DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Xoves, 18 de xuño de 2009 Páx. 10.494

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 28 de maio de 2009 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de programas de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polas organizacións non gobernamentais de desenvolvemento e pola que se convocan as correspondentes ao ano 2009.

As políticas de cooperación para o desenvolvemento humano orientadas a unha real superación da pobreza precisan de iniciativas universais de promoción da solidariedade. Á cooperación internacional propia dos distintos gobernos nacionais únese tamén a vontade de cooperación que xorde de forma descentralizada nas comunidades autónomas e noutras administracións territoriais, así como en institucións ou axentes sociais e económicos diversos que senten como un deber ético común o compromiso de traballar pola consecución dos obxectivos de desenvolvemento do milenio.

Coa aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, a Comunidade Autónoma de Galicia reafirma este compromiso e asume como propia a responsabilidade de cooperar con outros países para propiciar o seu desenvolvemento integral, contribuír á mellora das condicións de vida dos seus habitantes e aliviar e corrixir as situacións de pobreza e propiciar un desenvolvemento humano solidario e estable, que inclúa maiores cotas de liberdade e unha repartición máis xusta dos froitos do crecemento económico.

A letra b) do artigo 23 desta lei considera axentes da cooperación ás organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento, que como entidades con especial dedicación a actividades de solidariedade da sociedade galega cos pobos máis desfavorecidos, constitúense en interlocutores permanentes da Xunta de Galicia.

Así mesmo, en desenvolvemento desta lei, o I Plan director da cooperación galega 2006-2009, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia o 24 de abril de 2006, refírese a unha cooperación galega transformadora das realidades dos países onde actúa, encamiñada tamén á promoción activa do dereito a un desenvolvemento integral, humano e sustentable das súas poboacións.

Os programas son instrumentos que garanten, a través da coherencia das accións, a definición conxunta cos beneficiarios, e a complementariedade con outras institucións, organismos e entidades doantes, un mellor impacto das intervencións de desenvolvemento.

Tal e como se desprende do Plan Anual 2008, os programas comprenden actuacións dunha maior envergadura que os proxectos, que contarán cun apoio financeiro da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea superior ao dos proxectos, e que se desenvolverán ao longo dun período temporal dun máximo de catro anualidades orzamentarias. En consonancia coas prioridades establecidas nos plans de actuación por país, créase esta nova ferramenta encamiñada a apoiar procesos de transformación integrais, que incidan sobre as causas xeradoras da pobreza e frean a superación destas nos países en vías de desenvolvemento.

Para recibir financiamento con cargo a esta convocatoria de axudas, as entidades solicitantes deberán contar coa capacidade financeira, de xestión, social e estratéxica necesaria para executar os programas, tal e como veñen exixindo outras entidades financiadoras públicas españolas que están a empregar este instrumento.

Tendo en consideración isto, deben aprobarse as bases reguladoras para o ano 2009 para a execución de programas de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polas organizacións non gobernamentais de desenvolvemento de Galicia.

Pola súa vez, procede convocar a concesión de subvencións con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2009, de acordo con estas bases reguladoras e que garanten os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade.

En atención a estes principios e obxectivos, establécense estas bases reguladoras.

RESOLVO:

Artigo único.

1. Aprobar as bases reguladoras que figuran como anexo desta orde para a concesión de subvencións a programas de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polas organizacións non gobernamentais de desenvolvemento.

2. Convocar as subvencións con cargo aos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o período 2009-2012, de acordo coas bases reguladoras aprobadas nesta orde, que se financiarán con cargo ás aplicacións orzamentarias seguintes:

04.41.331A.490.0, pola contía máxima total de 1.650.000 euros (400.000 euros no ano 2009, 450.000 euros no 2010, 450.000 euros no 2011 e 350.000 euros no 2012) e 04.41.331A.790.0, pola contía máxima total de 1.350.000 euros (450.000 euros no ano 2009, 400.000 euros no 2010, 300.000 euros no 2011 e 200.000 euros no 2012).

3. Contra estas bases reguladoras e a convocatoria cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa correspondente publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a sala do contencioso administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-Autorízase o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións precisas para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2009.

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime

de concorrencia competitiva, para a execución de programas de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polas organizacións non gobernamentais de desenvolvemento

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto destas bases é a regulación da concesión de subvencións ás organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento para a execución de programas no exterior.

Os programas son unha ferramenta de longo percorrido que contribúe á consolidación de procesos de desenvolvemento a medio prazo. Están encamiñados a apoiar procesos de transformación integrais nos países en vías de desenvolvemento, contribuíndo dun xeito efectivo á loita contra a pobreza mediante a promoción dun desenvolvemento socioeconómico e cultural sustentable.

Artigo 2º.-Presentación das solicitudes.

1. As solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes dirixiranse ao director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea (rúa Feáns, 5 baixo, 15706 Santiago de Compostela), cubertas no modelo que figura como anexo I destas bases reguladoras, por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa publicación na páxina web http://www.cooperaciongalega.org.

3. A solicitude irá acompañada da documentación que se recolle nos artigos 6º e 7º destas bases reguladoras e da proposta de programa (artigo 8º), que se presentará no modelo oficial de documento de formulación. A documentación e o documento de formulación serán presentados en orixinal e en soporte electrónico.

4. A falta da documentación á que se fai referencia nos artigos 6º, 7º e 8º destas bases reguladoras impedirá a avaliación da solicitude, se non se procedera á súa emenda dentro do prazo establecido no artigo 11º.

5. A entidade solicitante só poderá presentar unha proposta de programa.

Artigo 3º.-Requisitos que deben reunir as entidades solicitantes.

a) Estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, con polo menos cinco anos de antelación ao da publicación desta convocatoria.

b) Ter realizado nos últimos cinco anos un mínimo de catro intervencións de cooperación para o desenvolvemento, algunha delas, con financiamento da Xunta de Galicia ou cofinanciadas cun mínimo dun 20% por doantes galegos ou con fondos propios da entidade en Galicia.

c) Ter realizado nos últimos cinco anos un mínimo de catro intervencións formativas, de sensibilización ou de fortalecemento da ONGD, algunha delas, con financiamento da Xunta de Galicia.

d) Dispoñer de persoal contratado en Galicia. Por persoal contratado enténdese o persoal por conta allea cuxo empregador é a ONGD e cuxa relación laboral está formalizada mediante contrato laboral sometido ao Estatuto dos traballadores. Como mínimo, na data de publicación desta convocatoria, a ONGD deberá ter unha persoa contratada en réxime de xornada completa.

e) Ter xustificado, se é o caso, e antes da data de presentación da solicitude para esta convocatoria, as axudas recibidas con cargo á anualidade 2007, por parte da Xunta de Galicia a outros proxectos en materia de cooperación ao desenvolvemento. Así mesmo, é necesario que se efectuara o correspondente ingreso, nos casos en que, sobre os beneficiarios de axudas económicas, recaese resolución administrativa ou xudicial firme de reintegro.

f) Non estar incurso en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Estar ao corrente das súas obrigas tributarias, sociais e fiscais e non estar incurso en ningún procedemento de reintegro ou sanción coa Xunta de Galicia sobre axudas, así como non manter ningunha débeda por calquera concepto coa Facenda autonómica.

h) Contar coa capacidade financeira, os recursos humanos e a capacidade operacional suficientes para o correcto desenvolvemento dos programas, acreditándoas nos termos en que establece o artigo 6º. Igualmente será preciso que a entidade responda aos criterios de necesaria solvencia estrutural, organizativa, de resultados e procedementos, na relación co contorno en Galicia e nos países en que actúe, e na xestión económica que se establecen así mesmo no artigo 6º.

