DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Xoves, 18 de xuño de 2009 Páx. 10.493

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 22 de maio de 2009 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación ad Sactum Iacobum Peregrinatio.

Visto o expediente de clasificación da Fundación ad Sactum Iacobum Peregrinatio, con domicilio en Santiago de Compostela.

Supostos de feito:

1. Agustín Dosil Maceira, na súa condición de vicepresidente do padroado da fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela o vinte e oito de xullo de dous mil oito, ante o notario Nelson Rodicio Rodicio, co número de protocolo mil catrocentos cincuenta e dous, polo Arcebispado de Santiago de Compostela, representado polo arcebispo Julián Barrio Barrio. Esta escritura foi emendada por outra do dezaoito de marzo de dous mil nove, outorgada ante o mesmo notario co número de protocolo setecentos oitenta e seis.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto:

Promoción e difusión da peregrinación a Santiago de Compostela.

Atención e acollida aos peregrinos tanto no camiño como na meta.

Construción e xestión de albergues, centros de acollida e de todas aquelas actividades que comporta a peregrinación na actualidade.

Estudo, investigación e publicación en todos os ámbitos que entraña o feito xacobeo.

Conservación e promoción do patrimonio cultural, legado da peregrinación ao longo dos séculos.

Busca e canalización dos recursos necesarios para o desenvolvemento don fins sinalados.

4. O padroado da fundación estará integrado por Marcelino Oreja Aguirre como presidente; Agustín Dosil Maceira como vicepresidente; Elisardo Temperán Villaverde como secretario; Manuel Jesús Formoso Fernández como vicesecretario; José Carlos de Miguel Domínguez como tesoureiro, e por Jenaro Cebrián Franco, José María Pérez Bazús, Manuel Ares Camba, Manuel María Mora Pida da Veiga, Marcelino Agís Villaverde, José María Muñoz de Sol, Eduardo París López Sors y Somoza, José Fernández lago, Ángel Andrés Sicart Giménez, Juan José Cebrián Franco, Fernando López Alsina, José Eduardo López Pereira, Andrés José Precedo Ledo, José Manuel García Iglesias e Segundo Leonardo Pérez López como vogais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación ad Sactum Iacobum Peregrinatio, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpridos os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura e Turismo.

Fundamentos de dereito:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundacións para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día dezaoito de maio de dous mil nove.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril), a Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar de interese cultural a fundación ad Sactum Iacobum Peregrinatio e adscribila á Consellería de Cultura e Turismo, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2009.

Alfonso Rueda Valenzuela

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza