de asistencia técnica e administrativa á Secretaría Xeral en todos os asuntos que lle sexan encomendados, propoñendo as actuacións que considere necesarias para a coordinación, o réxime interno e o funcionamento dos servizos da Secretaría.

b) A organización e soporte administrativo dos diferentes órganos de coordinación e dirección das tecnoloxías da información adscritos á Secretaría Xeral.

c) O estudo, preparación e informe dos asuntos que teñan que ser levados aos diferentes órganos de goberno das tecnoloxías da información e a comunicación, así como á Comisión Interdepartamental da Sociedade da Información.

d) O estudo, tramitación e elaboración de borradores e anteproxectos de iniciativas normativas no ámbito de competencias da Secretaría Xeral.

e) A elaboración de estudos e informes que lle sexan encomendados pola Secretaría Xeral.

f) A tramitación dos requirimentos e peticións formuladas á Secretaría Xeral polos xulgados e tribunais, o Defensor do Pobo, o Valedor do Pobo e outros órganos e institucións.

g) A remisión ao Diario Oficial de Galicia e demais diarios e boletíns oficiais das disposicións ou actos da Secretaría Xeral.

h) Apoio e asistencia en temas relacionados co ámbito das competencias da Secretaría Xeral e, en xeral, calquera outra función que lle sexa encomendada.

i) O control de asistencia e puntualidade de todo o persoal adscrito á Secretaría Xeral, seguindo as indicacións da Secretaría Xeral da Presidencia.

5.3. A Subdirección Xeral de Sistemas de Información e Modernización da Administración Pública, á que lle corresponden as seguintes funcións:

a) Planificación, deseño e xestión do modelo de Administración electrónica, en colaboración co resto de unidades da Secretaría Xeral.

b) Promoción e impulso das reformas administrativas e cambios procedimentais, en coordinación coas unidades implicadas, necesarias para a posta en marcha da Administración electrónica.

c) Promoción e regulación da implantación da Administración electrónica no ámbito da Xunta de Galicia, da súa relación coa cidadanía, e noutras organizacións de ámbito local e provincial en coordinación coas administracións provinciais e locais correspondentes.

d) Planificación, deseño, xestión e implantación do modelo de sistemas de información corporativos e a súa interoperabilidade cos sistemas propios de cada unidade, en colaboración co resto de unidades da Secretaría Xeral.

e) Planificación, deseño e xestión do modelo de información para os órganos de goberno, en coordinación coas unidades e organismos implicados.

f) Coordinación das actuacións das diferentes consellerías e organismos da Xunta en materia de sistemas de información. Supervisión e seguimento dos plans operativos e actuacións concretas de cada consellería e organismos dependentes, conforme as directrices emanadas do Plan Estratéxico Tecnolóxico Global. Definición e supervisión dos procedementos de coordinación.

g) Interlocución e regulación de acordos con outras administracións ou órganos en relación co emprego dos sistemas de información corporativos da Xunta de Galicia ou a súa interconexión con estes.

h) Elaboración e supervisión de pregos de prescricións técnicas, en colaboración coas unidades responsables de tecnoloxías de información dos diferentes departamentos da Xunta de Galicia, para a adquisición de bens e servizos en materia de aplicacións informáticas e sistemas de información.

Para o desenvolvemento das funcións que lle son encomendadas, a Subdirección Xeral de Sistemas de Información e Modernización da Administración Pública contará coas seguintes unidades administrativas:

5.3.1. Servizo de Sistemas de Información.

Son funcións deste servizo:

a) Determinación de necesidades, planificación, deseño, xestión e implantación dos sistemas de información de carácter transversal á Xunta.

b) Definición dos modelos de integración entre os sistemas corporativos e os específicos de cada consellería.

c) Determinación de necesidades, planificación, deseño, xestión e implantación dos sistemas de información dependentes directamente desta Secretaría Xeral.

d) Coordinación coas unidades funcionais implicadas nos sistemas de información.