Artigo 4º.-Requisitos dos programas.

a) Non estar iniciada a súa execución con anterioridade ao 2 de xaneiro de 2009. Os programas terán unha duración mínima de 25 meses e máxima de 45 meses, debendo estar executada en todo caso a totalidade do programa antes do 1 de decembro de 2012.

b) Inserirse nalgunha das seguintes prioridades xeográficas: América Central (Guatemala, Honduras, Nicaragua e O Salvador); Caribe (Cuba, Haití e República Dominicana); América do Sur (Bolivia, Ecuador e Perú); África (Angola, Cabo Verde, Guinea- Bissau, Mauritania, Mozambique, Namibia e Senegal), os campamentos saharauís, e calquera outro País dos Menos Adiantados (PMA). Dentro destes países, consideraranse exclusivamente, aquelas zonas definidas coma tales nos planos de actuación por país (PAP) que estean aprobados na data de publicación desta convocatoria e que estarán dispoñibles na páxina web oficial da cooperación galega.

c) Inserirse nas prioridades sectoriais coincidentes co establecido exclusivamente nos PAP que estean aprobados na data de publicación desta convocatoria. Para aqueles países nos que non se dispoña de PAP na data de publicación desta convocatoria, consideraranse aqueles sectores establecidos no artigo 8 da Lei galega de cooperación para o desenvolvemento.

d) Contar con contrapartes ou socios locais que participen responsablemente na execución material do programa e na xestión dos recursos, constando expresamente o seu compromiso co programa.

e) Estar cofinanciados, nun mínimo dun 10%, por recursos alleos ás axudas da Xunta de Galicia.

f) Redundar na ampliación das capacidades e as liberdades das poboacións beneficiarias. Os programas deben contar coa participación dos beneficiarios/as no desenvolvemento do programa; non ser discriminatorios por razón de cultura, raza, xénero, relixión ou orixe; e fomentar a igualdade entre mulleres e homes; así como respectar a protección do ambiente.

g) Obter unha repercusión práctica e cuantificable na posta en marcha de procesos que propicien a xeración de cambios de carácter endóxeno nas sociedades onde se vai actuar.

h) Sempre que estas sexan respectuosas cos dereitos humanos, os programas non poderán contradicir as políticas públicas e os obxectivos de desenvolvemento do país, así como as da zona onde se leve a cabo, e das comunidades beneficiarias.

i) Axustarse á capacidade de xestión da entidade solicitante e á da súa contraparte, co fin de asegurar a súa viabilidade.

Artigo 5º.-Condicións de financiamento.

5.1. A Xunta de Galicia poderá financiar ata un 90% do orzamento total do programa, non sendo en ningún caso a subvención concedida inferior a 300.000 euros e superior a 1.000.000 euros.

5.2. A subvención concedida distribuirase por anualidades, do seguinte xeito:

-Para os programas que se executen integramente no período 2009-2011: 30% en 2009, 35% en 2010, e 35% en 2011.

-Para os programas que se executen integramente no período 2009-2012: 30% en 2009, 30% en 2010, 20% en 2011, e 20% en 2012.

Así mesmo, nas contías que se soliciten por anualidade haberase de respectar, na medida do posible, un equilibrio entre o gasto correspondente a infraestruturas, equipamentos, compra de terreos e inmobles e fondo rotatorio (capítulo VII) e o resto de conceptos (capítulo IV).

5.3. Os xuros que, se é o caso, xeren os fondos transferidos pola Xunta de Galicia, reinvestiranse en custos directos, de xeito que non poderán ser imputados a custos indirectos.

Artigo 6º.-Información relativa á entidade solicitante (carpeta 1).

A documentación exixida presentaranse unha soa vez aínda que se mencione en máis dun punto.

No suposto de que a entidade presentara esta documentación ou parte a outra convocatoria de axudas das convocadas pola Secretaría Xeral de Relacións Exteriores no ano en curso ou no ano anterior, en particular, á convocatoria 2008 para programas, será suficiente con achegar unha declaración especificando a documentación xa presentada, así como o número de expediente no que se atopa incorporada, anexando a documentación que falte.

6.1 Documentación xeral:

a) Certificación asinada polo secretario da entidade referida á:

-Vixencia da documentación relativa á inscrición da entidade no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, creado polo Decreto 326/2004, do 29 de decembro. No suposto que calquera destes documentos carecese de vixencia, achegarase debidamente compulsado, ao obxecto de ser incorporado de oficio ao rexistro.

-Se procede, acreditación como ONGD calificada pola Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID).

Cando a persoa que formule a solicitude non sexa ningunha daquelas das que se dispón de datos no rexistro, deberase achegar xunto coa certificación anterior, copia compulsada do seu DNI e certificación do secretario da entidade, acreditativa da vinculación que a une coa entidade solicitante.

b) Declaración responsable do representante legal da entidade facendo constar que a entidade solicitante non está incursa en ningún procedemento de reintegro ou sancionador coa Xunta de Galicia por incumprimento das obrigas derivadas da recepción de subvencións e non foi inhabilitada para obtelas segundo modelo que figura coma anexo II.

c) Certificación da Axencia Estatal da Administración Tributaria e da Tesourería da Seguridade Social acreditativas de estar ao corrente das obrigas tributarias e sociais e certificación da Consellería de Facenda de non ter ningunha débeda por ningún concepto coa facenda autonómica. A presentación da solicitude comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesourería Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

d) Declaración responsable do representante legal da entidade na que se precisen outras axudas solicitadas de entidades públicas ou privadas para a mesma finalidade.

6.2. Documentación específica (destinada a contrastar a capacidade da entidade solicitante para executar programas):

6.2.1. Bloque temático cuantitativo.

Inclúe os aspectos da capacidade financeira, os recursos humanos e a capacidade operacional da entidade solicitante.

A) Capacidade financeira.

-Balance e conta de resultados anuais en Galicia, elaborados segundo o Plan xeral de contabilidade adaptado vixente, correspondentes, como mínimo, aos dous últimos exercicios económicos.

B) Recursos humanos. Relacionando de acordo co modelo que consta no anexo III.

-Número de traballadores/as que integran o cadro de persoal medio en Galicia en cada un dos últimos dous anos.

-Número de traballadores/as a data da presente solicitude en Galicia.

-Número de traballadores/as por posto, indicando a tipoloxía do contrato e se o posto é permanente ou non na estrutura da ONGD.

-Número de voluntarios/as da entidade en Galicia nos dous últimos anos.

-Número de socios/as da entidade en Galicia nos dous últimos anos.

C) Capacidade operacional. Relacionando de acordo co modelo que consta no anexo IV.

-Volume de programas e proxectos no exterior, así como actividades formativas, de sensibilización e de consolidación e fortalecemento realizadas en Galicia, nos últimos cinco anos.

-Antigüidade na actividade de cooperación para o desenvolvemento.

-Ámbitos xeográficos de presenza.

-Ámbitos sectoriais de presenza.

6.2.2. Bloque temático cualitativo.

Inclúe os aspectos da estrutura, a organización, a actividade, a relación co contorno e a xestión económica da entidade solicitante.

A) Estrutura.

1. Documentación da planificación estratéxica da entidade en Galicia na que se encadra a proposta de programa, explicitando a metodoloxía da súa elaboración, a planificación de accións, a súa vixencia temporal e o órgano de goberno que a aprobou.

2. Documentos que expliciten os sistemas de toma de decisións e participación da entidade en Galicia.

3. Documento explicando a misión, visión e valores da entidade e o seu proceso de definición, quen participou nela e a súa forma de difusión.

4. Documentación explicando os códigos de conduta, boas prácticas e bo goberno subscritos ou asumidos pola entidade solicitante.

B) Organización.

1. Sistemas ou modelos de calidade implantados ou en proceso de implantación, da entidade en Galicia, de xeito que poida valorarse a súa existencia. En todo caso, será necesario facer indicación da secuenciación de tarefas nos seguintes procesos:

-Xestión de proxectos e/ou programas: operacional, administrativa e económica.

-Avaliación de proxectos e/ou programas.

-Procedementos informáticos e sistema de integración en rede, incluíndo a súa páxina web e o seu protocolo de actuación.

-Formación interna.

-Avaliación de contrapartes e provedores, incluíndo sistema e criterios de selección de contrapartes locais e información que se lles solicita.

-Control das non conformidades e accións correctoras.

-Auditorías e revisión do sistema, incluíndo avaliacións externas.

-Medición do impacto social.

2. Organigrama e descrición funcional da entidade en Galicia.

3. Relación dos postos de traballo da entidade en Galicia, coa sua descrición de funcións, e sistema de provisión.

C) Actividade.

1. Memoria de actividades da entidade solicitante dos últimos 5 anos na que se fará especial mención das actuacións levadas a cabo na mesma zona do programa a presentar e dos seus beneficiarios/as, ou daquelas realizadas noutras zonas pero no mesmo sector de actuación.

2. Se procede, informes de visitas de identificación, seguimento e avaliación de actividades realizadas desde a entidade en Galicia nos dous últimos anos.

3. Grao de eficacia, impacto social e eficiencia das iniciativas ou proxectos levados a cabo pola ONGD ou delegación nas diferentes áreas de traballo.

4. Se procede, informe ou resumo executivo das avaliacións externas realizadas nos últimos dous anos, da organización en Galicia.

D) Contorno.

1. Documentación describindo as relacións da entidade coa Administración autonómica e administracións locais.

2. Documentación describindo as relacións con outras ONGD e pertenza a redes.

3. Documentación describindo as relacións con beneficiarios e contrapartes.

4. Documentación describindo as relacións coa sociedade galega en xeral.

Establécense como evidencias destas relacións:

1. Documentos acreditativos da pertenza á Coordinadora Galega de ONGD así como a participación en actividades da mesma nos últimos anos.

2. Documentos acreditativos da pertenza e participación nas actividades de plataformas, asociacións, foros e redes de carácter galego, nacional e internacional.

3. Convenios ou contratos de asociación establecidos pola entidade en Galicia con ONGD dos países en vías de desenvolvemento.

4. Metodoloxía que describa a participación de beneficiarios/as.

5. Documentación acreditativa da publicidade e difusión en Galicia das actuacións realizadas pola entidade, tanto dos proxectos no exterior como das actividades en Galicia.

6. Outra documentación diferente da anterior que contribúa a acreditar e describir as relacións co contorno.

E) Xestión económica.

1. Memoria económica da entidade en Galicia nos últimos dous anos.

2. Orzamentos da entidade en Galicia, aprobados polo órgano competente, para o ano en curso.

Artigo 7º.-Información relativa á contraparte local (carpeta 2).

a) Documentación acreditativa da representación legal da entidade: copia do documento no que se recolla o nomeamento do representante legal e do seu documento ou cédula de identidade.

b) Documentación acreditativa da personalidade xurídica do socio ou contraparte local.

c) Copia dos estatutos e do número de identificación fiscal da entidade ou similar, no caso que exista.

d) Copia do balance de ingresos e gastos das dúas últimas liquidacións orzamentarias.

e) Declaración do representante legal da entidade relativa á cuantificación do número de socios/as da entidade e descrición da vinculación existente entre a entidade e o persoal ao servizo desta.

f) Memoria de actividades e traballos da entidade, onde se inclúan outras accións de cooperación para o desenvolvemento nos que participase así como a experiencia acadada na zona e no sector de actuación do programa (como mínimo dos dous últimos anos).

No caso de que a entidade solicitante presentara esta documentación ou parte a outra convocatoria de axudas das convocadas pola Secretaría Xeral de Relacións Exteriores en 2009 ou 2008, será suficiente con achegar unha declaración especificando a documentación xa presentada, así como o número de expediente no que se atopa incorporada, anexando aquela que falte.

Artigo 8º.-Información relativa á proposta de programa (carpeta 3).

8.1. A información sobre a proposta de programa presentarase no documento de formulación normalizado para o efecto, que poderá descargarse da páxina web da cooperación galega, http://www.cooperaciongalega.org así como a correspondente guía explicativa. Calquera problema, dúbida ou aclaración poderá presentarse directamente á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou a través do enderezo electrónico cooperacion.exterior@xunta.es.

8.2. A presentación da solicitude en modelo distinto do establecido para esta convocatoria (anexo I), así como a manipulación do documento de formulación normalizado ou o emprego dun documento que non sexa o adaptado a esta convocatoria, conducirá á exclusión e non avaliación da proposta de programa.

Artigo 9º.-Gastos subvencionables.