e) Coordinación coas unidades de atención ás persoas usuarias dos sistemas xestionados.

f) Planificación, deseño e xestión do modelo de información para os órganos de goberno de sistemas de información de xestión corporativos, en coordinación coas unidades e organismos implicados.

g) Coordinación das actuacións das diferentes consellerías e organismos da Xunta en materia de sistemas de información. Definición e supervisión de procedementos de xestión e coordinación dos sistemas de información nas distintas unidades da Xunta, en coordinación coas restantes unidades da Secretaría Xeral.

h) Captación de peticións, suxestións e recomendacións das respectivas áreas de tecnoloxías da información e comunicación das diferentes consellerías para a mellora e a organización das tecnoloxías da información na Xunta e análises de propostas de mellora.

5.3.2. Servizo de Administración Electrónica e Reforma Administrativa.

Son funcións deste servizo:

a) Impulso, xestión e coordinación das iniciativas da Administración electrónica en todas as unidades administrativas.

b) Promoción das reformas administrativas, de procedementos e sistemas necesarios para a modernización da actividade administrativa da Xunta, en coordinación coas unidades implicadas.

c) Definición, planificación, xestión e implantación dos sistemas, ferramentas e compoñentes para a configuración da Administración electrónica. Coordinación da implantación da sinatura dixital no marco das iniciativas de implantación da Administración electrónica.

d) Proposta, implantación e regulación da utilización das técnicas electrónicas, informáticas e telemáticas nas relacións da cidadanía coa Administración autonómica galega.

e) Proposta e implantación de sistemas para a prestación de servizos telemáticos nos ámbitos local e provincial, en coordinación coas administracións territoriais competentes.

f) Xestión, coordinación, evolución da web institucional da Xunta de Galicia e coordinación das web das consellerías.

g) A definición das normas que deban seguir as entidades prestadoras dos servizos de certificación de sinatura dixital para o seu recoñecemento pola Xunta de Galicia.

5.3.3. Servizo de Novas Tecnoloxías da Administración de Xustiza.

Son funcións deste servizo:

a) Análises de necesidades en materia de tecnoloxías e sistemas de información que presentan os órganos da Administración de Xustiza en Galicia.

b) Planificación, deseño, xestión e implantación dos sistemas de información e elementos tecnolóxicos nos órganos da Administración de Xustiza.

c) Coordinación e interlocución, no ámbito dos sistemas de información, coas administracións e órganos competentes en materia dos sistemas de información de xustiza.

d) Coordinación coas unidades de atención directa ás persoas usuarias dos sistemas de información.

5.4. A Subdirección Xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información, á que lle corresponden as seguintes funcións:

a) A planificación relativa as competencias da Xunta de Galicia en materia da sociedade da información e o coñecemento e a súa coordinación cos programas estatais e internacionais.

b) Desenvolvemento de iniciativas para garantir a capacidade de acceso igualitario á Sociedade da Información de toda a cidadanía galega, promovendo a achega das tecnoloxías da información e a comunicación a todos os ámbitos da actividade económica e social da Comunidade Autónoma Galega.

c) A planificación, xestión e seguimento de accións destinadas a promover a implantación das novas tecnoloxías das telecomunicacións e da Sociedade da Información, así como a coordinación das actuación nesta materia de calquera organismo da Xunta de Galicia.

d) Proposta, elaboración e control da normativa relativa ao exercicio das competencias da Xunta de Galicia en materia da sociedade da información e das telecomunicacións.

e) Desenvolvemento de actuacións de promoción de servizos públicos dixitais, nos diferentes ámbitos tanto da Administración autonómica como local.

f) O fomento da implantación das tecnoloxías da información e a comunicación nos diferentes sectores produtivos. O apoio aos proxectos para a innovación e emprendemento en materia das novas tecnoloxías.