9.1. Serán gastos subvencionables os custos directos e os custos indirectos do programa.

9.2. Entenderanse por custos directos aqueles que son imprescindibles para a posta en marcha do programa, vinculados á execución da intervención e que financian a consecución dos obxectivos. Para os efectos de concesión da axuda teranse en conta os seguintes:

a) Aqueles derivados da identificación da intervención no terreo, financiaranse ata un máximo de 35.000 euros por programa, sempre que se realizaran despois do 2 de xaneiro de 2009, non puidendo exceder o 6% do orzamento total do programa.

b) Terreos e inmobles (inclúe compra ou aluguer). No suposto de adquisición de bens inmobles, debe achegarse certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial.

c) Construción e/ou reforma de inmobles e infraestruturas (inclúe man de obra, dirección de obra, licenza de obras e taxas, materiais de construción e o transporte dos citados materiais). No caso de ser prestada a man de obra ligada a estas tarefas pola contraparte local ou a poboación beneficiaria, só se aceptará a súa valoración de estar acreditada de xeito suficiente a prezos de mercado local.

d) Equipos, materiais e subministracións. Considerarase equipamento, a adquisición de elementos de inmobilizado distintos a terreos e edificios, afectos á actividade subvencionada: maquinaria, mobiliario, equipamentos informáticos e outro equipamento. Nese concepto inclúense os gastos derivados do envío dos equipos.

Todas as adquisicións de equipos, materiais e subministracións realizaranse no país onde se execute o programa. En caso de imposibilidade de cumprimento desta obriga, solicitarase mediante escrito motivado, autorización previa da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

e) Os elementos de transporte, financiaranse ata un máximo de 15.000 euros.

f) Persoal. Para os efectos desta convocatoria entenderase:

1. Persoal expatriado, aquel persoal da entidade española sometido á lexislación española, que presta os seus servizos no país onde se executa a intervención obxecto da subvención e cuxas funcións e tarefas están directamente relacionadas con aquela. Para o envío de expatriados achegarase unha memoria xustificativa da necesidade de envío do dito persoal e marcaranse os criterios de aptitude e cualificación requiridos para a correcta realización da acción, a duración e a descrición de tarefas. O salario para o persoal expatriado non excederá de 33.000 euros brutos por persoa e ano.

2. Persoal local, aquel persoal da contraparte local ou contratado ao servizo do programa sometido á lexislación laboral do país onde se executa a intervención obxecto de subvención e no que presta os seus servizos, de acordo co réxime laboral correspondente as súas funcións e desempeño, estando as súas funcións e tarefas directamente relacionadas coa intervención. Será preciso acreditar documentalmente o salario medio para ese tipo de contrato do país ou zona onde se execute o programa. A contía subvencionable relativa a persoal local non poderá superar o 25% da subvención solicitada, non sendo nunca superior a 200.000 euros.

3. Persoal en sede, aquel da entidade española sometido á lexislación española, que presta os seus servizos en España, con independencia de que por razón das súas funcións teña que desprazarse aos países de execución ocasional ou regularmente, e cuxas funcións e tarefas estean imputadas á posta en execución e seguimento da intervención obxecto da subvención. En todos os casos a imputación poderá ser total ou parcial en función da dedicación.

Os gastos de persoal subvencionables poderán incluír salarios, seguros sociais a cargo da entidade do persoal afecto á intervención, así como calquera outro seguro que se subscriba a nome do persoal ou da súa familia en primeiro grao, ou as retribucións complementarias destinadas, a afrontar os gastos de escolarización dos fillos no país de destino.

g) Servizos técnicos e profesionais, requiridos para a realización de capacitacións, seminarios, diagnósticos, informes, publicacións, control de xestión ou outras necesidades contempladas na formulación da intervención.

h) Funcionamento no terreo (electricidade, auga, alugueiro de oficiñas, comunicacións, mantemento e seguranza), financiarase ata un máximo do 1% da subvención total solicitada para o programa.

i) Viaxes, aloxamento e dietas. Inclúense os gastos vinculados á mobilidade do persoal no país de execución do programa así como desde España, e á mobilidade dos beneficiarios/as necesaria para a execución da intervención (incluíndo combustible, seguros e mantemento de vehículos que se atopen especificamente identificados na formulación da intervención e vinculados a esta). Os gastos vinculados á mobilidade en terreo non excederán o 7% da subvención total solicitada para o programa, non sendo nunca superiores a 50.000 euros.

j) Avaliación externa obrigatoria final e intermedia, de carácter voluntario. Estas avaliacións haberán de ser realizadas por persoa ou entidade recoñecida en Galicia e no país de execución do programa, para o que se acreditará a súa solvencia e experiencia, xuntando a documentación que a xustifique.

k) Auditoría contable. Os auditores exercentes no país onde se levará a cabo a revisión consideraranse como tales, sempre que no dito país exista un réxime de habilitación para o exercicio da profesión e, se é o caso, sexa preceptiva a obriga de someter a auditoría os seus estados contables. De non existir un sistema de habilitación para o exercicio da profesión, a revisión prevista poderá realizarse por un auditor establecido no dito país, sempre que a designación deste a leve a cabo a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, de acordo con a criterios técnicos que garantan a axeitada calidade.

A suma dos custos relativos ás avaliacións externas e auditoría contable non poderá superar o límite do 4% da subvención total solicitada, non sendo nunca superior a 30.000 euros.

l) Fondo rotatorio. Enténdese por tal a cantidade económica que se emprega como préstamos directos ou en especie ás persoas beneficiarias, que deben ser devoltos por elas nas condicións contractuais que se establezan para garantir a súa devolución. O fondo rotatorio non poderá superar o 8% do orzamento total do programa.

m) Gastos financeiros, gastos de asesoría xurídica ou financeira, gastos rexistrais e periciais, e outros gastos asociados, para a realización do programa: son subvencionables sempre que estean directamente relacionados coa actividade subvencionada e sexan indispensables para a axeitada preparación ou execución desta.

n) Gastos vinculados a iniciativas de educación para o desenvolvemento, sensibilización e difusión do programa en Galicia, sempre que se visen reflectidos no documento de formulación, ata un límite de 12.000 euros.

9.3. Custos indirectos: son os gastos propios do funcionamento regular da entidade solicitante e da contraparte, que resultan da formulación e execución do programa.

Estes gastos imputaranse pola entidade beneficiaria á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda, de acordo cos principios e normas de contabilidade xeralmente aceptadas e, en todo caso, na medida en que tales importes correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade. O dito gasto imputarase dentro do período de execución da intervención e será acreditado ante a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa U.E. dunha soa vez pola entidade solicitante mediante unha declaración responsable do seu representante legal.

9.4. A suma dos custos relativos ao persoal expatriado, persoal en sede, viaxes, aloxamento e dietas desde España, así como custos indirectos non poderá ser superior ao 20% da subvención total solicitada.

9.5. No suposto de adquisición, construción, rehabilitación e mellora de bens inventariables, estes deberán quedar formalmente vinculados durante dez anos os bens inscritibles nun rexistro público, e cinco anos para o resto de bens, aos fins das actuacións realizadas. Unha vez rematen estas, deberán ser transferidos a unha administración pública do país beneficiario ou a unha contraparte local, que se faga responsable da súa utilización para o fin creado e do seu correcto mantemento. Tal cesión deberá quedar documentada a través de escritura pública.

No suposto dos bens inscritibles nun rexistro público, deberá facerse constar na escritura pública a circunstancia da afectación e o período polo que se afectan os bens, debendo ser obxecto estes extremos de inscrición no rexistro publico correspondente. A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea deberá autorizar previamente tal cesión.

O incumprimento da obriga de destino, que se producirá en todo caso co alleamento ou o gravame do ben, será causa de reintegro, nos termos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, quedando o ben afecto ao pagamento do reintegro calquera que sexa o seu posuidor, salvo que resulte ser un terceiro protexido pola fe pública rexistral ou se xustifique a adquisición dos bens con boa fe e xusto título ou en establecemento mercantil ou industrial, en caso de bens mobles non inscritibles.

9.6. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 30.000 euros no suposto de custo por execución de obra, ou de 12.000 euros no suposto de subministración de bens de equipo ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, a entidade beneficiaria da subvención deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación, ou, se é o caso, na solicitude da subvención, realizarase conforme a criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis

vantaxosa.

9.7. En ningún caso serán gastos subvencionables:

-Os xuros debedores das contas bancarias.

-Xuros, recargas e sancións administrativas e penais.

-Gastos de procedementos xudiciais.

-As amortizacións de bens inventariables.

Artigo 10º.-Valoración das solicitudes.

A valoración das solicitudes comprende a análise da entidade solicitante, da proposta de programa e da contraparte ou socio local. As solicitudes que cumpran os requisitos sinalados nestas bases reguladoras serán avaliadas tendo en conta os criterios que seguen:

I. Aspectos relacionados coa entidade solicitante: ata 20 puntos:

1. Tendo en conta os documentos e referencias mencionados no artigo 6º destas bases reguladoras elaborarase unha valoración global da entidade en Galicia, integrada por unha valoración cuantitativa e unha valoración cualitativa. A valoración global consistirá na suma aritmética do resultado das valoracións anteriores, así como da puntuación obtida, no caso de ser entidade cualificada pola AECID.

2. As valoracións cuantitativas e cualitativas estrutúranse en bloques temáticos que a súa vez se articulan en criterios.

3. Será preciso obter como mínimo o 50% da puntuación tanto na valoración cuantitativa coma na cualitativa.

4. As entidades cualificadas pola AECID (con carácter xeral ou para sectores específicos) obterán 1 punto, que se sumará aos resultados obtidos das outras dúas valoracións.

Valoración cuantitativa. Máximo: 7’5 puntos.

A) Análise da capacidade financeira: ata 1,75 puntos.

A.1. Solvencia. Máximo: 0,25 puntos.

A.2. Capacidade de responder ás obrigas financeiras. Máximo: 0, 5 puntos.

A.3. Porcentaxe media de ingresos aplicados á fin. Máximo: 1 punto.

B) Análise dos recursos humanos: ata 3,5 puntos.

B.1. Cadro medio. Máximo: 0,75 puntos.

B.2. Existencia e dimensión dunha estrutura permanente. Máximo: 1 punto.

B.3. Dimensión da base social. Máximo: 1 punto.

B.4. Dimensión do voluntariado. Máximo: 0,75 puntos.

C) Análise da capacidade operacional: ata 2,25 puntos.

C.1. Volume de cooperación. Máximo: 0,5 puntos.

C.2. Antigüidade na cooperación. Máximo: 0,75 puntos.

C.3. Presenza xeográfica. Máximo: 0,5 puntos.

C.4. Presenza sectorial. Máximo: 0,5 puntos.

Valoración cualitativa. Máximo: 11,5 puntos.

A) Análise da estrutura: ata 2,5 puntos.

A.1. Coherencia interna e adecuación da misión, visión e valores da entidade aos criterios do Plan director da cooperación galega. Máximo: 0,5 puntos.

A.2. Existencia de códigos de conduta, boas prácticas e bo goberno, e coherencia cos códigos de conduta aceptados internacionalmente. Máximo: 0,5 puntos.

A.3. Existencia e coherencia interna da planificación estratéxica e adecuación cos criterios do Plan director da cooperación galega. Máximo: 1 punto.

A.4. Grao de participación da base asociativa na toma de decisión e control dos órganos de goberno. Máximo: 0,5 puntos.

B) Análise da organización: ata 2,5 puntos.

B.1. Existencia e formalización de modelos de calidade e nivel de exixencia que se deriva deles. Máximo: 0,75 puntos.

B.2. Grao de adecuación da organización funcional do traballo ás necesidades da entidade. Máximo: 1 punto.

B.3. Existencia dunha relación de postos de traballo, rigor e coherencia na descrición de funcións e consideración de criterios de publicidade, transparencia e méritos na provisión dos postos de traballo. Máximo: 0,75 puntos.

C) Análise da actividade: ata 2,5 puntos.

C.1. Resultados observables e procedementos aplicados no desenvolvementos das accións e proxectos reflectidos na memoria. Máximo: 1 punto.

C.2. Análise dos mecanismos de seguimento e avaliación. Máximo: 0,75 puntos.

C.3. Coherencia cos criterios transversais de igualdade de xénero, desenvolvemento sustentable e preservación do medio que establece o Plan director da cooperación galega. Máximo: 0,75 puntos.

D) Análise do contorno: ata 2,5 puntos.

D.1. Intensidade das relacións coas administracións públicas. Máximo: 0,5 puntos.

D.2. Intensidade das relacións con outros axentes sociais, en xeral e, en particular, con outras ONGD e amplitude e implicación na pertenza a redes. Máximo: 0,5 puntos.

D.3. Amplitude, estabilidade e formalización de relacións con beneficiarios/as e contrapartes. Máximo: 0,75 puntos.

D.4. Amplitude e intensidade das iniciativas en relacións coa sociedade en xeral. Máximo: 0,75 puntos.

E) Análise da xestión económica: ata 1,5 puntos.

E.1. Solvencia en virtude da situación patrimonial e de contas anuais. Máximo: 0,75 puntos.

E.2. Diversidade das fontes de financiamento e grao de autofinanciamento. Máximo: 0,5 puntos.

E.3. Existencia e grao de planificación de investimentos e proporción deles no orzamento anual. Máximo: 0,25 puntos.

II. Aspectos relacionados coa contraparte ou socio local: ata 20 puntos.

1. Experiencia de traballo en proxectos de cooperación ao desenvolvemento, na zona ou comunidade onde se vai executar o proxecto e no sector de actuación do programa descrita suficientemente nas carpeta 2 e 3 para os obxectivos e características deste. Máximo: 7 puntos.