g) A elaboración e xestión de iniciativas de apoio á creación e ao desenvolvemento de empresas das tecnoloxías da información, das comunicacións e contidos dixitais que promovan o seu desenvolvemento en Galicia, en colaboración coa Consellería de Economía e Industria.

h) Promover en colaboración coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e coas diferentes institucións competentes na materia, programas destinados a elevar o coñecemento da cidadanía no uso das novas tecnoloxías, particularmente daqueles grupos menos representados, como son as mulleres. Así como a elaboración, promoción e coordinación de programas de formación de profesionais das tecnoloxías da Información e a Comunicación.

i) Colaboración coa Consellería de Economía e Industria en todos aquelas actuacións en materia de innovación tecnolóxica, así como a elaboración, xestión e seguimento dos programas e accións estratéxicas do PGIDIT referidos ao fomento da sociedade da información.

j) Actuar como órgano de coordinación e participación de organismos, centros, entidades e institucións públicas e privadas en materia da Sociedade da Información e as telecomunicacións no ámbito competencial da Xunta de Galicia.

k) Planificación e desenvolvemento de actividades de observatorio da Sociedade da Información e o desenvolvemento das TIC en Galicia.

l) A prestación de asesoramento e apoio técnico aos departamentos que o requirisen, no ámbito das súas competencias, no relativo á sociedade da información e o Coñecemento.

m) As demais que a lexislación vixente atribúa á Xunta de Galicia no ámbito da Sociedade da Información e o Coñecemento.

Para o desenvolvemento das funcións que lle son encomendadas, a Subdirección Xeral de Desenvolvemento da Sociedade da Información contará coa seguinte unidade administrativa:

5.4.1. Servizo de Xestión da Sociedade da Información.

Son funcións deste servizo:

a) Coordinación de todas as actuacións referentes ao impulso e difusión da Sociedade da Información en Galicia.

b) A tramitación e xestión directa dos programas e accións que no ámbito de competencias da Subdirección Xeral le sexan encomendados.

c) Preparación dos asuntos que se vaian tratar na Comisión Interdepartamental para a Sociedade da Información e seguimento do seu cumprimento.

d) Proposta, elaboración e normativa sobre os servizos da sociedade da información Galicia en materia da Sociedade da Información e do coñecemento e das telecomunicacións.

e) Planificación e desenvolvemento de actividades do Observatorio TIC de Galicia.

5.5. A Subdirección Xeral de Calidade, Interoperabilidade, e Seguridade, á que lle corresponden as seguintes funcións:

a) O deseño de sistemas que garanten o correcto goberno das tecnoloxías da información e da comunicación, así como a implantación de sistemas de xestión da calidade e a seguridade no ámbito das tecnoloxías da información.

b) Definir a metodoloxía, procedementos e ferramentas de gobernanza, calidade, seguridade e auditoría no ámbito das TIC. Supervisará tamén o cumprimento das políticas establecidas.

c) Definir e establecer as normas, estándares e procedementos en actividades de soporte de aplicacións e sistemas informáticos e asegurar o seu cumprimento para a obtención da calidade destes e da satisfacción das persoas usuarias, impulsando os procesos de certificación en normas de aseguramento da calidade.

d) Coordinar e supervisar a actividade de atención directa a persoas usuarias no ámbito dos sistemas e tecnoloxías da información nos diferentes departamentos da Xunta de Galicia, e xestionar a prestación directa do servizo en aqueles ámbitos no que lle corresponda.

e) O establecemento das medidas técnicas de obrigado cumprimento de todos aqueles proxectos que impliquen a integración ou compartición de información así como a auditoría destes.

f) Validación da arquitectura técnica para aqueles proxectos de ámbito transversal, así como para aqueles outros que sexa preciso, realizando as auditorías necesarias para velar polo cumprimento dos estándares e metodoloxías corporativas.

g) Planificación da formación no ámbito das TIC en coordinación cos órganos competentes no ámbito da formación.

h) Coordinar a dotación e supervisión da plataforma ofimática da Xunta de Galicia.

i) Establecemento da política de seguranza informática corporativa da Xunta de Galicia, e promoción de boas prácticas no relativo ao tratamento de datos de carácter persoal.

j) Elaboración e supervisión de pregos de prescricións técnicas para a adquisición de bens e servizos no ámbito das súas competencias.