2. Capacidade de execución do proxecto pola contraparte. Garantía de implicación da entidade na comunidade e da propia comunidade no programa mediante a intervención da contraparte. Adecuación e coherencia no sector de traballo da entidade e o obxectivo do programa. Máximo: 8 puntos.

3. Implicación do socio local no programa. Máximo: 2 puntos.

4. Participación no programa xunto a outras organizacións ou institucións locais. Máximo: 3 puntos.

III. Aspectos relacionados co contido do programa: ata 60 puntos.

De cara a garantir a calidade da proposta de programa, e para superar a fase de valoración da epígrafe III, nos puntos 2, 5, 7, 8 e 9 deste, será necesario acadar a puntuación mínima que se especifica deseguido:

1. Que se execute nun País dos Menos Adiantados (PMA): 4 puntos.

2. Pertinencia do proxecto con especial concreción sobre o contexto social, económico, político e cultural dos beneficiarios/as, zona e país onde se vai desenvolver; antecedentes e xustificación deste. Mínimo: 3 puntos. Máximo: 7 puntos.

3. Coherencia dos obxectivos e resultados coa problemática presentada. Máximo: 7 puntos.

4. Accións que se van desenvolver e prazo de execución. Coherencia na programación temporal. Máximo: 4 puntos.

5. Financiamento: coherencia das partidas orzamentarias cos obxectivos do programa. Mínimo: 2,5 puntos. Máximo: 6 puntos.

6. Recursos humanos e técnicos suficientes para acadar os obxectivos do programa. Máximo: 3 puntos.

7. Poboación beneficiaria: descrición precisa dos destinatarios/as, criterios de determinación, grao de participación nas distintas fases do programa. Mínimo: 2,5 puntos. Máximo: 6 puntos.

8. Viabilidade e sustenbilidade do programa. Mínimo: 3 puntos. Máximo: 7 puntos.

9. Impacto de xénero. Mínimo: 1,5 puntos. Máximo: 4 puntos.

10. Impacto ambiental. Máximo: 3 puntos.

11. Seguimento e avaliación previstos (internos e externos). Máximo: 4 puntos.

12. Difusión do programa en Galicia. Máximo: 2 puntos.

13. Integración do programa en estratexias integrais de desenvolvemento de carácter público ou con outros axentes no terreo e garantía de transferencia a unha Administración pública do país beneficiario ou a unha contraparte local dos inmobles financiados con cargo ao programa. Máximo: 3 puntos.

Artigo 11º.-Instrución.

A instrución do procedemento corresponderá á Subdirección Xeral de Cooperación Exterior. As axudas tramitaranse por orde de entrada da solicitude.

A documentación relativa ás carpetas 1 e 2, así como o documento de formulación do programa, carpeta 3, serán presentados en orixinal e en soporte electrónico.

Unha vez recibidas e examinadas as solicitudes, se estas non reúnen os requisitos sinalados ou carecen de documentación, requiriranse aos interesados para que, nun prazo de dez días, corrixan a falta ou acompañen os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixesen, desistirán da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 12º.-Comisión avaliadora.

12.1. Para a valoración das solicitudes constituirase una comisión avaliadora, que adaptará o seu funcionamento ao previsto nesta convocatoria e, supletoriamente, aos preceptos contidos no capítulo II, título II, artigos 22 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. A comisión compoñerase polos seguintes membros:

Presidente: o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

Secretario/a: un funcionario/a da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

Vogais: dous funcionarios/as da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

A comisión poderá estar asesorada polo persoal técnico que considere necesario o cal asistirá ás sesións con voz pero sen voto.

12.2. A comisión, para unha mellor valoración das propostas de programa presentadas e con anterioridade a ditarse a proposta de resolución, poderá recabar os informes técnicos que se consideren oportunos. Os ditos informes, que en ningún caso serán vinculantes, de encargarse, terán que ser realizados por expertos independentes non vinculados a ningunha ONGD.

12.3. Para superar a fase de valoración das solicitudes será necesario acadar unha puntuación mínima do 50 % en cada unha das tres epígrafes a que se refire o artigo 10º destas bases.

Unha vez superada a fase de valoración, establecerase unha listaxe coas puntuacións obtidas en orde descendente para cada unha das propostas de programa presentadas. Serán financiados por orde de puntuación todos aqueles programas que sexa posible dentro da contía total asignada a esta convocatoria.

12.4. No suposto de que non se esgotasen os recursos financeiros asignados a esta convocatoria, a Xunta de Galicia empregará os ditos recursos para financiar outras actuacións de cooperación para o desenvolvemento a través dos outros medios previstos no I Plan director da cooperación galega 2006-2009.

12.5. Á vista da valoración realizada pola comisión avaliadora, o instrutor elevará proposta de resolución ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Artigo 13º.-Prazo de resolución.

O prazo de resolución e notificación das axudas será de dous meses como máximo, contados desde o día seguinte ao da finalización do prazo de presentación da solicitude. De non notificarse resolución expresa neste prazo, as solicitudes poderán entenderse desestimadas.

Artigo 14º.-Resolución.

Á vista da proposta de resolución do instrutor, debidamente motivada, o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza resolverá o procedente.

Artigo 15º.-Compatibilidade de subvencións.

As axudas aquí reguladas serán compatibles con calquera outra procedente doutras administracións públicas, organizacións internacionais, entidades privadas non lucrativas ou doazóns de particulares, sempre e cando a suma de todas as axudas obtidas non supere o custo do programa subvencionado.

A entidade beneficiaria obrígase a comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a súa concesión. Esta comunicación deberá efectuarse no momento no que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Así mesmo, a entidade beneficiaria de subvencións con cargo a esta convocatoria obrígase a comunicarlle ao resto de financiadores do programa a subvención concedida pola Xunta de Galicia.

Artigo 16º.-Publicidade da concesión das subvencións.

Unha vez ultimada a concesión de subvencións, publicarase a relación daquelas concedidas con indicación de beneficiario/a, contía, país de execución do programa e finalidade, no Diario Oficial de Galicia e na web oficial da cooperación galega, de conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.

Así mesmo, de conformidade co artigo 3.2º do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, publicarase a relación das concedidas con indicación de beneficiario/a, contía, país de execución do programa e finalidade no Rexistro de Axudas, subvencións e convenios.

Artigo 17º.-Aceptación da subvención e compromiso de cofinanciamento.

Unha vez notificada a concesión da subvención, a entidade beneficiaria presentará, nun prazo máximo de 15 días naturais, declaración por escrito da aceptación da axuda na que conste o seu compromiso de achegar directamente ou cubrir con outras achegas a diferenza entre o custo total do programa e a contía da subvención finalmente concedida. Igualmente a entidade beneficiaria deberá confirmar, de ser o caso, que as subvencións solicitadas a outras institucións xa foron concedidas, ou ben que se compromete a financiar as cantidades adicionais que correspondan. De non ser así, poderá, dentro do mesmo prazo, renunciar á axuda ou, sempre que tecnicamente sexa posible e sen que se altere a finalidade nin o orzamento total do programa aprobado, presentar unha readaptación á subvención concedida, que será sometida a unha nova análise.

No caso de readaptación do programa o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza ditará nova resolución, que lle será notificada á entidade no prazo dun mes. De producírense renuncias ás subvencións ou revogacións destas, os seus importes poderán destinarse a incrementar a axuda inicialmente concedida a outros programas ou ben a que vai subvencionar os que, reunindo os requisitos destas bases reguladoras, e inicialmente non subvencionados, superasen a fase de valoración de acordo co establecido no artigo 10º destas bases reguladoras.

Artigo 18º.-Anticipos e pagamentos.

18.1. Con base na disposición adicional segunda da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e en atención á coherencia co obxecto e finalidade das subvencións, poderanse realizar pagamentos anticipados do 100% da anualidade de que se trate, sendo obrigatorio presentar un informe de seguimento cando remate a anualidade ademais do informe final.

Para o informe anual de seguimento e final utilizarase o formato definido pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia, que estará dispoñible no sitio web http://www.cooperaciongalega.org

18.2. O pagamento da subvención concedida efectuaranse en cada anualidade e nun só pagamento anticipado. O pagamento da seguinte anualidade realizarase tras a xustificación da anterior, sen que, con base no establecido na disposición adicional segunda da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se exixa garantía.

Primeira anualidade

As entidades beneficiarias da subvención deberán presentar a seguinte documentación:

a) Solicitude de libramento do pagamento anticipado da contía concedida para esta anualidade.

b) Declaración responsable complementaria e actualizada doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o programa subvencionado.

c) O compromiso específico de cesión dos bens mobles ou inmobles que resulten da execución do programa subvencionado aos beneficiarios/as ou socio local, se é o caso.

d) A certificación bancaria das contas da entidade beneficiaria e do socio local afectas á xestión do programa. Nestas contas asignadas ao programa terán o seu destino todos os pagamentos que se realicen con cargo ao cofinanciamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea. Os comprobantes destes ingresos e gastos estarán á disposición desta.

Segunda anualidade.

Unha vez xustificada a anualidade anterior, de acordo coas previsións do artigo 19º destas bases reguladoras, as entidades beneficiarias da subvención deberán presentar a seguinte documentación:

a) Solicitude de libramento do pagamento anticipado da contía concedida para esta anualidade.

b) Informe de avance sobre o estado de execución do programa, asinado polo responsable da xestión técnica-económica do programa en Galicia.

Terceira e cuarta anualidade.

Ademais da documentación exixida para a segunda anualidade, presentarase unha proposta de orzamento por actividade, que haberá de ser validada pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

18.3. Con cada anualidade, as entidades beneficiarias da subvención deberán presentar a declaración responsable complementaria e actualizada doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o programa subvencionado.

18.4. Non obstante, as entidades beneficiarias de subvención deberán acreditar, con cada solicitude de pagamento, que se atopan ao corrente das obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa facenda autonómica. Consonte o establecido no artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias autorizan o órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir as mencionadas institucións.

Artigo 19º.-Prazo e forma de xustificación das subvencións outorgadas.

19.1. A xustificación farase de xeito independente para cada anualidade. Conforme o establecido no artigo 28.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a xustificación farase dentro do primeiro trimestre seguinte á finalización da anualidade que se vai xustificar. A documentación que se vai presentar detállase no punto 2 deste artigo.

19.2. As anualidades xustificaranse mediante a presentación dun informe de seguimento integrado polos seguintes documentos:

a) Certificación do representante en Galicia da entidade beneficiaria da subvención acreditativa da execución do programa, de conformidade co previsto e da aplicación dos fondos ao fin destinado.

b) Informe sobre o estado de execución do programa e que deberá estar asinado polo responsable da xestión técnica-económica do programa en Galicia.

c) Certificación dos gastos do programa na anualidade de que se trate, por partidas orzamentarias e no que se indique as distintas fontes de financiamento, asinado polo representante en Galicia da entidade beneficiaria.

d) Relación de todos os gastos efectuados, con indicación da data, número da factura ou do documento xustificativo, identificación do emisor destas e descrición do gasto co seu importe en moeda local e o seu contravalor en euros.

19.3. Co obxecto de acreditar a realización total das actividades así como a finalidade para a que se concedeu a subvención e conforme establece o artigo 50 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a entidade beneficiaria deberá presentar un informe final que constará de dúas partes:

1ª parte: xustificación económica: comprenderá toda a documentación que acredite os gastos efectuados con cargo á subvención concedida. A xustificación farase mediante a forma de conta xustificativa con informe de auditoría. A conta xustificativa virá acompañada ademais dun informe dun auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas dependente do Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas, dunha memoria económica abreviada. A revisión da conta xustificativa polo auditor de contas realizarase de conformidade coas normas de actuación e supervisión que, se é o caso, procedan.

Os auditores exercentes no país onde se levará a cabo a revisión consideraranse como tales, sempre que no dito país exista un réxime de habilitación para o exercicio da profesión e, se é o caso, sexa preceptiva a obriga de someter a auditoría os seus estados contables. De non existir un sistema de habilitación para o exercicio da profesión, a revisión prevista poderá realizarse por un auditor establecido no dito país, sempre que a designación deste a leve a cabo a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, de acordo con criterios técnicos que garantan a axeitada calidade.

A auditoría realizarase de acordo co establecido na Orde EHA/1434/2007, do 17 de maio, pola que se aproba a norma de actuación dos auditores de contas na realización dos traballos de revisión de contas xustificativas de subvencións, no ámbito do sector público estatal, previstos no artigo 74 do Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, aprobado mediante Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

A presentación da auditoría coma forma xustificativa do gasto non exime a entidade beneficiaria da subvención do mantenemento do soporte documental de acordo cos prazos estipulados pola lei. A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou os organismos competentes da Administración da comunidade autónoma poderán recadar a documentación soporte da auditoría, de acordo co establecido nesta orde.

Esta documentación irá acompañada dunha certificación dos gastos polo importe total do programa distribuída por partidas orzamentarias e na que se indiquen as distintas fontes de financiamento, asinada polo representante en Galicia da entidade beneficiaria da subvención.

No suposto de adquisición de bens inmobles, debe achegarse certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial.

No caso de subvencións de capital superiores a 60.000 euros, destinadas a investimentos en activos tanxibles, e conforme o artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a comprobación material substituirase por unha xustificación documental que constate de forma razoable e suficiente a realización da actividade subvencionada.