Para o desenvolvemento das funcións que lle son encomendadas, a Subdirección Xeral de Calidade, Interoperabilidade e Seguridade Informática contará coas seguintes unidades administrativas:

5.5.1. Servizo de Calidade e Seguridade Informática.

Son funcións deste servizo:

a) Elaboración da normativa e procedementos para a xestión dos sistemas de información para homoxeneizar o ámbito informático da Xunta de Galicia.

b) Definición de estándares de intercambio de información entre os sistemas de información da Xunta de Galicia.

c) A xestión do procedemento de ciclo de vida para a adquisición e desenvolvemento dos sistemas de información e a revisión do correcto cumprimento deste, propoñendo a arquitectura para cada un dos proxectos de desenvolvemento ou de adquisición de aplicacións informáticas.

d) A avaliación e aprobación das arquitecturas tecnolóxicas dos proxectos de sistemas de información

e) A avaliación e aprobación de ferramentas software corporativas.

f) Dirección das políticas corporativas de seguridade informática da Xunta de Galicia a través do Centro de Seguridade da Información.

g) Elaboración dos plans, medidas e directrices de seguridade informática para o conxunto de órganos e unidades da Xunta.

h) Supervisión do cumprimento de todas as medidas de seguridade informática nos diferentes ámbitos e departamentos da Xunta.

i) Deseño e realización de accións encamiñadas a garantir o cumprimento da normativa vixente en materia de Protección de Datos de Carácter Persoal na Administración da Comunidade Autónoma.

5.5.2. Servizo de Soporte e Xestión de Usuarios.

Son funcións deste servizo:

a) Definición dos niveis de calidade de soporte ás persoas usuarias.

b) Dirección operativa e xestión do Centro Único de Atención a Usuarios e Usuarias que preste soporte aos distintos sistemas e áreas TIC da Administración autonómica e vixilancia do cumprimento da calidade de servizo ás persoas usuarias dos sistemas de información.

c) Xestionar e supervisar a actividade de soporte de aplicacións e sistemas informáticos nos seus distintos niveis de especialización, en todos os centros dependentes.

d) Xestión da plataforma ofimática da Xunta de Galicia.

5.6. A Subdirección Xeral de Infraestruturas e Telecomunicacións, á que lle corresponde as seguintes funcións:

a) Xestión de todas as actuacións referentes a infraestruturas de telecomunicacións, servidores e almacenamento de datos no ámbito da Xunta de Galicia, así como das ferramentas informáticas necesarias para o seu correcto funcionamento.

b) Soporte no establecemento e vixilancia das directrices estratéxicas e normas no ámbito das infraestruturas tecnolóxicas, para lograr o cumprimento dos obxectivos da Secretaría Xeral.

c) Implantación de redes de comunicación propias e xestión de servizos, sistemas e infraestruturas de telecomunicacións da Xunta.

d) Planificación e ordenación das infraestruturas tecnolóxicas e o mapa de telecomunicacións de Galicia.

e) Colaboración coa Consellería de Economía e Industria para a xestión da rede de ciencia e tecnoloxía de Galicia (Recetga) e a autopista galega da información.

f) Colaboración coa Secretaría Xeral de Medios para a coordinación das funcións atribuídas a Redes de Telecomunicacións de Galicia (Retegal S.A.)

g) Avaliación e incorporación das innovacións tecnolóxicas nos diferentes ámbitos da Xunta de Galicia, así como colaboración coas institucións públicas ou privadas para fomentar a investigación no ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación.

h) Elaboración e supervisión de pregos de prescricións técnicas para a adquisición de bens e servizos no ámbito das súas competencias.