Ás axencias ou organismos internacionais das Nacións Unidas exixiráselles como xustificación os documentos acreditativos das transferencias realizadas, así como o control contable que lles é específico e sempre conforme o funcionamento establecido polos Estados parte para as distintas axencias das Nacións Unidas.

2ª parte: xustificación técnica, que incluirá:

-Certificación do representante en Galicia da entidade beneficiaria acreditativa da total realización do proxecto e da aplicación dos fondos ao fin destinado.

-Memoria de execución sobre os obxectivos, actividades e resultados acadados polo programa. Deberá estar asinada polo responsable da xestión técnico- económica do programa en Galicia.

-Avaliacións externa final obrigatoria e intermedia de carácter voluntario.

-Declaración responsable complementaria e actualizada doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o programa subvencionado.

Para a presentación da memoria final, deberá utilizarse o modelo facilitado pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia que se poderá descargar da páxina web http://www.cooperaciongalega.org

19.4. A entidade beneficiaria da subvención terá que conservar todos os comprobantes de gasto durante un período de 4 anos, a excepción dos casos suficientemente xustificados e autorizados pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea. Nestes supostos, os xustificantes quedarán á disposición das actuacións e comprobación da devandita Dirección Xeral e dos órganos de control establecidos pola normativa vixente.

Artigo 20º.-Obrigas da entidade beneficiaria da subvención.

20.1. As entidades beneficiarias deberán realizar a intervención para a que se lles concedeu a axuda no período de tempo determinado no documento de formulación, e sempre dentro da anualidade pertinente. Para estes efectos considérase vinculante o orzamento e a documentación presentada no documento de formulación do programa e na solicitude ou, se é o caso, da súa reformulación, de terse esta efectuado.

20.2. As entidades beneficiarias deberán informar de xeito inmediato á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea sobre calquera acontecemento que altere ou dificulte notoriamente o adecuado desenvolvemento do programa subvencionado. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

20.3. As entidades beneficiarias obríganse a facilitar ao órgano xestor toda canta información lles sexa requirida respecto dos programas subvencionados. Ao mesmo tempo, as entidades beneficiarias obríganse a conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

20.4. Así mesmo, as entidades beneficiarias obríganse a incorporar de forma visible en todas as accións derivadas do programa subvencionado (placas, letreiros, carteis, publicacións, material de difusión, publicidade, etc.) os logotipos oficiais da Xunta de Galicia e a Cooperación Galega, todo isto en formato duradeiro e material resistente, para a debida difusión da orixe da subvención.

Cando a organización financiada exhiba o seu propio logotipo, os da Xunta de Galicia e da Cooperación Galega deberán figurar co mesmo tamaño e en iguais condicións de seguridade. Ambos os dous logotipos poderán descargarse da páxina web http://www.cooperaciongalega.org

20.5. As entidades beneficiarias, en relación co seu persoal expatriado cooperante, obríganse a cumprir co establecido no Real decreto 519/2006, do 28 de abril, polo que se establece o Estatuto do cooperante.

Artigo 21º.-Seguimento, avaliación e control dos programas.

21.1. No proceso continuo de homoxeneizar os procedementos, metodoloxía e formularios cos da Cooperación Oficial Española e da Unión Europea, o seguimento e avaliación dos programa rexerase, preferentemente, polos criterios básicos de pertinencia, eficacia, eficiencia, impacto e sustentabilidade, seguindo a metodoloxía do marco lóxico e a xestión do ciclo do proxecto establecidos polo CAD, a AECID e a Unión Europea.

21.2. A xestión dos programas poderá ser examinada durante a súa execución ou unha vez finalizada por representantes da Xunta de Galicia con competencias en materia de cooperación exterior ou por empresas avaliadoras contratadas para o efecto, para o que a entidade beneficiaria e a contraparte local facilitarán o acceso ás contas e documentos xustificativos requiridos, así como a calquera outra documentación relevante na execución do programa.

21.3. A avaliación final do programa analizará, de xeito sistemático e obxectivo, a pertinencia, eficacia, eficiencia, impacto e sustentabilidade deste, adaptándose á súa especificidade desta nos termos de referencia.

A estrutura dos informes de avaliación seguirá tamén a metodoloxía e o formato utilizado pola Cooperación Española e a Unión Europea, recollendo como mínimo:

-Resumo executivo: debe ser formulado de xeito compacto e breve (non máis de 5 páxinas) para ser empregado como un documento separado, centrándose nos puntos analíticos máis importantes e indicando as maiores conclusións, leccións adquiridas e recomendacións específicas.

-Texto principal: comezando por unha descrición do programa avaliado e os obxectivos da avaliación, deberá seguir os cinco criterios de avaliación describindo os feitos e analizándoos segundo cada un.

-Conclusións e recomendacións: en función da análise dos criterios de avaliación, as recomendacións deberán ser realistas, operativas, pragmáticas e orientadas a audiencias de todos os niveis.

-Anexos: termos de referencia da avaliación, nomes dos avaliadores e das súas empresas, metodoloxía para o estudo (fases, métodos de recollida de datos, etc.), marcos lóxicos (orixinal e actualizado), lista de persoas ou organizacións consultadas, literatura e documentación, outros anexos técnicos, etc.

21.4. O control financeiro interno correspóndelle á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

Artigo 22º.-Modificación das condicións.

Precisarase autorización previa e expresa para calquera modificación substancial do programa, entendendo por tal aquela que afecte os seus obxectivos, beneficiarios/as, lugar, prazo de execución ou variación do custo total do programa ou das partidas orzamentarias de máis dun 20% do inicialmente aprobado. As solicitudes de modificacións substanciais do programa deberán estar suficientemente motivadas e ser formuladas por escrito dirixido ao director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea. No prazo máximo dun mes resolverase e notificase a autorización ou denegación da modificación.

Artigo 23º.-Reintegro por incumprimento.

A entidade beneficiaria que incorrese en falsidade ou ocultación de datos ou non acreditase, total ou parcialmente, o bo fin das cantidades percibidas, deberá proceder ao reintegro da súa totalidade en caso de incumprimento pleno ou a parte proporcional en caso dunha parcial falta de xustificación, sen prexuízo da exixencia das responsabilidades administrativas e penais que procedan.

Así mesmo, a entidade beneficiaria deberá reintegrar as subvencións nos demais supostos de reintegro previstos nestas bases reguladoras e demais normativa de subvencións.

Artigo 24º.-Información aos órganos fiscalizadores.

As entidades beneficiarias de subvención estarán obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Xunta de Galicia, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Artigo 25º.-Recursos.

As resolucións expresas ou presuntas recaídas en aplicación do disposto nestas bases reguladoras esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da correspondente notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da correspondente notificación, ou no prazo de seis meses, contados a partir do día seguinte a aquel no que se producise o acto presunto.

Artigo 26º.-Remisión normativa.

Para o non previsto nestas bases será de aplicación a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como os do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Ver referencia pdf "11800D003P006.PDF"