Para o desenvolvemento das funcións que lle son encomendadas, a Subdirección Xeral de Infraestruturas e Servizos de Telecomunicacións contará coas seguintes unidades administrativas:

5.6.1. Servizo de Telecomunicacións.

Son funcións deste servizo:

a) Planificación, implantación e xestión da rede corporativa de voz e datos.

b) Xestión, planificación e coordinación dos servizos e infraestruturas de telecomunicación da Xunta de Galicia, a través do Centro de Xestión de Rede.

c) Mantemento e soporte da infraestrutura de telecomunicacións: monitorización da electrónica de comunicacións e telefonía no horario 24×7 da rede corporativa, administración, instalación, configuración e explotación da infraestrutura de telecomunicacións, xestión do acceso corporativo a internet para tódolas persoas usuarias da organización e xestión do acceso remoto á rede corporativa (VPN).

d) Xestión do cableado estruturado e das Infraestruturas dos centros de proceso de datos da rede corporativa da Xunta de Galicia.

e) Supervisión da infraestrutura de comunicacións, cableado e de acondicionamento informático dos centros da Xunta de Galicia.

f) Coordinación cos diferentes organismos e institucións públicas ou privadas no ámbito das telecomunicacións.

g) Elaboración de propostas normativas e supervisión técnica no ámbito das telecomunicacións, así como a tramitación e emisión de informes.

h) Preparación e seguimento de programas de novas tecnoloxías no ámbito das comunicacións.

i) Coordinación e control das redes locais que se instalen na Xunta.

j) Supervisión e inspección do cumprimento de especificacións en redes locais.

5.6.2. Servizo de Infraestruturas e Sistemas.

Son funcións deste servizo:

a) Planificación, implantación e xestión da plataforma tecnolóxica, infraestrutura de servidores e sistemas de almacenamento, así como dos sistemas informáticos de ámbito multidepartamental.

b) Mantemento e soporte da infraestrutura de servidores e sistemas de almacenamento: xestión das copias de seguridade, monitorización proactiva e soporte 24×7 dos sistemas da administración e explotación da infraestrutura

c) Evolución e optimización técnica da infraestrutura hardware e software de base.

d) Supervisión e inspección do cumprimento de especificacións no ámbito de sistemas.

e) Xestión do directorio electrónico corporativo e do acceso das persoas usuarias aos recursos informáticos.

5.6.3. Servizo de Innovación e Plataformas de colaboración.

Son funcións deste servizo:

a) Análises e desenvolvemento de solucións de innovación que permitan unha axeitada evolución tecnolóxica na Xunta de Galicia.

b) Avaliación dos procesos de implantación de novas tecnoloxías e as condicións da súa aplicación, tendo en conta o impacto na organización e as achegas á sociedade.

c) Soporte na posta en marcha de servizos integrados coas novas tecnoloxías a outros departamentos involucrados no desenvolvemento de sistemas de información.

d) Establecemento, administración, xestión e mantemento dos servizos corporativos de correo electrónico, acceso a internet, videoconferencia e calquera outro que sexa prestado aos distintos departamentos da Xunta de Galicia a través da Rede Corporativa de Comunicacións.

e) Establecemento e mantemento da infraestrutura técnica da web institucional e intranet da Xunta de Galicia, así como a dos seus organismos autónomos e entidades de dereito público da mesma dependentes.

f) Mantemento, soporte e evolución técnica das arquitecturas web: internet, intranet, espazos de xestión documental e espazos de colaboración web.

g) Xestión dos nomes de dominio en internet da Xunta de Galicia.

h) Homoxeneización da plataforma tecnolóxica da Administración autonómica.

Disposicións adicionais

Primeira.-Dependencia orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Os órganos superiores regulados neste decreto estarán baixo a dependencia orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que exercerá respecto deles todas as competencias en materia de persoal, e as xestionará a través da Secretaría Xeral da Presidencia.

Non obstante, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza realizará a través das súas xefaturas ferritoriais a xestión do persoal que eses órganos superiores teñen nos servizos periféricos.

Segunda.-Desconcentración de competencias nas secretarías xerais da Presidencia e Asesoría Xurídica Xeral.

Un.-Quedan desconcentradas nos/as secretarios/as xerais dependentes da Presidencia e no/a director/a xeral da Asesoría Xurídica Xeral, as seguintes competencias:

a) Administrar os créditos para gastos dos orzamentos do seu centro directivo. Aprobar e comprometer os gastos que non sexan da competencia do Consello da Xunta, recoñecer as obrigas económicas e propoñer o seu pagamento, e as demais competencias atribuídas aos/ás conselleiros/as en materia orzamentaria, agás capítulo I.

b) Todas as facultades que a normativa vixente na materia atribúe aos órganos de contratación, así como a formalización de convenios no seu respectivo ámbito competencial.

c) A aprobación das bases, a convocatoria e as resolucións en materia de axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

d) As competencias en materia sancionadora que a normativa atribúa aos/ás conselleiros/as nos procedementos e materias de competencia da respectiva Secretaría Xeral.

e) A designación de comisións de servizos con dereito a indemnización, prevista no artigo 4 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de todo o persoal da respectiva Secretaría Xeral.

f) Queda desconcentrada no/a secretario/a xeral da Presidencia a competencia para administrar, aprobar e comprometer os créditos para gastos correspondentes ao capítulo I do orzamento dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, así como o recoñecemento das obrigas económicas destes e propor o seu pagamento.

g) Sen prexuízo do anteriormente exposto, os xefes e as xefas territoriais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza poderán autorizar gastos e pagamentos respecto dos créditos que sexan desconcentrados para o desenvolvemento de determinadas actividades, tanto respecto dos órganos indicados nesta disposición, como respecto do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

Dous.-As resolucións administrativas ditadas polo/as secretarios/as xerais e polos/as directores/as xerais da Presidencia da Xunta de Galicia, no ámbito das súas respectivas competencias, poñen fin á vía administrativa.

Tres.-Corresponderá aos xefes e ás xefas territoriais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a competencia para a resolución dos procedementos do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller cando se atopen desconcentrados os créditos correspondentes.

Disposicións transitorias

Primeira.-Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou contido funcional das subdireccións xerais ou servizos existentes con anterioridade, autorízase o/a conselleiro/a da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para adscribir ao persoal afectado ao posto equivalente que figura neste decreto.

No caso de supresión ou amortización das subdireccións xerais ou xefaturas de servizo, será de aplicación o establecido na normativa vixente en materia de función pública.

Segunda.-As unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo correspondentes ás subdireccións xerais ou servizos suprimidos ou amortizados como consecuencia deste decreto, continuarán subsistentes e retribuiranse con cargo aos mesmos créditos orzamentarios ata que se aprobe a nova relación de postos de traballo adaptada á estrutura orgánica establecida neste decreto. As unidades e os postos de traballo encadrados nos órganos suprimidos adscribiranse provisionalmente mediante resolución do/a conselleiro/a, por proposta do/a secretario/a xeral da Presidencia, aos órganos establecidos neste decreto en función das atribucións que teñen asignadas.

Terceira.-Mentres non se poña en funcionamento o Gabinete Xurídico Territorial de Vigo, as funcións establecidas no artigo 14.3º do Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, serán desempeñadas polo Gabinete Xurídico Territorial de Pontevedra.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Modificación do Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia.

O Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia queda modificado como segue:

Un.-O punto 1 do artigo 13 queda redactado como segue:

«1. En cada unha das consellerías da comunidade autónoma existirá unha asesoría xurídica, con nivel orgánico de subdirección xeral, que dependerá funcional e xerarquicamente da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia e estará adscrita organicamente á secretaría xeral de cada consellería. Cando así o dispoñan as normas polas que se aproba a estrutura orgánica de cada consellería poderá existir máis dunha asesoría xurídica do rango e dependencia indicados, co ámbito funcional de actuación que recollan as expresadas normas. Así mesmo, co rango de subdirección xeral, existirá unha asesoría xurídica na secretaría xeral da Presidencia e naqueles organismos nos que así se dispoña nas normas polas que se aproba a súa estrutura orgánica».

Dous.-No número 2 do artigo 13, substitúese a expresión «asesorías xurídicas das consellerías», por «asesorías xurídicas indicadas».

Tres.-Os números 1, 2 e 3 do artigo 14 quedan redactados do seguinte modo:

«1. Na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e nas cidades de Santiago de Compostela e Vigo existirán gabinetes xurídicos territoriais, á fronte dos cales estará un/unha letrado/a-xefe/a.

2. Os/As letrados/as adscritos/as a cada gabinete xurídico territorial dependen funcional e xerarquicamente da Dirección Xeral da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia. Os gabinetes territoriais da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo encádranse organicamente na correspondente delegación territorial. O gabinete territorial de Santiago de Compostela dependerá organicamente da dirección xeral da asesoría xurídica.

3. Corresponde aos gabinetes xurídicos territoriais da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, no seu respectivo ámbito territorial, o asesoramento xurídico e a representación e defensa en xuízo dos órganos da Administración autonómica, dos organismos autónomos e demais entidades, así como dos demais entes públicos e entidades a que se refire o artigo 1.3 deste regulamento sempre que concorran os requisitos que no devandito precepto se establecen. En particular, corresponderalles informar sobre a suficiencia dos poderes e demais documentos xustificativos da personalidade ou da representación que deba de producir efectos ante os respectivos órganos territoriais da Administración autonómica e dos seus organismos autónomos levando un rexistro para o efecto».

O número 4 do precepto seguirá coa mesma redacción.

Catro.-O número 1 do artigo 24 queda redactado do seguinte modo:

«1. Os informes serán solicitados pola persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia, os conselleiros e as conselleiras e os secretarios e as secretarias xerais das consellerías. Así mesmo, os directores e as directoras xerais ou asimilados/as poderán solicitar informes por conduto da secretaría xeral correspondente. Os delegados e as delegadas territoriais e xefes/as territoriais das consellerías poderán solicitar informe ao gabinete xurídico territorial competente».

Cinco.-O número 2 do artigo 47 queda redactado do seguinte modo:

«2. Non obstante, esta dependencia funcional, tanto as asesorías xurídicas das consellerías como os gabinetes xurídicos territoriais da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, terán o carácter de servizos comúns, e polo tanto, os/as seus/súas letrados/as están baixo a dependencia orgánica das secretarías xerais ou delegacións territoriais respectivas».

Seis.-As referencias no texto do Decreto 343/2003, do 11 de xullo, aos gabinetes territoriais entenderase efectuadas aos gabinetes xurídicos territoriais.

Segunda.-Modificación do Decreto 312/1999, do 11 de novembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de muller.

Un.-Suprímese a referencia aos delegados provinciais no número catro do artigo 1 do Decreto 312/1999, do 11 de novembro.

Dous.-Modifícase o artigo 18.3º do Decreto 312/1999, do 11 de novembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de muller, nos seguintes termos:

Dependen da Dirección do Servizo Galego de Promoción da Igualdade de Home e da Muller os servizos periféricos dos organismos que desenvolverán as liñas de actuación do organismo no ámbito provincial. Actuarán como xefes/as de servizo do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, os/ás xefes/as de Servizo de Igualdade da Secretaría Xeral de Igualdade.

Terceira.-Autorízase a Secretaría Xeral da Presidencia, para ditar as resolucións necesarias para a execución e desenvolvemento deste decreto.

Cuarta.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de xuño de dous mil nove.

Alberto Núñez Feijóo

Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza